Autor/a

Xornalista. Forma parte do Consello Editorial de Altermundo.

Consello Editorial

X. M. Beiras
Carlos Taibo
Marga Tojo
Xavier Simón
Lupe Ces

Xabier Macías
Alfredo I. Diéguez
Cândido Gryzbowski
Rebeca Fernández

David Rodríguez

Miguel A. Fernán Vello
Ana Miranda

Xoán Hermida

Manuel Casal
Antom Fente
Imanol Dorca

Xabier Ron
Tone
Roberto Mansilla

Carme Carballo
Raúl Asegurado
Xoán R. Doldán
Manoel Santos

Categorías

Beiras: “Os partidos políticos xa non cumpren a función de ponte coa cidadanía”
Beiras: “Os partidos políticos xa non cumpren a función de ponte coa cidadanía”

 Marga Tojo-. Non desmente que prepara a fundación dunha nova iniciativa política popular co selo ideolóxico do . Integrado no Consello Internacional do movemento, asegura que este asumiu a principios de mes pasar á liña de actuación política.

A ponte dos partidos rompeu. "Crebouse desde que todos eles asimilaron como propio o aparello institucional obsoleto herdado das revolucións liberais do XVIII, nunca transformado desde aquela". E todo parece apuntar a que Xosé Manuel Beiras Torrado, o líder nacionalista, o home da cabeleira outsider, o economista, o do zapato Kruschev, ten entre os seus planos facerlle un boca a boca de urxencia á fin da historia e tentar selar as fendas da arquitectura coa fundación dun novo partido. El non desmente o rumor (que o sitúa nos vindeiros comicios municipais). Fala da necesidade dunha forza política popular co selo ideolóxico do Foro Social Mundial. "O meu compromiso é ese". "Son os foros os que agora fan de ponte cos cidadáns", insiste. Non en van, Beiras, fichado o ano pasado para integrar a cabeza horizontal do FSM a través do seu Consello Internacional, é un dos pesos pesados da ágora socialmundialista que propugnan o paso cara á implicación efectiva dos foros a nivel pragmático, isto é, entrar na política de xeito real. "A definición máis perfecta do FMI para min é a que fixo Ignacio Ramonet, para quen fronte á ineptitude das estruturas políticas convencionais, o FSM actúa como Parlamento dos Cidadáns da Terra, por iso aspira a integrarse a escala local e a nivel global para servir ás demandas das sociedades".

E todo isto adquire sentido logo de dous feitos fundamentais: a celebración do primeiro , no mes de decembro do 2008, e a "revitalización" do Foro Mundial -cuxa última edición acaba de se celebrar este mesmo mes en Belem do Pará, na Amazonia brasileira- "despois dunha etapa en que se empezaba a falar de que languidecía, de que se estaba a aletargar, a perder ritmo, capacidade de convocatoria e incidendia; algo así como se o sistema xa o tivese deglutido". O propio Hugo Chávez alertara de que o FSM se convertería nun "desbaldimento" se non superaba o que moitos cualificaban de etapa hippie-social. "Lonxe diso, nesta convocatoria produciuse a maior eclosión do Foro". Así, houbo máis de 130.000 adscritos, máis de 3.000 actividades, preto de 6.000 organizacións diferentes de máis de 150 países -nacións sen Estado incluídas, pois este ano contaron por primeira vez cun "intenso" espazo de debate promovido pola Fundación Sempre que preside Beiras-. "Ademais establecéronse novos focos de acción e reflexión, como foron os posibilitados pola presenza dos movementos indixenistas". En concreto ao panamazónico dedicóuselle unha xornada das seis en exclusiva "para que todo o mundo puidese participar". As outras xornadas albergaron diferentes actividades vencelladas ao movemento indixenista andino e centroamericano. "A súa presenza no FSM contribúe a comprender que fan falla gobernos cun espírito semellante a este". E engade: "Igualmente éo o especial protagonismo de nesta edición".

A implicación política queda vixente nas Conclusións do Foro -lidas pola nacionalista Ana Miranda-, a través do compromiso de se implicar en toda a axenda de accións, debates e mobilizacións asemblearias dos movementos que o integran ao longo deste 2009 e do 2010. "O foro deixou desde esta edición de ser un espazo de encontro a ser unha plataforma mundial que coordina e asume as loitas como propias".

Ser hexemónicos sen aspirar a selo como movementos

Citemos a Bernard Cassen -en cuxo despacho se xestou a fórmula de Porto Alegre no 2001-. O ex director de Le monde diplomatique explicaba: "A heteroxeneidade dos compoñentes do movemento altermundialista non lle permite desenvolver estratexias globais comúns. Eles fan propostas e son os partidos políticos os que deben admitilas ou non. Este é o límite dos . É por iso que Mémoire propuxo a noción de postaltermundialismo: Trátase de construír novos espazos, novas iniciativas lexislativas, que artellen a escala mundial as loitas sociais e as forzas políticas, así como as accións dos gobernos comprometidos nos procesos de transformación das súas sociedades con vistas a liberalas do xugo neoliberal". Pero como lograrán os partidos non ser dixeridos pola presión de infraestruturas obsoletas? O político galego achega unha clave fundamental: o reto de converterse en hexemónicos sen aspirar a selo como movementos pasa pola condición de que un grupo manterá a súa hexemonía se é capaz de superar os seus intereses corporativos para exercer un liderado máis extenso, o que supón unha das características esencias dos integrados no Foro, "ese suxeito histórico plural, que acepta tamén a pluralidade de nacións". Como o inxente proxecto dunha Internacional nunca alcanzado. Se Marx erguese a testa.

Para Beiras, o BNG foi asimilado pola dinámica actual dos partidos políticos. "Se o BNG segue por onde camiña agora, será inservible para levar a cabo o proxecto fundacional e fará o que manda o aparato ideolóxico do sistema". "É unha magoa porque o deseño do propio BNG anticípase á configuración dos foros sociais. Nos principios fundacionais do BNG está a organización de rede, a federación, o ecoloxismo, o antimilitarismo e o antiimperialismo. O BNG nace no seu día como fórmula ex novo. É un deseño con denominación de orixe galega creada polo pobo galego. Non ten corte convencional e nace adiantándose ao que vai pasar despois, só que logo fai o proceso inverso, involutivo e até decide deixar de ser asembleario".

Os foros, que se presentarán a partir de agora baixo a rública do evento político, xa tiveron consecuencias directas nos gobernos. A mellor proba, a máis visíbel e evolucionada, está en Latinoamérica. Pero os efectos víronse en continentes con tan escasas posibilidades de participación como Asia. Na India aprobouse unha lei de renda básica para os labregos que lles garante un salario equivalente a cen días do ano como mínimo. E a iniciativa naceu como consecuencia do Foro de Mumbai. "Un avance que se viviu como revolucionario", lembra o político.

África e Asia, son os dous continentes con menor incursión -máis física que ideolóxica- no FSM. "África ten en realidade unha presenza irregularmente repartida. Están os países do magreb, do centro polisario e, claro, a África lusófona. Os demais incorpóranse mais lentamente, por un problema económico, aínda que hai un fondo de solidariedade que son achegas de organizacións". Por iso, o Consello Internacional que se reunirá no mes de abril en Marrocos decidirá probabelmente Senegal como próxima sede de celebración do foro mundial. "Sen contar con África e con Asia dificilmente se pode chegar a unha intención global de cambio". "Porque, ademais, en África hai unha rede de movementos sociais moito máis potentes do que cremos, o que pasa é que están silenciados", di Beiras. "A súa capacidade mediática é moi restrinxida e a capacidade de desprazamento tamén, pero hai moitos que viven fóra e axudan a espallar".

Desde a época da escravitude clásica e legal, a diáspora estivo presente directa e indirectamente nas transformacións do continente negro. Os promotores do Panafricanismo nos séculos XIX e XX: Padmore, G. du Bois, S. Williams, Césaire ou Garvey, naceron en América e contactaron con líderes da descolonización como N"Krumah, en Ghana; Kenyatta, en Kenya; Azikiwe en Nixeria ou Johnson en Serra Leona. Mais o proxecto dunha África unida foi cercenado de raíz ao ser asimilado nun proxecto máis apremante -que díría Marx-: o capital. É o que nos explicaba un día o contador de historias Boniface Ofogo Nkama, "África é máis rendíbel para a este sistema económico se a manteñen desunida". Ofogo Nkama, fillo do rei dos yamdasa e elixido polo seu pai para sucedelo, renunciou á dirección do seu pobo para espallar a sabedoría ancestral dacabalo entre Madrid e Euskadi.

"Por outra banda, hai que ter en conta, que, malia a situación de desigualdade da muller, esta está a tomar a voz cantante en moitos movementos". As imaxes das manifestacións reclamando a fin da violencia postelectoral en Kenya o ano pasado mostraban que estaban encabezadas por mulleres de diversas culturas e relixións que camiñaban xuntas interpóndose entre os grupos enfrontados. Este exemplo non é unha excepción, o voto feminino á oposición atópase detrás dalgúns dos cambios políticos acaecidos en Senegal, como a derrota do partido socialista no poder desde a independencia: as mulleres foron o groso da famosa marche blue. Ademais, as mulleres africanas comezan a ocupar cargos de máxima responsabilidade política, como Ellen Johnson-Sierleaf, presidenta de Liberia desde 2005. E tamén son protagonistas de movementos sociais innovadores e alternativos: Wangari Maathai, premio Nobel da Paz en 2004 foi unha das fundadoras do Cinto Verde, que combina ciencia, tradición socio-cultural e activismo político. O Margarite Barankitse en Burundi, impulsora das Casas Shalom e Amani (paz en ki-swahili) que acollen a máis de 10.000 persoas e onde a través da resolución pacífica de conflitos incídese na superación das guerras civís interétnicas.

A crise, un dos temas estrela

"O Foro, e non só os movementos sociais, debe asumir, e asumirá a estratexia global contra a crise e todas as iniciativas de carácter parcial que xa existen como a cancelación da débeda dos países pobres, a supresión de paraísos fiscais, a taxa internacional sobre o movemento dos capitais, etc., uniranse á creación dunha comisión específica para xestionalo, que propuxen eu a carón de Cândido Grabowski".

Así Beiras sinala o Global Green New Deal proposto por Ban Ki-Moon, como unha das alternativas viábeis ao modelo capitalista férreo. Trátase de recuperar a idea dun New Deal como o que puxo en marcha Roosvelt nos anos 30 para facer fronte á crise do 29, pero esta vez o novo contrato social tería un carácter verde, é dicir, orientado á sustentabilidade ambiental. Esa proposta, bautizada como Green Economy ou economía verde –que está baseada no desenvolvemento das enerxías renovábeis e outras iniciativas para o coidado do ambiente–, contempla un relanzamento diferente da economía, válido tanto para os países industrializados como para os menos desenvolvidos, que impulse a creación de millóns de empregos ambientalmente sostíbeis e socialmente decentes. Outro obxectivo é que facilite o acceso á enerxía eléctrica aos millóns de cidadáns que hoxe non o teñen, mentres que mitiga os efectos do cambio climático grazas ás súas políticas de aforro enerxético.

A proposta de Ban Ki-Moon ofrece unha nova perspectiva ao abordar a loita contra o quecemento global como unha oportunidade que dea saída á profunda crise financeira e de modelo económico que hoxe sacode á nosa civilización. Isto consiste en reorientar a actividade económica cara á economía real para que responda ás necesidades de forma eficiente, fornecendo os servizos e produtos que a sociedade require pero sen o desbaldimento de recursos naturais e enerxéticos que caracteriza ao actual modelo. Algúns destes cambios foron percibidos polos propios sectores financeiros, que se preparan para os novos escenarios: un recente informe para investidores do Deutsche Bank suscitou titulares como: "A economía verde pode salvar a crise económica" ou "O investimento verde pode previr unha recesión severa", segundo analiza unha reportaxe do diario Público.

"Hai que ter moi en conta que xa son moitas as alianzas fraguadas en torno a este compromiso", puntualiza Beiras. E cita a Lula, díscolo da loita sindicalista, da loita dos pobres na que creceu que agora parece estar "en plena forma". "Unha proba é que xa decidiu non ir a Davos". E celebrámolo. E rematamos a entrevista non sen antes preguntar. E vostede, señor Beiras, a quen vai votar?

Pois eu vou botar, con b.

Share