| Foro social galego VII. Acción e pensamento: sociedade civil, suxeito histórico e hexemonía III |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Luns, 17 de Marzo do 2008 | |
|
X. M. Beiras-. Desque os diversos movementos sociais que combaten os malfeitos da globalización coordenan as suas accións e deseñan estratexias conxuntas de confrontación co poder globalizador, dende ese intre, digo, están a configurárense, están a erixírense tácitamente en novo suxeito histórico emerxente. [Galicia Hoxe]
Dixéravos hai uns días que os procesos sociais non son lineais, senón dialéticos. Que comezan pola negación do que rexeitan para afirmárense de primeiras. Que se inician na prática -na acción- e só máis logo, a partir dela, enxendran un pensamento e configuran unha ideoloxía. Que o seu curso adoita decorrer dende o concreto cara o xenérico, do particular ao universal. E que a "sociedade civil" na que xurden e se desenvolven, antes de proxectárense na instancia política, non é un magma, non é uniforme nen sequer homoxénea, senón un espazo heteroxéneo estruturado en grupos e clases sociais con identidades, intereses e cosmovisións diferentes, contrapostas e mesmo, no seu caso, antitéticas, antagónicas. Concluíamos que a dinámica así enxendrada configura o suxeito histórico en cadanseu período e contexto, e convirte á sociedade civil no espazo ou escenario onde os grupos se disputan a hexemonía -nomeadamente os protagonistas primordiais desa dinámica, as clases sociais antagónicas. Desembocamos así no eido temático que faltaba por examinarmos: a custión da hexemonía. * * * * * Desque os diversos movementos sociais que combaten os malfeitos da globalización coordenan as suas accións e deseñan estratexias conxuntas de confrontación co poder globalizador, dende ese intre, digo, están a configurárense, están a erixírense tácitamente en novo suxeito histórico emerxente. Están a dar os pasos que marcan o tránsito do concreto e particular ao xenérico e universal. Naceran en procesos de autoorgaización para loitaren en cadanseu eido de problemáticas específicas, de espazos territoriais localizados e formacións sociais concretas, de identidades grupais particulares formadas por afinidades e por adscrición a comunidades de moi diversa índole e natureza. Ao entraren en interrelación descobren os nexos que os enfían en coordenadas comúns e máis a dimensión xenérica da problemática que padecen e das opresións que aturan. Descobren e identifican o común inimigo principal, o causante primordial da problemática "global", e máis a sua común relación antagónica a respeito dil: é esa posición obxetivamente antagónica a que os sitúa na antítese do poder estabrecido no sistema capitalista globalizado, a que os configura como suxeito histórico emerxente, e preñado dunha alternativa tamén ela sistémica e tamén ela global, mália que aínda non parida. Eis a conversión do movemento anti-globalización en alter-globalizador. Eis o sentido de que "outro mundo é posíbel".
Mais velaí que, agora tamén, desque o novo suxeito histórico emerxente pasa da simples negación anti-sistema á afirmación da sua vocación alter-globalizadora, ou sexa, desque pasa a encarnar e liderar unha alternativa global antitética do imperialismo ultraliberal, dende ese intre emerxe na escena sociopolítica a custión da hexemonía: nefeito, o novo suxeito entra tácitamente en combate pola hexemonía, poisque só disputándolle a hexemonía a quen a exerce no actual sistema-mundo, só acadando unha hexemonía alternativa, só así poderá transformar o mundo no "alter-mundo" que il abesulla e postula. * * * * * Ora, en qué consiste a hexemonía? Tom Bottomore, no seu xa clásico dicionario do pensamento da esquerda marxista, sinala a dificuldade dunha definición unívoca, "por mor da utilización da palabra en dous sensos diametralmente opostos: no primeiro siñifica "dominación" e, no segundo -o máis usual- siñifica "liderádego", implicando neste caso -engade- unha certa noción de consentimento". O primeiro é, por caso, o senso co que a emprega o pensamento maoísta na noción de "hexemonismo", como forma de dominación dun país sobor doutro, diferente do imperialismo. O segundo, por caso tamén, é o senso co que a utiliza o pensamento leninista para sinalar o liderádego na alianza revolucionaria da clase obreira co campesiñado. Non fai ao caso entrarmos eiqui nesas disquisicións. Pero cómpreme sinalar que a elaboración máis anovadora e criativa da noción de hexemonía débeselle a Antonio Gramsci, nomeadamente a resultante de diversos fragmentos e pasaxes dos seus "cadernos do cárcere": o conxunto de textos e apontamentos escritos ao longo dos once anos que pasou na cadea -os derradeiros dos corenta e seis que vivíu- confinado nela dende 1926 polo fascismo mussolinián. Na conceición gramscián, "unha hexemonía amplamente extendida debe basearse nun consentemento activo, nunha vontade colectiva na que están xunguidos varios grupos da sociedade". Permitídeme sinalar algunhas das connotacións e corolarios desa conceición da hexemonía. A primeira é que a condición básica para que un grupo ou clase social acade e manteña a hexemonía consiste en que sexa capaz de ir alén dos seus intereses particulares e corporativos, para exercer un liderádego "moral e inteleitual" nun espazo social e ideolóxico máis extenso ca o seu proprio, peculiar e xenuino. Analisando, no contexto do Risorgimento italián, a relación antre o Partido de Acción de Garibaldi e os moderados de Cavour -que de feito lideraron e acadaron a hexemonía do proceso- Gramsci sinala que "a supremacía dun grupo social manifestase de duas maneiras, como "dominio" e como "direición inteleitual e moral", e que "un grupo social é dominante a respeito dos grupos adversarios que tenta someter ou destruir, e máis é dirixente verbo dos grupos afíns e aliados seus": o rol dirixente, que transcende o eido peculiar do grupo -ou movemento- en custión, é o que dá acceso á hexemonía. A segunda é que esa capacidade de transcender o espazo peculiar do grupo é a base para tecer as alianzas de forzas sociais capaces de constituir un "bloque histórico" -en termos gramsciáns. E ese "bloque", á sua vez, é a base do consentimento activo preciso para a existencia da hexemonía propriamente dita -ou, en palabras de Gramsci, "o momento da hexemonía e do consenso como forma necesaria do bloque histórico concreto". O contrario desa capacidade de trascender o espazo peculiar para acceder á hexemonía é, obviamente, calquer caste de reducionismo social -confinamento nos intereses corporativos- ou ideolóxico -como, por caso, o economicismo ou o chovinismo. A terceira é a función dos inteleituais como artífices da "fábrica de hexemonía" que constitue a rede de institucións e relacións sociais na que os inteleituais comprometidos - "orgánicos", no senso orixinario gramscián- desenvolven un rol ideatorio e orgaizativo vencellado á prática, á acción -e, unha vez a hexemonía consumada, non só na "sociedade civil" senón tamén na "sociedade política ou Estado", o rol decisivo de recriación e reprodución da hexemonía, e portanto da orde social obxeto do consenso hexemónico. E venme ás mentes, voltándomos ás coordenadas da globalización capitalista, o rol dos "think tanks" contrarrevolucionarios inspirados por Hayek e liderados por Milton Friedman e os seus "Chicago boys", tanto na "longa marcha" precedente ao estampinazo da crise dos 70 que ía desembocar na globalización -período 1950-1973- canto na hexemonía da ideoloxía ultraliberal dende 1980 con Reagan e a Thatcher. Finalmente, a cuarta é o carácter "realmente político" do liderádego da clase ou grupo hexemónico, desque consegue representar, no imaxinario colectivo, o "avance universal" da sociedade. Nesa perspeitiva, a ideoloxía non se limita a reflectir os intereses de clase determinados pola sua posición na estrutura da base económica da sociedade, senón que constitue un espazo de combate, unha instancia relativamente autónoma que organiza a(s) acción(s) e impregna tódalas actividades colectivas e mesmo individuais -como esprican e debullan Ernesto Laclau e a sua compañeira Chantal Mouffe no seu xa clásico "Hexemonía e estratexia socialista". Mesmamente a Laclau quero voltar para pechar -polo de agora- esta miña serie de matinacións encol do binomio pensamento e acción na xestación do(s) movemento(s) anti-globalización. O lugar de destino deste meu retorno éo "A guerra das identidades", xa citado días pasados -e nomeadamente o seu tratamento da bipolaridade, antitética en canto siñificantes, antre particularidade e universalidade, e máis da sua posta en relación coa noción -gramscián- de hexemonía. Veleiquí esta aseveración: "A relación pola cal un contido particular se convirte no siñificante dunha plenitude comunitaria ausente é esactamente o que se denomina unha relación hexemónica". Noutras palabras, agora outravolta na revista Tempos: "a hexemonía é simplesmente unha caste de relación pola cal unha particularidade asume a función de representar unha universalidade". Desque as particulares loitas dos labregos Sen Terra brasileiros, dos excluídos nos arrabaldos parisiéns, ou dos bolivianos contra a espoliación dos seus recursos enerxéticos ou hídricos, desque esas concretas loitas cobran o sentido do combate fronte á globalización, dende ese preciso intre asume cada unha delas "a función de representar unha universalidade". Mesmamente así "empeza a haber hexemonía", como di Laclau no ronsel dun Gramsci reinterpretado: "cando un contido particular se convirte no símbolo dalgo meirande, que o transcende" -no símbolo dun alter-mundo antitético do sistema-mundo do imperialismo globalizado. E, rematada a miña excursión destes días, volvo a casa co Ernesto: "Unha demanda nacionalista (emancipadora), se se vencella ao movemento alter-mundialista, entón esa demanda adequire unha función universal". Como fixo o nacionalismo galego máis lúcido dende o primeiro FSM de Porto-Alegre no 2001: na prática da sua aspiración -daquela si- á hexemonía. | |
Ver todos os artigos deste autor ou desta autora |
|
| < Ant. | Seg. > |
|---|

