| A fin dunha civilización con pés de lama |
| Manuel Casal Lodeiro | |||
| Mércores, 14 de Xaneiro do 2009 | |||
Manuel Casal Lodeiro et al-. A actual crise económica e financeira non é máis có preludio dun colapso global real por causa da escaseza do petróleo.
En Galiza a primeira chamada pública de atención deuna Xoán Ramón Doldán, cun artigo titulado Crise enerxética ou crise social?, publicado en Tempos Novos seis meses despois de deixar a dirección do Instituto Galego da Enerxía: "Hoxe asistimos á crise do modelo enerxético vixente. Os cambios noutras ocasións sempre foron motivados por unha carencia crítica da enerxía necesaria para mover o metabolismo da sociedade onde tal modelo imperaba. Case sempre a transición a outro modelo desembocou nun cambio de civilización, a emerxencia dun novo xeito de ordenar as cousas." Doldán salientaba no seu artigo o grave problema no fondo na cuestión enerxética: o mito do crecemento. Sóalles de algo? Segundo explicaba o autor (na actualidade profesor de Economía Aplicada na USC), o desenvolvemento dese mito e con el, do actual modelo capitalista, foi posible grazas á existencia dunha substancia de propiedades únicas e insubstituíbles: o petróleo.
O sistema agroindustrial que nos fornece de comida cada día na gran maioría dos fogares deste país está baseado nun modelo produtivo altamente dependente dos combustibles fósiles. Sen os fertilizantes, pesticidas, sistemas de rega e maquinaria a gasóleo –todo isto fabricado ou movido a partir de petróleo ou gas natural–, simplemente este tipo de sistema non pode producir comida. Claro é que temos outros sistemas alternativos para producirmos alimentos: hortas familiares, uns poucos produtores ecolóxicos e mesmo algún supervivente da tracción animal… Pero, a canta xente dariamos alimentado con esa capacidade produtiva, a estas alturas tan estragada polo capitalismo mundializado? E aínda por riba: como transportarmos eses alimentos desde as zonas de produción ás grandes cidades –hoxe alimentadas desde milleiros de quilómetros de distancia– cando ese malgasto obsceno de enerxía se demostre insustentable? É unha das constatacións máis alarmantes cando un tenta avaliar o alcance dunha escaseza de petróleo que temos xa á volta da esquina. Tras alcanzarmos o chamado "cénit" ou "pico" na produción mundial de petróleo, cada vez teremos menos petróleo e seremos máis a repartírmolo: a Axencia Internacional da Enerxía prevé que malia o efecto da crise económica, a demanda de cru seguirá a medrar no 2009. O colapso, froito dunha produción de petróleo irremediablemente minguante e unha demanda crecente, estará entón servido e as industrias teimando por se recuperaren do crash financeiro atoparanse cun novo atranco contra o que non valerán rescates gobernamentais: un petróleo cada vez máis caro, arrastrando tras de si todos os prezos da economía mundial nunha espiral estanflacionista sen precedentes na historia. Estamos a falar de 2010, talvez de 2015… As axencias oficiais, as empresas petroleiras e mais os científicos xa fan as súas apostas sobre o momento crítico do cénit, do comezo da costa abaixo que mesmo hai quen di xa comezou no 2005. Para a civilización industrial abrirase daquela un proceso de inevitable demolición, paulatina e apenas controlada, unha transición seguramente turbulenta, un camiño no que algúns prevén –e outros talvez planifican?– a morte de millóns de seres humanos ata darmos restabelecido a sinxela ecuación tan difícil de comprender para varias xeracións de economistas: consumo de recursos x poboación ≤ capacidade ecolóxica do planeta. PERMACULTURA, DECRECEMENTO… TRANSICIÓN
Antonio Palma Rico.- O Decrecemento non era alleo ás culturas dos pobos orixinarios, nas que a sobriedade no consumo enerxético e a auto-suficiencia alimentaria eran compatibles coa cohesión da comunidade, a honra polas persoas maiores e a celebración cotiá da vida. Porén, os actuais habitantes de Gaia estamos a encarar o final dun ciclo civilizacional no que esgotamos un ouro negro que tamén coma nós foi vida, aínda que a convirtamos en fume, plástico, guerra e morte. O paradigma do noso medrar baseado máis ca nada en combustibles fósiles está a estourar agora nas nosas caras, deixándonos albiscar escenarios futuros de máis conflitos, inxustiza e escaseza. Fronte a esta perspectiva, unha proposta ética e de deseño holístico como a PermaCultura, levou nestes últimos anos á conformación dunha estratexia de redeseño da sociedade, cara unha TRANSICIÓN ordenada e planificada de xeito creativo e integrador. O movemento de cidades e pobos en Transición (Transition Towns), amósase como alternativa real e efectiva para a organización de planos executivos de reducción da dependencia do petróleo. Xurdiu no tecido peri-urbano e post-industrial do Reino Unido, na cidade de Totnes, e neste momento estase a espallar por distintos países. Rob Hopkins, un dos fundadores do movemento basea a súa proposta en 4 evidencias: 1) A vida con menos enerxía é inevitable e resulta mellor deseñármola ca que chegue por sorpresa. 2)Temos perdido a capacidade de resistirmos os desequilibrios enerxéticos. 3)Temos que actuar por nós mesmos e temos que facelo agora. 4) Coa axuda das ideas colectivas da comunidade podemos deseñar creativamente xeitos de vida máis enriquecedores, satisfactorios e conectados cós presentes. Quizais a sabedoría ancestral dos pobos indíxenas nos poida alumear no camiño para esta necesaria e urxente transición. A debeda é cos nosos descendentes, coa natureza e co resto das especies do planeta; a tarefa é dura e longa, pero pode ser apaixoante deseñarmos un escenario para vivir mellor con menos. SUPERANDO A ENCRUCILLADA CAPITALISTA
![]() MÁIS DATOS: VÉSPERA DE NADA, POR UNHA GALIZA SEN PETRÓLEO
| |||
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Novidades
Manuel Casal Lodeiro et al-. A actual crise económica e financeira non é máis có preludio dun colapso global real por causa da escaseza do petróleo.
Así foi que todo nos últimos 150 anos se construíu con base nun enorme absurdo da Física que, incrible e traxicamente, non foi tal para os economistas nin para os gobernos: a dispoñibilidade infinita dese peculiar recurso. Absolutamente todo se foi cimentado sobre un petróleo sempre á man, sempre accesible: o noso modelo industrial, produtivo e comercial, o noso modo de vivir e de traballar, o noso sistema de transporte e mesmo o modo en que nos alimentamos… Curiosamente, isto último, malia a súa importancia para a nosa supervivencia, só o descubrimos se ollamos detidamente o que hai por detrás do noso carro da compra. Porque para todos é evidente a forte dependencia da nosa mobilidade con respecto ao petróleo –e se alguén non o tiña claro dabondo, este pasado verán tivo unha dura lección de repaso nas gasolineiras–, mais non é tan obvia, porén, no que atinxe á alimentación. 
Manolo Rei-. O modelo capitalista baseado no constante crecemento está a provocar unha grave crise sistémica que cuestiona radicalmente a vixencia da economía de libre mercado. Os camiños de insistencia nun modelo autodestrutivo e na refundación do capitalismo non fan máis que prolongar a agonía e degradar o seu sustento baseado na existencia de recursos abundantes e baratos nun planeta finito. Ante o incremento da fractura social que está a desencadear a crise do sistema, faise preciso tomar camiños novos que profunden nun modelo de economía descapitalizada baseado na autoxestión e na autosuficiencia, e nun modelo político en rede, que instalado no local, instaure a democracia directa para outorgarlle á cidadanía a liberdade, o control e a responsabilidade.
