E-mail Web


Volver
Manoel Santos

Manoel Santos (nacido en Vigo en 1969, orixinario de Corrubedo). Biólogo, experto en Ecosistemas e Recursos Biolóxicos, escritor, colaborador xornalístico e produtor editorial. Militante altermundista.

Ademais da súa actividade como produtor editorial e ambientalista, campo no que escribiu máis dunha vintena de obras referentes ao medio ambiente e as súas problemáticas, é presidente e fundador de Altermundo, entidade sen ánimo de lucro que estuda os movementos antiglobalización mundiais e a súa antítese, o neoliberalismo, desde unha óptica galega. Dentro desta entidade é director do medio de prensa alternativo en galego Altermundo.org, dedicado á difusión e educación no campo do ideario e alternativas dos movementos globais opostos á mundialización capitalista. Neste medio pódense ler boa parte dos seus artigos, máis de 400, referentes aos movementos antiglobalización, dereitos humanos, ecoloxía social, alternativas políticas, etc. É tamén director director do Suplemento Horizontal Altermundo, que se publica cada mes co xornal en lingua galega Galicia Hoxe, así como analista en temas político-sociais e ambientais no mesmo diario, no que ademais colaboracións puntuais rexenta unha columna semanal chamada Voto en Branco.

Noutros eidos, é un dos promotores do Foro Social Galego e forma parte do seu Consello dinamizador na área de comunicación, faceta que tamén realiza na Rede Anticapitalista Galega, de recente creación, ou no Comité organizador do Foro 2010 (Foro Mundial de Educación) en Santiago de Compostela entre outras cousas. Participa tamén dos procesos dos Foros Sociais Mundiais e do Foro Mundial dos Medios Libres.

Manoel forma parte de varios colectivos altermundistas e ambientalistas. Colaborador do Igadi (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), de Attac, membro da Rede Latinoamericana de Promotores Cidadáns fronte á Globalización, do Worldwatch Institute, do Laboratorio Mundial dos Medios Libres, Presidente da Plataforma Mediambiental de Corrubedo, (integrante de Galiza Non Se Vende) etc. e publica a miúdo textos e reflexións en varias revistas, medios e foros alternativos como Rebelión, Tempo Exterior, Alai (América Latina en Movemento), Aporrea, Fírgoa (Universidade de Santiago), Foro Mundial das Alternativas, Vía Campesina, etc