Beiras: “Sempre entendín a política como un combate”
Marga Tojo   
Mércores, 21 de Novembro do 2007

 "A miña forma de actuar ten o custo de levar hostias e de que despois te descabalguen", sostén o líder nacionalista. "A liberdade de prensa é puro eufemismo. Antes había prensa de partidos e agora os medios só falan do que lles interesa aos poderes económicos", mantén o político, que hoxe participa en "Pobre Mundo Rico".

Se, como di Armand Mattelart, a sociedade da información é un mito, os seus tentáculos son os "modelos económicos neoliberais que converten calquera actividade en negocio". A frase é de Xosé Manuel Beiras Torrado, catedrático de Estrutura económica e membro da Executiva nacional do BNG. A contextualización é nosa. O político máis carismático da historia galega conversa con GALICIA HOXE no marco do simposo internacional Pobre Mundo Rico no que hoxe estará como relator co tema "As miserias da globalización".

E xustamente, cando Mattelart critica o concepto hexemónico de información, refírese a unha perspectiva estatística que deixa de lado a memoria e cultura dos pobos e interésase soamente pola canle. Neste sentido, é doado recoñecer o papel de Beiras como brazo detractor da instrumentalización das sociedades, trascendendo, porén, aquela tese asociada á teoría mattelartista da fin das ideoloxías, pois, como en Marx, houbo no líder nacionalista un punto sen retorno no que todo se comezou a ler desde a economía.

Para Beiras, a globalización é unha etapa dentro desa forma do capitalismo que se chama imperialismo; unha fase dentro do proceso de mundialización do capitalismo. "Até o remate da chamada guerra fría, había dous eixes dialécticos no mundo: capitalismo e socialismo e outro, centro periferia -puntualiza-; pero desde a caída do bloque soviético, o primeiro eixe esvaécese e substitúese polo eixe do mal, por un novo inimigo, e o que queda é o centro-periferia. Hai tres planos: económico, ideolóxico e xurídico-institucional e a configuración deses tres planos concatenados é o que se pode denominar globalización".

O neoliberalismo, que Beiras denomina ultraliberalismo, naceu, segundo o economista, por unha crise de acumulación capitalista dos anos 70 e estableceuse coa chegada de Reagan e de Thacher. O neoliberalismo desarma o aparello do Estado das súas función sociais e adquire unha única función represiva, marxinativa, de esclusión social e de discrepancia dos disidentes. Como consecuencia disto, agudízase o sistema de Estados policiais, di o experto. "Vivimos en campos de concentración, e cada vez que imos a un aeroporto decatámonos. Tamén periodicamente se proclaman estados de excepción sen axustarse aos termos constitucionais, como por exemplo a lei de partidos ou as normas sacadas en Francia con Sarkozy ante todo o que pasou na periferia de París", sinala Beiras. É o que Loïc Wacquant chama pasar Do Estado social ao Estado penal, unha obra que, ademais, foi traducida para o galego por Laiovento, segundo nos informa o político compostelán.

Despois de case dous meses de simposio, temos claras algunhas das miserias do neoliberalismo. Mais existe algunha acción efectiva para mudar o sistema?

A única alternativa é o rearmamento político da cidadanía en organizacións sociais que non son propiamente de tipo partidario pero que son uns instrumentos políticos polos que os cidadáns vehiculizan a súa capacidade de resistencia e rebeldía fronte ao sistema e que ten a súa plasmación máis coñecida nos foros sociais mundiais.

Moitos incidiron nas miserias da prensa en como a prensa era un secuaz máis, un brazo máis do neoliberalismo

Eu distingo prensa en xeral, medios de comunicación, de empresas mediáticas. O primeiro problema está analizado tamén por Ramonet ou por Mattelart: a función mediática é unha función de información e comunicación, de suscitar polo tanto, o esclarecemento de cuestións e a posta en mans da cidadanía dunha información o máis veraz posíbel. Non hai, que eu saiba, no Estado español ningún xornal que se financie como xornal, é dicir vendendo os periódicos, como era en orixe o funcionamento da prensa. Este sistema de publicidade xa condiciona a empresa e iso reflíctese en, por exemplo, levar liñas de información que non molesten aos que, en definitiva, sosteñen economicamente o xornal. O problema non é tanto que se converta en secuaz senón que, así como antes había prensa de partidos e diciamos, "claro, é que conta o que lle convén ao partido", agora conta o que lles interesa aos poderes económicos. Hai unha simbiose entre poderes mediáticos e económicos. A relación entre poder político, económico e mediático, en esquema é a que expuxo Ramonet: poder económico controla o poder mediático e o poder mediático controla o poder político. A consecuencia é, que en lugar de haber comunicación e información coas función coas que naceu despois da Revolución Francesa, convértese simplemente nun instrumento de transmisión da información que convén, de ocultación mediante pantalla mediática da información que non convén e, polo tanto, nunha especie de xendarme ideolóxico do sistema existente para que non se poida modificar. Nesas condicións, a liberdade de prensa volatilízase, é puro eufemismo.

Partindo de que o traballador non é o responsábel, que dignidade lle queda á profesión de xornalista?

A profesión de xornalista é hoxe en día terríbelmente dificil de levar a cabo, de acordo cos canons da deontoloxía profesional de dar información. Os primeiros que non poden exercer a liberdade de expresión son os propios traballadores dos medios de comunicación. Con este panorama, boa parte dos traballadores acomódanse ou convértense en mercenarios ou autocensúranse. Por riba, a dinámica actual da comunicación convértea en instantánea e hai esa especie de boutade do xornalista, que en galego, ou en francés implica que fai información a diario, pero que son hoxe instantaneístas ou vénse atrapallados nunha maquinaria infernal que reproduce o que ese gran xornalista francés do Le Monde Diplomatique, Serge Halimi, chamou os novos cans de garda, que é unha reconsideración dun famoso ensaio de Paul Nizan Les chien de gard, que é o que logo se deu en chamar os intelectuais orgánicos. Pois agora os novos chien de gard son os grandes medios de comunicación e os xornalistas en xeral. Claro que hai excepcións.

Se me permite saír un pouco do tema, considero que nunca volveremos escoitar un discurso como o que fixo vostede o día das últimas eleccións autonómicas ás que se presentou, no que dicía grandes verdades sobre os medios de comunicación. É algo impensábel na figura do político profesional aséptico dos nosos días, criado no neoliberalismo.

É o que fixen nesa ocasión e nalgunhas outras, como no último debate de investidura de Fraga, no que falei dun cártel de Bergondo, dunha especie de alternativa política que se presentaba sen presentar lista e que me custou que comezara a miña lapidación desde moitos sitios. Claro que eu xa o sabía. O que fixen é trasladar cousas que xa están analizadas, que están postas en ensaios, que están postas en medios de comunicación que son libres, ou de esquerdas. Pero que ocorre? Que non é politicamente correcto dicir esas cousas na política actual, na política institucional. Por outra banda, a política actual está practicamente reducida a política institucional e non á política da sociedade, e por riba os cargos políticos preocúpanse cada vez máis de facer mensaxes de cara aos medios de comunicación. En lugar de dirixirse aos cidadáns, os políticos diríxense aos medios de comunicación. Pero eu sempre entendín a política como un combate, un combate cívico, claro, non violento. E por que? Porque fixen política en dúas coordenadas: na coordenada da autodeterminación do meu pobo, polo tanto, o nacionalismo; e na coordenada da esquerda, polo tanto, da transformación da sociedade. Se non se actúa así, podes sobrevivir na política moito tempo, seguramente, pero nin contribúes a transformar a sociedade nin á emancipación do teu país. Para iso prefiro non estar. O que pasa é que hai que estar disposto a pagar o prezo. É o prezo de levar hostias e despois o prezo de que te descabalguen.

Xa non quedan animais políticos coma vostede?

Hainos, pero non están na política institucional en postos clave. Non chegan ao poder e, se chegan, rapidamente se atopan cun dilema: ou ceden e se acomodan ou acaban como Jospin, por poñer un exemplo recente.


Marga Tojo
Sobre o autor ou autora:
Xornalista. Consello de Redacción de Altermundo.
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >