Aniversario da OTAN
Carlos Taibo   
Domingo, 05 de Abril do 2009

 Carlos Taibo-. Que a OTAN precise celebrar aos catro ventos o sesaxésimo aniversario da súa fundación parece, por si só, sinal de mala saúde

[Público]

E iso que, e polo menos entre nós, as disputas que outrora provocou a Alianza Atlántica baixaron, inxustificadamente, moitos enteiros. Así o testemuña, sen ir máis lonxe, a apreciación que fixo súa, semanas atrás, unha das tertulianas de quenda, firmemente convencida de que a presenza de militares españois en Afganistán quedaba suficientemente fundamentada polo paraugas que ofrecía a OTAN, unha instancia ao parecer impoluta e de sempre entregada ao respecto da legalidade internacional e dos dereitos humanos…

É urxente, con todo, reabrir a discusión sobre o que hoxe significa a Alianza Atlántica. O primeiro que convén lembrar respecto diso é que a OTAN configura a principal das avanzadas militares perfilada polos países ricos. Como tal, e se así se quere, constitúe o brazo armado dun proceso nada edificante –a globalización capitalista–, e contribúe poderosamente a asentar no Norte opulento unha xenuína e orgullosa fortaleza. Pola súa singularidade guerreira –carece de competidores–, a Alianza ten tanto peso como o que corresponde en conxunto ao Fondo Monetario, o Banco Mundial e a Organización Mundial do Comercio. Por certo que, se todas estas instancias escaparon rechamantemente ao control da ONU, obrigado parece subliñar que a OTAN desempeñou papeis decisivos á hora de desacreditar, tamén, á máxima organización planetaria: en 1999, ao cumprir medio século, a Alianza deixou claro que en diante as súas accións non terían por que depender dunha resolución específica do Consello de Seguridade, no que se antollaba un torpedo na liña de flotación dun Dereito Internacional laboriosamente xestado durante decenios.

Nun sentido próximo, a OTAN é unha organización claramente supeditada ao ditado que impón a Casa Branca. Aínda sendo certo que algúns membros da Alianza contestaron en momentos precisos unas ou outras políticas norteamericanas –así o fixeron, por exemplo, Francia e Alemaña con ocasión da agresión que EEUU preparaba en Iraq en 2003–, a OTAN como tal a duras penas serviu de canle para a expresión de tales disensións. Así a todo, a Alianza referendou puntillosamente todos os criterios defendidos por Estados Unidos, o cal non foi óbice para que este se servise dela a capricho segundo as circunstancias. Wáshington caneou a colaboración da OTAN no antedito Iraq, pero ben que a solicitou, en troques, en Afganistán. É evidente, de calquera modo, e en paralelo, que a Alianza foi un elemento decisivo á hora de cancelar calquera proxecto de independencia ao lado da Unión Europea.

O camiño recente da OTAN viuse marcado, noutro terreo, por tres procesos de interese. O primeiro é unha xenerosa expansión da área das súas accións militares, non sometida hoxe a restrición algunha, e iso por moito que poida apreciarse unha concentración de intereses nunha rexión, o Oriente Próximo, xeoestratégica e xeoeconomicamente vital. O segundo achégao unha activa presión sobre Rusia, encamiñada a obstaculizar o renacemento, no oriente europeo, dun xigante contestatario; neste sentido, e de novo, ningún dato permite afirmar que a Alianza Atlántica serviu de freo a unha crecente agresividade norteamericana plasmada, por exemplo, en escudos antimísiles e bases militares que apontoan un proxecto orientado a disputarlle a Moscova unha atávica zona de influencia. Agreguemos, en suma, que as presións da OTAN moito teñen que ver co crecemento do gasto militar en todo o planeta; quen, hai tres lustros, atrevíanse a suxerir que a Alianza era un venturoso estímulo para as conversacións de control de armamentos tiveron que encartar velas.

Non pode faltar nas nosas consideracións, ao cabo, o recordatorio de que, rematada a Guerra Fría e necesitada a OTAN de novas fontes de lexitimación, atopou a maior destas no intervencionismo autodenominado humanitario. Non hai que ser moi sagaz para concluír que este último responde as máis das veces á defensa dos intereses de sempre, realizada agora, ben é certo, da man de procedementos aparentemente máis benignos e notabelmente máis eficaces. Quen pense, de calquera xeito, que a OTAN sente algunha preocupación polos dereitos humanos nalgún lugar do planeta faría ben en preguntarse por que os seus soldados non se despregaron en Gaza e Cisxordania –para esixir a retirada do Exército israelí–, no Kurdistán –para reclamar dos militares turcos o respecto das normas máis elementais– ou no Sahara Occidental –para facer outro tanto coas forzas armadas marroquís. O intervencionismo humanitario serviu para agachar, por riba, o que acontecía na trastenda na forma dun dobre e delicado proceso: mentres a OTAN se lanzou con denuedo á identificación –no seu caso á creación– de novas ameazas como as que suporían o terrorismo internacional ou as migracións, polo outro –xa o sinalamos antes– ben que procurou, incansábel, reflotar algunhas das vellas, e en singular a que carrexaría o xigante ruso.

Chesterton, o escritor inglés, tivo a ben sinalar que o matrimonio é unha institución ideal para resolver unha infinidade de problemas que non existirían de non existir o propio matrimonio. Se sobran as razóns para endosarlle á Alianza Atlántica a frase chestertoniana –tradúzaa o lector–, tamén sobran para desexar que o destes días sexa o último aniversario que a OTAN celebre.


Carlos Taibo
Sobre o autor ou autora:
Profesor de Ciencia Política na Universidade Autónoma de Madrid.
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >