Poden os españois censurar a emenda venezolana?
Manoel Santos   
Venres, 12 de Decembro do 2008

“Sprint al autoritarismo”, así de tendenciosa era a (des)información que El País –medio pertencente a un grupo mercantil con evidentes intereses económicos, de raiceiras claramente oligárquicas, en Venezuela– tirou o día 8 de decembro sobre a recolleita de sinaturas que comezou en Venezuela para ver de darlle adiante a unha reforma do artigo 230 da Constitución Bolivariana, que limita os mandatos presidenciais a dous de seis anos cada un.

A emenda, mecanismo previsto de igual xeito pola dita Constitución no artigo 341, faría que unha persoa –e non só Chávez– puidera repetir postulación á Presidencia da República Bolivariana máis dunha vez. Loxicamente despois, para ser presidente ou presidenta, tería que presentarse e gañar as eleccións democraticamente, como leva facendo Hugo Chávez dende hai unha década. Malia que este último apuntamento semella de eidapuxa, ben está facelo, pois a tendenciosidade das informacións dos medios hexemónicos vén precisamente por esa banda, dando a entender á mantenta que o presidente Chávez impón unha especie de mandato vitalicio e xa que logo ditatorial. Nada máis lonxe da realidade.

Porén, non vou tratar aquí da miña opinión sobre a dita decisión, que en todo caso será do pobo venezolano e non de analistas nin opinadores e moito menos de medios de comunicación –a pesares do golpe mediático de 2002 en Venezuela–, senón dunha pregunta lóxica que debería xurdir de calquera súbdito –pois iso de cidadáns está aínda lonxe, sobre todo nas “comunidades” periféricas con identidade propia– do Estado español: Temos os “españois” lexitimidade para criticar que un Presidente dun Estado soberano poida ser escolleito máis de dúas veces?

A resposta tamén é evidente. Loxicamente non. Máis ca nada porque no Estado español esa posibilidade xa existe, é un feito, e criticar o que ti fas cando o fan os demais leva cando menos unha boa carga de cinismo. Un Presidente de Goberno español pode ser escolleito tantas veces como se presente de xeito consecutivo, sen límite de mandatos e sen máis freos que a idade biolóxica, pois os homes e as mulleres morren en todos os casos, e a vontade dos eleitores e eleitoras nas urnas. Máis aló de que a norma sexa acaída ou non para a democracia, criticar dende o Estado español, ou dende os seus medios de comunicación, que esta posibilidade se instaure tamén en Venezuela é xa que logo unha barbaridade, e sobre todo bota un cheiro colonialista, paternalista, ben noxentiño.

Pero hai máis. No Estado español o Xefe de Estado, ao que lle din Rei, así coma na Idade Media, non se escolle. Sempre é o mesmo. Foi imposto polo ditador Franco hai 30 anos –e iso que morreu hai 33–, ao abeiro dunha Constitución que nunca foi emendada nin reformada. Unha Constitución fósil, que non avanza coa sociedade e que ningún súbdito do Estado de menos de 48 anos de idade votou. Se temos en conta que máis ou menos a metade dos que a votaron xa morreron ou agonizan, pois conviredes en que a Constitución española está realmente, ou lexitimamente, apoiada por catro amigos vivos.

E hai outro pero máis grave aínda. Xa dixemos que o Xefe de Estado español nunca foi expresamente votado –foi plebiscitada toda unha Constitución, coa ollada dos militares posta sobre a mesa e algúns franquistas como Fraga de relatores– que é un posto vitalicio e xa que logo –aplicando a regra de tres de El País– ditatorial ou atoritario. Pero é que, ademais, é un posto que se herda. So hai dúas condicións legais necesarias para substituír ao Xefe de Estado español: ser da súa mesma familia e ser home. Vaia, que o posto de Xefe de Estado no Reino de España depende da sangue e do sexo. Con esta barbaridade decimonónica na Constitución española, poden ninguén pertencente a ese Reino dar leccións de democracia? Aquí si que cómpre, mais de xeito plural, un "Por que non calades!".


Manoel Santos
Sobre o autor ou autora:

Biólogo. Director e fundador de Altermundo.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >