Reporteiros Galegos Socidarios
Artigos de Xosé Manuel Beiras
Iniciativa polos Dereitos Humanos
Calo Iglesias   
Mércores, 05 de Novembro do 2008

 Calo Iglesias-. Logo de seis décadas, debemos prestar especial atención á diferenza entre ‘declaración’ e ‘práctica real do declarado’

A Declaración Universal dos Dereitos Humanos celebra o 10 decembro o seu 60 aniversario. O feito de seren estes dereitos  recoñecidos debémosllelo, en gran medida, aos milleiros e milleiros de persoas que se sacrificaron e mesmo deron a súa vida por facelos realidade. 

 A Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948 é o resultado dun proceso secular de declaración de dereitos. O carácter de universalidade é quizais o máis orixinal e salientable desta Declaración do 48,  nacida nun contexto xeopolítico certamente occidental, pero aberta á consideración dunha gran familia humana con dereitos iguais e inalienables, que han fundamentar a libertade,  a xustiza e a paz no mundo.

Unha Declaración imperfecta

A Declaración Universal é imperfecta, no sentido de non acabada e, polo mesmo, perfectible. Debe ser entendida de forma dinámica. Non estamos a falar dun código fósil, definitivo.  Os dereitos humanos non son ahistóricos. Son o feliz produto dunha dialéctica, dunha toma de conciencia e iluminación histórica que nos achega máis e máis á xustiza, á liberdade, á fraternidade. Non deberiamos  entender os dereitos humanos como  unha caixa de caudais intocable e pechada á inclusión de novos dereitos que iluminen e humanicen aínda máis as nosas relacións. 

Con relación a este proceso iluminador e humanizador é  importante ter memoria histórica para decatarse dos avances en materia de dereitos humanos. No  1202, na Coroa de Aragón, e máis tarde no “Fuero de Castilla”, os señores obtiveron do monarca o recoñecemento do “Ius maletractandi”, o “Dereito a maltratar”, unha lei positiva pura e dura que lles permitía ós señores encadear os vasalos, roubarles, quitarlles a vida, sen necesidade de xustificación ningunha. Eran “Señores de forca e coitelo”.

Declaración e Práctica

Á vista da consideración anterior podemos afirmar que melloramos, se ben de xeito moi desigual, nos diversos contextos xeopolíticos nos que se moven as persoas, os pobos. Por tal motivo, neste 60 aniversario é obrigado prestar atención á dialéctica entre “Declaración” e “Práctica real do declarado”.
Lonxe de todo conformismo, debemos verificar o contraste entre o ideal que estes Dereitos representan e a súa deficiente realización histórica, porque a historia dos dereitos humanos é tamén a da súa  continua e sistemática violación.  

A conciencia e memoria destas insuficiencias e contradicións móvenos a seguir impulsando este proceso de humanización que entraña a realización dos Dereitos Humanos; humanización que temos que defender por canto eses dereitos esmorecen sen a decidida vontade de defendelos. Defender  e denunciar, porque  as  violacións de dereitos en 2008 seguen a ser unha lamentable realidade que se  está a producir nos diversos continentes e culturas, nos diversos estados, non só os gobernados por réximes autoritarios e ditatoriais, senón tamén nas  chamadas democracias formais.

Basta repasar o “Estado do Mundo” nos anuarios económicos e xeopolíticos dos últimos anos para constatar a penosa situación na que viven millóns de seres humanos que deberían ser, e non son, beneficiarios de dereitos. As Nacións Unidas, as diversas ONG, os sindicatos…,  non deixan de mostrar a súa crecente preocupación diante dos efectos provocados por unha orde económica internacional inxusta. A desigualdade da división social do traballo, do acceso á tecnoloxía, o inxusto repartimento dos beneficios como consecuencia das actuais estruturas de intercambio e dos investimentos, etc., son mostras ben coñecidas desta inxusta situación.

Queda moito camiño por andar neste proceso da humanización. Para as persoas e pobos empobrecidos, conseguir o que para as persoas e pobos privilexiados é xa unha realidade gozada en maior ou menor grao, como son os dereitos políticos, económicos e sociais. O tópico da “igualdade de oportunidades” está moi lonxe de ser unha realidade, mesmo nos réximes de democracia avanzada. As demandas dos sectores máis desfavorecidos non gozan das prioridades de moitos gobernos. No peor dos casos, hai gobernos que fan do poder un servizo case exclusivo para grupos minoritarios –oligárquicos– , impedindo o control popular da súa xestión. Gobernos  que “normalizan” a represión, a limpeza étnica, a discriminación racial e de xénero, o terrorismo de Estado e outras atrocidades.

Unha protección máis efectiva

Na nosa iniciativa 2008 queremos manifestar o desexo de que a realización e protección dos Dereitos Humanos sexa cada vez máis efectiva. Neste sentido precisamos, tanto a nivel nacional como internacional, dunhas institucións políticas e dun sistema xudicial que favorezan, e non entorpezan, a realización e gozo dos dereitos. Porque é moi triste recoñecer que mentres, a escala mundial, o respecto ós dereitos humanos é aínda moi baixo, o nivel de impunidade para os violadores de dereitos é moi alto. Por  tal razón apoiamos a Internacionalización da xustiza, coa vixencia dun Tribunal Penal Internacional.

Unha progresiva ampliación dos Dereitos

Desexamos tamén a progresiva ampliación do concepto de Dereitos Humanos. Por exemplo, o recoñecemento dos Dereitos de Solidariedade. Tal recoñecemento pasaría por tres camiños: 1º Declarar Patrimonio Común da Humanidade os recursos alimentarios de base. 2º A consecución dun Desarme xeneralizado, dedicando os recursos dos gastos militares para axuda aos países e grupos sociais empobrecidos e marxinados. 3º Dedicación dun mínimo 0,7 % do PIB como axuda os países empobrecidos.

Todas as persoas debemos seguir facendo camiños de utopía, o que  significa seguir loitando por acadar maiores cotas de liberdade e xustiza, por acadar un máis e profundo nivel de conciencia solidaria, intercultural e ecolóxica. Seguir facendo camiños de utopía significa a superación dos etnocentrismos pechados e excluentes,  que enfrontan as persoas e aos pobos, significa a superación do que Amin ­Maalouf chama  as “identidades asasinas”.

Para rematar queremos destacar tres violacións de dereitos humanos que, por desgraza, teñen máis tráxica actualidade:

A TORTURA. Chégase mesmo a falar de “tortura de baixa intensidade” como resposta fronte ao terrorismo,  que se realiza en cadeas especializadas, de sobra coñecidas.

A VIOLENCIA DE XÉNERO. Temos que propor e defender un modelo de sociedade que parta da equiparación dos sexos, e que reduza e chegue a eliminar a violencia contra as mulleres, mesmo con resultado de morte.

A INMIGRACIÓN. Un fenómeno complexo que resulta do dereito á libre circulación, para saír do propio país, pero tamén para entrar no outro, combinado co dereito á vida, á saúde e á dignidade. Tratalo co máximo respecto e intensidade política  é unha obriga de solidariedade e de xustiza.


Calo Iglesias
Sobre o autor ou autora:
Seminario Galego de Educación para a Paz
Ler máis >>

 
< Ant.   Seg. >
Galicia Hoxe
Ciberirmandade da Fala