Mulleres en loita contra o mercantilismo
Esther Vivas   
Xoves, 30 de Outubro do 2008

 Esther Vivas-. 7º Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres. Unhas 150 mulleres vindas de máis de corenta países de todos os continentes participaron no 7º Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres que se celebrou do 14 ao 21 de outubro en Panxón (Galiza). Unha xuntanza que permitiu establecer as liñas mestras de traballo da organización para os vindeiros dous anos, afortalar as coordinacións continentais e aprobar varios documentos estratéxicos.

Entre as principais conclusións do encontro, cabe destacar a convocatoria dunha acción global a favor da paz e a desmilitarización o 17 de outubro do ano 2010 na rexión dos Grandes Lagos en África, en paralelo coa organización de accións locais simultáneas no resto do mundo. Esta iniciativa terá como obxectivo fortalecer a solidariedade internacional e visualizar a loita das mulleres. A temática da acción acordouse, como sinalan as conclusións do evento, porque "as guerras empobrecen ás mulleres, provocan violencia contra estas, facilitan que as grandes potencias se apropoen dos recursos naturais e as violacións son utilizadas como arma de guerra".

Foro e feira

O encontro da Marcha Mundial das Mulleres contou cunha serie de actividades públicas que vincularon o traballo feminista á loita pola soberanía alimentaria. O fin de semana, do 18 e 19 de outubro, organizouse na cidade de Vigo un foro e unha feira pola soberanía alimentaria na que participaron centenares de persoas e que contou co apoio e a colaboración de diversos colectivos galegos como o Sindicato Lagrego Galego, ONGs, cooperativas de consumo, tendas de comercio xusto e grupos ecoloxistas.

No marco do foro, mulleres representantes de organizacións campesiñas e de consumidores de distintos países sinalaron a soberanía alimentaria como unha estratexia de acción capaz de garantir o control dos pobos sobre as políticas agrícolas e alimentarias e o seu acceso aos recursos naturais e aos alimentos. As relatoras indicaron as dificultades das mulleres campesiñas para acceder á produción de alimentos, ás explotacións agrarias, ás garantías administrativas, etc. Como afirmaba a ex-secretaria do Sindicato Labrego Galego, Lídia Senra: "É necesario reivindicar a titularidade compartida das explotacións agrarias, xa que na explotación familiar, normalmente, a titularidade é do home e a muller, xa que logo, non ten garantido o seu dereito a producir".

Outras intervencións coincidiron en sinalar o labor fundamental das mulleres na produción alimentaria mundial: o traballo da terra, a elaboración dos alimentos, o coidado do gando, o acceso ao auga, etc. Hai que lembrar que un 80% da produción de alimentos nos países do Sur recae nas mulleres, cando, paradoxalmente, estas son, xunto cos nenos e as nenas, as máis afectadas polo fame. Así, a directora da área de muller de ALAI, Irene León, fixo fincapé no feito de que "as mulleres alimentamos á humanidade, pero non queremos seguir facéndoo en posicións de desvantaxe" e subliñou a responsabilidade do sistema capitalista nesta invisibilización e usurpación do traballo feminino: "Os coñecementos acerca da produción de alimentos, acumulados durante séculos polas mulleres, foron patentados por corporacións transnacionais".

Accións na rúa

No marco do 7º encontro, as mulleres da Marcha convocaron tamén accións na rúa. Cabe destacar a performance realizada fronte a un dos maiores supermercados en Vigo, onde se denunciou o papel das grandes superficies no empobrecimiento campesiño, o consumo irresponsábel e a crecente inseguridade alimentaria. Varias mulleres con bandeiras lilas, disfraces, pancartas e representacións xigantes de produtos de Danone, Coca-cola e Nestlé reivindicaron outro modelo de produción, distribución e consumo de alimentos ao servizo dos pobos.

Outro dos intres salientábeis foi a manifestación do domingo 19 que percorreu as rúas de Vigo como unhas dez mil persoas, maioritariamente mulleres. Consígnas contra a violencia machista, contra o patriarcado e a favor do dereito ao aborto e á soberanía alimentaria foron algúns dos máis vitoreados. A manifestación rematou coa intervenención de mulleres representantes de organizacións de África, América Latina, Europa e Asia, quen denunciaron o impacto do sistema capitalista e patriarcal nas mulleres. Como afirmaba a coordinadora do secretariado internacional da Marcha, Míriam Nobre, ao final da manifestación: "Somos mulleres en loita contra a mercantilización do mundo, o capitalismo, o patriarcado, o colonialismo, o racismo e todo tipo de opresión e exclusión".

[Artigo publicado en Diagonal, nº 88]


Esther Vivas
Sobre o autor ou autora:
Coordinadora de sensibilación da Xarxa de Consum Solidari (XCS).
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >