O Plan Director da Rede Natura permite a instalación de piscifactorías en zonas de máxima protección. Veta eólicos, minicentrais e canteiras pero non as súas repotenciacións.
A Rede Natura non será un obstáculo para a instalación das futuras piscifactorías. Despois de que a Xunta autorizase a posible ocupación de terreos con hábitats prioritarios tras declarar a acuicultura "interese público de primeira orde", o Plan Director da Rede Natura bendí a construción das granxas de peixe plano incluso nas zonas de máxima protección. Presentado onte ante o Consello Galego de Medio Ambiente, o Plan Director -documento marco de ordenación e xestión que establece os usos permitidos nos 59 Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) e 16 Zonas de Especial Protección para as aves (ZEPA)- pretende darlle resposta, con seis meses de atraso, ás esixencias da UE en materia de planeamento de espazos protexidos para desgusto do movemento ecoloxista, que demandaba un plan de ordenación e xestión para cada unha das zonas incluídas na Rede en lugar dun regulamento xeral.
A falta desta especificidade, o Plan Director distingue ata tres niveis de conservación dentro da Rede Natura: o de maior protección -no que se inclúe o 26,3% da superficie-, conservación -que afecta ó 67,7%- e o de uso xeral -o 6%-As plantas de acuicultura estarán permitidas en calquera dos tres, aínda que se buscará que a afección ó medio sexa a menor posible. Con esta decisión, a Rede Natura deixará de ser unha "excusa" para vetar a construción da piscifactoría que Pescanova proxecta para Touriñán, tal e como recoñeceu onte conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, durante a presentación do documento marco ós medios. "As directivas europeas non falan de excluír a acuicultura de ningunha zona, aínda que depende de onde e como", manifestou Juárez. Este argumento faise extensible á infraestruturas, construcións e industrias, aínda que se analizará "caso por caso" a afección do proxecto para tomar a decisión. Aproveitamentos eólicos, hidráulicos ou fotovoltaicos, así como as minas a ceo aberto, serán a excepción: estarán prohibidos en calquera dos tres niveis, aínda que si se autorizarán as repotenciacións ou modernizacións dos xa existentes. Para Medio Rural, o veto ós eólicos ou minicentrais fronte á permisividade coas piscifactorías xustifícase pola "maior afección ó medio" das primeiras. "Hai actividades que poden facerse noutras zonas que non son Rede natura pero as plantas de acuicultura deben estar preto do mar e case toda a costa está incluída na rede", apuntou Juárez.
O documento tamén establece que a construción será posible dentro dos núcleos de poboación xa existentes, mentres que as explotacións agrícolas pasarán a estar permitidas na Rede Natura, a excepción das zonas de especial protección. Situación que se repetirá coas estradas, autopistas e autovías, sempre co compromiso de lograr a menor afección ó medio posible.
Posible aumento ó 16%, dous puntos menos que o bipartito
"Estamos ante un novo intento de socavar a Rede Natura". Tras a presentación do Plan Director no Consello Galego de Medio Ambiente, o movemento ecoloxista asegura que o documento vén constatar que as políticas de conservación en Galicia quedan relegadas ó último lugar con este goberno. Ademais de criticar a ausencia dun plan de xestión para cada espazo, os ecoloxistas láianse do atraso na ampliación da Rede Natura máis cativa do Estado, que afecta a un 12% do territorio. Juárez comprometeuse onte a aumentar a superficie protexida ata o 16% -dous puntos menos que a presentada polo bipatito en 2008- e a dar a coñecer a proposta en tres meses. "A Xunta busca aplicar unha política de terra queimada", afirma o secretario executivo de Adega, Fins Eirexas, quen denuncia que este tempo servirá para que infraestruturas e industrias collan sitio en zonas que optan a incluírse na Rede. "Os plans sectoriais teñen bula sobre instrumentos de ordenación e a propia Rede Natura", denuncia Eirexas, quen prevé "buracos" na liña litoral ou LICs do interior.
OS DATOS
Conservación para 289.000 hectáreas
O conxunto de espazos da Rede Natura galega abrangue unha superficie total de 389.565 hectáreas, das que 34.990 se corresponden con medios mariños e o 354.575 restante a terrestres, o que supón o 12% da superficie continental galega. Trátase do índice máis baixo do Estado, só por diante de Ceuta e Melilla.
Uns 72 hábitats de interese, o 33% da UE
En Galicia están presentes 72 tipos de hábitats de interese comunitario -aqueles sistemas ameazados de deseparación que presentan unha área de distribución reducida-, o que supón un 33% dos existentes na UE; dos cales dezaoito son considerados como prioritarios da UE -en perigo de extinción-, un 25% do total dos presentes en Europa.
Expediente cunha longa tramitación
Ó plan director aínda lle queda un longo percorrido ata a súa aprobación. Tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), abrirase un prazo de 30 días para presentar alegacións. Recibidas e estudadas, Medio Rural realizará as modificacións oportunas no documento que terá que ser definitivamente aprobado polo Consello.






Xavier Simón


















