Categorías

A propósito de Henry
A propósito de Henry

 Vicent Boix-. Do "republicanismo bananeiro" á crise alimentar. …é moi certo que se Henry puidese resucitar e sentar no seu escritorio á luz dunha candea, podería crear novas repúblicas para os seus contos: "As repúblicas soieiras", "As repúblicas independentes dos agrocombustíbeis", "as repúblicas da palma"…

En 1904, o escritor e humorista estadounidense O. Henry, publicaba a súa obra Cabbages and Kings, na que acuñaba por primeira vez o termo "república bananeira" (Banana Republic). Fíxoo para referirse a Honduras, xa que naquela época falar de república era como dicir ditadura. Basearíase Henry na figura e obra do magnate bananeiro Sam Zemurray, que por eses anos desembarcaba nese país para sementar os bananos que darían vida á Cuyamel Fruit Company?

Anos antes da inspiración divina de Henry, xa naceran a United Fruit Company e tamén Castle & Cook. Logo viría a Dole, a Standard e outras. Entre todas transformaron países enteiros en latifundios onde sementaban bananas e outras froitas exóticas demandadas polo público norteamericano. Arrasouse coa terra, coas formas de vida, coas persoas e configuráronse os países en nome da agroexportación e dese progreso insípido, inodoro e incoloro. Estradas, portos, camiños, leis, moedas, comercios, subvencións, encoros, monicreques, ferrocarril, e represión, guerras e golpes de estado cando fixeron falta. Toda a idiosincrasia dos pobos prostituída en nome do banano globalizador.

Foi precisamente nesas leiras onde se utilizaría nos anos 70 o dibromo cloropropano (DBCP). Un produto químico perigoso que deixou a milleiros de persoas enfermas e contaminou por anos o medio ambiente. A súa triste historia foi solicitada por quen escribe estas palabras, no libro "O parque das hamacas". O ensaio empeza co prólogo do embaixador nicaraguano en España, Augusto Zamora, que reflicte a crueza na época de máximo esplendor do "republicanismo bananeiro". Finaliza cun epílogo composto por unha nova datada en novembro de 2007, que anuncia a primeira vitoria xudicial en Estados Unidos para nicaraguanos afectados. No medio os detalles, vicisitudes, ledicias e tristuras dun produto e dunha época. Pero é sumamente curioso que, xusto un século despois de que Henry acuñase o inmortal termo, afectados polo DBCP introducisen unha demanda en Estados Unidos que gañarían tres anos despois. A diferenza entre o prólogo e o epílogo é evidente. Cada un representa unha época e algo está cambiando, non cren?

Vistos os acontecementos dos últimos anos, si, posiblemente algo estea cambiando. Estas empresas perderon poder efectivo sobre os países e á vez estes, aos poucos, renunciaron ser o patio traseiro de ninguén. Aínda así, tamén é moi certo que se Henry puidese resucitar e sentar no seu escritorio á luz dunha candea, podería crear novas repúblicas para os seus contos: "As repúblicas soieiras", "As repúblicas independentes dos agrocombustíbeis", "as repúblicas da palma", "as repúblicas eucalípticas", "as repúblicas algodoeiras" e até "a federación internacional de repúblicas modificadas xeneticamente". Tería que limar a influencia das agroexportadoras, outorgándoa a terratenentes sen fronteiras. Tamén a monarcas e aristócratas charramangueiros. Debería incorporar nas súas historietas á OMC, ao FMI, mesturar bananos con tratados de libre comercio, axustamentos e reaxustamentos. Substituir ditaduras militares por democracias virtuais. En poucas palabras, corresponderíalle actualizarse.

Con todo, no que non debería facer esforzo algún (porque apenas cambiou nun século), é en comprender o papel da terra, do explotador e do humano do campo. Aínda así, Henry dificilmente podería imaxinar o actual exterminio planetario do agricultor tradicional. Menos un modelo que fose globalmente máis cruel e devastador que o seu "republicanismo bananeiro", que permite especular con alimentos e que provocou 100 millóns máis de famentos. Non podería comprender a velocidade coa que avanza a fronteira agrícola, nin a impunidade reinante, nin a anuencia da clase política. Case que preferiría non haberse erguido da súa doce morada, aí dentro, á quentura.

Supl. Ecolóxica – La Jornada (México). Por Vicent Boix, escritor autor de "O parque das hamacas"

Share