| Cultura da cidade e cidades da cultura. III. Premisas do rol dunha CdC |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Luns, 04 de Agosto do 2008 | |
X. M. Beiras-. A definición do rol a desempeñar por unha CdC resulta, obviamente, indispensábel para configurar a sua funcionalidade ao servizo da política cultural do país.
[Galicia Hoxe] A definición do rol a desempeñar por unha CdC resulta, obviamente, indispensábel para configurar a sua funcionalidade ao servizo da política cultural do país. No proxecto de reformulación no que participei, esa configuración baseábase nun conxunto de premisas que, inicialmente, no documento base do traballo en equipo, eran as cinco seguintes. 1ª) A CdC aséntase sobre un modelo territorial e cultural galego espallado/descentralizado, que non se pretende suplantar. 2ª) A CdC debe respeitar as iniciativas culturais existentes en Galiza, e non minguar a sua capacidade de programación e proxección. 3ª) A CdC debe ofrecer novas iniciativas culturais -innovadoras e úteis en termos sociais, económicos e culturais- que Galiza necesita. 4ª) As novas tecnoloxías deben impregnar o conxunto do programa da CdC, no canto de concentrárense nun só dos seus elementos -como acontecía no deseño inicial. 5ª) Suxeríase conectar a CdC a unha "marca" cultural de prestixio internacional. Nas miñas matinacións, compartía o enfoque dos alicerces do proxecto cultural da CdC que se deseñaban no enunciado desas premisas, agás a derradeira. Dicía eu daquela que, parafraseando a coñecida e certeira aseveración, referida á criación artística, segundo a cal "non pode existir vangarda sen tradición", poderíase afirmar que un proxecto coma iste, que tenciona ser instrumento da vangarda na política cultural galega, non pode ignorar nen a tradición cultural do país -entendida no senso máis amplo e xenuino da expresión- nen o patrimonio cultural acumulado polo noso povo e a nosa sociedade -entendido iste non no senso material de cúmulo de obxectos producidos pola cultura propria, senón no sociocultural e dinámico de procesos criativos acumulativamente desenvolvidos até hoxe: é dicir, no senso tan lúcida e rigorosamente enunciado e razonado, entre nós, polo profesor Marcial Gondar en varios dos seus escritos e publicacións. Nefeito, por unha banda, resulta evidente que a CdC non vai actuar nun deserto cultural como un axente colonizador cultivador de oasis, nen tampouco vai operar sobre unha realidade cultural amorfa ou magmática, poisque o espazo cultural galego non é ningunha desas duas cousas. Pola contra: non só é un espazo estruturado, senón que ten moi acusados perfís identitarios proprios e xenuinos e, pola mesma, non homologábeis en termos de homoxeneidades con outros da sua contorna próxima ou lonxán. De aí a pertinencia da primeira das premisas enunciadas no documento base, cando sinala mesmamente un rasgo xenuino primordial do "modelo cultural galego", correlativo á propria morfoloxía territorial do país e do seu habitat: o seu feitío esparexido e descentralizado. Entendendo a cultura, en cando manifestación da actividade humán, no seu contido semántico máis completo, a diversidade de espazos na base territorial e de ecosistemas no meio físico-natural galego determinou a dispersión na formas de habitat ou asentamento poboacional, patente neste país noso dende a época da cultura "castrexa", mesmo anterior á edade do ferro. Esa estrutura, á sua vez, determinou o modelo ao que se axustaron ao longo da historia os procesos de produción de cultura tanto material coma inmaterial -dispersión e diversidade dentro dunha marcada unidade identitaria, dende a utilización do solo ou as construcións da arquitectura popular, até a formación do idioma coa sua inda hoxe ricaz diversidade dialectal, ou a configuración e articulación das formas e entes de organización social. Como dicían os coordenadores de aquel informe, a CdC "non pode suplantar" o modelo reticular multipolar de focos de acción e irradiación de dinámica cultural, incluída a rede de pontos de apoio institucionais, que configura a realidade resultante, a día de hoxe, das sucesivas metamorfoses operadas ao longo do proceso histórico no universo cultural galego dentro da sua propria estrutura, a xeito dun sistema de transformacións que non sobarda os lindes da totalidade estruturada, cunha constante evolución dinamizada pola dialética tradición-modernidade, herdanza-innovación, conservación-renovamento. Mais, por outra banda, a CdC tampouco non vai inaugurar a política cultural no país. Pola mesma, comparto o enunciado na segunda das premisas, que resulta lóxicamente congruente co aseverado na primeira e, ademáis, responde tácitamente a un principio de eficiencia funcional e economía de esforzos e recursos. É obvio: dada a asunción do modelo cultural galego devandito como algo que compre respeitar e non suplantar, o feito de interferir nas "iniciativas culturais existentes" e/ou "mermar a sua capacidade" de acción, implicaría, ademáis de malformacións do modelo, tamén solapamentos, duplicacións, disfuncións e destrago de recursos humáns e financeiros. Outra cousa, en troques, é o fornecemento de "novas iniciativas", nos termos e condicións que se explicitan na terceira das premisas, dado que esa actividade da CdC contribuiría, polos vieiros da complementariedade e/ou da suplencia, a densificar e afortalar a urda tanto do modelo coma da realidade cultural do país. Asemade, faríao coa orientación propria dese instrumento de vangarda na política cultural gale ga ao que me referín máis arriba, poisque esas iniciativas serían "innovadoras e úteis en termos sociais, económicos e culturais". Naturalmente, ese enfoque do pulo "innovador" como dialética da vangarda coa tradición -retomando o meu requilorio- só pode ser eixo dinámico do proxecto se "impregna todo o programa da cidade", como propón a cuarta premisa, no canto de confinarse nunha sección, unidade ou elemento dese complexo cultural. No entanto, fixen duas suxerencias complementares a respeito das premisas enunciadas. A primeira delas consistía na proposta de incorporar unha premisa adicional que formulase de xeito esplícito algo que considero crucial. Refírome ao que podería denominar a "función catódica" da CdC na dinámica de avance cultural do país, é dicir, do seu desenvolvemento como proceso social ou comunitario de criación, recriación e metamorfose de formas e produtos -"solucións, diría Gondar- culturais como resposta á diversidade de problemas individuais e colectivos que a cotío defronta este povo na produción das suas condicións materiais e inmateriais de existencia -poisque niso consiste a cultura nunha perspeitiva antropolóxico-social, e remítome outravolta a Marcial Gondar. Esa función non colisiona nen resulta contraditória -inda que de primeiras poida parecelo- coa asunción e o respeito do modelo cultural "disperso/descentralizado" xa comentado eiquí. Pola contra, esa función resulta dialéticamente tanto máis oportuna e necesaria canto que esa estrutura reticular multipolar do modelo, que propicia unha ricaz variedade e diversidade de resultados - "solucións", reitero- culturais da enerxía criativa que acobilla e enxendra, fai máis precisa a función "catódica" do que poderiamos chamar, na metalinguaxe dos conceitos epistemolóxicos de estrutura, un resorte ordenador da "autorregulación" da estrutura mesma como totalidade articulada. Ningún outro ente ou elemento nodular da urdime cultural galega pode desempeñar esa función. Mais esa función non implica dirixismo, centralización nen uniformización: pola contra, non incorrer nesas derivas é a condición indispensábel para que esa función opere correctamente en correlación coa política cultural, é dicir, na xestación e proxección dos eixos ou xeneratrices cardinais do proxecto consciente e reflexivo de desenvolvemento cultural da nación galega arredor do seu cerne identitario. Finalmente, a miña segunda suxerencia referíase á quinta das premisas, a única que non consideraba asumíbel no seu enunciado, que se prestaba a un perigoso equívoco. Inda descartando calquer connotación "mercantilista" das que a expresión "marca" ten na cosmovisión ultraliberal hoxendía imperante no planeta, resultábame rexeitábel. En todo caso, suxerín unha alternativa, enunciada con certo humor irónico. Consistía en que a CdC trataría de convirtir a Galiza mesma -como feito sociocultural- e portanto ao modelo cultural galego "catalizado" pola CdC, en "marca cultural de prestixio internacional". A ósmose e combinación entre a dinámica dos procesos endóxenos de criación de cultura en clave propria e máis a receición, asimilación e metamorfose dos fenómenos e dinamismos culturais foráneos, sería a fórmula ou método da "alquimia" precisa para esa conversión de Galiza e o seu modelo cultural en "marca cultural" sen fronteiras. Debo deixar constancia de que o humor foi ben comprendido e a proposta asumida -con humor tamén- polos compañeiros e compañeiras de aquel estimulante proceso de reflexión colectiva. | |
Ver todos os artigos deste autor ou desta autora |
|
| < Ant. | Seg. > |
|---|

X. M. Beiras-. A definición do rol a desempeñar por unha CdC resulta, obviamente, indispensábel para configurar a sua funcionalidade ao servizo da política cultural do país.
