| Xan Duro: "O decrecemento é o camiño certo para a nosa propia supervivencia" |
| Manoel Santos | |||||
| Sábado, 31 de Xaneiro do 2009 | |||||
|
Verdegaia irrompe en 2006 cunha visión global que, se cadra, faltaba no ecoloxismo galego, que loitaba case sempre contra as desfeitas ambientais con conceptos algo pechados e demasiado específicos, propios do ecoloxismo dos ‘60 e dos ‘70, sen analizar moitas veces a raíz sistémica dos problemas. Un dos seus fundadores é Xan Duro, hogano membro da súa Comisión Coordinadora e responsábel da Área de Enerxía e Transporte. Pasástedes dalgún xeito do ambientalismo puro á ecoloxía social? Hai unha tendencia a mesturar conservacionismo, ambientalismo e ecoloxismo, cando son moi diferentes aínda que parten da defensa da natureza. O conservacionismo céntrase na conservación de espazos e especies. O ambientalismo é unha aproximación administrativa e tecnoentusiasta ao problema, pretende minimizar os impactos ambientais sen mudar o sistema (tornar verde o capitalismo). Son ademais antropocéntricos. O ecoloxismo, en troques, ten un enfoque transformador da problemática ambiental e defende cambios radicais e estruturais, rexeitando o industrialismo e o económico-social e propondo alternativas. É unha ideoloxía. Verdegaia xorde da man de persoas provenientes de organizacións ambientais e outros colectivos, respondendo aos principios do ecoloxismo social, que amplía as bases da súa loita incorporando unha visión máis integradora e sistémica dos problemas. O crecemento do monstro capitalista a través da globalización serviu para poñer en perspectiva as percepcións que tiñamos de nós mesmos como persoas e como sociedade, a través da confrontación con outras realidades periféricas, de explotación, de abuso e de destrución que sustentan o modo de vida occidental. Pasamos de ser periferia no noso imaxinario a ser parte do 20% privilexiado do planeta na nosa realidade, e a integración desta realidade na loita ecoloxista e o que achega Verdegaia. Por exemplo, non podemos seguir mantendo o discurso de Galiza como país explotado enerxeticamente sen ter en conta a explotación que nós exercemos sobre outros territorios e pobos e non podemos propor "solucións" aos nosos problemas locais sen ter en conta esta perspectiva global. Define o que é a ecoloxía social? Unha toma de posición ideolóxica consciente, estruturada e viábel perante a realidade que temos ao noso redor. Parte dunha análise clara: estamos inmersas nunha crise ecolóxica global froito do impacto da actividade humana sobre o medio. Esta actividade vén definida polo conxunto de relacións económicas, políticas e sociais que coñecemos como capitalismo e é froito dos principios que sustentan o dominio do ser humano sobre o ser humano. Polo tanto, igual que loitamos por salvar a biosfera, debemos loitar por eliminar a dominación, xa sexa en cuestións de raza, xénero, identidade sexual ou explotación da clase. É dicir, hai un sistema estruturado de relacións económicas, políticas e sociais que nos leva cara ao desastre e que cómpre mudar, non corrixir, senón mudar. O ecoloxismo social atende tamén aos problemas sociais, non se limita aos ambientais. Non se poden solucionar os problemas empregando o mesmo xeito de pensar que contribuíu a crealos. Parece que a crise financeira mundial vai facer esquecer a loita contra o cambio climático. Quedan esperanzas? Quedan, mais non está tan claro se hai tempo dabondo. A mudanza climática xa é irreversíbel, mais podemos diminuír a súa incidencia. A crise económica está a ter un efecto positivo nas emisións de gases ao ralentizar a produción e o consumo: a baixada do prezo do petróleo é síntoma dun freo da demanda. Paradoxalmente, a crise está a obrigar a dar pasos, cando menos no eido persoal, cara ao decrecemento, que é o camiño axeitado. A realidade é evidente: non hai posibilidade de frear a mudanza climática sen un cambio nos nosos padróns de consumo enerxético, incluído o transporte, e isto é algo que as administracións non están dispostas a asumir. As emisións por habitante en Galiza foron de 12.9 tn, moi por riba da media estatal, 9.8 tn. Malia estas cifras, a Xunta no Plan Galego de Acción contra o Cambio Climático prevé que as emisións asociadas á produción enerxética aumenten un 17% entre 2008 e 2012 con respecto de 2007, algo inaceptábel. A mudanza climática ten na súa contra que non se están a percibir de xeito grave as súas consecuencias entre a cidadanía dos países con máis responsabilidade na súa existencia, polo que a reacción é moi cativa. Cando teña efectos constatábeis para a cidadanía será tarde. Cómpre adoptar medidas impopulares, na liña do decrecemento do consumo enerxético. Esta situación, xunto cunha clase política cuxo horizonte de decisión sempre son as seguintes eleccións, leva a unha situación de boas palabras e nulos feitos. O cambio climático, non está a ser utilizado polo poder para "facer que fan" esquecendo á mantenta os milleiros de problemas ambientais do mundo? E que o cambio climático non é unha enfermidade, é un síntoma, unha consecuencia dun problema estrutural, da necesidade do capitalismo de medrar indefinidamente ou implosionar. Isto leva ao consumo de cada vez máis recursos e a emitir cada vez máis contaminación, da que os gases de efecto invernadoiro son unha parte. As miles de eivas ambientais do mundo non son abordábeis illadamente, senón como parte dun proceso de transformación estrutural. Un exemplo: a proliferación de vertedoiros urbanos en Galiza foron un problema que a administración decidiu solucionar pechándoos e centralizando toda a xestión de residuos en SOGAMA, na súa meirande coa incineración. É dicir, trasladamos o problema do chan á atmosfera, pero non o solucionamos. Habería que establecer medidas de redución do consumo, obrigas de reciclaxe, limitación de materiais, etc., e isto é impensábel na nosa clase político-empresarial. No Foro Social Galego afirmaches que a crise ecolóxica global debe estar na loita de todos os movementos sociais. Está se cadra o activismo moi sectorializado, e mesmo atomizado? Deixando de lado o tópico do minifundismo, que ten a súa parte de verdade, é certo que o activismo social esta atomizado e "especializado", ademais de respostar na meirande parte das veces a problemáticas locais puntuais que logo esmorecen. Mais cómpre ver que nos últimos tres anos agromaron iniciativas como a Cooperativa de Consumo Eirado, Zocamiñoca, Semente, a Rede de Consumo Consciente, as Masas Críticas, o proxecto de Banca Ética Galega, AIS O Peto, Consomes ou Devoras? que, sumándose a outras, abren un abano de proxectos heteroxéneos pero cunha base común, o rexeitamento radical da actual dinámica económico-social desenvolvendo alternativas. Nestas iniciativas tamén hai converxencias, como a Iniciativa pola Soberanía Alimentar dos Pobos, a Rede de Consumo Consciente e a Rede Galiza non se Vende. Quizais o paso que queda por dar, e que lles permita que a estes proxectos xerar unha sinerxia mobilizadora e transformadora na sociedade, e a súa integración nunha formulación teórica e práctica que forneza unha alternativa integral á realidade na que estamos inmersas. Esta formulación ten catro piares básicos: o local como base xeográfica da actuación do ser humano sobre o medio en contraposición á globalización actual; a democracia no seu senso máis radical, participativa na súa concepción, continua no seu desenvolvemento e soberana nas súas decisións; a xustiza na xestións das relacións de toda índole que acontecen dentro dun grupo humano e a sutentabilidade ecolóxica entendida como a salvagarda da capacidade do planeta de manter a vida. Mais parece existir unha toma de conciencia no eido ambiental. Iniciativas como Galiza Non se Vende, as organizacións en rede, son unha solución? Existe unha certa percepción anovada do ambiente no conxunto da sociedade, pero na súa maioría é unha consciencia acrítica e sen implicación persoal. Tamén é certo que xorden loitas locais fronte a determinadas desfeitas que son un xérmolo de transformación imprescindíbel. Precisamos novos xeitos de pensar a acción colectiva e o traballo en rede é unha ferramenta, pero demanda unha certa readaptación organizativa. O traballo en rede ten ritmos propios de decisión, esixe un coidado exquisito da comunicación e un respecto a autonomía de cada colectivo. Fundaméntase na confianza mutua e ese é o seu maior e fráxil valor. Galiza Non se Vende supón algo novidoso en canto a organización horizontal e independencia de partidos políticos. Debe ser un polo atraente para a mobilización e exercer de altofalante de pequenas loitas locais. Que poden facer os movementos galegos pola xustiza social no mundo? O primeiro e integrala no seu discurso dende todos os puntos de vista: de xenero, de raza, interxeracional… Occidente ten unha débeda ecolóxica aínda por cuantificar cos países do sur por séculos de espolio e contaminación. Mais tamén temos que ter moi presente a discriminación de calquera tipo, o patriarcado, a violencia e tantos outros elementos que conforman a inxustiza social. Poden os mandatarios do mundo dar resposta ás eivas do planeta e da humanidade por si mesmos, con base na presión social, ou debemos pensar en construír algo novo? Non haberá unha solución real sen unha transformación radical das estruturas e iso os mandatarios actuais do mundo non o van asumir. A presión social é imprescindíbel para achegar as mudanzas máis tamén debemos traballar na formulación de alternativas e dar conta delas. E por onde comezamos, por derrubar o capitalismo quizais? Eu preferiría desmontalo ordenadamente que derrubalo, para evitar os damnificados e damnificadas que un proceso brusco e non planificado crearía. O capitalismo é sen dúbida un sistema que leva inserido o xene da destrución ao non contemplar os límites ambientais no seu desenvolvemento; e a globalización, ao ser unha faciana máis do capitalismo, leva implícito o mesmo proceso. Poderías explicar o que é o desenvolvemento sustentábel mais aló dunha bonita frase no discurso político? O concepto de desenvolvemento sustentábel ou sostíbel quedou baleiro de contido, fagocitado polo poder e convertido nunha frase feita que se incorpora automaticamente en cada discurso. Por iso dende o movemento ecoloxista empregamos o termo sustentabilidade ecolóxica, entendido como o mantemento da capacidade do planeta de sustentar a vida. Isto tradúcese en non superar a capacidade do planeta de subministrar recursos e asumir residuos. A pegada ecolóxica é un concepto que ofrece unha imaxe moi clara do que estou a dicir: é o cálculo en hectáreas do espazo necesario dunha persoa ou grupo de persoas dado para obter os seus recursos e desbotar os seus residuos. Hoxe no mundo occidental andamos polos tres planetas Terra para manter o noso nivel de consumo. O único país do mundo que se mantén dentro dos parámetros da sustentabilidade é Cuba, o que debería facernos reflexionar. Como podemos atopar unha conciliación entre o desenvolvemento –que non crecemento– económico e o respecto ao medio ambiente? No recoñecemento da existencia dos límites ambientais, na reformulación do que entendemos por calidade de vida, na peneira entre necesidades reais e necesidades inducidas comercialmente. A actividade económica entendida como intercambio de bens e servizos (non como casino aberto 24 h como é o mundo actual das finanzas) é consubstancial a calquera organización social: este intercambio pódese rexer por moedas, por trocos ou por outros métodos pero é intercambio. Hai que falar xa de decrecemento? Sen dúbida, aínda que hai quen fala de acrecemento. A meirande parte das propostas da ecoloxía social falan de decrecemento de consumo de recursos, de enerxía e de territorio, de contracción dos ámbitos de relación económica á escala humana, local, pero non significa decrecemento de calidade de vida. É compatíbel decrecer nos aspectos mencionados e medrar en tempo de ocio, en saúde, en riqueza de relacións sociais, en acceso a recursos colectivos: o decrecemento dos parámetros capitalistas suporá un crecemento doutros parámetros que achegarán moito máis ao benestar do ser humano. No global, cales serían os abusos ecolóxicos de máis urxente reparación? Os impactos ambientais na extracción de recursos que destrúen as comunidades locais, o cambio climático, o sistema agroindustrial de alimentación e o inxusto repartimento dos beneficios e as cargas do sistema -o 20 % (do que facemos parte) consumimos o 80% dos recursos e exportamos a contaminación–, a perda de biodiversidade, a liberación ao ambiente de tóxicos e transxénicos… E na Galiza? A incineración de residuos en Sogama, a inoperancia das figuras administrativas de protección de espazos perante a presión de empresas e o desleixo e/ou conivencia da administración, a xestión das enerxías renovábeis –particularmente a eólica–, na que a actual administración está actuando exactamente igual que o PP sen ningunha consideración ambiental, as centrais térmicas de Sabón, As Pontes e Meirama, a introdución de transxénicos en Galiza, o abandono do ferrocarril de proximidade, o descontrol urbanístico, os monocultivos de eucaliptos, o plano acuícola, as autoestradas… Como valoras esta lexislatura chamada "do cambio" no eido ambiental? Se afirmamos que o que se di na oposición é o contrario do que se fai no goberno, somos demasiado críticos? Non, somos realistas. Aínda que as expectativas eran boas, a decepción foi moi grande pois agás na paralización dalgúns encoros ao inicio da lexislatura non houbo grandes cambios nas políticas. A sustentabilidade segue a ser algo anecdótico na acción de goberno. Voltamos a considerar o ambiental algo especializado dunha consellería, que por riba está pouco comprometida co ambiente. Temos incongruencias como que se propoña un Plano director de estradas sen ter previamente aprobadas as Directrices de Ordenación do Territorio ou un Plano Xeral de Mobilidade Sostíbel, que se propoña a ampliación da Rede Natura pero antes se aproben a instalación de parques eólicos nos sitios propostos de ampliación,etc. Terían os movementos sociais que esixir máis participación nas decisións políticas? Como? É o conxunto da cidadanía que debe esixir máis participación nas decisións, esixir DEMOCRACIA con maiúsculas, non unha cerimonia litúrxica tetranual que non compromete a nada. A participación dos movementos sociais debe vir da man da democracia participativa, horizontal, onde poidamos expoñer opinións diante da cidadanía e que sexa esta coas quen condicione as actuacións políticas. Eis o noso campo de incidencia política. Para rematar, cinco cousas que pode facer unha persoa do común para axudar a "salvar o planeta" actuando localmente e pensando globalmente. Con desenvolver unha, o consumo responsábel, xa teriamos avanzado moitísimo.Cando consumimos facemos política e se apostamos por consumir o local, o ecolóxico, o procedente do comercio xusto e o razoábel, estamos a promover un consumo antitético ao respecto do promovido polo sistema. | |||||
Ver todos os artigos deste autor ou desta autora |
|||||
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Manoel Santos-.Fronte á globalización cómpre recolocación, rehumanización, apostar polos circuítos próximos de comercialización, de relación e de construción de democracia. Fronte ao capitalismo, economía social, horizontal, cooperativa, solidaria, con límites ambientais 


