Autor/a

Profesor de Ciencia Política da Universidade Autónoma de Madrid. Membro do Consello Editorial de Altermundo

Consello Editorial

X. M. Beiras
Carlos Taibo
Marga Tojo
Xavier Simón
Lupe Ces

Xabier Macías
Alfredo I. Diéguez
Cândido Gryzbowski
Rebeca Fernández

David Rodríguez

Miguel A. Fernán Vello
Ana Miranda

Xoán Hermida

Manuel Casal
Antom Fente
Imanol Dorca

Xabier Ron
Tone
Roberto Mansilla

Carme Carballo
Raúl Asegurado
Xoán R. Doldán
Manoel Santos

Categorías

“A quebra do capitalismo global” e “O antropoceno”
“A quebra do capitalismo global” e “O antropoceno”

Presentación dos libros “A quebra do capitalismo global” e “O antropoceno”, de Ramón Fernández Durán. Texto da intervención de Carlos Taibo. Madrid, 5 de abril de 2011.

Ramón Fernández Durán ofrécenos nestes dous libros unha espléndida guía para movernos nesa xenuína idade das tebras na que xa entramos. Son catro as apreciacións que se me ocorre realizar sobre eses dous textos.

1. Vaia a primeira delas. Teño a impresión de que nos circuítos nos que me movo –que son, en sustancia, os circuítos nos que se move Ramón– cada vez falamos menos das ameazas que se cernen sobre nós. Cada vez falamos menos do cambio climático, do pico do petróleo, da crise demográfica, da marxinación e explotación de tantas mulleres ou da prosecución do espolio dos recursos humanos e materiais dos países pobres. Iso é así –supoño– porque damos por confirmado o vigor contemporáneo de todas esas ameazas.

E, se non falamos diso, de que falamos? Creo que a pregunta que máis veces oio repetir nos últimos tempos é a relativa a por que a xente apenas está reaccionando ante un escenario tan delicado como o que se nos bota enriba. Non é este o intre nin o lugar para responder en detalle a esa pregunta. Bastará agora con que subliñe que en moitos casos damos por descontado que os nosos concidadáns teñen unha conciencia clara no que fai ao relevo de problemas como os mencionados. Hai quen lembrará, tamén, que en moitos casos o que se aprecia é unha resposta do tipo “déixame tranquilo; xa teño suficientes problemas na miña vida cotiá para preocuparme do que poida acontecer dentro de dez ou de vinte anos”. Non faltan, en fin, quen parecen asumir a conduta dalgúns pasaxeiros do Titanic que, conscientes de que o barco ía a pique, preferiron apurar as últimas copas de champaña e seguiron bailando ao son dun vals.

Parece razoábel asumir, de calquera xeito, que boa parte das percepcións populares en relación con estas cousas beben do que din os medios de incomunicación do sistema. Impórtame, e moito, subliñar que eses medios nos feitos procuraron asumir dous camiños diferentes. O primeiro, e o máis común, consiste sen máis en negar que haxa problemas graves no horizonte –para que falar, dito sexa de paso, do presente. Desde esa percepción discursos como o de Ramón descríbense sen máis como alarmistas e catastrofistas, á vez que se sinala que a historia demostra que a especie humana atopou tecnoloxías que lle permitiron saír da lameira. Non me interesa agora replicar a argumentos tan liviáns como eses: maior urxencia corresponde á tarefa de identificar un segundo discurso que se revela nos medios. Falo daquel que, rechamantemente, empeza a retratar con saña a fondura da catástrofe cun propósito, claro, ben perfilado: o de subliñar que o único xeito de facer fronte a aquela pasa pola instauración –a isto imos– dunha sorte de estado de excepción permanente. A catástrofe serve daquela de alicerce fundamental para imprimir unha nova volta de porca a tramadas estratexias de dominación e explotación.

Non podo senón constatar que o que acabo de dicir colócanos ante unha tarefa difícil: se, por unha banda, de ningún xeito podemos renunciar á obriga imperiosa de explicar o que se nos vén enriba, pola outra non podemos darlle ás aos esforzos que o sistema que padecemos está a realizar para sacar adiante un ambiciosísimo programa de darwinismo social militarizado.

2. Neses mesmos circuítos dos que antes falei maniféstanse, ao meu entender, dúas posicións distintas no que se refire ao que podemos e debemos facer. A primeira, cruamente realista, sinala que non nos queda máis remedio que agardar que o colapso do sistema abra os ollos de moita xente. Aínda que de ningún xeito faltan os motivos para asumir esa posición, hai que partir da certeza de que o colapso é, por si só, unha fonte inxente de problemas que a duras penas poderiamos liquidar.

A segunda das propostas, que é a miña, carrexa unha demanda expresa de saír xa do capitalismo. Admito de bo grado que, tendo en conta da precariedade de apoios da que goza esta opción, moito ten de voluntarista. O único sólido que se me ocorre dicir no seu proveito é que, de non traballar para que este camiño se faga realidade, as cousas serán innegabelmente peores. Agregarei, iso si, que de xeito case espontáneo son moitas as persoas que empezaron a buscar camiños que implican deixar atrás o capitalismo. Eses camiños pasan sempre pola xeración de espazos de autonomía nos que se fagan valer regras do xogo diferentes das que impón o sistema que padecemos, pola autoxestión e por un franco receo no que se refire ás presuntas virtudes do crecemento e do consumo. Dá no cravo ao respecto diso o proverbio que Ramón cita nun dos dous libros que hoxe presentamos. Reza así: "O primeiro que hai que facer para saír do pozo é deixar de cavar".

Sexa como for, este é o intre de ratificar o bo sentido dunha idea que Ramón manexa desde tempo atrás: se a crise ecolóxica foi durante moito tempo o irmán menor de tantos movementos de emancipación, hoxe, e en virtude dun notábel paradoxo, está na orixe de moitos dos máis críticos discursos de contestación do capitalismo.

3. Se alguén me preguntase por un par de ideas que están presentes nestes libros de Ramón e que, ao meu entender, iluminan de xeito singular o noso coñecemento do que vai acontecer nos dous decenios vindeiros, non tería maiores dúbidas.

A primeira é a afortunadísima suxestión de que non podemos esquecer de ningún xeito que os nosos discursos son percibidos de xeito a miúdo diferente segundo as xeracións. Para entender o que significan, sen ir máis lonxe, conceptos como os de “sobriedade” ou “sinxeleza voluntaria” non é o mesmo nacer en 1930 que telo feito en 1970 ou ter hoxe dez anos, da mesma sorte que non é o mesmo ser muller ou ser home. Hai que desterrar, noutras palabras, a intuición de que cando alguén se dirixe a un público, a mensaxe transmitida é percibida en termos razoabelmente similares por todos os integrantes dese público. A certificación de que iso non é así obríganos a traballar sobre a perentoria necesidade de repensar formas de transmisión e comunicación que con frecuencia son moi problemáticas.

A segunda desas dúbidas remite a algo que Ramón repetiu incansábel desde bastante tempo atrás. En virtude, unha vez máis, dun excelso paradoxo, moitos dos desherdados do planeta –habitantes case sempre dos países do Sur– atópanse en mellor posición que nós para facer fronte ao declive que se aveciña. Viven en comunidades pouco complexas, manteñen unha activa vida social, preservaron unha relación equilibrada co medio natural e, máis aló de todo o anterior, son moito menos dependentes que nós. Prefiro deixar falar, neste caso, a Ramón: “A situación será particularmente delicada nos espazos altamente modernizados –“sobredesenvolvidos”–, pois eles serán os máis afectados polo progresivo colapso da civilización industrial, sobre todo os territorios altamente urbanizados e industrializados, onde se consomen máis das tres cuartas partes da enerxía mundial, principalmente nos espazos centrais, pero tamén nas áreas máis dinámicas dos grandes actores emerxentes. Mentres que os espazos menos modernizados –“subdesenvolvidos”–, máis rurais, menos industrializados, menos tecnoloxizados, menos consumidores de recursos e en definitiva máis autónomos, atoparanse en moita mellor posición de cara ao longo declive. Estamos a falar nin máis nin menos que duns dous mil millóns de persoas nos mundos campesiños e duns catrocentos millóns nos indíxenas, que ademais axudan a “arrefriar o planeta” e utilizan en xeral a biomasa como fonte enerxética. Doutra banda, estes mundos deixarán de ter a enorme presión que sobre eles exercen os mundos modernizados na súa expansión até agora irrefreábel –e probablemente até entón–, que non é só física e institucional senón tamén cultural".

4. Nos últimos tempos non damos a basto. Cando empezabamos a dominar –ou iso criamos– as claves das crises que nos atenazan, chegounos a revolta árabe, que expón problemas de interpretación moi agudos. E cando apenas saïamos da sorpresa desa revolta fíxose valer o efecto inxente das secuelas do tsunami xaponés.

Neste vórtice de feitos relevantes que se suceden non hai por que descartar a posibilidade de que nos empecen a chegar –a revolta árabe algo ten de premonición respecto diso– noticias saudábeis. Hai uns días un dos rapaces que fai Diagonal formulaba unha idea que bebe do anterior: cando se produza a nosa revolta –cal será, por certo, a praza Tahrir madrileña?– alguén lembrará que boa parte das claves de comprensión respecto diso estarán, nas hemerotecas, nos números dunha meritoria publicación quincenal. Eu, pola miña banda, limitareime a rescatar o contido dun artigo que lin anos atrás –esquecín, en verdade, o nome do autor e o lugar no que foi publicado– e que se asenta na mesma percepción. O texto en cuestión empezaba enunciando unha obviedade: os prognósticos que Marx e Engels formularon, na segunda metade do século XIX, no que se refire á presunta conduta do proletariado da Europa occidental demostraron ser equivocados. Permitídeme respecto diso unha ironía: o proletariado entrou nun supermercado para comprar unha barra de pan e decidiu quedar dentro do supermercado. Non vaia ser, con todo –proseguía o autor–, que un século e medio despois, cando o proletariado como clase vai desaparecendo na maior parte do planeta, mentres se acumula cunha forza xigantesca nas grandes cidades da costa chinesa do Pacífico, en condicións que lembran poderosamente ás da Europa da segunda metade do XIX –a plusvalía absoluta, a explotación máis extrema, a ausencia máis dramática de dereitos sindicais e laborais–, o proletariado chinés acabe por facer o que Marx e Engels intuíron que ían facer, un século e medio atrás, os proletariados alemán, francés e inglés.

Non se me mal interprete: non estou afirmando de xeito taxativo que vai ocorrer o que anuncia o autor do texto que acabo de glosar. Limitareime a certificar que unha opinión desa natureza publicada hai un decenio suscita as máis das veces un sorriso conmiserativo. Hoxe, pola contra, non vemos na obriga de escoitar o que se nos conta e, na zozobra na que estamos instalados, de ningún xeito atrevémonos a descartar horizontes como o retratado…

Remátoo, e fágoo co que, con moito, é hoxe o máis importante. O ano pasado publiquei en Galicia un libro de ensaios sobre a vida, sobre as vidas, de Fernando Pessoa, o poeta portugués. No prólogo desa obra fágome eco dunha discusión que fixo correr moita tinta: a relativa a por que a vida e a obra de Fernando Pessoa producen tanta fascinación entre nós. Logo de examinar diferentes argumentos vertidos ao respecto diso, acóllome a dúas ideas manexadas por Robert Bréchon, o biógrafo francés do poeta. Bréchon conta que hai moitos anos acudiu a un congreso de estudos pessoanos que se celebraba na universidade de Nashville, en Estados Unidos. No seu transcurso escoitou, nun inglés que lle custaba traballo seguir, unha intervención dun profesor negro norteamericano que dixo sucintamente o que segue: “Aquí estamos nós, logo de atravesar océanos e continentes, unidos polo noso vínculo cun home que nunca saíu da súa terra, e que perdeu a súa vida para que a nosa fose máis fermosa. As palabras que intercambiamos carecen de importancia; son un ritual para instituir entre nós a súa presenza. Facemos isto na súa memoria”. Aínda sen descartar que Ramón permita que a nosa vida fose máis fermosa, parece fóra de dúbida que a fixo máis consciente, máis díscola e máis solidaria. Non é pouco. Bréchon bota man, en fin, dun brevísimo treito dun texto no que o novelista Henry James evoca ao poeta Aspern. En inglés di, escuetamente, así: “He is a part of the light by which we walk”. “É parte da luz pola que nós nos movemos”. Esa luz –podo garantirllo a Ramón– non se apagará nunca nesta idade das tebras na que penetramos.
 

Share