Soberanas
Manoel Santos   
Domingo, 12 de Outubro do 2008

 Manoel Santos-. A Marcha Mundial das Mulleres chega a Galiza para o seu VII encontro internacional, xusto catro anos despois da gloriosa Marcha que reunira en Vigo milleiros de activistas europeas. Aí volven elas!

Aí volven elas. As loitadoras máis incansábeis deste convulso orbe noso. Orbe con máis mulleres ca homes. Mais orbe de homes. Catro anos despois da gloriosa marcha que en 2004 reunira en Vigo a milleiros de feministas europeas, aí volven elas, mais desta vez na súa versión mundial. Somos guapas, somos listas, somos todas feministas! Son as mulleres da Marcha Mundial. Femias dun mundo feito de moitos mundos.

Galiza con sorte. Recibe a vindeira semana a calor e a sabedoría da diversidade feminina do mundo, das irmandiñas da xustiza global, do sostén silencioso da humanidade. Silencioso? Xa non. Conformista menos. Amorean 5.000 colectivos de egrexias pensadoras e duras traballadoras. Mulleres de máis de 150 países, espallados polos cinco continentes, unidas para erguer a voz. As "mulleres en marcha" naceron unha década atrás, no Quebec de pensar liberado, para unha acción puntual. Mais decidiron tirar para diante. Até que todas sexamos libres!, dixeron. E para cando? Para xa.

Elas, as mulleres do mundo, falan sen a lingua trabada ao mundo dos homes. Levan nunha "Carta Mundial das Mulleres para a Humanidade" catro verbas que resumen os seus anhelos. Os de todas. E os de todos. Igualdade, liberdade, xustiza e paz. U-las? Que doado parece. Que difícil é.

Véñennos falar de soberanía alimentar, a coordinar unha grande acción mundial para 2010, a esnaquizar a mercantilización dos seus corpos e das súas vidas, a frear a ofensiva da dereita contra a súa autonomía, a contarnos experiencias e desafíos de traballo con mozas e educación popular.

Hai agora 8 anos, un 17 de outubro, as mulleres da Marcha aterraron en Nova York. Camiñaron cara ás dependencias da ONU con cinco millóns de sinaturas. Cinco millóns de laídos pola igualdade, contra a discriminación, pola autonomía persoal e colectiva, contra a pobreza e pola redistribución da riqueza, pola xustiza feminina e, xa que logo, pola xustiza humana. Transmitiron tamén as súas reivindicacións, dúas mil boas razóns para cambiar o mundo, aos homes directores do Banco Mundial e do FMI. Nunca recibiron resposta. Cinco millóns de vergoñentos silencios.

E os homes, teñen algún lugar no feminismo?, pregunteille a Miriam Nobre, a brasileira do Secretariado Internacional da Marcha. E o feminismo, ten lugar na vida dos homes?, contraatacou ela.


Manoel Santos
Sobre o autor ou autora:

Biólogo. Director e fundador de Altermundo.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >