Plataforma Galega Antitransxénicos
Suplemento Altermundo, de Galicia hoxe
A dúas voces: Frei Betto e Boaventura de Sousa
Manoel Santos   
Sábado, 29 de Novembro do 2008



BOAVENTURA DE SOUSA SANTOS
Coímbra, 1940. Un dos principais intelectuais na área das ciencias sociais. Doutorado en Socioloxía do Dereito. Catedrático na Univ. de Coímbra, Distinguished Legal Scholar da Univ. de Wisconsin. Director do Centro de Estudos Sociais da Univ. de Coímbra. Ten escritos unha corentena de libros, sendo tamén un prolífico articulist
FREI BETTO
Carlos Alberto Libânio Christo (Belo Horizonte, Brasil, 1944). Escritor, xornalista, filósofo e teólogo. Profesou na Orde Dominicana. Coñecido adepto á Teoloxía da Liberación e influente militante de movementos sociais e pastorais. Foi asesor do presidente Lula da Silva. Ten publicados máis de 40 libros e os seus artigos pódense ler en Adital.

 BS

 FB

DENDE QUE EN 2001 SE CELEBROU O PRIMEIRO FSM, ESTES PROCESOS AVANZARON OU ESTÁN ESTANCADOS SEN QUE SE TRADUZAN EN SOLUCIÓNS EFECTIVAS?

FB♦ Abanzaron, proba diso é a primavera democrática en América Latina, coa elección de gobernos democrático-populares, como Lula no Brasil, Chávez na Venezuela, Morales na Bolivia, Correa no Ecuador e Lugo no Paraguai. Hai unha crítica crecente ao neoliberalismo, agora reforzada coa crise do sistema financeiro. O que falta é apontoar os movementos sociais. A esquerda distanciouse das bases sociais e focalizou a súa actuación prioritaria no proceso
electoral, o que é un erro.

B.S♦ Os avances do proceso foron notábeis e, ao contrario do que se di, hai moitos casos nos que se adoptan medidas progresistas que naceron das discusión acontecidas no foro. O que acontece é que moitas desas medidas son adoptadas a partir de movementos sociais específicos, sen que sexa visíbel a ligazón entre eles e o foro. Os mellores exemplos son as transformacións na América Latina protagonizadas polos movementos indíxenas, a transformación global da axenda alimentar baixo presión de Vía Campesina ou a entrada dos dereitos sexuais reprodutivos na axenda de moitos países, a partir da acción da Articulación Intercontinental do movemento de Mulleres. Dito isto, non exclúo a hipótese de que o proceso do FSM sexa repensado para asumir plenamente as transformacións que decorren da crise financeira mundial.

ATÉ ONDE PODE, OU DEBE, CHEGAR O "PODER" DOS MOVEMENTOS SOCIAIS? PÓDESE PASAR DUN FORO-PROTESTA A UN FORO-ACCIÓN?

FB♦ Até o límite de establecer unha alteridade entre a sociedade civil organizada e a sociedade política, o pobo e o Estado. Esa é a base para a democracia participativa. Sen iso ficamos na democracia delegativa e, por veces, representativa –de lobbies de empresas, bancos, latifundistas e outros grupos de elite.

B.S♦ O Foro-acción vai ocorrendo a través dos movementos que integran o FSM. Mais penso que, feita esa reflexión, poida que o FSM mude nun número reducido, mais altamente simbólico e importante, de accións-campañas.

ESTÁ VERDADEIRAMENTE A MORRER O MODELO NEOLIBERAL?

FB♦ O modelo neoliberal pode estar na fin, o capitalismo non. Este é un gato de sete vidas. No entanto, as súas crises agrávanse. Quen podería imaxinar que vería a Inglaterra e ós EUA estatizaren bancos? Non pregoaban a liberdade do mercado? Por que agora esta fuxida para o colo de mamá Estado? Penso que camiñamos cara ó modelo chinés: o control político da economía de mercado.

B.S♦ O neoliberalismo autodestruíuse. Non podemos dicir que a súa fin aconteceu por mérito das nosas protestas. Como Marx ben previu, o capital é o primeiro atranco á expansión do capital. De aí as crises. Mais obviamente non estamos ante unha crise final do capitalismo. Está o colapso do sistema financeiro e unha crise económica cuxa dimensión e perfíl é difícil de prever. Como sempre, as clases traballadoras e os grupos sociais máis vulnerábeis van sufrir moito máis. Eventualmente xurdirán realiñamentos na economía mundial: unha relación máis íntima entre EUA e China?; un novo rexionalismo na América Latina, na África ou na Asia? O certo é que para que melloren as consicións da gran maioría da humanidade é preciso que as súas organizacións se mobilicen e o fagan con particular intensidade neste momento de debilidade do sistema capitalista. De aí o meu chamamento para que repensemos e apontoemos o proceso do FSM.

E A ESQUERDA POLÍTICA?

FB♦ A esquerda anda moi desarticulada. Unha parte dela non se recuperou da caída do Muro. É como se os cardenais da igrexa decubrisen, de súpeto, que Deus non existe… A outra parte anda afastada dos movementos, perdida na retórica ideolóxica ou preocupada en conquistar ou manterse no poder.

B.S♦ Non ten unha resposta cun R grande. Mais o pensamento de esquerda continúa a traducirse no inconformismo, nas loitas por unha sociedade máis xusta, nas loitas contra a discriminación en todo o mundo. O que falta neste intre é un imaxinario alternativo ao capitalismo e que abranguise tanto como el. Seguimos a vivir o baleiro do fracaso da alternativa socialista que dominou o século XX.

SON OS NOVOS MOVEMENTOS SOCIAIS A RESPOSTA ANTIHEXEMÓNICA NECESARIA?

FB♦ Depende do movemento. Hai movementos neofascistas, de centro e de esquerda; movementos ecolóxicos, políticos e relixiosos. De calquera xeito, eles quen terán que implementar as bases da democracia participativa, sen se deixar absorber polo poder público.

B.S♦ Esa pregunta non ten resposta. Os sociólogos só saben prever o pasado. Ninguén foi quen de prever os acontecementos dos dous últimos meses. Tampouco prevemos a elección de Obama ou podemos prever o efecto que terá.

QUE RELACIÓN TEN QUE HABER ENTRE MOVEMENTOS E INSTITUCIÓNS E PARTIDOS POLÍTICOS? CONCORDA CO POSTALTERMUNDIALISMO QUE PROMULGA BERNARD CASSEN?

FB♦ Si, hai que apoiar e actuar xunto aos gobernos democrático-polulares, porén sen que haxa perda da autonomía dos movementos sociais. É un equilibrio delicado, mais necesario: participar sen integrar o goberno. Este é o desafío de movementos en países como Venezuela, Ecuador, Bolivia e Paraguai.

B.S♦ O que pasa na Bolivia ou na venezuela non pode ser visto como unha alternativa ao FSM. Son diferentes tipos de loita, precisamos de todas e existen articulacións positivas entre elas. Por exemplo, Bolivia foi salvada recentemente dun golpe de Estado en parte por mor da solidariedade internacional, que veu tanto de estados como de movementos.

O FSM VOLVE AO BRASIL. QUE FAI DESTE PAÍS A CAPITAL MUNDIAL DO ALTERMUNDIALISMO?

FB♦ O feito de que o FSM fose idea de dous brasileiros –Oded Grajew e Chico Whitaker– é un dos factores, alén do apoio que recibe do goberno Lula e gobernos estaduais e municipais do PT e doutros partidos progresistas. O foro de Belem incomodará o goberno de Lula, pois tocará nun dos temas máis contraditorios para a actual administración federal, a preservación da Amazonía comprometida polo desmatamento, o traballo escravo e a falta de reforma agraria, etc.

B.S♦ Foi onde se realizou o primeiro FSM. A crise ambiental está cada vez máis ligada á crise enerxética e económica. En cada un destes niveis, o Brasil ten hoxe unha importancia mundial.

E QUE PENSA DO VINDEIRO FORO SOCIAL GALEGO? NO CENTRO DO SISTEMA, ESTAMOS ACREDITADOS PARA FACER PROPOSTAS?

FB♦ Canto máis se multiplique o FSM tanto mellor. Precisamos globalizar o debate sobre alternativas ao neoliberalismo e ao capitalismo.

B.S♦ Obviamente e ben precisamos delas na Europa. A UE tentou seguir cegamente os EUA neste abismo do capitalismo de casino e non o fixo con máis determinación porque os movementos se opuxeron. É este o momento para presionarmos coa lexitimidade de termos a razón e defender que a prioridade da economía teñen que ser as persoas. Sen iso o capitalismo transfórmase nun monstro autofáxico. Temos aínda as loitas democráticas, pois o retroceso democrático na Europa foi moi pernicioso nestes dez últimos anos cos Aznares e os Durões apoiando a aventura criminal do Iraq cando os cidadáns se opuxeran inequivocamente.

É AÍNDA VÁLIDO O LEMA ‘UN OUTRO MUNDO É POSÍBEL’?

FB♦ Posíbel e necesario. O actual está a esvaecer, alén de se caracterizar por unha brutal desigualdade, con a penas o 20% da poboación en condicións dignas de vida e o 80% tentando sobrevivir entre a miseria e a pobreza.

B.S♦ É cada vez máis válido e , nos vindeiros tempos, se cadra poderemos darlle un contido aínda máis mobilizador e concreto. Mais non virá das nosas cabezas. Virá das transformacións que, organizadamente, sexamos quen de producir traducíndose en beneficios concretos para a esmagadora maioría dos que están nos nosos pensamentos mais non comparten aínda activamente as nosas loitas. Por veces nin enerxía anímica teñen para facelo, tan duras son as condicións de subsistencia de tanta xente no mundo de hoxe.


Manoel Santos
Sobre o autor ou autora:

Biólogo. Director e fundador de Altermundo.

Ler máis >>
 
Seg. >
PuntoGal
ibase