| Cidadanía global |
| Manoel Santos | |
| Xoves, 08 de Xuño do 2006 | |
|
[Extraído de Galicia Hoxe] Cóntanos Carlos Méixome (Documentos para a Historia Contemporánea de Galicia. Cumio, 1999.) que na Galiza o feito social máis salientábel no primeiro terzo do século XX foi a emigración transoceánica, especialmente entre 1910 e 1930, período no que se estima que foron facer as américas unhas 700.000 persoas. De cada 100 españois que se vían na obriga de engrosar o inferno da diáspora máis de 40 eran galegos. Non é pois casual que “gallego” sexa sinónimo de español en toda Latinoamérica. O drama repetiríase ao longo de todo o século, e así 1.350.000 galegos e galegas –a metade da poboación actual do país– cruzaron o océano en 100 anos, de aí o calificativo de “bíblico” que lle atribuíra X. M. Beiras ao pobo galego en O atraso económico de Galiza (Galaxia, 1973).No mesmo libro, fala O Beiras de como a emigración galega constituíu un xeito de escravitude dende o punta de vista social e a negación do máis elemental dereito da persoa: o dereito á vida no propio país, dende o punto de vista ético. E engadía: “Dende todos iles (os puntos de vista), a emigración supón a renuncia á revolta”. Cómpre lembrarmos isto para analizar obxectivamente –coa memoria histórica como escudo de armas– o fenómeno das migracións na actualidade. Practicar o cínico exercicio do esquecemento diría moi pouco de nós como pobo, mesmo no eido continental, pois foron máis de 50 millóns de europeos os que daquela emigraron. Malia que os fluxos humanos existiron sempre, pois humana é a busca continua dunha vida mellor, foi co capitalismo cando máis medraron. De feito, foron eses fluxos os que permitiron a expansión do capitalismo primeiro e do neoliberalismo, ou capitalismo radical, despois. Para chegarmos á ditadura do mercado que hoxe impera no mundo e que fai que nós vivamos na parte rica do planeta aplicáronse, e aplícanse, por parte dos gobernos e os organismos multilaterais –FMI, Banco Mundial, OMC– decálogos inhumanos como o Consenso de Washington, que impoñían a redución do déficit público, a liberalización financeira, a privatización de todo o privatizábel –mesmo da natureza e dos xenes que ordean a vida– e a disminución do gasto social e dos custes laborais. Para que o capital se expandira o máis posíbel, e con el a deshumanización global, recurríuse á flexibilación laboral, é dicir, ás comunidades inmigrantes que traballan máis por menos, e máis recentemente á deslocalización de empresas, ou o que é o mesmo en ambos os dous casos, á man de obra barata, á explotación, á escravitude da que nos falaba O Beiras. Non é o éxodo de subsaharianos desesperados cara Europa un xeito de escravitude, a que impón a fame, a pobreza ou a guerra? O egosísta sistema que mantemos favorece os fluxos migratorios e os combate á vez, permitindo por unha banda unha economía mergullada na que gorentan os poderosos e pola outra pechando fronteiras as persoas, levantando muros, deportando aos parias do planeta mesmo a países que non son os deles e patrullando costas e ribeiras coma se fora unha cacería. As migracións xeran riqueza, tanto nos países de orixe coma nos de destino, mais a dobre moral do Norte segue a fomentar a discriminación e a xenofobia con lexislacións cada día máis restritivas –globalización si, pero do que e cando lles pete–, pechando as portas aos indesexados necesarios. Hogano hai no mundo uns 180 millóns de migrantes, incluíndo desprazados e refuxiados, que son uns 25 millóns. A crise actual das migracións, consecuencia do neoliberalismo, xera morte, perda de identidade e desgraza a tres cuartas partes da poboación mundial. Dende os países ricos (só en cartos) ábrese e péchase a billa das fronteiras segundo convén, e a sociedade é cómplice silenciosa do xenocidio. Máis o éxodo vai continuar, pois do mesmo xeito que a emigración foi no seu tempo a renuncia á revolta do pobo galego, hoxe se cadra é unha revolta global en si mesma, a sufrida rebelión dos que reclaman o seu lexítimo espazo no digno vivir. Entre os días 22 e 24 terá lugar en Madrid o II Foro Social Mundial das Migracións, un espazo de debate, reflexión e formulación de propostas dos movementos sociais que se opoñen á globalización neoliberal e as súas consecuencias: a restrición do recoñecemento da cidadanía e os dereitos civís, políticos, económicos, sociais e culturais a través dunha libre circulación de capitais que non é acompañada pola liberdade na circulación de persoas. Van na procura do que se dá en chamar “cidadanía global”. Velaí a revolta.• | |
Ver todos os artigos deste autor ou desta autora |
|
| < Ant. | Seg. > |
|---|

