Plataforma Galega Antitransxénicos
Suplemento Altermundo, de Galicia hoxe
As violacións dos dereitos humanos
Alfredo Iglesias Diéguez   
Mércores, 05 de Novembro do 2008

 Alfredo I. Diéguez-. A vulneración dos dereitos máis significativos, os políticos ou civís, dáse acotío en case que todas as partes do mundo

Considerarase unha violación dos dereitos humanos calquera abuso exercido por un Estado, por organizacións non estatais (guerrillas, grupos paramilitares…), por empresas privadas ou por persoas físicas individuais sobre os dereitos inherentes a calquera persoa.

 Comunmente, cando se fala de violación dos dereitos humanos, adoitase pensar na violación dos dereitos políticos e civís máis elementais, como a liberdade de expresión ou o dereito ao voto; porén, segundo a propia Declaración Universal de Dereitos Humanos, os dereitos humanos fundamentais son violados cando, entre outras cousas, se dan as seguintes situacións:

Cando unha persoa é discriminada por razón de raza, sexo ou por calquera outra orixe ou condición étnica, relixiosa ou social; cando está ameazada a vida, a liberdade e a seguridade dunha persoa; cando unha persoa é vendida como escrava; cando unha persoa é tratada dun xeito cruel, inhumano ou degradante, incluídas as torturas e a pena de morte; cando se lle nega asistencia xurídica eficaz a unha persoa vítima dun abuso; cando os axentes do estado violan a intimidade dunha persoa; cando se limita a liberdade de circulación das persoas entre países ou no interior dun país sen mediar unha sentenza xudicial conforme a lei; cando se limita ou nega a liberdade de expresión, de conciencia ou de relixión; cando se prohibe a liberdade sindical; cando se nega o dereito a educación a unha persoa; cando se nega o acceso á asistencia sanitaria; cando se nega o acceso á unha vivenda digna; cando se nega o acceso a un traballo digno…

Neste sentido, cométense violacións dos dereitos humanos acotío e en todas as partes do mundo; de feito, só Holanda, Noruega, Dinamarca, Islandia e Costa Rica figuraban no informe anual de Amnistía Internacional como os países nos que non se violan os dereitos humanos máis significativos, que para Amnistía Internacional son os relativos aos dereitos políticos e civís.

Malia que normalmente se asocia a violación de dereitos humanos con ditaduras militares, organizacións non gobernamentais, como Amnistía Internacional, veñen denunciando violacións dos dereitos humanos en países democráticos relativas a: torturas a mans de axentes da seguridade do Estado; vulneración das garantías xurídicas; pena de morte; secuestros a mans de organizacións guerrilleiras ou paramilitares; sometemento a prácticas que supoñen unha limitación da integridade física, como a ablación do clítoris; limitacións no exercicio da liberdade de opinión…

Velaí están, xa que logo, os casos de Guantánamo –base militar usada como cadea polos EEUU–, os voos secretos da CIA…; a pena de morte exercida polos diferentes Estados do mundo –sendo os EEUU un dos principais países nos que se vulnera o dereito fundamental á vida…
Outras organizacións, como Anti-Slavery International, veñen denunciando a existencia duns 100 millóns de persoas que sofren situacións de escravitude no mundo; alén das persoas que son sometidas a tratamentos crueis, inhumanos ou degradantes en relación coa súa actividade laboral: escravas sexuais…

Nos últimos anos son cada vez máis as organizacións que se veñen centrando na denuncia das violacións dos dereitos económicos, sociais e culturais; neste sentido, organizacións como Intermón, Médicos sen Fronteiras ou a Marcha Mundial das Mulleres e outros grupos altermundistas veñen denunciando a violación de numerosos dereitos sociais, entre os que cómpre salientar os seguintes: a prohibición da actividade sindical en empresas transnacionais, como Wall Mart; a falta de asistencia sanitaria para milleiros de persoas en todo o mundo; a imposibilidade de acceder á educación para milleiros de persoas en todo o mundo…

+INFO: www.un.org/rights | www.pazyjusticia.com | www.amnesty.org | www.redh.org

Alfredo Iglesias Diéguez
Sobre o autor ou autora:
Prehistoriador. Analista de opinión en Galicia Hoxe
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >
Galicia Hoxe
ibase