| Burros na Fórmula 1 |
| Gustavo Duch Guillot | |
| Mércores, 08 de Abril do 2009 | |
|
[Galicia Hoxe] Hai catro anos, no Circuíto de Manicourt, durante o Gran Premio de Formula 1 apareceu un asno que cuns letreiros no seu lombo preguntaba: "Humano! Que pensas de todo isto?", cuestionándonos que significado ten este malgasto de combustible. Digo eu que o listo do burro ten toda a razón, o consumismo a base do petróleo estanos levando, montados nestas carrocerías da alta velocidade, ó quecemento global, á destrución do medio natural e á pobreza de moitas capas sociais, como o pequeno campesiñado e moi especialmente as mulleres. E namentres o asno ornea, a sociedade parece aledarse ante a nova temporada de Fernando Alonso, Hamilton e compañía. As carreiras de Formula 1 móstrannos tamén outra das caras do capitalismo. O aproveitamento descarnado de materias primas provenientes dos países máis pobres. A maior parte da produción mundial de caucho natural destínase á elaboración dos 1.300 millóns de pneumáticos anuais que necesita este mundo motorizado. O caucho prodúcese en terras de países do sueste asiático (Malaisia, Indonesia e Tailandia) e en África (Nixeria, Liberia e Costa do Marfil). O Sur, onde a pé viven boa parte dos pobres da terra, dedícase a prover de pneumáticos os 800 millóns de automóbiles que corren (e contaminan) polas estradas dos países ricos. Michelin, provedora de pneumáticos en diferentes categorías destes bólidos, demostrou recentemente as formas habituais coas que o poder económico accede ós devanditos recursos. En maio de 2007 adxudicáronse con dubidosos procedementos máis de 3.500 hectáreas da reserva forestal nixeriana de Iguobazuwa e das terras de labranza das 20.000 persoas que habitan a zona. Dun día para o outro, sen contar co consentimento destas familias, as escavadoras destruíron as súas fontes de subsistencia: o bosque e as súas terras agrícolas. Ante a denuncia local e internacional de tal atropelo Michelin quixo resarcir economicamente a algunhas das familias, pero, elas dixeron stop, que non cederán na súa loita ata que non lles devolvan as súas terras, ata que non sexa replantado cada árbore cortada e ata que non reciban compensación completa polos cultivos destruídos. Din que a lombos dun asno -equipado cun motor cento por cento ecolóxico e con moi poucas emisións de gases efecto invernadoiro- as cousas vense mellor, diferentes e máis divertidas. Non deberiamos testalo? | |
Ver todos os artigos deste autor ou desta autora |
|
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Novidades 