Autor/a

Esther Vivas é ativista política e social dos movimentos a favor da soberania alimentar e consumo crítico. Participou dos movimentos altermundialistas, em várias edições do Fórum Social Mundial e nas campanhas contra as mudanças climáticas. É integrante da Izquierda Anticapitalista.

Categorías

A rebelión d@s indignad@s. Notas desde a Praza Tahrir de Barcelona
A rebelión d@s indignad@s. Notas desde a Praza Tahrir de Barcelona

Xa non hai dúbidas. O vento que electrizou o mundo árabe nos últimos meses, o espírito das protestas reiteradas en Grecia, das loitas estudantís en Gran Bretaña e Italia, das mobilizacións anti-Sarkozy en Francia… chegou ao Estado español.

Non son estes, pois, días de business as usual. As confortábeis rutinas mercantís da nosa "democracia de mercado" e os seus rituais electorais e mediáticos víronse abruptamente alteradas pola irrupción imprevista na rúa e no espazo público da mobilización cidadá. Esta "rebelión d@s indignad@s" inqueda ás elites políticas, sempre incómodas cando a poboación toma en serio a democracia… e decide empezar a practicala pola súa conta.

Hai dous anos e medio, cando a crise que estoupou en setembro de 2008 rebelouse de proporcións históricas, os "amos do mundo" viviron un breve intre de pánico alarmados pola magnitude dunha crise que non previran, pola súa falta de instrumentos teóricos para comprendela e polo temor a unha forte reacción social. Chegaron daquela as baleiras proclamas de "refundación do capitalismo" e os falsos mea culpas que foron evaporándose aos poucos, unha vez apontoado o sistema financeiro e ante a ausencia dun estoupido social.

A reacción social tardou en chegar. Desde o estoupido da crise, as resistencias sociais foron febles. Houbo un sesgo moi grande entre o descrédito do actual modelo económico e a súa tradución en acción colectiva. Varios factores o explican, en particular, o medo, a resignación fronte á situación actual, o escepticismo respecto dos sindicatos, a ausencia de referentes políticos e sociais, e a penetración entre os asalariados dos valores individualistas e consumistas.

O estoupido actual non parte, con todo, de cero. Anos de traballo a pequena escala das redes e movementos alternativos, de iniciativas e resistencias de impacto máis limitado mantiveron a lapa da contestación neste período difícil. O 29S abriu tamén unha primeira fenda, aínda que a desmobilización posterior das direccións de CCOO e UXT e aimpresentábel sinatura do pacto social pechou a vía da mobilización sindical e afondou, aínda máis se cadra, o descrédito e desprestixio dos sindicatos maioritarios entre a mocidade combativa e quen agora protagonizan as acampadas.

Indignados e indignadas!

A "indignación", tan de moda a través do panfleto de Hessel é unha das ideas-forza que definen as protestas en marcha. Reaparece así, baixo outra forma, o "Xa Abonda!" que entoaron os zapatistas no seu alzamento do 1 de xaneiro de 1994, entón a primeira revolta contra a "nova orde mundial" proclamada por George Bush pai tras a primeira guerra do Golfo, a desintegración da URSS e a caída do muro de Berlín.

"A indignación é un comezo. Un indígnase, érguese e despois xa ve", sinalaba Daniel Bensaïd. Aos poucos, con todo, foise pasando do malestar á indignación e desta á mobilización. Estamos ante unha verdadeira "indignación mobilizada". Do terremoto da crise, empeza a xurdir o tsunami da mobilización social.

Para loitar non só se require malestar e indignación, tamén hai que crer na utilidade da acción colectiva, en que é posíbel vencer e en que non todo está perdido antes de comezar. Durante anos os no Estado español coñecemos esencialmente derrotas. A falta de vitorias que mostren a utilidade da mobilización social e fagan aumentar as expectativas do posíbel pesou como unha laxa na lenta reacción inicial ante a crise.

Precisamente aí entra a gran contribución das revolucións no mundo árabe ás protestas en curso. Mostran que a acción colectiva é útil, que "si se pode". Por iso é polo que estas, igual que a menos mediática vitoria contra os banqueiros e a clase política en Islandia, sexan un referente desde o comezo para as e os manifestantes e activistas.

Xunto co convencemento de que "é posíbel", de que se poden mudar as cousas, a perda do medo, nun momento de crise e dificultades, é outro factor crave. "Sen medo" é precisamente un dos lemas que máis se sentiron estes días. O medo atenaza aínda unha gran maioría dos traballadores e os sectores populares e este dá ás á pasividade ou ás reaccións xenófobas e insolidarias. Pero a mobilización do e as acampadas expanden como unha mancha de aceite un poderoso antídoto para o medo que ameaza con desmontar os esquemas a unha elite dirixente á fronte dun sistema cada vez máis deslexitimado.

O movemento do 15M e as acampadas teñen un importante compoñente xeracional. Como cada vez que estoupa un novo ciclo de loitas, emerxe con forza unha nova xeración militante, e a "mocidade" como tal adquire visibilidade e protagonismo. Aínda que esta compoñente xeracional e xuvenil é fundamental, e exprésase ademais nalgúns dos movementos organizados que tiveron visibilidade estes días como "Mocidade Sen Futuro", hai que remarcar que a protesta en curso non é un movemento xeracional. É un movemento de crítica ao actual modelo económico e aos intentos que a crise a paguen os traballadores cun peso fundamental da mocidade. Precisamente o reto é que, como en tantas ocasións, a protesta xuvenil actúe como factor desencadenamento e catalizador dun ciclo de loitas sociais máis amplo.

O espírito antiglobalización de volta

O dinamismo, a espontaneidade e o empuxe das protestas actuais son as máis fortes desde a urxencia do movemento antiglobalización desde hai máis dunha década. Irrompido internacionalmente en novembro de 1999 nas protestas de Seattle durante o cume da OMC -aínda que os seus antecedentes remóntanse ao alzamento zapatista en Chiapas en 1994-, a onda antiglobalizadora chegou axiña ao Estado español. A consulta pola abolición da débeda externa en marzo de 2000 -celebrada o mesmo día das eleccións xerais e cuxa realización foi prohibida en varias cidades do Estado pola Xunta Electoral- e a forte mobilización para participar no contracumbre de Praga en setembro do 2000 en contra do BM e o FMI foron os primeiros signos de arranque, en particular en Catalunya. Pero a súa masificación e ampliación chegarían coas mobilizacións contra o cume do Banco Mundial en Barcelona nos días 22 e 24 de xuño de 2001, cuxo décimo aniversario está a piques de se cumprir. Xusto dez anos despois asistimos ao nacemento dun movemento cuxa enerxía, entusiasmo e forza colectiva non víramos desde entón. Non será este, pois, un décimo aniversario nostálxico. Todo o contrario. Imos celebralo co nacemento dun novo movemento.

As asembleas estes días en Praza Catalunya -e, sen dúbida, en todas as acampadas que percorren o Estado empezando pola de Sol en Madrid- déronnos momentos impagábeis, daqueles que suceden cada moito tempo e que marcan un antes e un despois nas traxectorias biográficas de quen participan nos mesmos e na dinámica das loitas sociais. O 15M e as acampadas son auténticas "loitas fundacionais" e síntomas claros que asistimos a un cambio de ciclo e que o vento da rebelión sopra de novo. Ao fin. Unha verdadeira "xeración Tahrir" emerxe, como antes o fixo unha "xeración Seattle" ou unha "xeración Xénova".

A medida que o impulso "antiglobalizador" foi percorrendo o planeta, seguindo aos cumes oficiais en Wáshington, Praga, Québec, Goteborg, Xénova ou Barcelona, milleiros de persoas sentíronse identificadas con estas protestas e unha gran diversidade de colectivos de todo o planeta tiveron a sensación de formar parte dun mesmo movemento, do mesmo "pobo", o "pobo de Seattle" ou de "Xénova", de compartir uns obxectivos comúns e sentirse partícipes dunha mesma loita.

O movemento actual inspírase tamén nos referentes internacionais máis recentes e importantes de loitas e de vitorias. Procura situarse no ronsel de movementos tan dispares como as revolucións en Exipto e ou a vitoria en Islandia, situando a súa mobilización nun combate xeral contra o capitalismo global e a elite política servil. Dentro do propio Estado español, as manifestacións do 15M e agora as acampadas, nun exemplo simultáneo de descentralización e de coordinación, debuxan unha identidade compartida e unha comunidade simbólica de pertenza.

O movemento antiglobalización tivo na súa fase de ascenso no punto de mira ás institucións internacionais, OMC, BM e FMI e as firmas multinacionais. Despois, co inicio da "guerra gobal contra o terrorismo" proclamada por Bush fillo, a crítica á guerra e á dominación imperialista adquiriron centralidade. O movemento actual coloca no eixo da crítica a unha clase política, cuxa complicidade e servidume ante os poderes económicos quedou máis exposta que nunca. "Non somos mercadorías en mans de políticos e banqueiros" rezaba un dos lemas principais do 15M. Enlázase así a crítica frontal á clase política e á política profesional e a crítica, non sempre ben articulada e coherente, ao actual modelo económico e aos poderes financeiros. "Capitalismo… Game over".

Cara ao futuro

O futuro do movemento iniciado o 15M é imprevisíbel. A curto prazo o primeiro reto é seguir ampliando as acampadas en curso, polas en marcha nas cidades onde aínda non hai e conseguir que, polo menos, continúenaté  o domingo 22. A ninguén se lle escapa que as xornadas do 21, día de reflexión, e do día 22, día das eleccións, van ser decisivas. Nestes dous días a masificación das acampadas é fundamental.

É necesario tamén expor novas datas de mobilización, no ronsel do 15M, para seguir mantendo o pulso. O reto principal é manter esta dinámica simultánea de expansión e radicalización da protesta que vivimos os últimos días. E, no caso específico de Catalunya, buscar sinerxías entre a radicalidade e as ansias de mudanza de sistema expresadas o 15M e nas acampadas, coas loitas contra os recortes sociais, en particular en sanidade e educación. A acampada de Praza Catalunya converteuse xa nun punto de encontro, un poderoso imán, de moitos dos sectores en loita máis dinámicas. Trátase de convertela nun punto de encontro das resistencias , que permita tender pontes, facilitar diálogos, e propulsar con forza as mobilizacións futuras. Establecer alianzas entre as protestas en curso, entre os activistas non organizados, e o sindicalismo alternativo, o movemento veciñal, os colectivos de barrio.. é o gran desafío dos vindeiros días.

"A revolución comeza aquí…" coreabámos onte en Praza Catalunya. Ben, polo menos o que comeza é un novo ciclo de loitas. Do que non hai dúbidas xa é que, máis dunha década despois do ascenso do movemento antiglobalización e dous anos despois do estoupido da crise, a protesta social volveu para quedar.

Share

1 Comentario