Plataforma Galega Antitransxénicos
Único xornal en galego
Xosé Manuel Beiras: "É necesario empurrar alternativas concretas que disputen espazos de poder"
Marga Tojo   
Luns, 01 de Decembro do 2008

 Marga Tojo-. Dende que en 2001 agromara o Foro Social Mundial, o nacionalismo lúcido, como di o Beiras, estivo alí da man de homes como Camilo Nogueira e el mesmo, e de organizacións como a CIG e o SLG. Era lóxico, a estrutura do BNG cimentábase daquela no apoio de movementos sociais. Hoxe o Beiras está inmerso na Comisión de Estratexia do Consello Internacional do Foro Social Mundial.

A crise está a pór enriba das mesas as máis diversas e inverosímiles cuestións que os movementos sociais levan décadas tratando. Escoitar nun programa da tele a Jorge Verstrynge e Massiel falar de neoliberalismo é unha experiencia inefábel pero real. Unha desexaría ser ologramática e estar capturada por unha onda temporal calderoniana, de estilo sexismundo en La vida es sueño. Pero non. A refundación do capitalismo adquire esas derivas transitorias entre os seus pensadores pop, concesións kitch desacralizadoras e outros merchandisings. Claro que Jorge Verstrynge e Massiel son, por fortuna, as migas das migas dun pan que sobrou hai meses e foi transformado en reladura para rebozar e a súa eficacia prosistema, por tanto, é limitada.

 Non hai dúbida, será imposíbel desde o interior do capitalismo reformar ou transformar a economía de mercado existente –determinada polas corporacións transnacionais e os seus Estados capitalistas– nunha sociedade diferente rexida pola cooperación, a igualdade de oportunidades, o control dos traballadores sobre a produción e unha coordinación descentralizada mediante unha planificación democrática e a supresión das xerarquías de clases, xénero e opresión étnica.

Pola contra, para conseguir ese mundo mellor é necesario, construír nun proceso constante, peza a peza, partidos políticos democráticos, sindicatos independentes e progresistas, movementos sociais de participación masiva unidos en coalicións nacionais e internacionais, así como organizacións que seriamente denuncien os obstáculos capitalistas e loiten por unha alternativa colectiva e participativa "socialista" ou "humanista" no seu interior e no conxunto da sociedade. Moita xente chama a esta alternativa un tipo de "socialismo internacionalista" ou "un novo humanismo baseado na solidariedade". Con todo, non funcionará ben sen unha masiva participación desde abaixo, e unha organización democrática cualificada que estea decidida a defendela.

O FSM rompeu a concepción do pensamento único, xa que despois de Porto Alegre 2001 xa nunca máis sería posíbel afirmar que o mercado e o capitalismo eran as únicas opcións. A chantaxe de Margaret Thatcher voou polo aire. E as institucións prol-consenso de Wáshington, como o Banco Mundial e o FMI (Fondo Monetario Internacional), empezaron a recoñecer que certas realidades, como a pobreza, eran feitos existentes.

A segunda fase foi a de presentar a posibilidade de resistencias e alternativas. Isto marca Porto Alegre 2002 e 2003, cando os Foros son o escenario de articulación, por exemplo, da campaña continental contra o ALCA (Acordo de Libre Cambio para as Américas) ou se multiplican as resistencias ás iniciativas da OMC (Organización Mundial do Comercio). Xorden definicións, tamén, como que o acceso á auga é un dereito inalienable

ENTRE OS DEZ OBXECTIVOS DO FSM FIGURAN POR PRIMEIRA VEZ OS DEREITOS NACIONAIS

OS APARATOS DE ESTADO NACIDOS DAS REVOLUCIÓNS LIBERAIS ESTÁN OBSOLETOS

O BNG É UN DESEÑO CON DENOMINACIÓN DE ORIXE GALEGA CREADO POLO POBO GALEGO

"Para Blanca Chancoso, nación son os indíxenas, porque unha nación non ten que ver obrigadamente cun terreo delimitado como tal. Galiza evidentemente é unha nación".

E agora é posible albiscar unha nova etapa na cal eses enunciados xenerosos, pero ás veces un tanto abstractos, se traducen en mobilizacións concretas. Anticipo o momento en que, sempre sobre a base de adhesión voluntaria e dunha gran coordinación horizontal, poderemos impulsar algo como un boicot contra certas transnacionais (como o propuxese Arundhati Roy en Mumbai), ou unha campaña internacional pola redución da xornada de traballo; ou polo acceso de balde aos medicamentos contra a sida que poderían ser financiados, por exemplo, sobre a base dunha taxa sobre o lucro aplicada ás transnacionais. É dicir, é posíbel pensar en accións internacionais para conquistar terreo ao capital, quitándolles certas relacións sociais do seu dominio. Isto tería un efecto didáctico enorme, ao demostrar que esta lóxica social, poscapitalista, é factíbel. É necesario empurrar alternativas concretas que disputen espazos de poder e que sexan capaces de demostrar, a moitísima xente, a posibilidade e viabilidade de organizarse doutro xeito. "O fenómeno de Bolivia, Paraguai, Venezuela, Brasil –que, malia todo, non é igual ao anterior–, non é explicábel sen a exstencia dos foros", di Beiras.

O líder nacionalista sitúa o Bloque nacionalista galego como pioneiro na formulación das inquedanzas e demandas dos foros: "O deseño do propio BNG anticípase á configuración dos foros sociais. Nos principios fundacionais do BNG está a organización de rede, a federación, o ecoloxismo, o antimilitarismo e o antiimperialismo. O BNG nace no seu día como fórmula ex novo. É un deseño con denominación de orixe galega creada polo pobo galego. Non ten corte convencional e nace adiantándose ao que vai pasar despois, so que logo fai o proceso inverso, involutivo e até decide deixar de ser asembleario. Agora sufriu unha evolución na que traizoou as súas orixes. A metamorfose do BNG é prescisamente a realción entre a organización política e a súa base cidadá e as relacións coas institucións. Esa é a clave de que o BNG, en lugar de camiñar cara a diante coa forza desas bases comezase a facer o camiño inverso, porque se o BNG cando nace ten xa a resposta idónea ao que posteriormente se propuxo nos Foros, pero agora está mermada porque está metida dentro dun entramado institucional obsoleto, o que tende a divorcialo da base social. E é que o grupo dirixente último do Bloque non ten asumido o que significan os movementos sociais e distánciase cada vez máis diso". Para Beiras, o BNG foi asimilado pola dinámica actual dos partidos políticos, que deixaron de cumpriren a súa función de pontes coa cidadanía. "Se o BNG segue por onde camiña agora, será inservible para levar a cabo o proxecto fundacional e fará o que manda o aparato ideolóxico do sistema". "A ponte dos partidos rompeu", sostén, " e son os foros os que agora fan de pontes".

"Daquela, o postaltermundialismo promovido por Cassen, que estaría composto por movementos sociais, partidos políticos e gobernos progresistas, pode caer no mesmo ao entrar na política", apunta Manoel Santos.

O fracaso do foro? A longa viaxe

"Isto é como correr a contracorrente sobre a fita dos aeroportos. Só se logro correr máis do que a fera conseguirei saír adiante. É unha longa viaxe" (Beiras).

Fronte á ineptitude das estruturas políticas convencionais, o Foro Social Mundial é o Parlamento dos Cidadáns da Terra. Con estas palabras o definiu no seu día Ignacio Ramonet. Parécelle a Beiras "a definición perfecta". Chegou a hora de preguntarse se a fórmula inaugurada en Porto Alegre en 2001 pode perpetuarse como tal. Todo indica que non: é precisamente cando a dinámica dunha acción é exitosa –como neste caso– cando se impón a necesidade de prever a seguinte etapa; mais aínda porque os posibles indicadores de avaliación deste "éxito" son numerosos e moi diferentes.

O número de participantes? É evidente que, logo de constatar "o efecto masa" no primeiro FSM, "sumar cifras" non proba nada. Poderiamos reunir cada vez máis delegados, e logo que? A ampliación da base social e do abano de organizacións incorporadas no proceso de Foros, é dicir na procura do "outro mundo posible"? Neste sentido, o número de participantes foi un elemento importante, contribuíndo a incitar algunhas organizacións reticentes –especialmente sindicatos– a non deixar perder a oportunidade dunha tribuna mediática e a enarborar por un tempo un "selo" altermundialista. Pero, para algunhas destas organizacións, as cousas non van mais alá, e non se comprometen en accións ulteriores. Con todo, esta situación podería evolucionar.

A incorporación de forzas sociais do país ou do continente sede do Foro no movemento altermundialista? Isto foi unha das conquistas de Porto Alegre: América Latina volveuse actor de primeiro plano da contestación da mundialización neoliberal, que logo de ser esencialmente euroamericana, estase volvendo multipolar. Mumbay terá este
papel para o Sur de Asia.

A proxección no espazo público das propostas elaboradas no seo dos Foros e a súa inserción nas políticas nacionais, continentais e internacionais? Aí está a dificultade: vistos polo cidadán común, os foros mundiais son parecidos a unha especie de festa itinerante cos seus aspectos positivos e tamén as súas limitacións: cada un de nós ten moita dificultade para explicar que é o que está "emanando" dun Foro. Os chamamentos lanzados por asembleas chamadas "de movementos sociais" non poden xogar realmente este papel, dada a disparidade entre o número de organizacións que definen e adoptan estes chamamentos e o número global de organizacións que participan nas actividades dos Foros: a relación é, segundo o modo de medir, de 1 a 20 ou de 1 a 50. Para ser levada a termo, esta nova etapa debe previr o perigo das xeneralidades programáticas facilmente recuperábeis por calquera partido ou goberno.

"O problema do FSM é que non ten a organización xurídico-institucional para actuar como o verdadeiro parlamento dos cidadáns da terra", apunta Beiras, "Porque se hai unha solución para a humanidade na política só se fará se os foros apagan a artrose na que están aparcados. Hoxe hai unha dialéctica de contrarios absolutamente establecida, con dúas dinámicas de signo inverso, a da sociedade que se manifesta nos movementos e nos foros e a do poder e dos aparatos de Estado. O que está claro é que o deseño dos aparatos de Estado nacidos das revolucións liberais está obsoleto, é unha máscara de ferro ou un corsé que inmobiliza. Eu espero e desexo que os movementos sociais rachen con eses aparatos e deseñen outros totalmente distintos, ou poida que eses aparatos rematen afogandoo todo, e daquela chegarán os totalitarismos".

A esquerda? "En parte é porque a esquerda desertou de intentar defender o seu ideario e de tentar impedir, cando chegaba ao poder, o desmantelamento dos resortes e alabancas do aparato de Estado para gobernar a economía, é polo que esta crise se estendeu como a peste bubónica do século XIV. Como daquela, hoxe non temos cordóns sanitarios. A taxa Tobin, por exemplo sería un cordón sanitario que non se aplicou".

E do Foro Social Galego, que se pode esperar? "Espero que algo análogo ao que aconteceu co de Porto Alegre, á escala nosa e que non quede nunha aventura efémera, senón que abra unha nova fase nun proceso que se está a dar na sociedade. O impacto político
inmediato é máis cuestionábel".

Como avanzar? "O paso da problemática dos foros á instancia política comezará a darse no intre en que se produza un cambio de actitude: en lugar de que a cidadanía activa, coas súas conclusións e propostas alternativas, se dirixa ao poder político para dicirlles "aquí está isto, tedes que dar resposta", que elas mesmas constrúan unha alternativa política centrada nesas cuestións, no que consideran problemas primordiais. É a única maneira de abrir unha fenda na dirección dos cambios en Bolivia, Ecuador ou Venezuela, pero na nosa conxuntura".

Concepto de nación

"O mundo é moi diverso; existen nacións que sen Estado. Para Blanca Chancoso, nación son os indíxenas, porque unha nación non ten que ver obrigadamente cun terreo delimitado como tal. Galiza evidentemente é unha nación".

De acordo coa teoría de Estado, a complexa relación entre Estado e nación forza a postular a interdependencia entre ambas as categorías. Aínda hoxe adóitase interiorizar a tese que os identifica –o dogma do Estado-Nación– e que presenta unha vertente descritiva (Estado e nación son coincidentes) e outra normativa (a cada Estado debe corresponder unha nación, e viceversa). Deste xeito, a soberanía sería unívoca e monocéntrica. Desafortunadamente, e coa venia de quen profesa un nacionalismo in extremis, ese dogma está en retirada, pois a súa falacia vén sendo demostrada non só a nivel teórico, senón desde o punto de vista empírico. E é que hoxe, aínda que soe paradoxal, existen Estados sen nación e nacións sen Estado propio. Proba do primeiro suposto é o Reino Unido, no que os 4 países (Gales, Inglaterra, Escocia, Irlanda do Norte) dificilmente reivindican unha nación británica; e do segundo suposto, Palestina, nación que hai anos vive desterrada no seu propio territorio.

A nación é un plebiscito de todos os días, como afirmou Renan. A esta ambición universalista do pensamento francés, a nación-contrato, oponse a definición particularista do romanticismo alemán, cimentada nos lazos de sangue dos individuos e no feito de descender dun antepasado común, así como nunha lingua e unha cultura comúns. No noso século, Stalin definiuna como "unha comunidade humana estable, historicamente formada e xurdida sobre a base da comunidade do idioma, do territorio, da vida económica e da psicoloxía, que se manifesta nunha comunidade de cultura". Para Renner, en troques, as nacións, "que emerxen grazas a unha historia, unha lingua e unha cultura comúns", afírmanse
como "unidades de vontade e acción".

Que ten un Estado, que non teña unha nación? Palestina, que posúe un profundo sentimento patriótico, a pesar de non ser Estado recoñecido, carece dun territorio ben delimitado. Unha nación sen Estado propio non ten soberanía nin personalidade xurídica internacional, co que se unha nación desexa ter soberanía política tería que exercer, vía referendo, a súa libre autodeterminación. O caso do novo Estado de Montenegro é ilustrativo.

Pero as transformacións políticas van máis aló do que imaxinamos. Hogano estamos fronte a un ente que non sendo nación, nin Estado, goza de soberanía. Referímonos á Unión Europea, un corpo supranacional xurdido en 1992 co Tratado de Maastricht, aínda que o proceso vén desde 1952 coa CECA, seguida en 1957 coa CEE e a CEEA ou Euratom en 1958. Esta soberanía da Unión Europea é denominada soberanía compartida.

Unha boa noticia é que nacións sen estado levarán o dereito á autodeterminación ao FSM. O día 13-15 de novembro reuníronse en Barcelona para articular a súa participación conxunta no Foro que se celebrará en Belem (Brasil) en xaneiro. No encontro celebrado participaron unha vintena de representantes de nacións sen Estado de todos os continentes, entre eles Galiza (Fundación Galiza Sempre), Herriak Aske (rede de movementos palestinos, vascos e venezolanos), kurdos, amazighs, kosovares, tamiles e mapuches. O obxectivo común era organizar o Espazo polos Dereitos Colectivos dos Pobos no FSM. É a primeira vez que se organiza este punto de encontro, que impulsa o CIEMEN (entidade cívica catalá de defensa das minorías nacionais). O Ciemen, anfitrión do encontro, é a entidade vinculada á defensa dos dereitos colectivos máis veterana no Consello Internacional do FSM. Entre os dez obxectivos do FSM, figuran, por primeira vez, os dereitos nacionais baixo o lema Por un mundo baseado no dereito de autodeterminación.

Por que este ano se logrou introducir esta reivindicación? Para Quim Arrufat, do Ciemen, "O auxe do movemento indíxena en Latinoamérica, o traballo realizado pola entidade catalá desde hai oito anos en xuntanzas e comisións creando complicidades e a incorporación de Askapena no comité do FSM". "Este espazo non se crea como un escaparate polo cal desfilen as nacións sen Estado", puntualiza, "á parte de ser un espazo para que estas nacións poidan falar ao mundo, organízanse actividades conxuntas sobre cuestións que afectan a todos por igual".

Para Xabier Macías, director da Fundación Galiza Sempre, "é a maior oportunidade para que as nacións sen Estado lles falen ao mundo, porque nunca antes acadaran tanta presenza como terán no vindeiro Foro Social Mundial".


Marga Tojo
Sobre o autor ou autora:
Xornalista. Consello de Redacción de Altermundo.
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >
PuntoGal
Ciberirmandade da Fala