Marga Tojo-. Entre 1997 e 2005 máis de 200.000 labregos e labregas suicidáronse só na India, onde o 80% da terra está en mans de grandes terratenentes. [Altermundo en Xenebra. Galería de fotos]
"Na india hai 700 millóns de persoas involucradas na agricultura e, entre 1997 e 2005, máis de 200.000 labregos suicidáronse por non poderen alimentar as súas familias. As políticas da Organización Mundial de Comercio (OMC), que fomentan a agroindustria, provocaron que só o 20% da terra estea hoxe en mans de pequenos labregos; o resto pertence a corporacións que esnaquizan o ambiente con transxénicos e agrocombustíbeis. Hai unha conspiración contra os labregos do mundo, a OMC estanos a exterminar". Son palabras de Yudvir Singh, indio da Vía Capesiña, pronunciadas onte en Xenebra onde, desde hoxe e até o dous de decembro, se vai desenvolver a Sétima Conferencia Ministerial da OMC. Recolleunas a xeito de crónica Manoel Santos, o director de Altermundo, que participa desde o sábado nas concentracións. O medio alternativo -que o último domingo de cada mes edita o seu suplemento en GALICIA HOXE- ten en Xenebra cinco activistas Imanol Dorca, Eduardo Brion, Manoel Santos, Miguel "O Suiso" e Ana Brion -estes dous últimos xa viven na cidade suíza-. "A OMC mata campesiños. A xente ten que saber", di Manoel Santos, quen apoia a súa presenza coa evidencia de que a prensa "non di absolutamente nada do que está a acontecer fóra dos circuítos oficialistas das noticias". "Maná comezan as comisións da OMC e unha carpa instalada polos movementos sociais diante da sede tratará de explicarlle a xente o que acontece. Cada mediodía haberá asemblea e manifestación e os delegados do sur recibirán apoio dos técnicos dos movementos sociais, pois os países pequenos non poden seguir unhas complexas comversas que van afectar moito as súas vidas", continúa Santos.
"Na resaca da batalla de Xenebra a prensa local está indignada. Olivier Jornot, do Consello de Estado, dixo: "Os manifestantes teñen boa fe, non se lles pode reprochar nada. Aos organizadores da manifestación si. Eles non se fan responsábeis da seguridade do que organizan e consideran que é a policía a que ten que se ocupar da seguridade. Invítoos a que fagan autocrítica".
En declaracións á prensa local, Alexandre, un mozo suízo de 23 anos, facía esta lectura: "Arruinaron a marcha, pero a policía deulles carta branca. Os xornais teñen que dicir que o 95 por cento de persoas aquí somos pacíficas". E Francine, outra manifestante, comentaba: "Eu estou contra a violencia, pero comprendo a cólera dalgúns mozos que se senten vítimas dunha crise económica que non xeraron, que non teñen oportunidades de traballo e que se senten impotentes ante esta realidade".
Relata Santos que a cidade quedou esnaquizada por 200 black bloc, chegados fundamentalmente da Suíza alemá, e houbo máis de 30 detidos. As 5.000 persoas tiveron que renunciar a chegar ata a sede da OMC. Onte os movementos reorganizáronse con charlas e obradoiros ao longo do día. Desde a maná, houbo unha asemblea de 10 a 14 horas onde falaron de estratexias fronte á OMC, da crise económica, da ambiental e mais da da agricultura. Ademais disto, Benny Kuruvilla, tamén indio de Focus on the Global South, afirmaba ao respecto do cambio climático: "A xente non entende que na xuntanza de Copenhaguen non vai haber éxito mentres a OMC defina o mercado mundial. Os labregos do sur xa estamos a ver os efectos do cambio climático, con secas, grandes proxectos hidoeléctricos en bosques virxes que desprazan poboación coa escusa de non emitir CO2 ou co apoio á enerxía nuclear".
DENUNCIA
Activistas norcoreanos retidos
Yoon Geum Sum, delegada da Asociación Coreana de Mulleres Campesiñas, asegura na prensa local que os seus compatriotas detidos o venres -tres membros dunha ONG coreana que chegaron a Xenebra en avión- foron sometidos a unha revisión vexatoria e que "isto demostra como será o mundo se todas estas negociacións da Rolda de Doha conclúen algún día".
O representante do Foro Social Lemánico suízo, Olivier de Marcellus, condenou a detención dos tres activistas de Corea do Sur e dixo que a súa organización contactou co Ministerio de Xustiza para entender as razóns do seu arresto, pero ninguén ofreceu explicacións. "O obxectivo disto claramente é impedir a participación dos activistas coreanos na manifestación de do sábado", indicou.
Publicado en Galicia Hoxe







Xavier Simón


















