Dicía hai unhas semanas que os datos recollidos no Barómetro Social de España (http://www.barometrosocial.es/), mostran, de xeito inapelable, un dramático avance das desigualdades sociais en España, que se concretaba en dous procesos complementarios.
Por unha banda, os sectores máis ricos da poboación incrementaron nos últimos anos o seu capital, procedente dos seus activos financeiros, dos seus ingresos ou do seu patrimonio; mentres que o sector máis desfavorecido da poboación, azoutado pola precariedade e polo desemprego, perdía o pouco poder adquisitivo que algunha vez tivera. Producíndose así un proceso de concentración de riqueza que dificultará a saída da crise, pois as desigualdades son a causa silenciada desta crise, como sinala a miúdo o economista e politólogo Vicenç Navarro.
Precisamente volvo ao tema dese meu artigo, apenas unhas semanas despois, para reproducir unhas palabras de Vicenç Navarro a respecto das desigualdades nos EEUU, expresadas no seu artigo Productividad y renta -http://www.rebelion.org/noticia.php?id=125024-, no que, despois de sinalar que dende a implantación do modelo neoliberal polo goberno de Reagan o salario por hora nos EEUU se mantivo practicamente estancado, mentres que o 1% da poboación con maior renda dobrou a súa renda nese mesmo período, pasando de representar o 9% do total da renda nacional en 1977 ao 20% que representa nos nosos días, se preguntaba como podía ocorrer iso ou, dito noutras palabras, a que se debe esa concentración de riqueza? Ao que respondía: "a resposta é moi fácil, aínda que apenas aparece na literatura económica: o incremento da produtividade, que explica o gran crecemento da riqueza do país, non repercutiu nos traballadores, senón nos propietarios dos medios onde traballan e nos centros financeiros que manipulan, especulan e xestionan tal diñeiro. E todo iso ocorreu co apoio do Estado federal estadounidense, que coas súas políticas fiscais facilitou esa enorme concentración das rendas".
En fin, tanto nos EEUU como aquí, as políticas fiscais -e laborais, pero esa é outra historia-, que lles penalizan á clase traballadora e benefician os ricos, revélanse como causantes principais do avance das desigualdades sociais, como se reficte no coeficiente Gini de desigualdade, que en España se situaba no ano 2009 en 32,3, mostrando ademais un continuo avance dende que en 2003 acadara o nivel máis baixo (30,7).
É neste sentido, na medida en que as desigualdades sociais son a causa da crise, no que cada vez se fan máis urxentes políticas económicas que promovan a redistribución da riqueza mediante a creación de emprego público, o fomento dos servizos sociais públicos e a creación dunha banca pública. Haberá agora quen se pregunte de onde se van obter os ingresos necesarios para esas políticas redistributivas, pois precisamente da aplicación dunha política fiscal progresiva, que grave máis a quen máis ten… pois non debemos esquecer que a riqueza procede do noso traballo.






Xavier Simón


















