Artigos de Xosé Manuel Beiras
Os "glotófagos", ou "Galicia bífida"
Xosé Manuel Beiras   
Luns, 23 de Febreiro do 2009

X. M. Beiras-. E a glotofaxia é un fenómeno sociolingüístico colonial: un crime etnocida cometido masivamente no marco do colonialismo europeo -e tanto nas colonias americanas, africanas ou asiáticas, canto nas internas ás propias metrópoles, como Bretaña no estado francés ou Galiza no español.

"Glotófagos", escribín, non "lotófagos". Así que non se non trata do famoso episodio dos "comedores de lotos" na Odisea. Inda que mellor sería, se cadra. Os "lotófagos" eran inofensivos e hospitalarios habitantes nativos das costas das actuais Tripolitania e Túnez suroriental. Alí situou Victor Bérard, hai cousa de cen anos xa, o episodio narrado por Ulises no Canto IX da Odisea. Na illa de Djerba, conforme a Estrabón. Relembrareivolo, queredes?: "Enviei tres dos meus homes a exploraren aqueles lugares. Mais, logo de pórense en camiño, toparon ben axiña cos Lotófagos que, lonxe de pretenderen matalos, déronlles a comer lotos. Ora, des que calquera deles probaba eses froitos, doces coma o mel, xa non quería volver nin traguernos novas; todos querían ficar ali, saciárense deses froitos, e adiaren para sempre a data do seu retorno". O Ulises conta que tivo que os embarcar á forza, e facérense ao mar todos a escape. "Temía -di- que os outros compañeiros, comían dese dátiles, esquecemse a data do retorno tamén eles". Os gregos da época clásica chamábanlle "loto", amais de aos nenúfares de Exipto, a un froito que se daba nas terras costeiras de Libia, que segundo Herodoto "tiña o sabor doce do figo e do dátil" -ou támara- e a lenda aseguraba que facía perder a memoria. Na Odisea xógase coas palabras "loto" e "leté", que significa esquecemento. Bérard, ao traducir, faino con "dátil" e "data", apostando porque ben puidera ser ese o froito en cuestión. Joyce descobre a Bérard cando está a escribir o seu Ulises dublinés -Os Fenicios e a Odisea, de 1902, pois que As navegacións de Ulises son posteriores á edición da obra joyceán- e na transposición alegórica que alí fai do episodio dos Lofófagos, os xermes do esquecemento tórnanse da alienación: "Bloom estirou o pescozo para atrapar as palabras. Inglés. Botarlles un óso. (...) Confesión. Todo o mundo precisa de. Daquela contareivos todo. Penitencia. Castigádeme por favor. Grande arma nas suas mans. Muller fervendo de ganas de. E eu chuchuchuchu. E vostede chuchuchuchu? (...) E velaí que sai. Arrepentimento a frol de pel. Vergoña adorábel. Oracións no altar. Froles, incenso, cera a arder. Agochan o seu rubor. Prostituta conversa dará unha conferencia. De cómo atopei ao Señor. (...)". Eis os lotófagos doutrora e de arestora, a súa metamorfose no tempo, na historia, de Homero a Joyce, da Grecia clásica á Irlanda finisecular -do XIX- inda sometida. Á Galiza finisecular -do XX- inda colonizada.

*****

Os "glotófagos", en troques, sonvos outra caste de xente ben distinta -e ben máis ruín, de certo. Non se alimentan de "lotos", senón de "glotis", esa parte da larinxe onde, como ben sabedes, están situadas as cordas vogais, os órganos que facultan os humanos para emitirmos sons articulados, os fonemas cos que o noso cerebro tece a linguaxe para expresar ideas e comunicármonos, estrutura básica do sistema que, dende Saussure, é a lingua, o idioma. Os glotófagos non distinguen o órgano do resultado da súa función, e xa que logo devoran linguas -as linguas dos outros seres humanos, non as súas proprias, madia leva. No plano sociolingüístico, ese fenómeno foi estudado e definido como "glotofaxia" por Louis-Jean Calvet, hai máis de tres decenios xa, no seu revelador e xenial ensaio Lingüística e colonialismo, subtiduado precisamente "Pequeno tratado de glotofaxia" -hoxe un clásico da sociolingüística traducido e editado en galego por Laiovento xa en 1993. A glotofaxia é un crime etnocida. Calvet pon en cabeceira desa sua obra esta elocuente cita de Roland Barthes: "Roubarlle a un ser humano a súa linguaxe no nome mesmo da linguaxe: eis onde comezan todos os crimes legais". E a glotofaxia é un fenómeno sociolingüístico colonial: un crime etnocida cometido masivamente no marco do colonialismo europeo -e tanto nas colonias americanas, africanas ou asiáticas, canto nas internas ás propias metrópoles, como Bretaña no estado francés ou Galiza no español. Máis evidente, claro é, sobre as culturas sometidas explicitamente ao status colonial, e máis tartufamente disfrazado nas internas -portanto máis insidioso tamén, abofé. Calvet sinala que a ideoloxía metropolitano ignora os colonizados mesmo cando define as colonias como países, ou sexa territorios, explotados colonialmente. "As colonias -di- serían pois países baldeiros, nos que os colonos chegados da outra beira virían instalarse sen problemas". E engade: "Para xustificar a empresa colonial nos termos da "cultura" oucidental, do humanismo co que tanto se nos ateigou as orellas, era preciso esquecer a existencia dos outros. O primeiro antropófago chegou de Europa, devorou o colonizado. E, no senso particular que nos concerne, devorou as súas linguas: glotofaxia, pois". Aquí, onda nós, durante cincuentos anos seguidos, aplicouse a devorar a lingua galega. Segue a devorala inda hoxe.

*****

Contoumo Xabier Macías durante a nosa estadía en Belém do Pará por mor do FSM. Tocáralle ser o moderador dunha das palestras programadas no noso "espazo dos dereitos colectivos dos povos" coa participación de movementos indixenistas americanos. Á súa esquerda, compartillando o centro da mesa, sentaba Tomás, un curtido dirixente aimara bolivián. Denantes de comezaren o debate, acordaron a orde e os tempos para a roda de intervencións iniciais dos membros da mesa. "Parécenvos ben dez minutos cadaquén?" -suxeriu o Xabier, e houbo asentimento. Mais, nestas, volveuse cara a el o Tomás, sorriulle con ollada pícara, pousoulle unha man no seu brazo, e murmuroulle: "Despois de cincocentos anos de silencio, vasme dar só dez minutos?". E botáronse a rir os dous. Dicíame logo o Xabier: "Pensei de imediato en nós, no noso idioma, porque pasamos exactamente o mesmo tempo ca eles, cinco séculos, reducidos ao silencio, e inda non nos dan sequera dez minutos, quero dicir, nos medios, na información, nas empresas, na publicidade, na presenza pública do idioma galego en formas de comunicación social, agás a fala do común, non temos nin o equivalente dos dez minutos nunha roda dunha hora de duración".

*****

Pois nin así se dan fartos os glotófagos de aquén mar. Nin así acougan os famentos glotófagos celtíberos. Sulfúranse rante a simple presenza social do galego por cativa que ela sexa. Non aturan que asome sequera a cabeza -a língoa- nas aulas , na radio, nos eidos da cultura, inda menos nos da administración -terase visto! Os glotófagos de por acó sonvos señoriting@s alienad@s, cipaios posuídos por un auto-odio que vomitan proxectado contra a autoestima dos conxéneres indíxenas como unha agre levadura de belicosa xenreira xenófoba. Practican unha sabotaxe reaccionaria, decididos a desencadearen unha "guerra das linguas" análoga ás guerras "preventivas" do finado auto-Bush contra o eixo do mal. Unha guerra anticonstitucional, para a que precisan mesnadas e xerifaltes vindos da metrópole, da caste das lexións seica auténticas, con mudarras e chinchillas tipo a Rusa. Disque ou o inventor da Rueda -a estas alturas da historia. Son iletrados. Arremítome: len, si, pezas mestras inefábeis tales que "camino", "la gaita y la lira", ou "váyase-señor-gonzález-españa-va-bien", e outras obras cumes da inanidade literaria carpetovetónica ancestral. Son o repertorio que lles queda, o seu proprio, porque o outro, o alleo, non o leron nunca: "glotofaxiárono" todo -é natural.

*****

Anticonstitucional, o asunto, díxenvos -por pavero que poida resultar o meu emprego dese termo. Así llo dixen ao señor comisario-xefe de Santiago estoutro día. Lembrádesvos da movida, non si? Cando as mesnadas esas praticaron aquilo de "la calle es mía" -sen pagaren direitos de autor. Moz@s indíxenas indignad@s -literalmente, só se indigna quen ten dignidade- saíron defender o idioma e a Constitución. Tamén o Estatuto, que deriva dela. E máis a Lei de normalización lingüística do galego, que desenvolve o Estatuto á súa vez. Os glotófagos soltáronlles insultos a mazo, @s moz@s arrepuxéronse e, como é lóxico, foron mazados materialmente polo "dispositivo" de seguridade encargado de que a glotofaxia se consumase sen interferencias molestas para tan pacífico persoal. "Mátalo!" -escoitou dicir un deses mozos a unha obesa glotófoga mentres un "dispositivo" mallaba a eito nel. Detiveron un feixe deles. Houbo unha concentración na tarde para que os ceibasen. Acudín. Ofrecinme a mediar co comisario-xefe. Recibiume moi correcto e educado. Linlle o artigo 3.3 da Constitución do Reino de España, que metera na faltriqueira antes de saír da casa. Di así: "A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España -seica se chaman así os idiomas galego, éuscaro e catalán- é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección". Non traduzo: é a edición do Parlamento de Galicia. Díxenlle: "Decátase vostede de que están a protexer os que van contra a Constitución e deteren os que a defenden?". O bo do home declinou discutirmo -mais, por suposto, non ceibou os presos. A fin de contas, qué autoridade tiña eu?. Os que a teñen non se presentaran. E a constitución é letra impresa nun papel -loxicamente comesto polos glotófagos.

*****

Os glotófagos son bífidos, coma os ofidios. Dado que, como vos dixera, non distinguen o órgano fónico dos sons articulados do resultado sonoro da súa función, confunden a língua -fala- coa lingua -membro carnoso no interior da boca. Por iso seguramente coidan que, cando a norma constitucional declara a lingua galega "patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección", e polo anto estatúe o deber constitucional de conservala e preservala de deterioro lingüístico, debe referirse a algo así como conservarmos no Museo do Pobo Galego, coidadosamente desecados ou mergullados en formol, os membros anatómicos denominados "lingua" dos Otero Pedraio, Ramón Piñeiro ou Francisca Herrera, por caso, ou mesmo, como penitencia por mor da memoria histórica do Atila en Galiza, a lingua que lle cortaran os fascistas ao martirizado mestre galegofalante de Baleira antes de arrincarlle tamén os ollos e as partes e daren finalmente cabo da súa vida. Porque o mataron por aplicar os valores republicanos á docencia en defensa dos direitos dos nenos alumnos seus, galegofalantes todos eles naquel momento. Crime, como tantos outros coetáneos, aínda impune. E crime non etnocida, como a glotofaxia colonialista, senón xenocida -que os glotófagos celtibéricos seguen a boicotear que se condene polas cámaras de representantes da democracia constitucional española. Os glotofagos que montaron a esperpéntica e repugnante impostura malchamada "Galicia bilingüe" confunden a fala co órgano anatómico que habita na cavidade bucal deles mesmos -e que non é bilingüe: é bífido, coma o dos ofidios ponzoñentos. Mais non nos enrabechemos, castiguémolos co humor do que eles son incapaces. Pendurémoslles no lombo un cartaz con aquela estampa de Castelao na que dous rillotes están a xogar ao fútbol cunha pelota de estambre, un deles leva zocos, o outro os pés nus, e o dos zocos dille: "Non val dar cargas!". Inda cos pés nus, o galego, o noso idioma, vaille gañar a partida aos glotófagos bífidos do "celtiberia-show".


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >