| Belém fronte a Davos |
| Carlos Taibo | |
| Mércores, 04 de Febreiro do 2009 | |
|
Carlos Taibo-. Os últimos días de xaneiro son, desde hai tempo, o momento en que se enfrontan dúas visións do mundo e dos seus problemas: se a primeira revélase, nun cónclave paraoficial, en Davos, a segunda, o Foro Social Mundial, aterrou este ano na cidade brasileira de Belém. Era inevitábel que, as cousas como van, as dúas reunións se fixesen eco dunha crise que está en boca de todos. En Davos, polo momento, puidemos escoitar que é o que nos contan -logo de pagar os 40.000 euros por cabeza para asistir á xuntanza, unha suma moi superior á que ingresa ao longo de toda a súa vida a metade da poboación do planeta- os gurú do capitalismo, repartidos, se así se quere, en dous bandos. O primeiro bebe do odre neoliberal e nos feitos conténtase con suxerir que hai que cancelar algúns abusos que despuntaron nos últimos tempos. A estas alturas distinguir o neoliberalismo dos abusos acompañantes antóllase, con todo, tarefa propia de necios, con máis motivo que o capitalismo realmente existente, incapaz de resolver os seus problemas, promove con descaro impresentábeis operacións de refrote de empresas realizadas co diñeiro de todos. Pese ás aparencias, á segunda percepción, a keynesiana, non lle vai moito mellor. Lémbrese que os socialdemócratas destas horas, tras acatar durante decenios a "vulgata" neoliberal, están a pagar os pratos rotos da man de restricións orzamentarias sen sentido. Non é iso, con todo, o importante: os keynesiáns das últimas camadas ignoran de cheo que o planeta arrastra inapelábeis límites medioambientais e de recursos. Cando apostan á desesperada por tirar do consumo, como cando se inclinan por acometer a construción de faraónicas infraestruturas que ninguén sabe quen poderá empregar dentro duns poucos anos -trala suba inevitábel, antes ou despois, nos prezos da enerxía-, retratan ben ás claras os vicios do curtopracismo que nos asolaga. Só os máis inxenuos cren, entre tanto, que semellante fuxida cara a adiante atopará o seu freo ao amparo dun keynesianismo verde que, falando en serio, non se albisca en lugar algún. Pero esquezamos o desinterese que produce Davos e avaliemos o que nos chega de Belém. O momento para os movementos que contestan a globalización capitalista é, á vez, estimulante e delicado. Se, por unha banda, as súas mensaxes atopan hoxe un caldo de cultivo máis amplo, pola outra deben encarar unha tramada estratexia de amedrentamento que invita, desde as instancias oficiais, a renunciar á protesta en proveito da preservación da relativa condición de privilexio da que unha parte da poboación planetaria goza. É verdade, polo demais, que nos movementos perviven diferenzas importantes. Hai quen pensan, por exemplo, que a prioridade maior segue a ser engordar as redes de contestación, e converter estas en fermento dunha sociedade distinta, como hai quen estiman que o que se impón é exercer influencia sobre outros, e en particular sobre gobernos máis ou menos receptivos. Máis aló desas disputas, os movementos asumiron nos últimos meses unha inequívoca radicalización que ten o seu principal botón de mostra no designio de trascender a contestación, a miúdo demasiado cómoda, do neoliberalismo para acometer unha crítica en toda regra dun capitalismo que se considera, por unha banda, xerador de explotación e inxustiza, e, pola outra, promotor de salvaxes agresións contra o medio. En relación coa primeira destas dimensións, nada se afasta máis da verdade que a afirmación de que o universo antiglobalizador está desafortunadamente lonxe do movemento obreiro. Mentres, en moitos países do Sur o sindicalismo resistente áchase, claramente, ao lado dese universo, no Norte temos que nos preguntar se non son moi a miúdo as cúpulas sindicais tradicionais as que, nunha deriva lamentábel, e tras aceptar o inaceptábel, obrigaron ás redes antiglobalización a asumir un crecente protagonismo nas loitas contra as privatizacións, o desemprego ou o traballo precario. Sexa como for, a meirande parte das xentes que se fixeron presentes en Davos -por certo que non hai motivos para concluír que entre elas menudean os aparvados admiradores de Obama- son conscientes de que, xunto á crise que etiquetamos de financeira , aprécianse outras tres singularmente preocupantes: chámanse cambio climático, encarecemento dos combustíbeis fósiles e, xa que logo, sobrepoboamento. A urxencia de colocar en primeiro plano os problemas correspondentes estimulou, nos movementos radicados no Norte opulento, unha activa discusión no que respecta ao crecemento económico e as súas presuntas bondades. A defensa de proxectos de franco decrecimento vai gañando terreo por momentos nun escenario no que a proposta en cuestión faise acompañar dun feixe de engadidos: a defensa da vida social fronte á lóxica da propiedade e o consumo, o postulamento da repartición do traballo -unha vella práctica sindical que caeu no esquecemento-, a redución do tamaño de moitas infraestruturas, a primacía do local sobre o global e, ao cabo, a simplicidade e a sobriedade voluntarias. Se as discusións ao redor do decrecimento -un proxecto que carrexa unha radical contestación dos catecismos neoliberal e keynesiano- parecen chamadas a gañar terreo, bo é que deixemos constancia dunha percepción que, no que respecta ás sociedades do Sur, despunta en moitos movementos. Esa percepción suxire, con inevitábel cautela, que chegou o momento de sopesar se deixar a esas sociedades en paz, lonxe das aparentes bondades que procuramos endosarlles, non será a nosa mellor contribución ao seu benestar. E é que sobran os datos que sinalan que moitos deses pobos que cualificamos de primitivos e atrasados gardan, como un arcano tesouro, algunhas das chaves que nos permitirán abandonar este triste edificio que habitamos, construído con materiais tan lamentábei como o consumo desaforado, a explotación, a exclusión e o desprezo polo que a natureza tivo a ben regalarnos. | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

























Manoel Santos e Imanol Dorca-. O primeiro Forúm Mundial dos Medios Libres reflicte que a crítica á ineptitude dos medios hexemónicos para respostar ás necesidades da cidadanía está xa superada. Os camiños son outros, falan de construír e as alternativas están todas en Belém do Pará.
A agricultura familiar é, a día de hoxe, unha práctica en perigo de extinción. No Estado español, pouco máis dun 5% da poboación activa traballa no campo e a media de idade do campesiñado é cada día máis alta. Ser campesiño hoxe non está de moda, pero que se agacha detrás deste abandono masivo do campo? Cara a que modelo de agricultura avanzamos?