Autor/a

Consultor de Internet e ciberactivista social, político e cultural. Fundador da asociación Véspera de Nada para unha Galiza sen Petróleo. Membro do Consello Editorial de Altermundo.

banner_consello_peq

Consello Editorial

X. M. Beiras
Marga Tojo
Xavier Simón
Lupe Ces

Xabier Macías
Alfredo I. Diéguez
Cândido Gryzbowski
Rebeca Fernández

David Rodríguez

Miguel A. Fernán Vello
Ana Miranda

Xoán Hermida

Manuel Casal
Antom Fente
Imanol Dorca

Xabier Ron
Tone
Roberto Mansilla

Carme Carballo
Raúl Asegurado
Xoán R. Doldán
Manoel Santos

Categorías

Antonio Turiel: “Imos ter que decrecer por forza. Esta crise non rematará nunca”
Antonio Turiel: “Imos ter que decrecer por forza. Esta crise non rematará nunca”

Esta entrevista, realizada por Manuel Casal Lodeiro, membro do Consello Editorial de Altermundo, é unha versión estendida, moito máis ampla, da publicada no suplemento Altermundo publicado en novembro de 2012 na revista Tempos Novos. A versión curta, pódese baixar en pdf aquí.

Antonio Turiel converteuse nun dos referentes na divulgación social dunha das ameazas máis serias que afronta a especie humana: o ou cénit da extracción mundial de petróleo. Editor dun dos principais sitios de Internet acerca desta cuestión en idioma español (http://crashoil.blogspot.com/) é membro do Oil Crash Observatory e activo conferenciante. Quixemos falar con Turiel para trasmitir ao público de Galiza (onde ten orixes familiares) as claves desta cuestión tan grave como descoñecida.

En Galiza levamos xa un tempo dando a voz de alarma sobre o Teito do petróleo, coa axuda duns poucos medios como Altermundo, así que a estas alturas xa hai un pequeno sector da poboación que sabe que hai un problema co petróleo, que os prezos non van volver baixar e que se esperan graves problemas de desabastecemento. Se cadra o que falta é atar cabos e comprender as consecuencias profundas disto para a economía e, de rebote, para toda a sociedade. Ti resúmelo no título dunha entrada do teu blog que xa se fixo famoso: "Esta crise non acabará nunca", o cal bate frontalmente co mantra político do momento: "Saír da crise". Podes explicar por que non hai saída?

O noso sistema económico baséase no crecemento, o cal é, en realidade, unha necesidade do sistema financeiro. Estase a dar crédito con xuros, e este xuro é unha porcentaxe do capital. O debedor vai devolvendo capital mais xuros, e todo ese diñeiro vólvese colocar vía crédito a novos debedores. Isto fai que o capital en mans do sistema financeiro teña que medrar sen parar… o cal presupón que a economía real é capaz de se expandir á mesma velocidade, sob pena de que se produzan impagos, embargos e peches de empresas. Non toda a economía se apoia sobre o crédito, pero si que o fai unha fracción moi apreciable da mesma, e iso fai que a necesidade de crecemento sexa moi importante. Se non hai crecemento dabondo, non se xera emprego, non se devolven os créditos, pechan as empresas, medra o paro, diminúe o consumo… nun proceso que se retroalimenta. Polo tanto, o correcto funcionamento do sistema implica crecer, e crecer rápido, a un ritmo exponencial (ou sexa, unha certa porcentaxe cada ano).

Pero o noso sistema produtivo, por máis que se pretendeu, non é inmaterial. Non se basea en producir bens constituídos de aire (aínda así, ao final ata o aire escasearía), senón que son bastante tanxibles. Mesmo bens inmateriais como os servizos teñen un soporte material máis que considerable: ordenadores para a xestión, furgonetas para desprazar persoas e equipamentos, etc. Xa que logo, obsérvase que o consumo de materias primas medra e medra sen parar, ano tras ano (a ritmos do 2% como o petróleo de 1980 ata o 2005, o ouro ata o 2000, etc.). É importante deixar claro isto: hai datos —e son claros— que demostran que o noso crecemento económico foi sempre acompañado dun crecemento do consumo material. E por máis que se argumente que se podería conseguir doutra maneira, iso aínda está por demostrar porque non se veu xamais: as pretendidas melloras en intensidade enerxética dos países occidentais conseguíronse movendo a produción do que consumimos para China cun meirande —e non menor— gasto enerxético e de materiais primas.

O problema prantéxase, por conseguinte, cando as materiais primas non poden seguir o ritmo. Na teoría económica clásica cando unha materia falta, o mercado logo lle procura substitutos eficaces (principio de infinita substituibilidade), o cal pasa ás veces pero outras veces non. No caso de materiais non indispensables, cando a súa oferta comeza a escasear e os substitutos non aparecen, a sociedade ten que aprender a pasar sen elas e asumir que estarán reservadas aos máis ricos. Pero cando o que escasea é un ben fundamental, como é a enerxía —que é precursora de toda a actividade económica e que non é, por tanto, unha mercadoría coma as outras— entón estamos nun problema grave. Enerxía é a capacidade de facer traballo, e sen ela a nosa economía simplemente non pode crecer.

A produción de petróleo cru tocou teito polo ano 2006, como por fin a Axencia Internacional da Enerxía (AIE) recoñeceu en 2010 (catro anos despois!). A AIE —que é unha axencia da OCDE e polo tanto pro status quo— sempre esaxera as previsións de futuro, aínda que lle hai que recoñecer que ata o de agora os seus datos sobre o pasado son bastante precisos. Como levamos xa máis de 6 anos desviándonos da senda do crecemento, polo menos no que á produción de petróleo se refire, a AIE tivo que ir adaptando as súas previsións ao feito de que a cousa non progresa, e permétese o luxo de ser excesivamente optimista. Pero os malos substitutos cos que queren disimular nas súas previsións o declive —englobándoos xunto ao cru nunha artificiosa categoría que denominan todos os líquidos do petróleo— non teñen nin a capacidade enerxética nin o menor custo enerxético nin a versatibilidade do petróleo cru, e isto está a conducir a problema xa na actualidade. O resto de materias enerxéticas seguirán de contado, e para agravalo aínda máis temos que na súa extracción é indispensable unha maquinaria pesada dependente da dispoñibilidade do petróleo.

Temos que aceptar este feito: a enerxía total dispoñible está a piques de tocar teito, e aínda por riba algúns tipos especializados de uso enerxético derivados do petróleo xa están no seu máximo potencial e a piques de descer rapidamente. Neste contesto, a economía non pode crecer por falta do seu combustible indispensable. O crecemento económico sostido chegou ao seu fin, no conxunto do globo. Durante os vindeiros anos haberá intres de breve repunte seguidos de caídas máis brutais, e algunhas rexións prosperarán ás costas doutras que devalarán máis axiña, pero a traxectoria global é dun imposible de frear.

A gráfica, sobre a predición da produción mundial dos diferentes tipos de petróleo nos vindeiros anos, pertence á presentación de Antonio Turiel no programa Singulars, da TV3, que se pode visualizar aquí: www.tv3.cat/videos/4325010/Antonio-Turiel-Condemnats-a-decreixer. Na súa presentación –condenados a decrecer– Turiel afirma que as perspectivas de futuro son que a produción de petróleo dos campos existentes baixará un 40% de aquí ao 2020 e será case imposíbel compensar esta baixada, sobre todo porque se calcula que cara ao ano 2018 a China e a India absorberán toda a produción de petróleo se continúan co seu actual patrón de consumo. A dita presentación pódese ollar aquí: http://prezi.com/grhw4aw5vsin/singulars-antonio-turiel/

Divulgadores e activistas do peak oil como Pedro Prieto ou ti mesmo tedes falado con políticos do PP, do PSOE, etc. Que reaccións achades neles? Ata que punto coñecen o tema e están facendo de cara ao público como que non pasa nada? Pensas que hai algunha esperanza de que algún partido faga algo efectivo ao respecto en Galiza, en España ou en calquera outro lugar do mundo?

O tema é perfectamente coñecido e comprendido por personalidades políticas relevantes de todos os partidos, mesmo os grandes; o que pasa é que as implicacións de reaccionar son tan grandes que os grandes partidos, ata os medianos, atopan grandes resistencias internas e externas e acaban entrando nunha disonancia cognitiva case esquizofrénica, sabendo e aceptando o que hai pero sen actuaren de manera consecuente. Eu coido que ata que non haxa un movemento social de grande amplitude e, sobre todo, ata que as consecuencias sexan xa indisimulables, non se fará nada efectivo. O problema é que o máis probable é que sempre se consideren os problemas observados desde o prisma económico clásico, no que se atopan múltiples explicacións ad hoc para cada fenómeno individualmente observado, e que así toda interpretación sexa en termos de oferta-demanda, prezo, etc. sen ver o problema de abastecemento e capacidade de produción. Non hai que esquecer que aos grandes capitais internacionais a posibilidade de termos chegado ao fin do crecemento os prexudica moito, e polo tanto rexéitano e boicotean a súa difusión, e inflúen perniciosamente na sociedade e nos políticos con mentiras de curta duración, pero dada a pouca memoria da xente, serven para nos  teren quietiños ata a seguinte andrómena/milagre tecnolóxico que acouga as conciencias e promove unha autocomplacente inacción. Xa que logo, vexo moi difícil facer algo efectivo en ningunha parte do mundo. Para tal mudanza chegar, a sociedade ten de cambiar e debe ser un clamor audible e intelixible.

Como ves ti no contexto do peak oil os famosos recortes que están acometendo moitos gobernos? Realmente viviamos por riba das nosas posibilidades (enerxéticas? financeiras?)? O que nos venden como recortes non é máis ben espolio duns para engordaren a outros cunha torta que encolle sen remedio? Endebedárense os Estados é sensato se non é esperable unha recuperación económica? Cal prevés que será o resultado dunhas débedas crecentes e impagables?

Obxectivamente si que temos vivido por riba das nosas posibilidades porque o noso sistema baseouse e baséase en explotarmos os recursos doutros países sen pagarlles de maneira xusta; pero non o fixemos da maneira que nos explica quen malla con ese discurso. En canto aos recortes, é absolutamente incrible o eficaz labor de desinformación que fan moitos medios, comezando por denominaren rescate o que non deixa de ser un plan de liquidación de activos para pagarmos unha débeda impagable e con grande desfeita da economía. Non nos enganemos: cos recortes e o rescate o que se pretende é que un 20 ou 30% da débeda, que está en mans de grandes capitais internacionais, sexa devolta sen merma e aínda por riba cos xuros prometidos; e para conseguir ese fin se hai que destrozar a economía malvendendo activos, pois faise, e coa colaboración ignorante ou complacente dos nosos gobernantes. Grecia amósanos claramente o camiño: despois de liquidaren as posicións os bancos alemáns e fanceses, principalmente, o país fixo un default en Marzo deste ano no que dun golpe ese 60-70% de investidores máis pequenos tiveron que aceptar unha perda do 75% dos seus activos. E non vai ser a derradeira quita.

Coas medidas de austeridade, polo tanto, non se pretende nin se espera reactivar a economía (o cal, ademais, por limitacións dos recursos é imposible) senón devolverlles ben o seu diñeiro a uns poucos, mentres que a masa de acredores (que inclúe desde o xubilado que colocou o seus aforros de toda a vida en preferentes e similares ata o fornecedor daquel concello que lle debe dous anos de subministros) perde case todo e os cidadáns reciben o castigo de menores servizos. Esa é a realidade, e quen diga outra cousa minte.

No caso concreto de España, tarde ou cedo fará default ao estilo grego, tras unha pantomima de mal denominado rescate. O problema é que España é demasiado grande e neste caso pode non haber diñeiro dabondo que muxiren dos pequenos investidores, fornecedores e cidadáns como para que o 20-30% dos que mandan poida ser reintegrado completamente (e con xuros, non o esquezamos), así que esta vez pode tocarlles pagar parte —pequena— do pato. Isto pode ser paradoxalmente catastrófico, porque o gran capital pode ter medo de recibir máis forte á seguinte volta, e a crise de confianza que se pode enxendrar pode estragar o euro, a Unión Europea e media ducia de estados occidentais. É difícil aínda saber con certeza que vai pasar.

Este tipo de decisións políticas case sempre se escudan en criterios económicos supostamente científicos e sen carga ideolóxica. Dereitas e esquerdas comparten en boa medida un fundamento ideolóxico: a procura do crecemento económico en termos materiais, algo que é inviable precisamente desde o punto de vista científico. A situación actual está mudando algo disto? Percibes ti que haxa economistas que estean a abrir os ollos?

Si que hai economistas que desde hai tempo nos falan de alternativas ao crecemento; desde hai décadas, en realidade. Falta sabelos escoitar e darlles o rol central que deberían ter. Pero eu non vexo, aínda, ningunha mudanza na percepción social destas teorías, e se por caso o hai é moi pequeño. Falta tempo aínda para que realmente haxa un clamor que force a mudanza.

No teu blog falas das fases do colapso no que nos encontramos. Cales son esas fases, onde nos atopamos agora mesmo segundo a túa opinión e que nos queda por diante?

De acordo con Dimitry Orlov [autor do libro “Reinventing Collapse: The Soviet Example and American Prospects”] o colapso soe ter cinco fases: 1ª) Colapso financeiro: as débedas públicas e privadas empezan a afogar a economía; 2ª) Colapso comercial: o país faise comercialmente pouco fiable polos seus impagamentos e comeza a se deter o comercio exterior e mesmo o interior; 3ª) Colapso do Estado: con múltiplas frontes abertas e unha maneira de funcionar propia dunha meirande abundancia de financiación, o Estado é inoperante e acaba por ser irrelevante na práctica; 4ª) Colapso das comunidades: os grupos locais que se constitúen para dar os servizos que antes daba o Estado non son quen de facer fronte aos múltiplos retos prantexados e disgréganse en clans tribais que compiten entre si; 5ª) Colapso da familia: os clans familiares esfaléranse, a vida é tan dura que se converte nunha competición de todos contra todos, rexorde o canibalismo e pode chegarse á extinción.

Cómpre dicir que o colapso non ten que pasar obrigatoriamente por todas as fases: só se chegou á 5ª, historicamente, en casos moi extremos como o da Illa de Pascua.

Orlov revisou hai pouco o seu modelo e chegou á conclusión de que os enormes esforzos dos estados por evitar a progresión das fases 1ª e 2ª fai que as tres primeiras se compriman e poidan ocorrer dunha maneira practicamente simultánea. Eu creo que esa é exactamente a nosa situación: se non se vira o rumo, o Estado podería colapsar, se cadra dando lugar a novos estados ou a comunidades comarcais bastante máis pequenas.

Tras o colapso do Estado eu creo que, se somos intelixentes —e coido que en menor ou maior medida o habemos ser— o colapso se ha deter aí, aínda que haberá moito sofrimento, fame, miseria e morte.

Ti vives en Cataluña, onde hai un crecente clamor pola independencia, ou cando menos pola autodeterminación. Ata que punto pensas ti que ter máis soberanía e control sobre os seus recursos aportaría algo útil para que un país afrontase mellor as consecuencias deste colapso?

A independencia sería útil se for acompañada da independencia con respecto a este sistema económico insostible. A posible fractura de España abre a porta a que aquí se comecen a facer as cousas de maneira diferente, aínda que non son demasiado optimista a ese respecto. Hai algúns autores reputados, como Gail Tverberg ou John Michael Greer, que indican que unha vía que historicamente se ten usado para saír dunha trampa de débedas impagables é a secesión e a creación de novos países que se desentenden da débeda histórica: nese sentido, a secesión catalana, para ser efectiva, debería negarse a asumir ningunha débeda previa. Non esquezamos que as débedas actuais teñen unha forte compoñente ilexítima (transferíronse diñeiros públicos á banca privada totalmente de balde, coa aquiescencia de Bruxelas) e é importante non as recoñecer; facer suspensión de pagamentos (agora dicimos default, que soa máis fino) é algo que se ten repetido na historia: España fíxoo seis veces durante o seu Século de Ouro.

Eu creo que a actual tendencia á descomposición de España, que en Cataluña tomou trazos de clamor popular e que pode acabar sendo seguido por outras nacionalidades históricas e mesmo por algunha autonomía insospeitada, é un síntoma máis do colapso do Estado-nación que é España, e reforzo do necesario localismo que ha rexer o noso futuro.

EntropíaO concepto físico de entropía non soe aparecer nos debates de TV nin nos xornais económicos. Porén, é fundamental para comprendermos onde se meteu a nosa civilización. Poderías explicar brevemente que é e por qué é tan relevante para entender a crise e como enfrontarse a ela?
A definición de entropía é pouco intuitiva, un tanto complexa, e iso fai que tenda a ser relegada ao debate especializado. Aínda así, as súas consecuencias son sinxelas de entender: a entropía danos unha idea da peaxe que se ten que pagar cada vez que convertimos un tipo de enerxía noutro; e a maior crecemento da entropía nunha determinada transformación, menor enerxía útil nos quedará. Por exemplo, no motor de explosión só o 20% da enerxía da gasolina se aproveita en movemento útil do coche, mentres que o 80% restante se desperdicia en forma calor. A entropía indícanos canta da enerxía dunha fonte será inevitablemente desperdiciada, o cal depende de dúas cousas fundamentalmente: de como de diferentes sexan os tipos de enerxía inicial e final (se transformas a enerxía do sol en calor aproveitarás moito máis ca se a convertes en electricidade, por exemplo) e da potencia de saída que queiras ter (todos sabemos que a 140 km/h o gasto aos 100 km dun coche é bastante máis ca a 80 km/h).
A preeminencia da entropía nas transformacións de enerxía é chave xustamente por eses dous motivos. Porque, por unha banda, estamos mal afeitos a transformarmos continuamente enerxía dun tipo a outro sen preocuparnos da peaxe que pagarmos porque a enerxía ata o de agora nos sobraba. Por exemplo: queimamos gas para ferver a auga que move unha turbina que acciona un sistema xerador de electricidade (perda do 65%) que é transportada sobre unha longa rede eléctrica (perda do 1-5%) e despois transformado de alta a media/baixa tensión (perda do 19%) para que na nosa casa esa electricidade produza de novo calor! e así cociñar na nosa vitrocerámica (perdendo, dependendo do sistema, outro 20% adicional). Ao final, neste exemplo concreto, queimamos gas lonxe da nosa casa para aproveitar só o 1% do seu poder calorífico inicial, no canto de queimalo directamente na nosa casa. Tal aberración é posible polos baixos prezos e pola enorme prioridade que se lle dá a servir á demanda de maneira caprichosa.
Por outra banda, o noso sistema económico baséase no crecemento incesante. Crecer sen parar —e así o testemuñan os datos— tamén significa crecer sen parar no noso consumo de enerxía anual. É dicir, máis enerxía consumida por unidade de tempo: máis potencia, por definición. Pero o aumento da potencia implica meirande entropía e menor aproveitamento da enerxía producida. É unha lei de retornos decrecentes termodinámica. Existe un punto de inflexión a partir do cal o aumento de potencia leva a unha perda da enerxía neta dispoñible para a sociedade, e probablemente nós estamos preto dese punto; e para resolver este problema insistimos no erro que nos levou a el: tentar aumentar aínda máis a potencia, máis enerxía producida ao ano. Este simple razoamento termodinámico é moi doroso para a visión economicista clásica, porque implica que o ritmo acelerado de hoxe en día nos leva ao desastre termodinámico e xa que logo, económico. 
Para a entropía non ser tan grande en cada transformación, para que se aproveite mellor a enerxía, o que cómpre facer é reducir a potencia, reducir o consumo, e racionalizalo, tentando consumir da maneira máis local posible e evitar absurdos como o do exemplo eléctrico xa comentado. Pero iso implica non só non crecer economicamente, senón decrecer. Velaí o grave dano que causa este coñecemento ao paradigma actual.

Nesta nova era que ti denominas ás veces A Grande Escasez, que papel é o que poden xogar as enerxías renovables ou as melloras tecnolóxicas en relación á eficiencia enerxética no futuro dunha sociedade como a galega?

A eficiencia e mais o aforro, se non se abandona o sistema de pseudo-libre mercado que temos, son completamente inútiles, xa que nel sempre hai un incentivo económico para gastar a enerxía que quedase libre. Galiza ten, por outra banda, un grande potencial renovable, cos seus fortes ventos e o seu potencial hidráulico, e mesmo a pequena escala parte da enerxía do mar sería aproveitable. Pero é importante decatarse de que hai que apostar por unha produción local e de menor escala, xa que con ela se aproveita mellor a enerxía aínda que se reduza a potencia (vid. recuadro acerca da entropía). Asemade, é crucial non apostar por opcións hipertecnificadas que requeren materiais escasos e que serán difíciles de conseguir e manter: é mellor apostar por opcións tecnolóxicas máis sinxelas, ben coñecidas, mantibles e reparables.

A Grande Escasez implica que vai faltar de todo o que agora é abundante na sociedade moderna, e iso atinxe non só aos metais e dispositivos diversos, senón tamén á auga e aos alimentos. Xustamente nestes dous últimos, que son os máis críticos para a nosa supervivencia, Galiza está sen dúbida moi ben colocada se os xestiona correctamente. Pero se algo fai falta é ser máis vixiante e taxativo na preservación do medio ambiente, que é a nosa riqueza derradeira e a fundamental para a nosa supervivencia.

Coa ollada aínda posta en Galiza, pensas que é viable seguir coa industrialización do país ou que deberiamos volver máis ao sector primario, nomeadamente á agricultura? Canto tempo pensas que lles queda a industrias tan importantes neste país como a automobilística ou a do aluminio? Ten sentido seguirmos a loitar socialmente polo emprego tal e como o entendemos nas sociedades industriais?

A industrialización, en Galiza, como en calquera outra parte, vai sufrir un tremendo sobresalto que, se non se pilota, a pode destruír por completo. Non creo que teñamos que volver por forza todos ou case todos ao sector primario, pero desde logo é fundamental pilotarmos o proceso de transición, e en todo caso a man de obra ocupada no sector primario ha medrar e moito. A industria automobilística, en Galiza coma no resto do mundo, está condeada: nuns anos —unha ou dúas décadas— o coche será un enxeño que só os ricos se poderán permitir e a súa fabricación farase a unha escala moito máis pequena. Pensa que en España, agora mesmo, dos 26 millóns de coches que hai temos 4 millóns que non se moven do sitio desde hace seis ou máis meses, simplemente porque os seus donos non poden pagar o combustible ou non teñen traballo ao que ir nel. Ese proceso vai ir a máis. Os niveis de vendas de coches en España son os mesmos ca en 1978, sobran como dous terzos da capacidade produtiva no sector, e as fábricas xa empezan a pechar. Será un desastre, porque o automóbil ocupa directa e indirectamente moita poboación (o 8,5% en España en 2008) e é a principal manufactura. En canto ao aluminio, podería ter viabilidade nun esquema de transición pilotada, no que a súa produción se preservase para usos verdadeiramente importantes para a sociedade, e se implementasen esquemas axeitados de produción que favorecesen a reciclaxe e a reutilización.

O tema do emprego é o máis espiñoso, por todas as ideas erróneas que temos aprendidas. Estamos afeitos a oír que para que se xere emprego neto o PIB ten que crecer como mínimo un 2,5% anual, sen ter en conta que iso implicaría ter 12 veces o PIB de hoxe no prazo dun século, é dicir, ter que producir 12 veces os bens e servizos de hoxe (polo menos, en canto a valor). E mentres se tenta inventar un tipo de economía inmaterial, iso de momento implicaría 12 veces máis estradas, 12 veces máis coches, 12 veces máis barcos, 12 veces máis de todo, posiblemente mesmo 12 veces máis poboación. Alguén imaxina unha Galiza con 30 millóns de habitantes dentro dun século? Así as cousas, estamos a comungar con rodas de muíño e aceptamos vivir baixo un sistema que só xera emprego sobre a base de o inflar todo a velocidade exponencial, nun xigantesco esquema de Ponzi no que os últimos en entrar manteñen aos que entraron antes pero cada vez peor, e que acaba como acaban todos os esquemas de Ponzi: chega un momento en que a situación é insostible e a estafa piramidal se esborralla.

Por iso é que temos que nos desembarazar deste xeito trampulleiro e imposible de crear emprego. Como o creamos, entón? Eu non son economista, pero hai moi bos economistas (Herman Daily, Martínez-Alier) que están a propor outras maneiras de xestionar a economía que non implican crecemento e que mesmo son capaces de conseguir o pleno emprego, cousa imposible co esquema piramidal actual. As ideas non son tan complicadas: repartición do traballo, produción local, fuxir da ultra-automatización e usar a mecanización como unha axuda ao home e non á produción, etc.

Insístese moito nos foros e blogs como o teu, entre a xente concienciada (os peakoilers), acerca da necesidade dunha revolución para que a nosa especie poida sobrevivir á confluencia de problemas que temos enriba e para mudar un sistema que ti tes calificado de suicida. Que tipo de revolución é a que ti coidas que precisamos? Abonda unha revolución de tipo político, como as que se viviron noutros momentos da historia en certos lugares? Podería ser o Decrecemento (como proposta social) esa revolución?

O noso sistema é sucidida, xenocida, e é algo mesmo peor: ecocida. Porque non só leva á súa propia morte e á de millóns de seres humanos, senón tamén á morte a escala masiva de centos de milleiros de especies de animais e á destrución de innumerables hábitats, na súa persecución imposible do crecemento a todo transe.

A revolución que se precisa é, sen dúbida, política, como político é o problema que tratamos, xa que estamos a falar dunha cuestión que afecta aos cidadáns e ás súas vidas, e iso por definición é política (do grego polis, cidade). O que non é, ou on debería ser, é o que hoxe en día se denomina por abuso da linguaxe, político, cando o que se quere dicir é partidista. Algúns partidos tomaron a posición firme de non se desviaren dunha visión concreta do que entenden que debe ser o desenvolvemento humano, que identifican cun certo concepto de progreso (material case en exclusiva) e de crecemento; por desgracia, o crecemento ilimitado nun planeta finito non é posible, e para maior desgraza os partidos que sosteñen monoliticamente esta visión son os maioritarios, cun grande apoio de medios de comunicación afíns.

Non me presta o termo decrecemento por dous motivos. Un, porque nalgunha interpretación estúpida e sesgada —pero moi oportunista— os críticos con eses postulados din que decrecer por decrecer nos levaría ás cavernas. Quen di iso extrapola a idea do crecemento pero ao revés, e dan por sentado que o que se quere é decrecer sen parar, cando o que se pretende é decrecer ata un límite tolerable e a partir de aí pasar a un estado estacionario. Para evitar esas críticas ruíns coido que o mellor sería falar de economía estacionaria. O segundo motivo polo que non me gusta a nivel formal o termo decrecemento é porque parece que se presenta como unha elección, como un exercizo de voluntarismo, cando en realidade é algo que sucederá queiramos non queiramos: o único que podemos elexir é se pilotamos o proceso e chegamos a unha sociedade aínda con xustiza social, ou ben se deixamos todo á man invisible do mercado e nos autorregulamos de xeito salvaxe: mortandade masiva, guerras, epidemias, neofeudalismo e inclusive a posibilidade de nos extinguirmos. Por iso é chave facer entender que o decrecemento non é unha opción, está claro que o decrecemento é a única vía, formulada dunha ou outra maneira, e é a revolución que precisamos. Falta atoparmos instrumentos para unha acción política (no sentido propio devandito) que sexa realista e viable para a implantarmos.

PERFIL

Antonio María Turiel Martínez (León, 1970), é licenciado en Ciencias Físicas (1993) e en Ciencias Matemáticas (1994) pola Universidade Autónoma de Madrid (UAM), así como doutor en Física Teórica pola mesma universidade (1998). Hogano traballa como científico titular no Institut de Ciències del Mar de Barcelona, que depende do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). +INFO: http://crashoil.blogspot.com.es/ Contacto: turiel@icm.csic.es

Share

9 Comentarios
  1. Grazas, compañeiros, por publicar a entrevista completa. Penso que ben paga a pena lela.
    Tamén podedes seguir a Antonio Turiel no Twitter como @amturiel: https://twitter.com/amturiel

  2. […] de interese lembrar as palabras de Antonio Turiel recentemente publicadas por Altermundo, ao respecto do que podería implicar unha Cataluña indepente ao respecto do necesario […]

  3. a través da interacción feble, a mesma que regula as reaccións nucleares que teñen lugar no sol. A predición era confirmada uns anos máis tarde, en 1974, co descubremento do J/psi, unha partícula formada por un quark co seu correspondente anti-quark. A interferencia indirecta de partículas non descubertas é posible grazas aos efectos da física cuántica. Estes fenómenos permiten explorar escalas de enerxía tipicamente dez veces superiores ós que nos dan os aceleradores máis potentes.

  4. Porén, algúns ectotermos que permanecen en ambientes de temperatura constante manteñen, por iso, unha temperatura interna constante (é dicir, son homeotermos ). É isto o que xustifica que moitas veces o termo “animal poquilotermo” (e a súa condición, a poiquilotermia) sexa máis útil que a expresión vernácula animal de sangue frío que ás veces se utiliza para referirse aos ectotermos de maneira máis xeral.

  5. […] científico e divulgador do peak oil Antonio Turiel dicíanos nunha entrevista publicada a finais de 2012 por Altermundo, falando do caso […]

  6. […] que el sistema actual (incluído el capitalismo y su contrapeso vigente, el Estado de Bienestar) acabará hundiéndose por el colapso entrópico en el que estamos irreversiblemente inmersos y que por ello es urgente e imprescindible la […]

  7. […] outra parte, como ten analizado Antonio Turiel en The OilCrash (http://crashoil.blogspot.com.es/), as cifras da AIE sobre o declinar do petróleo de xisto […]

  8. […] comercio e turismo, poñen en evidencia unha visión business-as-usual allea ao feito de que esta crise é terminal, que o modelo socioeconómico actual está esgotado e que cómpre construírmos outro novo, e que […]

 
Courte en longue robe avant, remplissage en couches blanc voile de dentelle, et noir arc taille exagérée entrent en collision les uns avec les autres un nouveau sens de la beauté. Robe De Mariée Ce ne regarde pas des combinaisons particulièrement familières? Anpassade festklänningar webbutik, skräddarsydd för billigt. Style är också särskilt hög. Jag hoppas du gillar, vi tar en titt på de nya 2016 festklänningar festklänningar men också en antydan av modeller bär spets festklänningar känsla Balklänning Robe De Mariée Robe De Mariée Balklänning