| I. De Vigo a Rabat vía París |
| Carlos Taibo | |
| Luns, 18 de Maio do 2009 | |
X. M. Beiras-. Rabat está a metade de camiño antre as estremas norte e sur de Marrocos pola costa, de Ceuta a Agadir. Así que de Compostela a Rabat hai menos distancia cás Canarias.Porén, para ir aló por avión, a combinación máis sinxela resultaba ser a de facer Vigo-París -dende Lavacolla agora non hai voos- e logo París-Rabat: dúas horas escasas o primeiro salto, e tres tamén escasas o segundo, con outras tres para o transbordo no aeroporto parisiense de Roissy, que leva o fachendoso nome de Charles de Gaulle, o da famosa grandeur francesa. Unha simple ollada ao mapa de itinerarios de Air France permitiume calcular que, en voo directo, non duraría máis de hora e media a viaxe dende Compostela. Pero, no día no que forzosamente tiña que viaxar eu, esa era a combinación máis sinxela, repito, e tamén a máis curta en duración dende o meu ponto de partida ao de destino. A xuntanza do Consello Internacional do FSM adiárase de meiados de abril, data prevista inicialmente, ao seis de maio, con sesións do seis ao nove. Pilloume así nas vísporas do plenario da AN do BNG, fixada para o dez, en pleno remexido final dese proceso asembleario e, como non quixen renunciar a acudir, tiven que facelo apreixado en tempo por diante e por detrás: tiña que viaxar pra aló o cinco e estar de volta o nove a máis tardar, de xeito que nen sequer podía ficar até o remate das sesións do Consello. Só con máis folgura de tempo podería escoller voar dende a Galiza sur, via Porto-Lisboa. Non, en troques, na miña concreta circunstancia. Évos así. Ou somos así de excéntricos -que non estrafalarios, nen sequer extravagantes. Lémbrome agora dunha anécdota de Valle-Inclán que escoitara eu cando adolescente nas tertulias do café Español con don Ramón Otero. Seica ía con il pola rua do Vilar no tempo da República e cruzáronse cun par de mozos estudantes que, ao pasar, comentaron: "Velaí vai ese tipo extravagante que é escritor". Valle parou en seco, volveuse como unha chispa, e espetoulle ao que falara: "Non sei quen lle aprendeu a usar as palabras, pero eu de extravagante nada lle teño, que non estou nen ando fóra de min nen do meu sitio. Diga vostede estrafalario, e daquela cadraráme ben, que non me ofende". Voltándomos ao rego: somos, ou estamos, así de excéntricos no continente e na penínsua -aparte de térennos condeados á extravagáncia, tamén. Refírome, claro, a Galiza e aos galegos de nación, reducidos a rexión periférica. E alá nós por aturármolo. Até Air France, que fai o vóo Vigo-Paris -e viceversa, claro está- considéranos rexionais. Si, si. A que aterramos en Roissy -ou CDG, como queirades- o avión dirixiuse ao aparcadoiro da terminal G, que é unha nave rectilínea en perpendicular ao pé do 8 que configura o feitío das instalacións do aeroporto -feitío ben orixinal e funcional, por certo. Na fachada desa nave, un grande rótulo puña: Régionales -as liñas, sobrentendíase. Xa dentro do edificio, puiden ler nas portas de embarque e desembarque as indicacións dos vóos que estaban a chegar ou saír no interin: Brest, Lyon, Bordeaux, Lille, Marseille... e Vigo. De xeito que nos consideran, e seguramente somos, unha rexión europea da Unión francesa. Quero dicir -disimuládeme o lapsus freudián- unha rexión francesa da Unión europea. E con razón, poisque é todo o máis que nos merecemos en milloría de status, xa que os españois, incluídos os cipaios galegos, nen sequer aceitan o lerio da "nacionalidade histórica" constitucional, e engúlennos como rexión do reino de España. Postos así, prefiro ser rexión dunha República -e a francesa foi a primeira na historia moderna de Europa, que eu saiba, e naceu dunha revolución ilustrada que decapitou ao rei aquil que só pasou á historia por facerlles ese favor aos seus súbditos. De feito, para facer o transbordo ao avión con destino a Rabat, tiven que pasar á terminal F, que é de vóos internacionais, co que está claro que Marrocos xa non é unha rexión francesa, como disque era Alxeria cando Marrocos era un protectorado. O que non está claro, en troques, é que sexa un país africano, porque o resto dos vóos que vin anunciados nestoutra terminal ían a cidades europeas, se non se me despistou algunha outra de países árabes, que tamén pode ser. Ou será que a reactualizada conceición imperial romana do mare nostrum inclue aos países da sua beira sul -inda que a traxedia das pateras o desminta a cotío. Ou que están a preparar as mentes dos habitantes de toda a contorna dese mar para a inclusión na UE dos países todos que a configuran, e Turquía só é o primeiro da lista. Calquera sabe: estes europeos sonvos moi raposeiros. O caso é que tiven que pillar un bus para mudar de terminal. Como nunca antes estivera nese aeroporto, andaba eu un chisco hesitante na parada dos buses, e notábaseme. Achegáronseme entón dous homes con aquel de seren obreiros ou mariñeiros, un máis novo ca o outro, aos que xa vira no avión de Vigo, e o máis novo faloume: "A ónde vai vostede, señor Beiras?". "Á terminal F, para Rabat". "Nós tamén á mesma. Veña connosco. O bus é aquel". Un diles era máis ben pequeneiro, enxoito, co pelo e a barba prematuramente branquexados. O outro, lanzal e fortachón, era máis novo, inda así non baixaba dos corenta e tantos. Durante o traxecto no bus, xa postos a latricarmos, pergunteilles a ónde ían. "Imos a Amsterdam, e alí collemos o barco para o Mar do Norte. Co retraso que tivemos na saída de Vigo, imos moi xustos de tempo para o avión de Amsterdam..." -dixo o máis novo, que era o máis falangueiro. "Ce triste train pour Amsterdam..." -a cantiga de Jacques Brel veume á memoria co triste andacio social dos galegos que seguen a ter que traballaren na emigración, mesmo que sexa temporeira. "Se perdemos o enlace xa nolo amañarán eles, pola conta que lles ten" -terciou con sorna o máis vello. "Logo andades a traballar nas plataformas, ou?" -díxenlles. Así era. "E cómo vos vai?" -pergunteilles. "Duas semanas aló e duas na casa" -dixo un. "Eu catro e duas" -dixo o outro, o máis vello. E engadíu: "Moito pior eran as mareas de cinco meses, cando andaba eu na pesca nas Malvinas". Ficou enviso uns intres e marmurou, como pra si: "Foisenos a vida no traballo duro fóra da casa. Só cando non sirva pra nada poderei estar cos meus, a ver pasar o tempo que me reste de vida...". Sentín carraxe por dentro, e calei. Cántas veces non tería escoitado eu algo polo estilo ao longo dos anos da miña vida!. Mais, a quen lle importaba o destino desa xente toda? Non aos que mandan e governan, dende logo. Rompeu o silenzo o máis novo: "Eu a vostede coñecino cando o cristo da Herema, lémbrase?". "Mais ti daquela tiñas que ser moi noviño" -díxenlle. "Éralle, si señor, mais xa andaba nas plataformas". Relembróuseme o acontecido, dous decenios atrás, cando do tripartito na Xunta, con Laxe na presidéncia. Unha empresa holandesa que operaba nas plataformas do petróleo do Mar do Norte, chamada así, Herema -non sei se con dous es- e da que resultou ser dono un ex-nazi, botara de súpeto e polas boas, sen indemnización ningunha, a ducias de traballadores, galegos todos iles. Eu era deputado, e terciara no asunto. Desesperados, ocuparan un buque holandés atracado no porto de Vilagarcía. O gobernador de Pontevedra mandara ás forzas anti-disturbios. Eu estaba ese día no Parlamento, aínda en Fonseca, nun debate importante, coido que o dos orzamentos. O que sei é que me vestira de postín, con traxe branco de liño, tal que de primeira comuñón, como adoitaba facer daquela cando se televisaban os debates e eu quería chamar a atención da xente que vía as retransmisións -eu era o único deputado do Bloque e compría que reparasen en min pola imaxe, pra que logo atendesen ao que dicía. Estaba nese debate, digo, e chamaran compañeiros do sindicato en Vilagarcía. Plantei o debate e funme alá, vestido como estaba, co meu traxe de liño branco tal que de primeira comuñón, repito. Cheguei ao porto e alí estaban uns e outros, traballadores e anti-disturbios, como dous exércitos en formación de combate, un fronte ao outro, coa grande esplanada portuaria como terra de ninguén por medio, os obreiros da banda do peirao, ao pé do buque ocupado por iles, as forzas policiais da banda da entrada do recinto. Atravesei cara os traballadores. Por riba de min, salvas de proxectís: cantazos dunha banda, disparos de pelotas de caucho da outra. Cheguei onda iles, ofrecinme a tentar unha tregua para podermos negociar coa policía. Aceitaron. Volvin atravesar cara a policía, abordei ao xefe das forzas. Cumplía ordes, dixo, coma sempre. Pedin chamar ao gobernador. Era o Parada, coido, daquela. Fíxeno dende unha cabina telefónica. Díxenlle que ou ordeaba unha tregua para negociarmos, ou faríao responsábel públicamente das desgracias que houber. Accedera. Días despois manifesteime cos de Herema no Obradoiro e conseguimos unha entrevista con Laxe, que nos recibiu e mediou no problema. Algo tiraran en proveito, mais non recuperaron os postos de traballo. Nos anos seguintes, nas rías baixas, érame frecuente entrar nun bar e toparme con que o taberneiro era algún dos de Herema que montara o chiringo para sobrevivir. Terciarización, seica chaman a iso os economistas do sistema. Agora, en Roissy, o que me relembrara aquel episodio, comentoume: "Daquela algúns políticos daban a cara por nós. Cando menos vostede facíao. Agora xa ningún. Agora xa ninguén o fai. Sonlle outros tempos". Volvín ficar calado. Despedímonos na terminal F: iles tiñan moita presa e disculpáronse por non me acompañaren até a porta do meu vóo. "Sonlle outros tempos". Esa frase furoume no caletre coma un berbiquí. E de sócato sentinme tan vello coma o xaponés do conto da serea que lera cando neno, e que tanto me estremecera. Logo resultara ser unha variante dunha fábula universal. Era un mariñeiro que unha vez pescara na sua rede unha serea. Ceibouna, e a serea, agradecida, convidouno a ir con ela ao fondo do mar. O mariñeiro, seducido, aceitara. No fondo do mar, no pazo de coral da serea, pasaran tres dias e tres noites de amor incomensurábel. Mais, ao terceiro día, o mariñeiro tivo saudades da sua casa, e pedíu poder voltar. A serea tentou disuadilo, díxolle que iso sería a sua desgracia. O mariñeiro insistiu e a serea cedeu. Levouno de volta á beramar, deixouno a rentes do peirao da sua vila mariñeira. De súpeto, o home decatouse de que non recoñecía nada nen a ninguén, nen o peirao, nen a vila nen ás xentes. Nestas, comezou a mirrarse e enganirse, a pel volveuselle engurras toda ela, as carnes ensumíronselle. Pasaran, non tres días, senón trescentos anos. E o mariñeiro morreu, o seu corpo desfíxose en follas secas. Na terminal F topeime con Cándido Grzibowsky. Viña do Río de Janeiro, e ía tamén a Rabat. Viaxamos xuntos, até cadrou que na mesma ringla de asentos do avión. Púxome ao tanto da situación interna no Consello Internacional do FSM. As custións máis controvertidas na sesión de Belem continuaban abertas ao debate. Pouco se adiantara dende entón. Era o que sospeitaba eu. FORO SOCIAL MUNDIAL: CONSELLO INTERNACIONAL EN RABAT (todos os artigos da serie) | |
Ver todos os artigos deste autor ou desta autora |
|
| < Ant. |
|---|

X. M. Beiras-. Rabat está a metade de camiño antre as estremas norte e sur de Marrocos pola costa, de Ceuta a Agadir. Así que de Compostela a Rabat hai menos distancia cás Canarias.