Reporteiros Galegos Socidarios
Artigos de Xosé Manuel Beiras
Unha conquista histórica
Alfredo Iglesias Diéguez   
Mércores, 05 de Novembro do 2008

 Alfredo I. Diéguez-. Houbo que esperar a que o pobo tomase conciencia da súa marxinación para que loitase polos seus intereses.

Eleanor Roosevelt coa Declaración dos Dereitos Humanos (novembro 1949).

Guillerme III, príncipe de Orange

‘La Liberté guidant le peuple’, por Eugène Delacroix (1830)

Presentación á prensa da Declaración dos DDHH (7/12/1948).
FOTO: UnN Photos

A doutrina maioritaria considera que os dereitos humanos son inherentes á persoa, irrevogables, inalienables, intransmisibles e irrenunciables; porén, a humanidade non gozou de ningún dereito humano até hai ben poucos anos, pois o certo é que os dereitos humanos son unha conquista histórica recente.

Neste sentido, a primeira conquista foi a que protagonizou a burguesía inglesa, que conseguiu que se proclamase a Lei do Hábeas Corpus no trancurso da Revolución inglesa de 1679 e, posteriormente, en 1689, conseguiu que o Parlamento inglés lle impuxese ao rei Guillerme III unha declaración de dereitos (Bill of Rights), de obrigado cumprimento, sendo precisamente a partir dese momento cando os principais filósofos europeos (entre eles John Locke ou Rousseau), desenvolveron o concepto de dereitos humanos, definidos como aqueles que non dependían das leis dun Estado nin estaban limitados a un grupo étnico, cultural ou relixioso en particular, senón que eran universais e inherentes ao individuo, iniciando unha tradición que permanece na actualidade de ocultación da realidade, pois malia que os dereitos se definen pola súa universalidade e inalienabilidade, o goce dos deses dereitos foi un privilexio das elites burguesas que os conquistaron en nome do pobo pero ao que o pobo non tivo acceso en tanto que non forzou á súa universalización, como pasou cos dereitos políticos e civís dos que estiveron excluídas as clases non posuídoras e as mulleres mentres que non os conquistaron grazas á forza dos poderosos movementos obreiro e feminista.

Conquista

Normalmente, para referirse á xenealoxía dos dereitos humanos, os historiadores falan de tres xeracións de dereitos humanos; de acordo con esta clasificación, que tamén é temática, os dereitos da primeira xeración xurdiron das aspiracións da burguesía na súa loita contra o réxime feudal, os da segunda xeración son froito da mobilización obreira  e feminista e das ideoloxías utópicas como o socialismo ou o comunismo e os da terceira xeración xurdiron máis recentemente e están relacionados coas aspiracións antiimperialistas, pacifistas e ecoloxistas.

Os dereitos da primeira xeración: unha conquista burguesa

Os dereitos políticos e as liberdades civís foron unha conquista da burguesía fronte aos privilexios reservados aos estamentos nobiliar e eclesiástico do Antigo Réxime; eses dereitos, daquela, baseábanse en dous principios fundamentais: a igualdade ante a lei (unha conquista necesaria fronte ás xustizas paralelas e discrecionais do Antigo Réxime) e a liberdade individual, única garantía posible para o progreso económico debido a que rompía coas ríxidas normas gremiais e liberaba os labregos das servidumes da terra e dos señores feudais...

Neste sentido, entre esas liberdades civís recollíase a liberdade individual, a liberdade de expresión e de pensamento ou a liberdade de circulación; mentres que entre os dereitos civís se recoñecía o dereito á propiedade (que ía facer o burgués se non podía posuír os medios de produción), á integridade física e psíquica, á presunción de inocencia, á nacionalidade e á participación política, entre o que se atopa o dereito ao voto.

Porén, malia as declaracións, nas que se apela ao pobo como suxeito de dereito, como a Declaración de Independencia dos Estados Unidos, do 4 de xullo de 1776, na que se di:  “Sostemos como verdades evidentes en si mesmas que todos os homes son creados iguais; que son dotados polo seu Creador de certos dereitos inalienables, entre os que están o dereito á vida, á liberdade e á busca da felicidade...”, o certo é que só as clases dominantes (incluída a aristocracia contra a que se rebelou o pobo) chegaron a ser suxeitos deses dereitos, dos que estiveron excluídos, practicamente ao longo do século XIX, a clase traballadora, as mulleres, os escravos e os indíxenas, como se recolleu en todos os códigos e constitucións burguesas dese século, cando menos as anteriores ao último terzo, nas que se recolleron e ampliaron ese conxunto de dereitos, baseados no individualismo burgués e no liberalismo económico.

Os dereitos da segunda xeración: a conquista dos iguais

Malia que durante os primeiros procesos revolucionarios houbo experiencias políticas que intentaron universalizar os dereitos humanos ao pobo, velaí está a República Democrática francesa, presidida por Robespierre, ou os esforzos por estender os dereitos políticos dos que se acababa de apropiar a burguesía por movementos sociais de carácter utópico, como o liderado por Babeuf, o certo é que houbo que esperar a que o pobo tomase conciencia da súa marxinación para que loitase a prol dos seus intereses.

Neste sentido, malia que no ano 1848 coincidiu a articulación do programa político obreiro e feminista, articulado no Manifesto Comunista de Marx e de Engels e na Declaración de Seneca Falls, respectivamente, non foi até o último terzo que o pobo se converteu en suxeito de dereitos, tanto dos dereitos políticos e das liberades civís, pois foi nese momento cando se estenderon o dereito ao voto aos obreiros, primeiro, e logo ás mulleres, como dos dereitos sociais e económicos que tivo que conquistar fronte á explotación da burguesía, que sometía a clase traballadora a unhas condicións de traballo e de vida inhumanas.

Así, fronte á obriga de traballar dos nenos e das nenas, aos horarios imposibles, á falat absoluta de hixiene e de seguridade no traballo, as mobilizacións obreiras conseguiron que se introducisen novos dereitos, de carácter social, nas constitucións dos diferentes estados europeos e americanos a partir dos anos finais do século. Entre eses dereitos sociais ou dereitos da segunda xeración, atopáse o dereito á seguridade social, ao traballo en condicións equitativas e satisfactorias, á defensa dos intereses laborais, a unha vida digna, que garanta unha atención sanitaria de calidade, o acceso á alimentación, vestido, vivenda e aos servizos sociais necesarios, entre eles a educación e o acceso á cultura.

Os dereitos da terceira xeración: o dereito a unha orde mundial xusta

Os dereitos da terceira xeración promovéronse a partir dos anos sesenta e están relacionados coas aspiracións antiimperialistas, pacifistas e ecoloxistas. Entre os dereitos da terceira xeración atópanse o dereito a unha orde internacional apta para o desenvolvemento da vida, á libre determinación dos pobos e á libre disposición das súas riquezas e recursos naturais, das minorías étnicas, relixiosas ou lingüísticas á súa cultura, a súa relixión e á súa lingua, dos traballadores migrantes a traballar noutros países baixo condicións dignas e xustas e a un medio ambiente san.

Por outra banda, nos últimos anos, algúns investigadores falan tamén dunha cuarta xeración de dereitos, entre os que inclúen os dereitos relacionados co medio, que retiran do grupo da terceira xeración, e coas biotecnoloxías, polo que consistirían naqueles dereitos que fan referencia ao ser humano en tanto que especie.


Alfredo Iglesias Diéguez
Sobre o autor ou autora:
Prehistoriador. Analista de opinión en Galicia Hoxe
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >
Galicia Hoxe
Ciberirmandade da Fala