| Un foro social galego V. Acción e pensamento: sociedade civil, suxeito histórico e hexemonía I |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Domingo, 02 de Marzo do 2008 | |
X. M. Beiras-. E direivolo, para abreviar, con palabras de Sader: "O desafío é construir unha hexemonía alternativa, anticapitalista, que se apoie nas forzas sociais da "sociedade civil" contrapostas a outras, e dirixidas a transformar as bases fundamentais da sociedade, e máis do Estado".
[Galicia Hoxe] O meu relato do día pasado desembocaba finalmente nun xuizo de feito que se resolvía en interrogación. O xuizo de feito constataba que, após dous decenios de xestación, nun constante proceso acumulativo, o novo milenio alborecía coa eclosión da cidadanía activa a movilizárese polo planeta adiante fronte ao imperio da globalización ultraliberal. Polo planeta adiante, é dicir, na periféria e no centro do sistema, no norde e máis no sul. E a interrogación que ese feito suscitaba era ésta: mais, qué rumbo leva? Os procesos sociais son dialéticos, non lineais, e implican cívicamente unha praxe na que pensamento e acción se retroalimentan recíprocamente: por dicirmolo así, son ésas as duas pernas coas que camiñan. Comezan, ou adoitan comezar, pola negación do existente, que ven ser o seu xeito inicial de afirmarense -análogamente ao proceso de socialización do indivíduo humán na fase infantil de formación e afirmación da sua identidade persoal, negándose a facer sen máis o que lle mandan. E adoitan tamén progredir dende o concreto cara o xenérico, do particular ao universal. A protesta, e subseguintemente a revolta, fronte á globalización non nace dunha controversia ideolóxica enfrontada ao sistema de valores que proclaman os seus apoloxistas -os "evanxelistas do mercado", que diría Keith Dixon- senón da experiéncia dos seus efeitos nocivos sobre os grupos humáns e as camadas sociais que os padecen -e que resultan ser "as maiorías que forman o sochán do mundo", en palabras do Marcos zapatista. O resultado desa experiéncia maniféstase e exprésase en negación da globalización, é dicir, da realidade que ela constitue, mesmo sen coñeceren esa denominación, sen saberen que se chama así, ou denantes de dárenlle ese nome. E esa experiéncia é un feito da prática, da vivencia existencial individual e colectiva, que acontece no concreto, no particular ámbito de experiéncia dos problemas padecidos polo colectivo humán atinxido en cada caso -sexan os labregos sen terras brasileiros, os aimaras do altiplano ou dos "Yungas" bolivianos, os escluídos dos arrabaldos parisiéns, ou calquera outro na periferia ou no centro do sistema globalizado. A negación resultante en forma de consciencia da experiencia padecida tradúcese á sua vez nunha prática, en acción, en combate, en movilización. A controversia ideolóxica só ven a seguida, formulada polos proprios protagonistas dos problemas no concreto, ou por grupos de cidadáns que os analizan e diagnostican dende posicións solidárias coas suas vítimas, e que pasan á sua vez á acción de combate ideolóxico esclarecedor da índole universal do andacio e movilizador da conciencia social -como é o caso do CADTM, de ATTAC, ou calquera outro dos xa referidos nestas páxinas.
Máis logo, nun novo paso adiante, virá o enunciado de alternativas -que supón a pasaxe á fase da afirmación, da conversión da antítese do sistema en tese dun sistema alternativo. Se no inicio dese proceso ideolóxico está a identificación da globalización ultraliberal como "nova guerra mundial, contra a humanidade enteira" -outravolta palabras zapatistas- a negación esprésase na serie de concretos non á débeda dos países probes, non aos paraísos fiscais, non aos transxénicos, non á destrución dos ecosistemas, e así seguido, até o universal non ás institucións de Bretton Woods, ao rexime dólar-Wall Street, á globalización financeira, ao capitalismo depredador globalizado. E ao cabo a afirmación da alternativa global simbolizada no lema "un outro mundo é posíbel", que compre tornar posíbel e, para iso, deseñalo e construilo. Nesas estáse no albor do novo milenio, en vísporas da xeira dos FSM que vai pórse a andar en Porto Alegre no 2001. * * * * *
No plano do pensamento, tres son ao meu ver os eidos conceituais nos que se construen, reconstruen ou reelaboran as categorías cardinais para a orientación do(s) movemento(s) anti-globalización cara unha traxectoria converxente que lles permita artellar a sua orixinaria diversidade e tornarse, sociopolíticamente, nunha internacional de novo deseño, nunha alternativa mundial á globalización capitalista, ao imperialismo ultraliberal. Eses tres eidos conceituais, ao meu ver, insisto, son o da sociedade civil, o do suxeito histórico e o da hexemonía. Tentarei facervos un boceto rudimentario de cada un diles. * * * * * Dado que a prática do combate fronte á globalización xurde protagonizada por pulsións de grupos cidadáns que dan lugar a movementos e orgaizacións cívico-sociais, e non políticas no senso usual ou convencional do termo, o espazo no que se desenvolve a sua acción, o terreo de combate, éo a sociedade mesma, e non a sua superestrutura xurídico-política ou, noutras verbas, non o aparello institucional do poder político. Ese espazo ven ser o que se deu en denominar "sociedade civil". Mais trátase dunha espresión abusivamente utilizada, banalizada e deturpada nos últimos tempos. A deturpación máis grave consumouna precisamente a ideoloxía neoliberal, coa agravante de incorporala ao dogma erixido en "pensamento único". Consiste nunha dupla simplificación abusiva. A primeira: contrapor a sociedade civil ao aparello de estado convirtindo Estado e sociedade (civil) en elementos antitéticos, e domiciliando só no aparello político estatal o poder. A segunda: contemplar a sociedade civil como un magma, como un espazo uniforme e invertebrado -nomeadamente coa abolición da noción de clase social e a omisión da estrutura de clases na observación e interpretación da sociedade e máis no tratamento da dinámica social. Esa situación obrigaba ao pensamento alterglobalizador a reformular a noción de sociedade civil, a reconstruila en coordenadas obxectivas, a restituirlle o seu correcto sentido e o valor semántico que adequirira no pensamento da esquerda, só que proxectado no contexto sociopolítico actual. É sabido que, en orixe, con Locke, nos albores da ilustración, esa noción operaba en sentido liberador fronte ao poder absoluto sobre os súbditos das formas de Estado autocrático e teocrático do antigo rexime europeu: era o pensamento liberal das luces fronte ás tebras. Sociedade civil remitía á "civitas", implicaba cidadanía, individuos libres titulares da soberanía, e portanto fonte e fundamento democrático do poder no aparello do Estado -en contraposición a individuos confinados na condición de "sujets", de súbditos carentes de dereitos políticos e "suxeitos" ao poder do "soberano", do autócrata identificado co Estado- o famoso "l"État c"est moi", o Estado son eu, de Louis XIV. Na versión neo-liberal, no pensamento único globalizador do ultraliberalismo, a oposición sociedade civil/Estado traduciuse en esquema maniqueo: "tendeuse a rexeitar a acción estatal como malévola por definición, en nome dunha "sociedade civil" que portaría os elementos positivos tamén por definición", escribía o brasileiro Emir Sader na encrucillada do novo milenio. "Ese maniqueísmo -engadía- suscita problemas en duas dimensións: por unha banda, descarta a posibilidade de democratización radical do Estado e, pola outra, mete nunha mesma caixa de grilos todo o que non é Estado, incluídas todas as grandes empresas privadas" -cousa que subrepticiamente conduce cara "a condea do Estado e absolución do empresariado privado". Mais o pensamento da esquerda desenvolvera a herdanza da ilustración nunha direición inversa á de calquer reducionismo maniqueísta. O marxismo clásico do XIX, o dos fundadores, afonda na análise da estrutura interna da sociedade, na definición das clases sociais, e no "revelado" das suas relacións non evidentes tanto coa base económica canto coas ideoloxías e co aparello de poder do Estado -é dicir, coas superestruturas ideolóxica e xurídico-política. De aí resulta que a sociedade civil é "un espazo de disputa entre as clases fundamentais pola hexemonía". E Gramsci, xa no s. XX, vai dar un salto adiante na conceitualización da hexemonía, precisamente, a partir da consideración da sociedade civil como espazo privilexiado dos conflitos de clase nos que a clase dominante tende a apropriarse do Estado para facelo funcionar a prol dos seus intereses peculiares -que non do común dos cidadáns. Portanto a sociedade civil non é o oposto do Estado, senón o espazo onde se forxan as correlacións de forzas que van configurar o suxeito histórico, definir a hexemonía na dinámica social, e determinar o contido de clase dominante no aparello do poder do Estado. Velaí, xa, a presencia dos outros dous eidos conceituais que enunciei ao comenzo destas matinacións. Esplorarémolos o vindeiro día. Mais queiro deixarvos sinalada xa unha implicación decisiva desta conceición da sociedade civil para o movemento anti-globalización. E direivolo, para abreviar, con palabras de Sader: "O desafío é construir unha hexemonía alternativa, anticapitalista, que se apoie nas forzas sociais da "sociedade civil" contrapostas a outras, e dirixidas a transformar as bases fundamentais da sociedade, e máis do Estado". Ou sexa, trátase de "construir unha nova visión e un novo espazo para a política". Unha visión que non separe a "sociedade civil" do Estado, a loita social da ideolóxica e da política, senón que as conxugue orientadas á "construción dunha nova sociedade -tanto nas suas bases económicas canto nas sociais, políticas e culturais". | |
Ver todos os artigos deste autor ou desta autora |
|
| < Ant. | Seg. > |
|---|

X. M. Beiras-. E direivolo, para abreviar, con palabras de Sader: "O desafío é construir unha hexemonía alternativa, anticapitalista, que se apoie nas forzas sociais da "sociedade civil" contrapostas a outras, e dirixidas a transformar as bases fundamentais da sociedade, e máis do Estado".
