Papá Estado que estás nos ceos
Vicent Boix   
Xoves, 06 de Novembro do 2008

Vicent Boix-. Especulando no sistema solidario mundial.


Veña a nós o teu reino.

Foi expulsado do estado español. Multárono con 3.240 euros. O “crime” deste senegalés: vender 45 DVD de filmes e 147 CD de música. Falsificados todos. Sentenza dun tribunal de Granada. O pasado xaneiro. Non foi a prisión. Pero por non ter permiso de residencia.

Mentres, a aseguradora AIG foise arruinando. En Estados Unidos. Os seus executivos malgastaron milleiros de dólares. En luxos e pracer. Directivos de Freddie Mac. Outra empresa crebada. Cabildearon a consultores republicanos. Querían frear unha proposta de lei. Unha que impuña mecanismos de supervisión aos seus “negocios”. Non ten permiso de residencia. O senegalés. Os engravatados si. A xustiza está enladrillada, quen a desenladrillará? O desenladrillador que a desenladrille, bo desenladrillador será.

Perdoa as nosas débedas.

O plan de rescate dalgúns países da UE excede os 2,39 billóns de dólares (1,9 billóns de euros). Con ese capital e se é necesario, os Estados poderán mercar participacións en bancos, garantir os empréstitos entre as entidades e adquirir activos. Na outra beira do charco, o plan de rescate presentado por George Bush alcanzaría a cifra de 700.000 millóns de dólares. Con todo, o goberno norteamericano xa investiu 765.000 millóns de dólares distribuídos do seguinte xeito: 150.000 en devolución de impostos para fomentar o consumo, 300.000 para créditos hipotecarios brandos, 200.000 na quebra das axencias hipotecarias Fannie Mae e Freddie Mac, e 115.000 na nacionalización de certas empresas como a aseguradora AIG, que supostamente serán recuperados coa venda dos seus activos.

Diñeiro utilizado en USA para afrontar a crise: 765.000 millóns de dólares. Diñeiro público para futuros rescates en USA: 700.000 millóns de dólares. Diñeiro público para futuros rescates na UE: 2,39 billóns de dólares. Total: 3,85 billóns de dólares.

Así coma nós perdoamos os nosos debedores.

A cifra total do que podería ser o maior roubo da historia xamais contado, equivale á suma do PIB da India e Turquía en 2007. Multiplica por dous ao de Brasil e ao de África. Por tres ao de México, España ou Italia. Por sete ao de Arxentina. Por dez ao de Uruguai.

A débeda externa dos países do sur (mal chamados subdesenvolvidos) era de 2,5 billóns de dólares a inicios deste milenio. Se o capital disposto para salvar bancos, fose destinado a salvar países, seguirían sobrando 1,35 billóns. En xuño de 2005, o G-8 anunciaba unha redución da débeda para preto de 40 países fortemente endebedados, por un monto de 55.000 millóns de dólares. Un pequeno frasco de pomada, se se compara coas custosas e enliortadas operacións cirúrxicas realizadas ao sistema financeiro.

1400 millóns de persoas viven na extrema pobreza e segundo a FAO, 923 millóns sofren fame no mundo (75 máis que o ano pasado). Para erradicala, o director de devandito organismo recoñeceu que fan falta 30.000 millóns de dólares anuais. Só logrou recadar 7.500 para catro anos, arriscando deste xeito un dos obxectivos do milenio. Mercar comida até o 2015 (nos mesmos países afectados e non os excedentes de USA), custaría 240.000 millóns de dólares (30.000 X 8 anos). Seguirían quedando 1,11 billóns.

A Axuda Oficial ao Desenvolvemento do Goberno Bush sumou 27.500 millóns de dólares en 2005. Un 2% do empregado nos seus plans de salvamento. Todos os países ricos ofertaron preto de 100.000 millóns de dólares en 2007, pero segundo a ONU farían falla 18.000 millóns máis. Poderíase abonar o antedito incremento nos vindeiros 10 anos -180.000 millóns- sen esixir trocos nas políticas internas e disporíanse aínda de 930.000 millóns.

Un dos obxectivos do milenio establece que todos os escolares do mundo deben acabar o ciclo de primaria no ano 2015. Unha fantasía? Segundo a Alianza Española Contra a Pobreza, esta meta non se alcanzará na data estipulada. 75 millóns de nenos e nenas non están escolarizados, grazas en parte a que os seus estados gastan máis cartos na débeda externa que en formación. Segundo a dita Alianza, no ano 2006 os países con rendas baixas recibiron 5.000 millóns de dólares de axuda directa para educación. No entanto, farían falta 6.000 millóns máis para completar o obxectivo. Se se garantisen até o 2015, precisaríanse 48.000 millóns de dólares (6.000 X 8 anos). Restarían 882.000 millóns.

2.400 millóns de persoas non teñen acceso a saneamento adecuado e máis de 1.000 carecen de auga potábel. 2 millóns de nenos e nenas morren ao ano por doenzas que se propagan pola auga enlixada e/ou instalacións sanitarias inadecuadas. A ONU calculou en 2001 que se necesitarían 23.000 millóns de dólares anuais para proporcionar auga potábel e saneamento a todos os habitantes do planeta, cumprindo desta xeito outro obxectivo do milenio en 2015. Unha vez máis a estimación non se alcanzaba xa que se dirixían 16.000 millóns. Asignar os 7.000 millóns anuais que faltan significaría un total de 98.000 millóns de dólares (7.000 X 14 anos). Aínda constarían 784.000 millóns de dólares.

A nivel mundial, no ano 2006 morrían 72 nenos e nenas menores de 5 anos por cada 1.000 nacementos vivos e entre os anos 1990 e 2005, a mortalidade materna apenas diminuíu un 1%. Con estas cifras estase lonxe de cumprir un dos obxectivos do milenio. No mesmo ano e segundo a ONU, canalizouse a ridícula cifra de 3.500 millóns de dólares para mellorar a saúde materna, neonatal e infantil. Farían falta 7.000 millóns máis ao ano, é dicir, 56.000 millóns de dólares para os próximos 8. Na acadaría aínda 728.000 millóns.

Decenas de millóns de persoas falecen ao ano por SIDA, tuberculose, malaria e outras doenzas. En 2006 estimouse que a cifra para lograr conseguir o obxectivo do milenio en canto á redución da mortalidade por estas e outras patoloxías, debería ser de 20.000 millóns de dólares. Folga dicir que non se logrou reunir dita suma. Se se tomase como referencia e se abonase até o ano 2015, necesitaríanse 200.000 millóns de dólares (20.000 X 10 anos). Aínda existirían 528.000 millóns para seguir cambiando o mundo.

10 millóns de mozos morren ao ano de pneumonía, sarampelo e tétanos, segundo Save The Children. O tratamento por persoa en cada unha destas tres enfermidades custaría 30 céntimos de euro, 15 e 40 respectivamente. Aplicar todos os tratamentos suporía un monto total de 10 millóns de dólares. A dólar por neno. Solto. Vergoñento.

A modo xeral, para avanzar na consecución dos obxectivos do milenio farían falta 150.000 millóns de dólares anuais até 2010. En setembro de 2008, nun encontro celebrado pola ONU en Nova York, os países desenvolvidos só lograron achegar 16.000 millóns. Unha brincadeira de mal gusto se se compara coas inxentes cantidades achegadas para lubricar o sistema bancario mundial.

No Cume do Milenio do 2000, constituíronse unha serie de metas a cumprir no ano 2015. Denomináronse obxectivos do milenio e a maioría relatáronse neste artigo. Posibelmente serían accesíbeis e mesmo se podería aspirar a moito máis, se se empregase dunha forma máis altruísta o diñeiro público dispoñíbel para salvar a bancos corruptos. Probabelmente seguiría sobrando diñeiro que se podería destinar a outros fins. Por exemplo, para reducir o analfabetismo á metade, que segundo a UNESCO, afectaba a 700 millóns de persoas en 2005. O devandito obxectivo fixouse no Foro de Dakar e requiriría 26.000 millóns de dólares.

Non nos deixes caer na tentación.

O 27 de outubro, rebelion.org publicaba un amplo artigo de Éric Toussaint, sobre as causas da crise alimentaria. O autor narraba como o banco belga KBC, iniciou unha campaña publicitaria para animar á cidadanía a investir en seis alimentos básicos. Os seus anuncios proclamaban sen pudor algún: “Sacade vantaxe da alza de prezos dos produtos alimentarios!”. Segundo Toussaint, a publicidade presentaba como unha “oportunidade” a “penuria de auga e de terras agrícolas explotábeis”, que deriva “nunha escaseza e unha consecuente alza de prezos dos produtos alimentarios básicos”.

Casual e paradoxalmente, ese mesmo día, os medios de comunicación informaban nas súas páxinas de economía que o goberno belga decidira inxectar 3.500 millóns de euros ao KBC. Servirá o capital público para promover e agudizar a fame a través da especulación criminal dos terroristas de luva branca? E a gran dúbida que me aflixe tras escribir este artigo. Poderá pagar a comida o senegalés expulsado por vender DVD piratas?

[Vicent é escritor, autor de “El Parque de als hamacas”. http://www.elparquedelashamacas.org/]

Vicent Boix
Sobre o autor ou autora:
Autor do libro: "El parque de las hamacas"

 
< Ant.   Seg. >