| As bombas non se comen |
| Manoel Santos | |
| Sábado, 11 de Abril do 2009 | |
Manoel Santos-. O día 4 de abril o Estrasburgo institucional –o da rúa foi tomado por milleiros de antimilitaristas– engalanouse para celebrar o 60 aniversario da OTAN, unha coalición profundamente antidemocrática, dirixida dende a Casa Branca, cuxos Estados membros exportan o 75% das armas que hai polo mundo e que basea os seus activos en aparellos para matar.
A saber, bombas, mísiles, tanques e outras marabillas paridas polo I+D e manexadas por un persoal no que se valora como virtude o non pensar. Ou o obedecer sen rosmar. Concluiremos xa que logo que seis décadas de OTAN non son como para celebrar, senón para caer nunha fonda tristura. Tendo en conta que o Pacto de Varsovia, razón de ser primixenia da OTAN, non existe dende 1991 e polo tanto o mantemento da liga militar non está hogano xustificado –se é que antes o estaba–, deberiamos comezar a facer dúas cousas. Primeiro, transformar a tristura en indignación e protesta. E segundo, preguntarnos para que serve a OTAN. A resposta é doada se repasamos a súa historia, con escuros episodios de control cidadá, como o da Operación Gladio para a represión dos movementos de esquerdas, coa participación nos golpes militares de Grecia (1967) e Turquía (1980) ou en masacres como o da Piazza Fontana (1969, 17 mortos) e a estación de trens de Boloña (1980, 85 mortos). Sumemos a isto a decisión do cume de Wáshington en 1999, no que a OTAN decidía estender o seu radio de acción a todo o planeta para “manter a estabilidade mundial”, e a do cume de Praga en 2002, no que o “terrorismo internacional” pasaba a ser un obxectivo primordial, e xa temos o resultado da ecuación: serve para que os países ricos impoñan unha orde (=estabilidade) mundial baseada na explotación dos máis débiles. Resumindo, é o brazo armado da globalización. Mais a OTAN non só se reunía en Estrasburgo para apagar as velas de aniversario, senón para deseñar a súa estratexia para 2010, que substituirá á que se fixo en 1999 durante a guerra de Kosovo. Esta xustifica a súa existencia por tres cuestións que disque ameazan a orde neoliberal mundial: o fundamentalismo relixioso e político, o lado “escuro” da globalización (terrorismo, crime organizado, armas de destrución masiva) e os conflitos xerados polas crises, como a climática, a enerxética ou a alimentar (control de recursos e movementos populares). Moito traballo hai á vista e moitos pobres que controlar e bombardear. Por exemplo en Haití, cuxas xentes tentaron asaltar o palacio presidencial a pasada semana pola suba dos prezos dos alimentos básicos. Ou en Tailandia, o maior exportador de arroz do planeta, cuxo exército disparou sobre milleiros de persoas que asaltaron comercios e leiras na procura de alimentos. Ou en Camerún, onde as revoltas da fame deixaron medio cento de mortos en febreiro. Ou en Indonesia, Filipinas, Costa de Marfil, Mozambique, Senegal, Bolivia, Etiopía e Madagascar, onde tamén houbo disturbios nos últimos meses segundo a Third World Network. Velaí os perigosos inimigos do Atlántico Norte. | |
Ver todos os artigos deste autor ou desta autora |
|
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Manoel Santos-. O día 4 de abril o Estrasburgo institucional –o da rúa foi tomado por milleiros de antimilitaristas– engalanouse para celebrar o 60 aniversario da OTAN, unha coalición profundamente antidemocrática, dirixida dende a Casa Branca, cuxos Estados membros exportan o 75% das armas que hai polo mundo e que basea os seus activos en aparellos para matar.
