| Un Foro Social Galego. XII. O FSM de Porto Alegre-2001 a Mumbai-2004 (II) |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Luns, 28 de Abril do 2008 | |
|
Nós "somos mulleres e homes labregas e labregos, obreiras e obreiros, asalariados, estudantes, parados, pobos indíxenas e negros, procedentes do Norte e do Sur, comprometidos na loita a prol dos dereitos dos pobos, da liberdade, da seguridade, do emprego e da educación. Nós "somos mulleres e homes labregas e labregos, obreiras e obreiros, asalariados, estudantes, parados, pobos indíxenas e negros, procedentes do Norte e do Sur, comprometidos na loita a prol dos dereitos dos pobos, da liberdade, da seguridade, do emprego e da educación. Nós estamos contra a hexemonía do capital, a destrución das nosas culturas, o monopolio do saber, os medios de comunicación de masas, a degradación da natureza e da calidade de vida causada polas corporacións transnacionais e as políticas antidemocráticas. Nós reafirmamos a supremacía dos dereitos do home e do cidadán, dos dereitos da ecoloxía e dos dereitos sociais sobre as esixencias do capital e dos investidores".
Así se autodefine o suxeito colectivo protagonista do Iº FSM de Porto Alegre no "Chamamento dos movementos sociais" aprobado e publicado en xaneiro do 2001, ao remate das xornadas da edición fundacional dese encontro de organizacións e cidadáns "altermundialistas" de todo o planeta. Ese "chamamento" non o fai o Foro en canto tal: elabórano e asúmeno asembleariamente un conxunto de movementos participantes no encontro. En rigor, trátase dun manifesto que, como sinala Eric Toussaint, do CADTM, ten como obxetivo "propor unha síntese das análises e das reivindicacións aportadas polos movementos sociais comprometidos na loita contra as políticas neoliberais, e mais establecer un calendario de acción para mobilizacións comúns, concertadas nunha ampla alianza de combate". O mesmo método e a mesma fórmula vanse empregar nas edicións sucesivas do Foro en Porto Alegre e mais nas europeas de Florencia e París. A razón estriba na propria natureza, deseño e arquitectura organizativa do FSM. Vexámolo.
* * * * * A seguida da edición fundacional celebrada en Porto Alegre, elabórase unha "Carta dos Principios do FSM", debatida e aprobada consecutivamente nos dous órganos colexiados creados para a coordenación e dirección do seu funcionamento e actividades: o Comité de Organización e o Consello Internacional. O ponto 1. deses Principios define a natureza do FSM como "un espazo aberto de encontro para: intensificar a reflexión, realizar un debate democrático de ideas, elaborar propostas, establecer un libre intercámbio de experiencias e artellar accións eficaces por parte das entidades e os movementos da sociedade civil que se opoñan ao neoliberalismo e ao dominio do mundo polo capital ou por calquera caste de imperialismo, e comprometidos tamén na construción dunha sociedade planetaria orientada cara a unha relación fecunda entre os seres humanos e destes coa Terra" -en Mumbai, 2004, substituirase a frase derradeira pola máis concisa de "construción dunha orde mundial centrada na persoa humá". E o Principio 5. pontualiza que o FSM "reúne e artella entidades e movementos da sociedade civil de tódolos países do mundo, mais non tenciona ser unha instancia de representación da sociedade civil mundial". Pois ben, en congruéncia coa natureza e finalidades do FSM deseñadas neses pontos da Carta de Principios -máis algúns outros complementares que vos aforro de ler- o ponto 6. explicita dúas significativas restricións. Primeira, que "ninguén estará autorizado a manifestar, en nome do Foro, posicións que fosen atribuídas a tódolos seus participantes". E segunda, que "os participantes non deben ser chamados a tomar decisións -como conxunto de participantes no Foro- sobre declaracións ou propostas de acción (...) que se propoñan ser decisións do Foro en canto tal". Complementariamente, garántese -no ponto 7- que "as entidades participantes nos encontros do Foro teñan a liberdade de deliberaren sobre declaracións e accións que decidan realizar isolada ou artelladamente con outros participantes". E, o que si, en troques, "O FSM comprométese a difundir amplamente esas decisións por tódolos medios ao seu alcanzo", e sen "xerarquizacións, censuras ou restricións". Eis o porqué da fórmula escollida para os sucesivos manifestos pronunciados como "chamamentos da asemblea de movementos sociais" participantes en cada edición mundial ou continental do FSM.
* * * * *
"Non hai unha teoría única para guiar estratexicamente os movementos, porque o obxetivo non é tanto conquistar o poder canto transformar as moitas facianas do poder que se amostran nas institucións e nas sociabilidades". Esta matinación de Sousa Santos respevto do FSM como fenómeno sociopolítico novo enlaza coa apreciación de que "a globalización neoliberal demostrou, con brutal claridade, que a explotación está ensarillada con moitas outras formas de opresión", que "todas esas formas de poder e opresión crían exclusión", e que "non se pode atribuír a ningunha delas, en abstracto, calquera prioridade na reivindicación" do outro mundo posíbel: "as prioridades políticas están sempre situadas no contexto e dependen del", ou sexa, "das condicións sociais e políticas concretas de cada país nun intre histórico dado".
Daquela, no eido do FSM, a prioridade para os movementos e organizacións sociais non reside nunha "teoría única" como guieiro dunha imposíbel estratexia homoxénea -alén do obxectivo estratéxico de "loitar contra a globalización neoliberal"- senón en que "deben dar prioridade aos artellamentos entre eles". E, mesmamente por iso, "o FSM non está estruturado conforme a ningún dos modelos de organización política moderna, sexa o centralismo democrático, a democracia representativa ou a democracia participativa" por sí sós. "O internacionalismo promovido polo FSM representa unha saída drástica da vella forma do internacionalismo que dominaba a política anticapitalista ao longo do s. XX". E por aí recalamos na metamorfose do suxeito histórico que xa temos analisado nesta miña serie de matinacións: é por mor desta nova índole e feitío do suxeito histórico confrontado coa globalización imperialista polo que o "artefacto" posto en obra ao servizo desa loita resulta necesariamente de novo deseño tamén el.
* * * * *
Díxenvos xa, e con teimosa reiteración nestas lerias, que o movemento confrontado coa globalización ultra-liberal non se afirmaba só por negación do actual sistema-mundo, senón asemade pola formulación de alternativas altermundialistas. A Carta de Principios do FSM enuncia esa vontade no seu ponto 4. E faino explicitando as dúas facianas, negadora e afirmativa, do seu labor creativo. Por unha banda asevera que "as alternativas propostas no FSM contrapóñense a un proceso de globalización comandado polas grandes corporacións transnacionais e mais polos gobernos e institucións que serven aos seus intereses". Pola outra, afirma que "as alternativas xurdidas no seo do Foro teñen como meta consolidaren unha globalización solidaria que, como unha nova etapa na historia do mundo, respecte os dereitos humanos universais, a tódolos cidadáns e cidadás de tódalas nacións, e mais o medio ambiente, baseándose en sistemas e institucións internacionais democráticas que estean ao servizo da xustiza social, da igualdade e mais da soberanía dos pobos". Para afortalar ese compromiso, a Carta explicita rotundamente, no ponto 10, que "o FSM oponse a toda visión totalitaria e reducionista da economía, do desenvolvemento e da historia, e mais ao uso da violencia como meio de control social por parte do Estado", e condena "tódalas formas de dominación ou de submisión dun ser humano a outro".
* * * * *
Eses postulados básicos, e mais ese enfoque combinado da denuncia en negativo do sistema vixente e da proposta en positivo dun sistema alternativo, van configurar os contidos e o feitío dos sucesivos manifestos ou "chamamentos da asemblea de movementos sociais" dende o Iº FSM de Porto Alegre en diante -así coma os programas de accións e mobilizacións para levalos á prática. E tanto nas cimeiras de dimensión mundial coma nos foros continentais ou de ámbito territorial máis reducido. O que si -en congruencia coa propria natureza xenuína do Foro- o fincapé en determinadas problemáticas vai mudar en cada caso en función do contexto territorial, socioeconómico e sociopolítico, e nomeadamente segundo a súa ubicación no espazo do centro ou da periferia do sistema. E iso si tamén, sempre co prisma da periféria -dende unha "epistemoloxía do sur"- e coa constante inclusión de temas cardinais de ámbito global, tanto na denuncia e diagnose dos problemas canto no enunciado de alternativas e compromiso nas accións de combate. Este axuste flexíbel ás realidades concretas farase máis marcadamente ostensíbel cando, no 2004, se traslade a cimeira mundial de Porto Alegre a Mumbai, na India, mesmamente para facela máis accesíbel aos cidadáns do continente asiático e, asemade, dinamizar a rede de movementos sociais nese espazo, de xeito análogo ao que acontecerá en África máis logo, no 2007, coa celebración do FSM en Nairobi, entremedias dos míticos cumes Kenya -a Terra Nai dos lendarios "mau-mau" da miña memoria máis moza- e Kilimanjaro. Por outra banda, ao ser o FSM un proceso e non un evento intermitente, o decurso dos acontecementos na súa contemporaneidade histórica tamén incidirá no fincapé que se faga en determinados temas, tanto para o debate coma para as mobilizacións -como, por caso, a réplica dende o 2002 ao belicismo agresor desencadeado dende o corazón do imperio polos "neo-cons" do auto-Bush e os seus cómplices Blair e Aznar contra Afganistan e Iraq, e polo seu Estado vasalo de Israel contra o Líbano e a martirizada Palestina. E así chegamos ao retorno a Porto Alegre no 2005, cun FSM redimensionado, hiperactivo, multitudinario dende Mumbai, e a ferver a cachón -que comprirá repensar nos planos organizativo e metodolóxico para coordenar a continuación da súa andaina, ou sexa, do seu combate altermundialista coas armas do pensamento e da acción. | |
Ver todos os artigos deste autor ou desta autora |
|
| < Ant. | Seg. > |
|---|

