II. Nuredin, o taxista
Xosé Manuel Beiras   
Luns, 25 de Maio do 2009

 X. M. Beiras-. "Fomos un país ocupado, e nótasenos aínda hoxe" -dixo de sócato nunha desas, como sen querer, e botoume unha inquisitiva ollada de esguello polo retrovisor, ao axexo da miña reacción.

Ía ser o meu sancristobo -chofer, guía e compañeiro afábel- durante as catro xornadas da miña estadía en Rabat. Acabamos amigos e camaradas, desque se gañou a miña confianza -e eu gañeime a sua, tamén. "Noureddine", na grafía da transcrición francesa do seu nome. "Noureddine El Haitami. Transport Touristique Grand Taxi Rabat" -lése, debaixo do nome en caracteres árabes, no historiado cartón ou tarxeta de visita que me deu o primeiro día, sobre un fondo no que se superpoñen, nun ocre esvaído, as siluetas da Torre Hassan, das murallas da Cashbah, e até columnas das ruinas romanas. En contraste, á dereita, o perfil dun "yumbo" que despega, suspendido no ár por riba dun rutilante auto que destaca, en escorzo, no primeiro plano da composición. Todo un relato informativo nun mural en miniatura. Inxénuo e elocuente, como un retrinco de cartel de cego -só que non para feirantes, senón pra despistados forasteiros transeuntes coma min.

O aeroporto de Rabat está en Salé, a cidade xémea ao norde do rio Buregreg que as separa. Nuredin habíame dicir o seu nome en árabe, ou bereber, que soa como Shlá -disculpen a miña iñorancia os entendidos- e contaríame que era máis antiga que Rabat, que xa existía, e era un niño de piratas, cando alí chegaran os romanos. Tal me dixo o Nuredin. Rabat está da outra banda, e exténdese cara o sul pola costa, deitada na beiramar oceánica. Mais na marxe esquerda do río están os xacementos romanos e máis a Medina, o bairro antigo comercial da cidade, e máis tamén a impoñente Torre Hassan e o mausoleo de Mohamed V. E a carón da foz, nun outeiro sobre o mar, está a Cashbah, a cidadela fortificada medieval.

Desque aterramos en Salé, solprendeume a cativeza e precariedade da estación de viaxeiros, rústica e reducida como a Labacolla de hai ben anos, desmerecente da capital dun país tan runfante, polas alturas, coma o Marrocos actual. Logo souben -diríamo Nuredin- que andaban a facer obra nova na terminal moderna e que, entramentras, volveran pór en uso a estación vella. Así que tardamos abondo en pasar os controles ao desembarco: eramos moitos viaxeiros, o espazo escaso, os funcionarios lentos e migalleiros, anque corteses, no pase de fronteira, e logo outros policias volvíanche pedir o pasaporte cando coidabas ter rematado xa. A diferencia doutras veces, eu tomeino con pachorra e humor e, mentras agardabamos polo Cándido Grzibowsy, que tivera pior sorte e ficara máis atrás na cola, divertíame en contarlle a Miguel, o chileno da ALOP, o meu requilorio exemplificador do lerio da globalización baseado na peripecia das viaxes aos encontros do FSM. "Repara -dicíalle- en cómo funcionan realmente as famosas liberdades de circulación das persoas, as mercadurías e os capitais no sistema globalizado. Vése moi ben que a xerarquía de valores que predica a ideoloxía do liberalismo resulta esactamente invertida. Disque a liberdade individual é o valor primordial e a clave de bóveda do sistema social. O indivíduo e o seu benestar son a razón de ser dos produtos e do diñeiro, e dos mercados nos que seica deben circular libremente con destino a il e a sua óptima satisfación. Mais, na realidade, xa ti ves. Nós podemos chegar a Rabat e tirar cartos en calquer caixeiro automático, con só telos nunha conta no noso país de orixe: o diñeiro viaxa instantáneamente a traveso das fronteiras sen ningún control. As nosas maletas, se as facturamos no ponto de partida, podémolas recoller no de destino, e só alí -eiquí en Rabat, neste caso- pasan o control da aduana, se acaso as revisan, que xa ves que a maioría non. Pero nós, os viaxeiros, os indivíduos e disque cidadáns, tivemos que pasar un control estrito no aeroporto de saída, pouco menos que espirnos, e até descalzarnos, no detector de metales, amostrar o pasaporte até para entrarmos no avión, que aínda nen aí abonda coa tarxeta de embarque, e logo facermos outro tanto en cada transbordo, neste caso en Paris, e finalmente eiquí, cáseque unha hora entre facermos cola, cubrir o impreso con pelos e sinais para entrarmos no país, e pasarmos a peneira dos controles todos de pasaporte e demáis. O diñeiro viaxou sen control ningún, as maletas só na chegada, se acaso, pero nós controlados en cada paso, sometidos a rexistros e "cacheos" como delincuentes en liberdade condicional: de feito, aplícasenos a inversa da presunción de inocencia, trátasenos coma presuntos culpábeis, estamos baixo sospeita. Éche o mundo "patas arriba", como o describe o Galeano". Prediqueillo así, máis ou menos. Moito ría o Miguel, home pándigo il, coa sua cara de neno grande, e acenaba coa cabeza "si, si...". O millor foi que puiden fumar. En Marrocos non hai lei anti-tabaco, só hai espazos nos que fumar está proibido: é un país civilizado.

As reunións do Consello, que comezarían ao dia seguinte, ían ser en Temara, uns dez kilómetros ao sul de Rabat, nun complexo residencial de lecer sobre a costa, chamado Hotel Club Yasmine. Dende o aeroporto non había transporte público, nen a Rabat nen inda menos a Temara. Só taxis sen contador, con tarifas indicativas que compría axustar ao collelos. Os meus colegas do Consello ían todos a Temara. Só eu tiña o hotel en Rabat, no bairro Hassane, ao norte da cidade, pertiño da Medina. Hotel Mercure Sheherazade, era o seu rocambolesco nome, híbrido de mitoloxía greco-romana e mil e unha noites árabes. Os viaxeiros tentaban agruparse por destinos para os taxis. Collín un cunha parella francesa, moi noviños ela e il, estudantes os dous, viaxando baixo mínimos, víase ben. Inda que non ían ao meu mesmo hotel, baixáronse canda min, preferiron seguir a pé. O Mercure era xeitoso, anque modesto e estándar. Tiña un restorán con ambiente marroquino -só o ambiente, non o menú- e un nome absurdo: Kangoroo. A que entrei no meu cuarto, caeume enriba a soedade. Dubidaba qué facer. Baixei a recepción e perguntei polo transporte. Tiña duas alternativas. Os taxis azuis, pequenos, con taxímetro, mais só podían circular dentro da cidade. Ou os "grands taxis", con tarifa a concertar. Decidín ir a Temara, por ver cómo era o sitio onde se reuniría o Consello, e en percura de compañeir@s xa coñecid@s doutras xuntanzas anteriores. Ofrecéronme chamar a un taxista de confianza, habitual do hotel. Aceptei.

Chegou axiña. Un home alto e robusto, cabeza grande, face ovalada, cellas curvas, longas fazulas, beizos carnosos, barba moi curta, pelo case ao rape. Tiña un sorriso franciscano, só lle faltaba a carapucha pra ser un tal. Era o Nuredin. Falaba un francés moi comprensíbel, menos mal. Dígoo porque logo comprobei que iso non era frecuente na xente do común traballadora, mesmo a que atende aos viaxeiros e turistas -e é natural, pero eu ás veces víame negro para entender aquel falar veloz e atrapallado cunha fonética magrebí. O Nuredin, non. Il falaba a modo, cadencioso e apousado. Díxenlle de irmos a Temara e, moi cortés, suxeríume baixarmos ao porto, na foz do río, e collermos o paseo e logo a estrada da beiramar, para evitar os atascos na travesía do centro da cidade a aquelas horas. Conforme, díxenlle, vostede sábeo millor ca min. Botou un sorriso de complacencia pola miña confianza. Con todo, deica chegarmos ás afóras da cidade, o tránsito era denso e caótico. E o xeito de conducir, temerario. Non o seu, por fortuna. O auto era un Mercedes grandocho, modelo ano de catapún, confortábel pero moi vencido -ouleaba o motor coma un can doente cando reducía a marchas curtas, pero andaba ben. Polo camiño, dábame espricacións breves sobre lugares polos que pasabamos, edificios singulares ou monumentos que viamos, os vestixios da presencia portuguesa de antano, a francesa máis recente, inda até antonte coma quen di. "Fomos un país ocupado, e nótasenos aínda hoxe" -dixo de sócato nunha desas, como sen querer, e botoume unha inquisitiva ollada de esguello polo retrovisor, ao axexo da miña reacción. Mal sabía il a quen estaba a dicirllo, mais mudoulle a cara a unha expresión de alivio cando viu no espello o meu divertido sorriso irreprimidamente cúmplice. "Algo lle sei eu diso tamén", marmurei con indisimulada sorna, e sorrín outravolta á vista do seu desconcerto polo meu comento. Dubidou uns intres, e logo perguntoume de onde era eu. Cando lle dixen que da Galiza, tiven que espricarlle onde estaba, dándolle por referencia Portugal, na estrema atlántica de Europa. Inda así, non pareceu ter dado con certeza na situación xeográfica do meu país. Recurrin a Compostela, o equivalente antitético da Meca na Europa medieval, díxenlle, e ficou satisfeito. Nas viaxatas dos días seguintes habiamonos ilustrar recíprocamente abondo. Xa sairamos de Rabat, iamos calados os dous, o tránsito e os ruídos minguaran, e decateime de que soaba, baixiño, música clásica europea no interior do auto. Prestei atención e, ao pouco, identifiqueina: era a sétima de Beethoven. Chocoume, e díxenllo, sospeitando que a puña como un engado para os usuarios europeus do seu taxi. "Quere que apague?", perguntou. Díxenlle que non. Satisfeito, subíulle un chisco o volume. Logo dixo: "É a música que máis gosto, pero cáseque só podo escoitala no auto. Na casa, os fillos só queren escoitar rock e cousas desas" -e botou unha grande risada.

No Yasmine de Temara non había ninguén coñecido do Consello. Só marroquinos asistentes á reunión do Foro Social Magrebí que viña de ter lugar, e da que nos ían trasladar as conclusións ao día seguinte. Dos membros do CI, cáseque ningún chegara de víspora, ou viñan vía Casablanca, e os que coincidiran conmigo no avión fóranse cear a Rabat. Érame imposíbel localizalos. Volveume caír enriba a soedade. Sintíame estraño naquel lugar insólito, que me resultou súpetamente inhóspito. Máis aínda que estraño, sintinme "dépaysé", e estranxeiro no senso do relato de Camus. Qué facía eu alí, apreixado nunha situación absurda. Refuxieime no vello Mercedes do Nuredin para regresar a Rabat, inda que tampouco aló tiña nada que facer. Algo debeu percibir il, que me propuxo levarme a visitar a Cashbah, e acompañoume polas calexas retortas en sube e baixa da cidadela medieval, cun colega guía que se nos xuntou á entrada -"Non se preocupe polos cartos, déalle só uns poucos dinars", díxome Nuredin aparte- falando un "charabias" de francés indescifrábel. Fíxome reparar nas portas portuguesas do s.XIII e XIV que inda se conservaban en moitas moradas, nos petadores antigos, nos distintivos xudeus, nos pequenos pazos con xardíns colgantes, na vista do esteiro do Burgreg dende a terraza do forte, e Salé no alto á outra banda. Pensei en cear nalgún restorán marroquino, mais non aturaba a idea de cear só. Decidín irme ao hotel. Concertei con Nuredin que me recollese cedo ao dia seguinte. Xa no meu cuarto, encetei a leitura dun libriño de Amin Maalouf que mercara no aeroporto de Roissy: Les identités meurtrières. "Onde quer que se viva hoxe neste planeta, toda modernización convírtese actualmente en occidentalización. (...) Esta realidade non é vivida do mesmo xeito por aqueles que naceron no seo da civilización dominante que polos que naceron fóra dela. (...) Cando a modernidade leva o carimbo do "Outro", non debe solprender vermos a certas persoas esgrimir os símbolos do arcaísmo para afirmaren a sua diferencia.(...) Para que un cambio sexa aceitado, non abonda con que sexa conforme ao esprito do tempo. Compre tamén que non resulte ferinte a nivel dos símbolos, que non dea a aqueles aos que se incita a mudar a impresión de renegaren de si mesmos". Pensei en Nuredin, o "meu" taxista, no seu gosto por Beethoven -e naquelas suas verbas: "Fomos un país ocupado, e nótasenos aínda hoxe". E durminme no meu cuarto do Mercure Sheherazade, híbrido de mitoloxía grega e mil e unha noites da Arabia.

FORO SOCIAL MUNDIAL: CONSELLO INTERNACIONAL EN RABAT (todos os artigos da serie) 


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >