Entendemos por economía social o conxunto de actividades de organizacións de produtores, consumidores, aforristas, traballadores… que operan rexidos polos principios de participación democrática, autonomía de xestión e primacía do ser humano sobre o capital. E cómpre diferenciala da economía estatal do sector público e da economía privada de natureza capitalista onde se encadraría a economía de mercado.
A economía social fai referencia a múltiples aspeitos, ao interese coletivo tanto social como dos seus asociados/as, ás organizacións cooperativas, fundacións ou asociacións sen ánimo de lucro, ao terceiro sector do voluntariado, etc. Ten un encadre difuso dentro da lóxica da propiedade xa que esta é tamén participativa e comunitaria. Poderiamos vencellar a propiedade e o obxectivo de forma clásica neste cadro:
Pero en moitos casos as administracións sociais son parte de cooperativas de obxecto social e de carácter privado, e tamén sendo sen fin de lucro teñen unha vocación comercial de proposta doutro tipo de economía creando dinámicas comerciais. Eis por isto que a economía social deslíndase deste marco conceptual clásico.
Nos antecedentes terminolóxicos pode chamar a atención que o primeiro en usar o termo de economía social foi Ludwing Erhard, que despois sería chanceler Federal (1963-66). O 20 de xuño de 1948 os aliados da administración de finanzas de zonas británicas e estadounidenses encargáronlle en segredo unha reforma radical monetaria: nun día anulou o Reichsmark e instaurou o Deutchemark (DM). Cada alemán recibiu 60DM dúas veces e cada empresa 60DM. Así anulou a antiga moeda nun 90%, facendo desaparecer o mercado negro e o réxime de troco.
O señor Ludwing Erhard afirma que o mercado en si era social, e usar a terminoloxía de economía social de mercado era unha redundancia. Lembremos que a economía social de mercado é un modelo de economía e de sociedade coa meta de criar unhas relacións en base á competencia, que combina a iniciativa libre cun progreso social asegurado pola potencia económica. Unha saída cara ao infinito de crecemento e competitividade sen atender á desigualdade nin ás agresións aos límites do planeta. Como dixemos no primeiro parágrafo, hoxe entendemos a economía social doutro xeito.
A economía social preséntase hogano como unha realidade potente neste contexto de crise capitalista. Cuestiona á lóxica hexemónica ao non vencellar o desenvolvemento co crecemento, ao falar de que a economía ten que estar ao servizo das persoas –no senso máis amplo, comunitario e biolóxico– e aposta por un xuízo ético de todas as decisións económicas, que ao cabo son vontades persoais.
Falar pois en abstracto dos “mercados”, da necesidade de “calmar aos mercados” fica evidenciado neste contexto, os mercados son vontades persoais –físicas ou xurídicas– e deben estar suxeitos a tres cuestións: o coñecemento dos intereses últimos por parte da cidadanía no seu conxunto, a un xuízo poliético que teña consecuencias e, en última instancia, deben estar ao servizo do ben común e non o ben común ao servizo destes –como acontece coa última reforma laboral sen ir máis lonxe, ou nos orzamentos xerais do Estado.
As experiencias na Galiza
Neste contexto, ten sentido facer unha pequena presentación das realidades da economía social que se están a dar na Galiza. Vou presentar os cinco eixos básicos nos que se desenvolven moitas e moi variadas experiencias de empresas, asociacións, cooperativas… no noso territorio, consciente de que poderíamos incluír máis.
Agroecoloxía. O enfoque da agricultura convencional busca incrementar a produción de colleitas agrícolas sen considerar as consecuencias posteriores sobre o ambiente no que se practica. Así acontece coa labranza intensiva do chan, a práctica do monocultivo, o uso indiscriminado de fertilizantes sintéticos, o control químico das pragas, o uso intensivo de auga de pozos profundos e a manipulación xenética. A agroecoloxía fai referencia á soberanía alimentar, á produción e consumo locais, á loita contra os transxénicos, á posta en valor do mundo labrego, ao respeito ao ambiente e a conservación do territorio, ao coidado dos transportes –xeitos de comercialización–, etc…
Cooperativas de produtores, consumidores e comercio xusto. Moitas cooperativas de produtores están inseridas no mundo da agroecoloxía, mais non só, hai cooperativas de servizos –educación, coidados…– e de bens. Mais inxeridas na lóxica da economía social e non capitalista, por iso vencello estes tres conceitos nun mesmo epígrafe; xunto coas cooperativas de consumidores destinadas a abastecer as necesidades dos seus socios e socias potenciando un consumo consciente, as cooperativas –ou asociacións– de comercio xusto, que atenden fundamentalmente ás inxustizas creadas no intercambio de bens entre o norte e o sur.
Banca Ética. Son aqueles proxectos de intermediación financieira que ofertan os servizos bancarios habituais a persoas e organizacións que queren atender ás consecuencias sociais da actividade de crédito que se desenvolve cos seus cartos, e que reclaman que a dita actividade se oriente exclusivamente a aqueles proxectos que contribúan á rexeneración das nosas sociedades. Os proxectos de banca ética son propostas de reocupación da esfera pública por parte de persoas e organizacións que reclaman o seu dereito –e recoñecen o seu deber–) de artellar sistemas de intermediación de acordo cunha lóxica alternativa á propia do neoliberalismo. Tamén é certo que dentro da Banca Ética existen realidades que non son constitutivas dunha resposta integral ás necesidades da cidadanía, senón que atenden a realidades máis concretas, como as asociacións de aforro de proximidade e concesión de microcréditos –nível micro da banca ética–, e as redes entre cooperativas que atenden ás necesidades de financiación das súas socias –nível meso de banca ética.
Empresas de inserción. Son empresas que realizan actividades económicas de produción de bens e servizos, mais que o seu obxecto social ten como fin a integración e formación sociolaboral de persoas en situación de exclusión social. De tal xeito, aténdese ás circunstancias orixinarias da realidade social –de inxustiza– e poténciase o valor das condicións materiais da existencia da cidadanía sexa cal sexa a súa condición. Atendendo a procesos personalizados e asistidos de traballo remunerado, formación no posto de traballo, habituación laboral e social, etc.
Redes de troco, moedas complementarias e bancos de tempo. Son experiencias reais que se están a dar nas nosas sociedades, que asocian os principios da economía social para abastecer as necesidades materiais, que afondan na concienciación do uso e do consumo dos bens, que permiten intercambio de saberes e servizos e que artellan mecanismos de sociabilización dunha conciencia crítica e solidaria.







Xavier Simón



















