Espello de Venus
Manoel Santos   
Sábado, 04 de Marzo do 2006

[ Extraído de Galicia Hoxe ]

ImageO ankh é unha coñecida representación xeroglífica exipcia formada por unha cruz cunha asa alongada facendo de pau superior. Falando do divino simbolizaba a eternidade. Falando do humano representaba a procura da inmortalidade, de aí que tamén se relacionara con criaturas fantásticas como os vampiros. Din que desa cruz asada procede o espello de Venus, símbolo co que o naturalista Carl von Linné representou o xénero feminino e que hoxe se identifica tamén coa loita pola liberación da muller, co feminismo. O mesmo emblema en alquimia fai referencia ao cobre, pois a illa de Chipre (a cyprium romana), que debe o seu nome á abundancia de minas de cobre, estaba consagrada á deusa da beleza, Venus, e ademais con ese metal facíanse os espellos.

Na miña ignorancia, máis ben no meu vivir nunha molesta metáfora mental, eu sempre pensei que o espello de Venus representaba a muller polo da cruz. E ben podería ser, porque hogano falar da liberación da muller, da utopía da igualdade, segue a ser unha entelequia, polo que non sería desatinado pensar que o dito símbolo sexa así pola cruz, a que elas todas levan ás costas dende que se pariu o mito da imprudente Eva. Dende sempre. Vén isto a conto do vindeiro 8 de marzo, Día Internacional da Muller –penso que o de traballadora sobra, que é unha chanza de mal gusto–, que por desgraza aínda existe, o que indica que segue a ser necesario chamar a atención sobre a dramática situación das nais da humanidade. Abofé que si.

E iso que dende unha óptica mediática, a cousa non foi mal dende o 8 de marzo de 2005. Nas altas esferas, a figura da muller emerxeu coma nunca. Vimos como María do Carmo Silveira se convertía en primeira ministra de São Tomé e Príncipe e como Angela Merkel chegaba á chancelería alemá. Vimos a liberiana Ellen Johson-Sirleaf como a primeira muller da historia presidenta dun estado africano, e como ás presidencias de Chile e Finlandia chegaban Michelle Bachelet e Tarja Halonen respectivamente. Disque en 2005 se acadou unha marca, impensábel hai uns anos, de mulleres parlamentarias no mundo, especialmente en Latinoamérica, mais aínda estamos a falar dun ridículo 16% e de só 11 presidentas nos 191 países de Nacións Unidas. Nacións de homes.

En Occidente, a esperanza reside en que os gobernos parecen decatarse cada día máis da obriga histórica que teñen, por xustiza, de lexislar na procura da aínda afastada paridade. Pola contra, a desesperanza xorde cando baixamos á realidade, á sociedade, e vemos como elas son maioría na cola do paro ou como nos consellos de administración das empresas, a presenza de mulleres é case testemuñal. En España non chega ao 4%, o que contrasta cos países nórdicos (15-20%). Nas 500 empresas máis importantes dos Estados Unidos (vaia, do mundo) só hai 7 grandes xefas, de xeito que, por exemplo, a saída de Carly Fiorina da presidencia de Hewlett-Packard en febreiro pasado supuxo unha perda do 12,5% na participación feminina en postos directivos.

Ata aí a análise superficial, que non sen importancia. Porque o vindeiro 8 de marzo, único día en que o noso frívolo e opulento mundo lembrará que a muller existe, pensaremos por un intre nesas mulleres que morren acotío vítimas da mentalidade primaria dos machos hispánicos, ou nas que viven mergulladas no medo, seres sen ser, meras noticias, simples sucesos.

E mirando abaixo, ao sur da humanidade, falarannos da ablación, dos quilómetros que camiña cada muller no ermo corno de África para achegar auga aos seus, mentres os homes se entreteñen en guerras, en quitarlle o sangue a quen xa non o debe ter. E contarannos a desgraza de 110 millóns de nenas que traballan (fóra da casa, claro), e dos 4 millóns que son vendidas cada ano para fabricar xoguetes sexuais cos que divertir a eses miserables que din facer turismo, ou das que nunca verán unha escola (de cada tres, dúas son nenas). Un mundo de burkas, de lapidacións, de pobreza feminizada, de escravitude con nome de muller. E choraremos por un día.

Elas, que traballan o 70% das horas e só reciben o 10% dos ingresos. Elas, que son o 40% da man de obra agrícola e só teñen o 1% das terras. Elas, que son a metade da poboación mundial e o 70% dos pobres do planeta. Elas sosteñen a especie humana, e non por mor dos ovarios, senón pola cabeza. Elas serán agasalladas cun día, só cun miserento e hipócrita día. Si, definitivamente o do espello de Venus debe ser pola cruz, pola eternidade do ankh, eterna miseria. Sorte benditas.•


Manoel Santos
Sobre o autor ou autora:

Biólogo. Director e fundador de Altermundo.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >