IV. Estratexias fronte á(s) crise(s)
Xosé Manuel Beiras   
Domingo, 07 de Xuño do 2009

 X. M. Beiras-. Da crise, a séria, a global, a do sistema, íase tratar agora, durante toda a segunda xornada de sesións do Consello. En pleno e en comisións, coma na cámara -de gas- galega.

Saíndomos do porto de Rabat cara o sul polo paseo da beiramar, o perfil da costa no treito que vai dende os arrabaldos da cidade deica Temara asemellábaseme ao da nosa Mariña cantábrica antre Barreiros e Reinante, só que, no canto de orientado ao norde, debruzado cara o oeste sobre o oceano como ao pé da Soavela ou dende Silleiro ao Miño. Na mañanciña, luz oblicua dende terra; espello no mar ao solpor. Por baixo da estrada, un largo socalco cuase contínuo de rocha gris chá até o borde das augas, estantías efixies de pacenzudos pescadores de cana a cada pouco, intervalos de praias desertas naquela altura e, súpetamente, centos de metros de longos valados provisorios cercando os ermos costeiros. "Oh, là, là. Sonlle proxectos de novas urbanizacións para o turismo" -espricábame o Nuredin en pago á miña curiosidade. E a seguida interpelábame: "Non sei qué vai ser diles agora, co da crise, qué lle parece a vostede?". Resposta evasiva da miña banda, por nugalla e falla de dados sobre a situación da economia marroquina. Algo equivalente ao lerio de "por unha banda xa ti ves, e pola outra qué queres que che diga". A fuxidía ollada inquisitiva de Nuredin polo retrovisor viña dicir: "iste non sabe ou non quer mollarse?". "As duas cousas", retrucaba mentalmente eu. De tan cedo na mañán, e por mor do meu conxénito bioritmo vesperal, o meu caletre non estaba para disquisicións especulativas que requirisen esforzo neuronal. Asemade, nos tempos mortos da miña actividade alí, o meu esprito viaxaba de volta a Aguiar, e tiña saudades do meu eido. Era a primeira viaxe na que tal me acontecía, e tíñame íntimamente desconcertado. Até o ponto de aquela costa suscitarme a evocación da Mariña que, postos a matinar con rigor, ben pouco podía parecérselle, madia leva. Cousas da nostalxia que dende o comenzo fixera presa en min. Ou tamén das chamadas que intermitentemente recibía por mor do entroido da asemblea do Bloque, que nen aló me deixaban en paz, manda truco, mira ti. "Outra crise dentro da crise", dei en cismar -e non puiden menos ca sorrir por dentro pola ocurrencia, ou o despropósito.

Da crise, a séria, a global, a do sistema, íase tratar agora, durante toda a segunda xornada de sesións do Consello. En pleno e en comisións, coma na cámara -de gas- galega. Na sesión plenaria, primeiro. O vello "Gus" -Massiah- coordenador da comisión de estratexia, abre o debate co seu relatório. Análise das liñas de actuación dos governos -primordialmente no centro do sistema- e dos recentes acordos do G-20. "É un directorio e, como tal, ilexítimo -sentencia- e no que, por riba, dominan as propostas do G-7, hoxe G-8. Limítanse a medidas para evitar a creba global do sistema financeiro, a manipularen instrumentos obsoletos coma o FMI e o BM, e a vou- gas declaracións de intencións sobre realidades tan escandalosas coma os "paraísos fiscais" ou a débeda dos países pobres. Para nada abordan a lóxica que conducíu á crise do sistema. O G-7 seica pensa poder saír da crise sen reformas a fondo, e impón no G-20 os intereses estratéxicos USA. Entramentras, a crise agrávase e as respostas revisten formas diferentes nas diferentes rexións do mundo. Compre afortalar as resistencias e acharmos unha saída á crise que non sexa máis do mesmo, pero aínda non demos consolidado un foco de reflexión estratéxica encol diso. E non nos enganemos: o neoliberalismo ven de sufrir unha derrota ideolóxica, mais aínda non política".

A seguida sinala tres polos na dinámica da resposta á crise. O primeiro é o do sector reformador dentro do proprio stablishment: son os consabidos artífices do "Green New Deal" -ou do que Walden Bello bautismou como "Global Social-Democracy" (GSD), ao que me eu referira xa nun artigo anterior á miña viaxe a Rabat. O segundo é o movemento sindical internacional -cunha posición anti-neoliberal, mais non anti-sistema, centrada na presión sobre as liñas reformistas e na negociación imediata sobre as condicións laborais e salariais. A dinámica preponderante nese polo sindical, cando menos nas sociedades do centro ou "norte", non vai mudar por sí mesma as estruturas cardinais do sistema, porque xoga nunha dialética que as reproduce: ao cabo, resulta simétrica do novo New Deal e a nova Social-democracia, cara unha reedición anovada do "welfare-state" e a concertación social de outrora. E enfin, o terceiro polo: o da oposición frontal antisistémica do movemento altermundista e o FSM. Mais este movemento, que rexeita o sistema existente, aínda non deu formulado o seu modelo alternativo: eis o reto que lle compre defrontar. E para iso, o Gus reitera a proposta dunha estratexia en tres níveis ou horizontes que xa formulara en Belem do Pará: o da defensa máis imediata das vítimas da crise, en tódalas instancias, incluída a asemblea da ONU -como está a promover xa François Houtard, por caso- contra os G-7 e G-20; o de maximizar as loitas e a presión radicalizadora sobre as liñas reformistas e o movemento sindical integrado no sistema; e o proceso de combate de fondo, que combine a análise da lóxica que conducíu á crise sistémica e máis as teses da "crise de civilizacións" -patrimonio orixinal do movemento indixenista, por certo- coa angueira criativa de xestación de novas relacións de produción e distribución, pautas de consumo e principios ecolóxicos, nunha dinámica orientada a transformar e transcender o actual sistema-mundo.

No debate subseguinte escóitase de todo, ou case: ponse unha vez máis de manifesto a grande heteroxeneidade das orgaizacións e movementos membros do Consello. É natural, e máis é unha riqueza; pero é tamén unha dificultade a superar para avanzarmos con rapidez e eficacia no logro dunha estratexia común fronte á "ruda adversidade urxente" -venme á memoria a metáfora de Pondal coa que encabezara eu o meu "Atraso", decenios atrás, e pergúntome se o esforzo de diagnose que estamos a facer a prol dunha estratexia colectiva para tódolos actuais "damnés de la terre" non acabará por resultar tan inútel como penso que resultou ser o meu proprio de entón e máis dispois para os "escravos da terra" do meu pequeno país arestora tan en perigo de extinción coma o orangután de Borneo. "Non esaxeres" -recrimínome a min mesmo. Cándido Grzibowsy advírtenos: "Compre recuperarmos a análise da dimensión política da crise". Tiña que ser il. Ou iles, millor dito, @s brasileir@s. Porque o secunda Miriam, nunha clave moi próxima: "En Belem houbo unha enchente de iniciativas e alianzas tecidas nas asembleas dos movementos, asumidas logo polo CI, a prol dunha estratexia conxunta na esfera política para saírmos da crise: a comisión de estratexia debe analisar e artellar todo iso". Tamén activistas da África negra. De Suláfrica: "O debate é aberto, pero o espazo anti-sistema é unha realidade en marcha. Son moitísimos os movementos que actuan e combaten cun mesmo norte. Compre sinalarmoslles as orixes e responsábeis da crise para orientar os seus combates, para apoialos e reforzalos: quero poder levar esa mensaxe de volta á miña comunidade". De Nixeria: "Cómprenme alternativas estratéxicas, os meus compañeiros demándanmas, e non podo chegar onda iles e non terlles respostas". O veterano Chico Witaker desce á concreción: compre que as comisións do CI sinalen obxetivos, plans de traballo e proxectos concretos que materialicen as liñas estratéxicas da acción conxunta e combinada dos diversos movementos.

No entanto, despois de xantar, na comisión de estratexia reprodúcese o debate da mañán. A empezar polo método. Plantéxao cruamente Ana, a eficiente colaboradora de Massiah no labor de coordenación:"Temos un problema de metodoloxía porque non está definida unha visión compartida do rol e os obxetivos dos FSM, e só así se pode definir unha estratexia de conxunto". Roberto, o indixenista peruano, suxire traballarmos en dous bloques temáticos: un, o das propostas estratéxicas de longo prazo contidas nas conclusións de Belem -crise de civilizacións, movemento campesino e control da biotecnoloxía, crise climática, etcétera, até "reinvención" do Estado; outro, o das propostas pragmáticas imediatas. Alguén reclama que a comisión de estratexia sexa o "think-tank" do Consello. Vale. Outro afirma que esta comisión ten funcións instrumentais. Vale tamén. Algúns, coma min, impacientámonos e reclamamos pórmonos a proba de construir paso a paso unha estratexia de loita social con proxección política para o conxunto do FSM a partirmos das propostas das asembleas dos movementos: só así saberemos se val ou non a comisión para algo máis ca funcións instrumentais do CI. Ao cabo, non sen tempo, chegamos a un método e plan de traballo que o asisado e paciente Massiah sintetiza e traduce en esquema asumido pola comisión. Ao día seguinte trasladaráse ao plenario do CI. Eu xa non poderei asistir máis que ao inicio: o meu vóo de regreso a Galiza via Paris sai a meiodía.

É xa o luscofusco cando rematamos. O meu "mancontro", ou telefone móbil, leva todo día a darme a murga por mor da asemblea do Bloque -e eu todo o día a blasfemar: os xornalistas de acó queren saber; eu non. Mais os compañeiros presiónanme. Ao cabo cederei. Imos cear a unha terraza, fronte do Yasmine, o Quim, Oier e máis eu. Atendo a entrevistas telefónicas que interrompen a nosa conversa, unha divertida regueifa arredor da noción de república e os peares da cultura cívica republicán. Tamén da sua relación coas custións nacionais e os nacionalismos emancipadores -faltaba máis! Eu confésome, no primeiro, discípulo serodio de Toni Domènech -se cadra mesmo anacrónico dalgún xeito. Rinse moito. Logo o palique deriva e enceréllase, como as cereixas tiradas do cesto; axiña transita por un labirinto inzado de solpresas en cada reviravolta. Repentizamos argumentos, estimulámonos mútuamente nunha diatriba cordial. Rímonos a eito os tres. Resúltanos tan saudábel coma un exercizo físico. Só que iles son moi novos, teñen moito vigor. Eu resisto como podo -e disfroito arreo. É a terapia incomparábel do humor. Cando me decato, son as tantas da noite. Nuredin leva duas horas a agardar por min, no seu auto aparcado diante do Yasmine. Na escuridade, non distingo ben o seu aquel até chegar xa á par dil. A longa espera non disipou do seu rostro o sorriso franciscano co que adoita saudarme. "Vámonos. Disculpa o plantón que che dei" -dígolle conforme me instalo no vello Mercedes. No asento dianteiro, desta vez: iso e o tuteo son novedades no meu trato. O seu sorriso anchéase: "N"vous en faites pas! Non tiña outra cousa que facer. Foivos ben na xornada de hoxe?". Non souben que constestarlle, inda que asentín coa cabeza. "Depende" -estiven por lle dicir. "Xa vexo que hoxe tes Brahms" -díxenlle, en troques. Ollou cara min, feliz.

FORO SOCIAL MUNDIAL: CONSELLO INTERNACIONAL EN RABAT (todos os artigos da serie) 


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >