Vicent Boix-. Os agrocombustíbeis e o investimento especulativo nos recursos agrícolas elevan moito o prezo dos alimentos. As colmadas reservas e as soberbias colleitas xa non serven para aplacar a voracidade e a avaricia duns poucos aos que non lles importa que a xente morra de inanición.
Especulando que é xerundio.
![]() |
![]() |
|
|
O pasado setembro, a Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO), anunciaba nun comunicado de prensa que 925 millóns de persoas no mundo sufrían fame. Aínda que se logrou descender dos 1023 millóns contabilizados en 2009, a actual cifra segue a ser “inaceptabelmente alta”, segundo a propia organización. Entre os factores que influíron para este significante descenso, a FAO destaca o crecemento económico nalgúns países e a redución nos prezos dos alimentos.
Aínda así e a pesar das boas novas, nada está a ser como antes da crise alimentaria de 2008. A propia FAO advertía en decembro de 2009 que os alimentos mantiñan prezos elevados. Segundo unha escala que confecciona esta institución, en novembro de 2009 o índice de prezos dos alimentos mantivo unha media de 168 puntos. Este nivel foi un 20% inferior ao máximo histórico de xuño de 2008, cando a crise mundial nos prezos estaba en pleno apoxeo. Con todo, antes de 2007, este valor nunca superou os 120 puntos e durante a maior parte do tempo mantívose por baixo dos 100. Estas cifras indican claramente que, nos últimos anos, os alimentos experimentaron incrementos espectaculares nos seus prezos que ameazan a seguridade alimentar de millóns de persoas.
A FAO, fiel aos intereses de quen controlan os recursos agrícolas para se enriquecer, enumerou os factores que ao seu xuízo ocasionaron a subida. Por exemplo, xustificou que o aumento en 2007 e 2008 foi inducido polas malas colleitas, a redución das reservas mundiais de cereais, o medre nos prezos do petróleo e o desvío de cultivos para alimentar depósitos de coches en detrimento dos bandullos humanos –agrocombustibles. Tamén polas restricións á exportación impostas por algúns países cando estoupou a crise dos prezos, a debilidade do dólar e a especulación nos mercados financeiros.
A finais de 2009, pola contra, as reservas de cereais recuperáronse, as exportacións eran máis adecuadas e o prezo do petróleo descendera, entón Por que seguían os prezos elevados?
Como moitas organizacións e moitos expertos indicaron, dúas das causas sinaladas pola FAO serían o detonante que empurrou á humanidade a unha etapa de alimentos caros: os agrocombustíbeis e o investimento nos recursos agrícolas.
A organización GRAIN cita que o diñeiro especulativo en alimentos creceu dos 5.000 millóns de dólares en 2000 aos 175.000 en 2007. Numerosas fontes bibliográficas informan que, investidores e empresas especularon na merca de terras e colleitas xa que esta actividade xera espectaculares dividendos. A FAO é consciente deste fenómeno. En xuño recoñecía a influencia da especulación en alimentos na crise de 2008, pero á vez indicaba que “limitar ou prohibir os mercados especulativos pode traer máis inconvintes que vantaxes”.
Nos meses de agosto e setembro de 2010, na bolsa de futuros de Chicago –o principal niño de especuladores– o trigo sufría un incremento do prezo dun 60-80% respecto ao mes de xullo. Ao parecer, algúns brokers viron unha oportunidade de ouro na prohibición das exportacións de trigo en Rusia e a escaseza noutros países como Ucraína e Canadá. As multinacionais alimentares tamén reaccionaron ante o temor da escaseza. Por iso realizaron contratos de futuros e acapararon toneladas de trigo. Os prezos, loxicamente subiron e os países de África esixiron á FAO solucións na volatilidade dos mesmos. O aumento do 30% no prezo do pan, orixinou en Mozambique disturbios que deixaron varios mortos. Aínda non son máis noticia que os exabruptos de Mourinho e as cantilenas de Belén Esteban, pero todo é cuestión de tempo. O millo tamén se incrementou un 40%, o arroz un 7% e esta tendencia alcista, de seguir, podería arrastrar a outros alimentos básicos e materias primas como os pensos. Esta volatilidade obrigará aos 77 países máis pobres do mundo a gastar un 8% máis de diñeiro en comprar alimentos. Máis pulgas para os cans fracos.
Doutra banda, o café tampouco escapou deste vórtice especulador. A finais de setembro, a ONG española ESPANICA –que importa café de comercio xusto desde Nicaragua– informaba aos seus socios que os prezos internacionais do café estaban a medrar debido a que os grandes operadores estábanse aprovisionando de cantidades importantes de gran. É posíbel que esta provisión de café sexa para introducilo posteriormente ao mercado, reducindo os prezos a niveis de fame e afogando a millóns de labregos e pequenos competidores.
A pesar de todo, diversos expertos de países membros da FAO, reunidos tamén a finais de setembro, recoñeceron que “as malas colleitas inesperadas nalgúns dos principais países exportadores, seguidas de medidas políticas a nivel nacional e as manobras especulativas, foron os principais factores detrás da escalada recente dos prezos mundiais e da elevada volatilidade presente, máis que as leis do mercado global.” Os expertos comprometéronse a “explorar enfoques alternativos para mitigar a volatilidade”, miraron de esguello ao todopoderoso “Deus Mercado”, pero nin lle toseron e é máis, escusárono.
En outubro de 2010, a situación dos prezos provocou un lixeiro cambio de formulacións. O Comité de Seguridade Alimentaria da FAO demandou “…actuar de xeito urxente en cuestións crave relacionadas coa seguridade alimentar e a nutrición como a tenencia da terra e os investimentos internacionais en agricultura, a volatilidade dos prezos dos alimentos…” e pediu examinar “as causas e consecuencias da volatilidade dos prezos alimentares, incluíndo as prácticas que distorsionan o mercado e os vínculos cos mercados financeiros…”.
Desde a FAO e outros estamentos como a Comisión Europea, alegan que unha crise como a de 2008 queda lonxe. Afirman que hai dispoñibilidade, que hai reservas suficientes e até a FAO sinala que a previsión na produción mundial de cereais para 2010 podería ser a terceira maior rexistrada até hoxe. Pero aínda así e a pesar do optimismo, os prezos dos alimentos están a medrar por máis valeriana que inxecten desde Bruxelas e Roma.
A principios de novembro de 2010, no estado español, algunha marca de pasta xa comunicou aumentos do 15% para inicios de 2011, como consecuencia da subida do prezo do trigo. Os supermercados e distribuidores, donos e señores da cadea alimentar, tamén vaticinaron incrementos nos prezos de certos produtos. Por iso en épocas de crise, tocará rascar máis se cadra o maltreito peto ou comer directamente pedras do río, mentres esperamos as “exploracións de enfoques alternativos para mitigar a volatilidade”, que están a realizar algúns afortunados burócratas da FAO, que seguramente devengarán salarios astronómicos que evitarán calquera sufrimento á hora de encher os seus frigoríficos.
As colmadas reservas e as soberbias colleitas xa non serven para aplacar a voracidade e a avaricia duns poucos aos que non lles importa que a xente morra de inanición. Os estamentos públicos en todas as súas dimensións e galaxias, tampouco están dispostos a frear as prácticas criminais do “Deus Mercado” e moito menos a separar a agricultura e a alimentación de toda depravación mercantilista. Multinacionais, investidores, bancos e brokers seguirán a ser os amos do choio, caia quen caia, adelgace quen adelgace.
É por iso que seguirán a ter a culpa as malas colleitas aínda cando non hai malas colleitas. Tamén os países que limitan as súas exportacións en intres de risco, aínda que iso é o que farían todos se puidesen. Porque resulta máis práctico mirar a outro lado e botar balóns fóra, que incentivar unha soberanía alimentar que garanta alimentos de calidade e reactive o tecido rural en cada cidade, nación, estado ou continente.
O control dos recursos agrícolas
O suculento negocio dos agrocombustíbeis foi sinalado como outra das causas principais do medre de prezos na comida no ano 2008. Jean Ziegler, o ex relator especial da ONU para o dereito á alimentación, chegou a afirmar que “É un crime de lesa humanidade queimar alimentos para xerar agrocombustíbeis”.
A cuestión principal é que millóns de hectáreas no mundo –especialmente nos países do sur– xa non satisfán as necesidades alimentares dos seus pobos, senón que se transformaron en factorías para cultivar produtos destinados aos países economicamente ricos. Os agrocombustíbeisporque supuxeron a máis recente volta de porca, pero non hai que esquecer que existen outros produtos como a soia que acaba de forraxe para o gando, o algodón, o café, o azucre, flores e decenas máis de produtos agrícolas que se producen en países pobres, ben porque só poden brotar en certos climas ou ben porque é máis rendíbel producilos neses lugares.
Coa crise dos prezos millóns de persoas soportaron fame, mentres unhas poucas transnacionais de grans, produtos agroquímicos, sementes, agroexportadoras, así como grandes cadeas de supermercados e especuladores, lograron en 2007 e seguen a xerar agora, extraordinarios beneficios grazas a que conforman oligopolios e controlan toda a cadea produtiva.
Para visualizar dun xeito máis gráfico como estas grandes compañías seguen a lograr bens mentres a xente sofre inanición, exporei un sinxelo exemplo dunha das compañías máis controvertidas que existen: Monsanto.
Para iso remontarémonos ao ano 2008, no que se produciu tamén unha importante subida nos prezos dos insumos químicos destinados á agricultura. Como é lóxico deducir, este feito orixinou que moitos agricultores prescindisen deles, o que nalgúns lugares carrexou un descenso na súa produción. Loxicamente, unha menor oferta sumada a un incremento nos custos de produción, redundou no aumento do prezo dos cultivos. Neses días, atribuíuse esta subida dos agroquímicos ao incremento do valor do petróleo, a mobilidade do dólar, a crise en USA, etc.
Con todo a realidade puido ser outra. En febreiro de 2008, Monsanto xa prognosticaba para o dito ano a ampliación no beneficio bruto pola venda de Roundup –o seu herbicida estrela– que oscilaría os 1300 e 1400 millóns de dólares, “…apoiado polo aumento dos volumes e os prezos a nivel mundial”.
De 2007 a 2008, o galón de Roundup pasou de 13 dólares a 20 e duplicouse o beneficio bruto total pola venda deste produto. Paralelamente, a mediados de 2008 o prezo do petróleo descendía, pero no mesmo informe, a previsión que facía a transnacional para 2009 era seguir aumentando o prezo do galón do herbicida. Tal era ese ascenso, que a perspectiva era obter máis dividendos que en 2008 aínda vendendo menos volume de Roundup, co cal, mentres moitos pasaban fame outros enchían as súas contas bancarias. Non foron os únicos.
Segundo un informe de GRAIN datado en abril de 2009, “…as ganancias de Nestlé de 2008 subiron un impresionante 59 por cento, e o incremento de Unilever achegouse ao 38 por cento (…). Os beneficios do cuarto trimestre de 2008 para o xigante comerciante polo miúdo máis grande do mundo, Wal-Mart, diminuíron lixeiramente, o cal non sorprende dada a profunda recesión que afecta aos EUA. Aínda así apañou 3800 millóns de dólares durante ese período.”
Beneficios para algunhas das compañías de sementes/pesticidas máis grandes do mundo
| Compañía |
Beneficios 2008 (en millóns de US$) |
Aumento con respecto a 2007 (%) |
| Monsanto | 2.926 | 120 |
| Syngenta | 1.692 | 19 |
| Bayer | 1.374 | 40 |
| Dow | 761 | 63 |
| BASF | 894 | 37 |
Fonte: GRAIN16
Estes beneficios explícanse en parte polo control case monopólico que exercen. Segundo o grupo ETC no seu informe “De quen é a natureza?” –Publicado en novembro de 2008–, o 67% do comercio mundial de sementes era manexado en 2007 por 10 grandes multinacionais –DuPont, Syngenta, Limagrain Bayer, etc. Só Monsanto detentaba case o 25%.
De acordo coa mesma fonte, 10 empresas controlan o 89% do comercio de agroquímicos –Bayer, Syngenta, Dow, Monsanto, etc. Delas, as seis máis poderosas tamén participan do negocio das sementes. Ademais o 26% do mercado mundial de comestíbeis empaquetados tamén é colmado por 10 transnacionais –Nestle, Pepsico, Kraft, Coca-cola, Unilever, Danone, etc.
Hai 30 anos que Frances Moore Lappé e Joseph Collins escribiron o maxistral libro “Comer é primeiro. Máis aló do mito da escaseza”. Con suma destreza e desatando unha impresionante tormenta de datos e bibliografía, os autores van desmontando as premisas oficiais que durante eses anos intentaban explicar a crecente fame negra en moitos países do mundo.
Facendo gala ao propio título, o libro combate con tesón a idea de que a escaseza de alimentos é o motivo da fame e o subdesenvolvemento. Dese xeito, Moore Lappé e Collins van argumentando aos poucos, que a causa do desasosego en moitos estados do sur é o control por parte duns poucos dos recursos agrícolas, entendidos estes como a terra, os insumos, as sementes, o comercio, a distribución e en xeral cada un dos elos da cadea alimentaria.
A conclusión máis amarga tras ler esta investigación, é que hoxe nada cambiou e afóndase nos mesmos esquemas doutrora, como ben se pode visualizar cos balances económicos que se debullaban máis enriba e que aconteceron xusto nun período de crise alimentar de proporcións mundiais que deixou a millóns de persoas famentas.
A agricultura tradicional e o intermediario feroz
Ofrecéronse datos da influencia da especulación nos prezos dos alimentos. Tamén sobre o control que exercen algunhas transnacionais nalgúns recursos agrícolas e os beneficios que carrexa este oligopolio. Viuse como algunhas empresas alimentares tamén gañaron sumas inxentes en períodos de fame. E neste punto centrarémonos un pouco máis neste aspecto do comercio dos alimentos.
Aqueles labregos que non cultivan para subsistir ou non venden en mercados locais, teñen que loitar pola súa porción de pastel dentro do supermercado global. Iso conleva acatar as condicións daqueles que especularán cos seus cultivos e/ou que mercarán os seus produtos –intermediarios, transnacionais agroexportadoras, certos comerciantes polo miúdo, centros comerciais, supermercados, etc.
O principal problema que enfronta o campesiño é que estes intermediarios, transnacionais, etc. exercen un control sobre o comercio dos alimentos e son os que impoñen os prezos e as características dos cultivos. Estamos pois ante outro elo da cadea alimentar, dominado unha vez máis por un oligopolio que establece os parámetros sen medir as consecuencias.
Estes produtos que son literalmente “roubados” ao agricultor, logo multiplican o seu valor nos andeis de comercios e supermercados. En España, a Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG) e as organizacións de consumidores, UCE e CEACCU, elaboran periodicamente o Índice de Prezos en Orixe e Destino dos Alimentos. No último estudo correspondente ao ano 2009, denunciábase que os alimentos multiplicaban por cinco o seu valor, desde o agricultor ao consumidor. Descubríronse casos extremos como o da cenoira, que era pagada ao campesiño a 0,08 euros e vendíase logo a 0,98.
Chegouse a este extremo porque a distribución quedou en mans dunha manchea de intereses que impoñen as súas condicións. En España, no ano 2005, o 90% da venda de alimentos estaba controlada pola distribución moderna e é máis, o 75% do total manexábano cinco supermercados e dúas centrais de compra. Esta concentración da oferta medrou na medida que pechaban as súas portas máis de 70.000 tendas tradicionais na última década. Cifras similares repítense noutros países. En Suecia no ano 2000, tres distribuidores modernos acaparaban o 95,1% da venda de alimentos. En Dinamarca eran seis os que controlaban o 63,8%. En Arxentina tres conseguían unha cota do 45,3% e en Chile tres máis obtiñan un 39,6% do total.
Este fenómeno do intermediario é ben coñecido a nivel mundial. En xullo de 2004 puiden asistir ao IV Foro Mesoamericano pola Diversidade Biolóxica e Cultural, celebrado no municipio salvadoreño de Carolina. Durante varios días puiden entrevistar a agricultores e expertos de Panamá, Costa Rica, Nicaragua, México, Honduras, O Salvador, etc. Todos eles recoñeceron o problema do intermediario, –coñecido tamén como “o coyote”– e a inexistencia de financiamento para os seus cultivos, xunto a unha terceira causa: a entrada dos excedentes dos países do norte, que ao estar subsidiados compiten e desprazan a produción local (dumping).
Colombia antes podía auto abastecerse do seu propio trigo até que o estadounidense foi invadindo os seus mercados. En 1966 o país suramericano producía 160.000 toneladas e importaba 120.000 toneladas. En 1990 cultivaba 20.000 e importaba 1.200.000. No 2004, a importación superou 1.800.000 toneladas.
En México, a Confederación Nacional Campesiña, denunciou que varios anos logo da entrada en vigor do Tratado de Libre Comercio de América do Norte “…só quedan 5 mil 200 produtores de arroz en todo o país, cando hai unha década eran case 30 mil, e se antes se sementaban unhas 250 mil hectáreas, a superficie actual apenas chega a 70 mil.” e “…o campo mexicano presenta danos máis graves que os producidos por furacáns, xa que no caso do arroz importáronse 7 mil millóns de toneladas e un 80 por cento do gran que se consome no mercado nacional. O cultivo do cereal estivo a piques de desaparecer e agora, en similar risco están os produtores de millo, feixós e cana de azucre, ante a apertura total en 2008…”.
Este fenómeno das importacións excedentarias subsidiadas favorecidas pola rebaixa nos aranceis é catastrófico porque extermina a millóns de agricultores que non poden competir, aínda que sería inxusto circunscribilo nunha soa dirección norte-sur. Máis ca nada porque moitos terratenentes, distribuidores e investidores acapararon terras nos países do sur, e deslocalizaron certos cultivos xa que poden obtelos máis baratos. Facendeiros e aristócratas de nacións pobres tamén entraron nesta dinámica e venden grandes cantidades de cultivos a intermediarios do norte. Deste xeito, estes alimentos cultivados no sur por grandes intereses, viaxan cara os andeis das nacións do norte e como son máis competitivos desprazan os seus agricultores até levalos á ruína. Campesiño do norte, xaque mate.
Os pequenos agricultores dos países do sur antes xeraban os seus alimentos pero foron abatidos polas importacións subsidiadas entre outros motivos. Agora as terras destes países cultivan para exportar produtos exóticos sobre todo. Estas nacións, unha vez aniquilados os seus agricultores, dependen das importacións de alimentos, que poden estar perigosamente encarecidas se os brokers deciden xogar un pouco. Quen non poidan aceptar as condicións do intermediario nin competir coas importacións subsidiadas, deberán abandonar a terra e buscar outro xeito de subsistir. Campesiño do sur, xaque mate.
Por iso millóns de agricultores abandonan a terra cada ano e esta acaba concentrándose cada vez en menos mans. España, con cifras do último censo agrario dispoñíbel (ano 1999), perdera nunha década máis do 21% das explotacións agrarias, mentres a superficie utilizada e labrada ascendían. Na Unión Europea desapareceron preto de 500.000 explotacións agrarias entre 2005 e 2007. En Reino Unido, desde 1965 ata 1995 esluíronse máis de 200.000. Arxentina, en 1988 albergaba 421.221 explotacións e pasou a 333.533 en 2002. Entre os anos 1964 e 2007, Estados Unidos dilapidou aproximadamente o 40% das súas explotacións, incrementándose á vez o tamaño medio destas.
Entre 1994-1996, a agricultura acollía ao 47% da poboación economicamente activa a nivel mundial, cifra que en 2006 descendeu a un 42% segundo a FAO. No mesmo intervalo de tempo, a poboación rural diminuíu do 55% do total ao 51%. Segundo datos da mesma organización e tamén nese período, o comercio internacional agrícola incrementouse en todo o planeta. As importacións pasaron de 449.000 millóns de dólares a 746.000 e as exportacións de 432.000 a 721.000. Estes números indican claramente que, comercio internacional e desenvolvemento non van precisamente collidos da man, porque se repite e profundiza no modelo que Moore Lappé e Collins denunciaron hai tres décadas.




