| Glosa(s) encol da esquerda (imaxinaria). I. "Guerra cultural" e polarización política |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Domingo, 05 de Abril do 2009 | |
X. M. Beiras-. Nas últimas eleicións lexislativas galegas asistimos a unha experimentación "en vivo", sobre o corpo eleitoral paisano, da "cultural war", en clave primordialmente de "guerra das linguas"…
Mentara eu eiqui, hai algunhas semanas, un texto do filósofo catalán Antoni Domènech tiduado "Crisis económica y polarización política". Retorno agora a il: hoxe vou glosalo. Trátase, non dun ensaio nen dun artigo, senón da transcrición abreviada dunha sua disertación na universidade de Barcelona a fins do outono pasado. O tema é o seguinte. A polarización política "normal" opérase ou maniféstase ao longo do eixo dereita-esquerda, correlativamente á estrutura de clases da sociedade e á sua proxección no espello ideolóxico. Unha estrutura social e ideolóxicamente polarizada dará lugar a que as posicións políticas dos cidadáns aparezan agrupadas nos dous segmentos contrapostos -esquerdo e dereito- dese eixo, e tanto máis distantes entre sí e próximas aos estremos canto meirande sexa a polarización. Inversamente, no caso contrario, o groso da cidadanía aparecerá nunha posición política equidistante dos estremos, ou sexa, amoreado arredor do centro dese eixo. Estatísticamente, a distribución das posicións políticas da cidadanía sería "bimodal" no primeiro caso e "unimodal" no segundo: a sua expresión gráfica daría un perfil de camelo -duas chepas- ou de dromedário -unha chepa soa- respeitivamente. Sociolóxicamente, estruturas moi clasistas e marcada ou crecente desigualdade social darían o primeiro modelo, mentras que unha sociedade do benestar e clases meias en expansión darían o segundo. Eleitoralmente, a confrontación bipolar esquerda-dereita primaría no primeiro, mentras no segundo asistiríamos á disputa polo "centro". Finalmente, as políticas ultraliberais, agravadoras da desigualdade social e do conflito de clases, e máis a crise, deberían propiciar a polarización -o primeiro modelo- mesmamente ao revés do acontecido no período de expansión e "welfare state" -dos cincuentas aos setentas- no centro do sistema. Si: mais nen o acontecido nos decenios ultraliberais, nen o que acontece desque estoupou a crise, nen os aconteceres politicos nun diverso mostrario de países moi diferentes, encaixan na lóxica deses dous modelos. Realidades tan distintas como as de Alemaña, por unha banda, e Bolivia ou Venezuela, pola outra, encaixan coincidentemente no modelo polarizado normal,ou "bimodal", mentras outras, tan diferentes tamén entre sí, como USA e España ou Italia, enmárcanse no segundo, o "unimodal". Cómo se entende?. A espricación require distinguir duas dimensións moi diferentes do fenómeno da polarización política, unha delas evidente, a outra menos ostensíbel. Domènech deslíndaas con moita precisión. Unha, a máis evidente, consiste na "radicalización de posturas perante diversos asuntos situabeis no espectro (ideolóxico)político dereita-esquerda". Por exemplo, a polarización que se manifesta cando dous continxentes importantes da cidadanía adoptan posicións antitéticas a respeito da despenalización do aborto ou do recoñecemento da realidade plurinacional do Estado español. A outra, menos ostensíbel, refírese á "coerencia (ou congruencia) na alineación de asuntos políticamente debatíbeis". "Unha cousa -di Domènech- é a radicalización verbo de un ou varios temas políticamente debatíbeis; outra moi distinta é a coerente (ou congruente) alineación deses temas". Noutras verbas, unha cousa é a radicalización de posicións a favor e en contra de determinados temas, e outra moi distinta a congruencia entre os temas nos que se está ideolóxica e políticamente a favor ou en contra. Por exemplo, non é congruente estar en contra da pena de morte e da despenalización do aborto. O congruente, nun cidadán de esquerda, é estar en contra da pena de morte e a favor da despenalización do aborto. E o congruente con esas duas posicións dun congruente cidadán de esquerda debera ser asumir o carácter plurinacional do Estado español, a sua diversidade lingüística, e estar a favor dos dereitos políticos deses diferentes povos e do respeito e normalización do uso dos seus respeitivos idiomas. Só cando esa congruencia se dá, só nese caso a radicalización de posturas contrapostas se traduce nunha polarización política congruente, só nese caso se configuran bloques cidadáns de dereita e de esquerda internamente congruentes -e o perfil da polarización resulta normal e "bimodal", cos continxentes cívicos maiormente amoreados en duas medas, como as duas chepas do gráfico camelo devandito. Mais a realidade dista de ser así en en moitos casos. O máis importante factor distorsionador adoita selo a utilización de temas chamados "transversais" como armas para a manipulación da opinión cidadán no que, nos USA dos pasados anos, deuse en denominar "cultural war": a "guerra cultural desencadeada por unha nova dereita contra algunhas das conquistas "culturais" emblemáticas dos anos sesenta" -como a despenalización do aborto, a discriminación positiva, ou o afortalamento da laicidade do estado. Trátase dunha "estratexia de combate eleitoral destinada a provocar confusión no campo do adversario" -e eficazmente empregada polos contrarrevolucionarios neo-cons gringos dentro e tamén fóra da sua metrópole imperial. Domènech cita palabras ben elocuentes do estratega eleitoral do PP español, Gabriel Elorriaga, a respeito de sustraer do debate eleitoral temas e problemas económicos e sociais centrais e cardinais para a identificación polas clases populares das posicións de dereita e de esquerda, e sustituilos pola introdución en primeira plana de temas periféricos para provocar unha polarización "artificial" e dividir, ou inda millor, literalmente, "desmoralizar" ao adversario. Análogamente se refire ao cometido da "a señora Rosa Díez e o seu novo partido UPyD" de operar como "unha forza "transversal" sobre a base de radicalizar a sua hostilidade aos nacionalismos periféricos, ou sexa, apostar por unha crecente polarización do eleitorado español arredor dese asunto e fiar o seu posíbel medre futuro á incongruencia no alineamento das preferencias políticas do eleitorado da esquerda" -ou sexa, típica metodoloxía dos fascismos, ouso engadir eu. "Boa parte -conclue Domènech- da hexemonía ideolóxica conservadora das últimas décadas apousou nese proceso de desbaratamento da coerencia política cognitiva das clases traballadoras e populares, e máis da paralela rearticulación do ideario político e da capacidade de operar socialmente, capilarmente, dos estratos dominantes da sociedade". Nas últimas eleicións lexislativas galegas asistimos a unha experimentación "en vivo", sobre o corpo eleitoral paisano, da "cultural war", en clave primordialmente de "guerra das linguas", que diría L.-J. Calvet. E máis a un recital completo de manipulación da opinión polo Pepé para"desbaratar a coerencia política cognitiva das clases populares", para "sustraer do debate eleitoral temas sociais centrais", para "radicalizar a hostilidade aos nacionalismos periféricos", en fin, para sementar "confusión no campo do adversario". O texto de Domènech publicouse en novembro pasado, mais está visto que os estrategas eleitorais do bipartito non o leran aínda cando puxeron en marcha a campaña cara o 1-M. Supoño que inda menos leran publicacións nas que se basea, como as de Delia Baldassarri, Andrew Gelman, Larry Bartels, todas do pasado ano, nen as enquisas realizadas en outubro en Usa, Alemaña, Francia, Italia, Gran Bretaña e... o Reino de España, que lles serven de fundamento empírico. Pior aínda: semella que tampouco leron nada diso nen estudos e ensaios análogos os analistas e avaliadores a posteriori dos resultados eleitorais dos perdedores. Para qué ían facelo, se o traballo inteleitual dos pensadores de esquerda é consabidamente un lastre inútel para a acción eficaz, unha flaxelación masoquista e un entroido perturbador para saíren do paso a escape os aparatos robotizados das forzas políticas que iles mesmos meteron nas pedras da nosa treizoeira beiramar? | |
Ver todos os artigos deste autor ou desta autora |
|
| < Ant. | Seg. > |
|---|

X. M. Beiras-. Nas últimas eleicións lexislativas galegas asistimos a unha experimentación "en vivo", sobre o corpo eleitoral paisano, da "cultural war", en clave primordialmente de "guerra das linguas"…
