| III. Debates e conversas no Yasmine |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Luns, 01 de Xuño do 2009 | |
|
Aquela noite, contra do que eu, segredamente, arelaba, o combinado Mercure-Sheherazade non surtíu ningún benfeitor influxo nos meus soños. Se cadra foi que Hermes, ciumento de ter sido postergado polo seu suplente romano no rótulo da miña morada accidental en Rabat, negouse a transmitirlle ao meu subconsciente as mensaxes oníricas de aquela prodixiosa artífice de mil e unha noites de fascinantes relatos fantásticos adiadores da morte decretada contra dela polo diván califal. Os pragmáticos romanos, incluídos os seus deuses, carecían da sensibilidade para imaxinaren e vivenciaren o inefábel que posuíran os gregos, e que herdarían os árabes. Inda hai pouco que o meu amigo Naro -García Suárez- matemático il e fino escritor tamén, con ocasión da apresentación dun seu ensaio encol das relacións antre as matemáticas e a literatura editado por Laiovento, comentábame o feito histórico de que os romanos limitáranse a tirar proveito de toda a produción teórica helena en eidos como a álxebra e a xeometría para aplicárena á solución de custións práticas de índole técnica, mais despreocupáranse da especulación teorética, non arrequeceran nen chisco a avenza filosófica e científica herdada da Grecia clásica e, ao cabo, chegaran a esquencer os fundamentos teóricos da tecnoloxía que tan habelenciosamente empregaban e aperfeizoaban. E que por iso se perdera, ao descompórese o imperio, a herdanza grega, que só retornaría a Europa por mediación dos árabes, precisamente, e non por transmisión dos latinos. Como ben pode pasarlle á universidade europea actual co lerio de Bolonia, se a mocedade estudante non o remedia. Como puido pasarlle a Franza cos tecnócratas politécnicos do Giscard d"Estaing, de non térenlles gañado o pulso centros de investigación básica en fisica e matemáticas tan radiantes daquela coma o de Toulouse. De xeito que Hermes sintonizaría perfeitamente coas fantasías de Sheherazade, e faríalle moi gostoso de mensaxeiro para transmitírllemas aos meus soños. Mercurio, non: qué utilidade poden ter? -rosmaría. E así, aquela primeira noite no Mercure, Sheherazade non visitou os meus soños, e foron tan anodinos que non deixaron pegadas na miña mente nen saudades no meu corazón: só o valeiro oco da ausencia. Dei en cismar nisto desque acordei. E lembreime do sentencioso comento sarcástico de Leopold Bloom a Stephen Dedalus no Ulysse joyceán. Hai ben anos que non o releo, mais éravos cousa así como: "Os gregos, Stephen! Nada a ver cos romanos. Se os romanos chegasen a este outeiro, á vista da paisaxe que dende eiqui se dexerga, dirían: "Qué magnífico panorama: fagamos acó unha letrina" ". Fixéronas a eito ao longo e largo do seu imperio. Coma os ianquis de arestora na sua esterqueira global. Cando descín a almorzar, xa estaba Nuredin á porta do hotel, por fóra. Aceneille coa man, pra lle indicar que sairía axiña. Respostoume cun debalo da sua cabeza, e o sorriso franciscán na sua faciana. Chegados a Temara, na entrada do Yasmine rebulía moita xente, caras coñecidas moitas delas, desta vez. Nuredin non me non quería cobrar. "Xa me pagará cando veña recollelo de volta, porque vai pasar eiquí todo o día, non si?. Pola ida e volta fareille millor prezo, vous comprenez!". Tiven que espricarlle que, se cadra, voltaba a Rabat con compañeiros do Consello, e nen sabía a qué hora. "Non importa", dixo, mentres me acompañaba á recepción de aquel complexo hosteleiro, e falaba en árabe, ou se cadra bereber, co encarregado. Foi entón cando me deu a sua historiada tarxeta, ou cartón. "Chámeme a este teléfono cando queira voltar, e en meia hora estou eiquí. Os seus amigos poden vir tamén, cobrareille o mesmo". Pagueille de todos xeitos. "Se o chamo á noite, daquela faime a rebaixa, conforme?". Sorríu e colleu os cartos, abaneando a cabeza. Entrei no recinto da xuntanza, recollin a miña acreditación, entreguei a nosa aportación ao fondo de solidariedade para as delegacións máis precarias en recursos. A sesión plenaria ía comezar con retraso, como decote. Entramentras, apertas e saúdos efusivos cos máis coñecidos e cordiais, o veterano Chico Witaker, un dos brasileiros fundadores do FSM, Moema Miranda, Rafela Bollini, Teivo Teivanen, qué sei eu -e qué vos importan os nomes, pensaredes vós. Dos da Conseu, xa estaba Oier, o mozo vasco de Askapena. Quim Arrufat, o do Ciemen catalán, inda non chegara. Viña por Casablanca e, cóntamo Oier, perdéranlle a maleta no avión, así que inda tardaría. Primeira sesión: balance do programa de actividades e mobilizacións acordado en Belem, até hoxe. Logo, informe do Foro do Magreb e do Makretch que ven de celebrarse nas vísporas do Consello -e debate. Salta o tema do Sahara. Poucas semanas antes, o Frente Polisario, e máis unha potente intersindical africana, protestaran pola escolla de Rabat para esta xuntanza do CI do FSM. Lóxico, dada a infame traxectoria de agresión do Estado marroquino contra o povo saharaui e os seus dereitos, a ocupación do seu territorio polas armas, a condea ao exilio "sine die", a sistemática violación das resolucións da ONU: a "derradeira colonia en África", líase xa en cartaces cando do FSM en Nairobi, no 2007. Unha pauta de conduta análoga á de Israel co povo palestino. Mais o Consello escollera Rabat para potenciar a dinámica dos movementos sociais anti-sistema no Magreb. Tamén se comprende. A Conseu mediara en apoio dos saharauis, reclamando que o CI garantise, cabo do governo marroquino, a participación diles nas reunións de Rabat -mais os saharauis desconfiaran de Marrocos, tiñan motivos abondo para desconfiaren, e optaran pola ausencia e o boicot. No decurso da sesión, informa unha comisión do Foro do Magreb, na que disque algún dos membros é saharaui, do seu propósito de constituirse en mediadora no conflito, e apresenta un documento coa sua posición verbo do problema, unha declaración de postulados e principios para a sua mediación. Analisámolo. Insatisfactorio: elude proclamar como principio o dereito do povo saharaui ao seu territorio histórico e á sua autodeterminación, acusar a Marrocos da constante agresión consumada durante decenios, denunciar o sistemático incumplimento das resolucións da ONU. Sen iso non hai apoio nen aval posíbeis do CI á comisión mediadora proposta. Oier e máis eu dicímolo con rotundidade no debate. Ao cabo, o Consello declina dar o seu apoio a esa pretensa mediación, mais deixa aberta a porta a aqueles dos seus membros que o queiran facer. Outros optamos por elaborarmos unha declaración conxunta alternativa nos termos rotundos que espuxeramos. Unha vez máis, a traslación do combate ao plano político, a proxección na dimensión política dos problemas, divide a posición dos movementos sociais representados no Consello do FSM. Comprobo que ese tangaraño perdura. Volvereino corroborar axiña nas xornadas de traballo desa mesma tarde e do día seguinte, tanto na comisión de estratexia da que formo parte, canto na translación do seu debate ao plenario do Consello. Tiña razón o Cándido no avión de Paris a Rabat: pouco se adiantara dende Belem. Curiosamente, alén dos brasileiros e algúns dos europeus, son os indixenistas americáns os que teñen a visión máis clara do problema, os que máis nidia e esplícitamente formulan a necesidade de construirmos en común unhas novas pontes de enlace coa instancia política -non coas institucións políticas xa existentes, que é cousa distinta. Será mesmamente ise o tema central da nosa conversa á noitiña, rematada no empardecer a xornada de traballo, no curro dunha taberna próxima ao Yasmine, mentras debullabamos coas mans e case ás apalpadas uns peixes asados á grella, semellantes a ollomoles, baixo a ramallada dunha árbore que cubría a estrema da longa mesa que lle cadrara ocupar ao noso grupo e ocultaba a escasa luz dun par de bombillas penduradas dun cable de través. A Graça, unha opulenta muller brasileira, veterana loitadora sindicalista vencellada ao movemento dos Sem Terra e a Vía Campesina, diráo con moito desenfado no curso do noso palique. "A nosa visión é máis política. É difìcil separala da luita social. E non nos valen os esquemas europeus predominantes na análise, mesmo nen sequer os da esquerda. Acontécenos por exemplo co conflito israelo-palestino visto polos movementos sociais brasileiros. Somos solidarios cos palestinos. Mais nós temos un problema central na custión negra, por caso, situada nun esquema moi distinto, e porén, cara fóra e arriba, no debate político nos foros internacionais, resulta deformada ou até ocultada polos temas e enfoques dominantes na perspeitiva europea...". Asinte Roberto, o sagaz dirixente da coordenadora indixenista andina, con quen teceramos en Belem o acordo de colaboración coa Conseu na defensa dos dereitos colectivos dos povos e nacións, indíxenas ou non. É noite pecha. Xa telefonara eu ao Nuredin, poisque ninguén se hospedaba en Rabat e compríame retornar só. Regresamos todos ao Yasmine, e alí estaba il, co seu vello Mercedes grandocho. No camiño de volta, xa non era a sétima de Beethoven a música que se ouvía no auto: era o concerto malchamado do Emperador -Beethoven pasara de admirar a detestar a Napoleón mesmamente por se ter coroado como tal, é ben sabido. Decididamente, o repertorio clásico do Nuredin era máis amplo do que eu sospeitara. Estaba canso. Inda tomei algo no bar do hotel, e funme deitar. Aquela noite nen sequer tiven soños anodinos. Tiven, en troques, un pesadelo horroroso. Fronte ao cabo de Fisterra, emergullaban do océano estarrecentes monstros de aceiro, enormes como xigantescos cabaleiros teutóns cubertos de escintilantes armaduras e brandindo imensas lanzas xiratorias coma pás descomunais. Semellaban aboiar nas ondas, nun lento e constante achegárense cara a costa. Ao pé do facho do cabo, onda o seu istmo, alí onde apousa en terra firme a cola dese grande cetáceo inerte, na area do Mar de Fóra, ringleiras inordes de mariñeiros e mariscadoras, armados de rastros, angazos, poutadas, forcados e varas de mariscar ao can, agardaban arelantes ao axexo dos monstros emerxentes do mar, sen daren fala, con lenes movementos espasmódicos dos seus ollos redondos moi abertos e como aglaiados, mirando ao fite cara as ondas. As imaxes do pesadelo remanecían aínda no meu maxín cando acordei na mañanciña, cunha raiola de sol sobre o meu rostro. Embrullo de Einsenstein e Díaz Pardo, pensei. Mais non dei descifrado o contido latente do meu pesadelo. Tampouco teimei en dar con il. Só semanas máis tarde, de volta xa na Galiza, desvelaríaseme por un casual a mensaxe premonitoria que contiña. Cando lin que seica Green Peace se aliaba cos cipaios ananos do país pra cercaren cun valado de torres eólicas xigantes a beiramar litoral deste país de meu. Deste meu demoucado país. Deste meu inerme país decote aínda asoballado. FORO SOCIAL MUNDIAL: CONSELLO INTERNACIONAL EN RABAT (todos os artigos da serie) | |
Ver todos os artigos deste autor ou desta autora |
|
| < Ant. | Seg. > |
|---|

