Reporteiros Galegos Socidarios
Do Comercio ao clima
Leccións dun presidente, ou a orixe dun xenocidio no Perú
Katu Arkonada   
Venres, 12 de Xuño do 2009

 Katu Arkonada-. Alan García, presidente do Perú, escribía en 2007 unha serie de artigos de opinión, o primeiro deles titulado "A síndrome do can do hortelano", no que ademais de facer apoloxía da súa ideoloxía neoliberal, nada sorprendente no seu segundo mandato como presidente da Republica, situaba á Amazonia como primeiro recurso por explotar do Perú, apuntando principalmente á (de)forestación madeireira.

E non quedaba aí, tamén criticaba as terras entregadas aos pequenos propietarios, indíxenas na súa maioría, e propuña entregar a terra en lotes maiores, criticando ás comunidades campesiñas, indíxenas e orixinarias donas das terras e apuntando á súa escasa formación e pobre nivel de vida. Aínda por riba dedica outra parte do seu artigo a falar dos recursos mineiros, defendendo que a discusión sobre se a minería dana o medio ambiente é unha discusión do século pasado xa superada pola modernidade.

A conclusión á que chega é que seguir o modelo dos países con políticas económicas neoliberais e nas que prima o interese económico por riba das persoas é o futuro, o desenvolvemento... e todo o que se opoña a ese modelo, que defenda os intereses das persoas, dos pobos, da Nai Terra, estase opondo ao progreso, do que fai unha cuestión de Estado, e a ese que vai contra a modernidade chámalle o can do hortelano, que nin come nin deixa comer.

Non fai falla explicar que sen mencionalo estase referindo no seu artigo ao movemento indíxena, que comezaba a articularse neses intres para esixir o respecto aos seus dereitos como pobos orixinarios da Amazonia. E facíano baseándose non xa na súa cultura e tradicións ancestrais, senón en tratados internacionais, como o convenio 169 da OIT sobre Pobos Indíxenas que Perú ratificou en 1993, outorgándolle rango legal de obrigado cumprimento, especialmente nas normas referidas ao dereito á consulta e participación.

Os pobos amazónicos cumprían 56 días de levantamento pacifico o pasado 5 de xuño, a pesar do Estado de Sitio decretado polo Goberno o 8 de maio que provocou a suspensión das liberdades civís e políticas na zona, cando a Policía e as Forzas Armadas entraron en Bagua (órdenes políticas polo medio) emboscando a un grupo de indíxenas e perante a resposta dos mesmos pasando a atacar dende helicópteros con armas de guerra, provocando un masacre e un xenocidio saldado con 24 policías mortos (moitos tiroteados coa súa propia munición de fusís AKM) e unhas cifras de civís mortos que varían entre 25 e 50, pero con graves acusacións de observadores e ONGs de queima de cadáveres ou afundimentos no rio para minimizar a cifra de mortos. Este masacre anunciado é a resposta que daban Alan García e o seu Goberno á protesta popular e á máis que probábel inconstitucionalidade dos decretos lexislativos, inconstitucionalidade xa ditada pola comisión ad hoc do Congreso, así como pola Defensoría do Pobo, que o día anterior, 4 de xuño, presentou unha demanda nese sentido ante o Tribunal Constitucional por violación do artigo 6 do convenio 169.

Aínda por riba, e para preparar o terreo á represión, a finais de maio a Ministra de Xustiza denuncia a Alberto Pizango, presidente de AIDESEP (Asociación Interétnica de Desenvolvemento da Selva Peruana) e principal líder amazónico, por alentar a rebelión, sedición e conspiración, grave acusación, que tras os anos do conflito armado en Perú, está penada con 30 anos de cadea. Buscouse a criminalización de Pizango co obxectivo de impedir a negociación e o dialogo cos pobos amazónicos.

Pobos amazónicos que buscan a derrogación de TLCs inxustos e arbitrarios, que buscan vender as súas terras ancestrais ás transnacionais que xa controlan a política de Perú, así como dos recentes artigos promulgados polo Goberno Peruano (994, 1064, 1020, 1081, 1089, 1090, 1083, 1060 e 997) que van na mesma dirección e son un paso máis para favorecer a desaparición dos estes pobos. Pobos que suman 42 grupos étnicos na Amazonia, pero que xa sufriron a desaparición de 11 deles nos últimos 50 anos, contando outros 18 en perigo de seguir o mesmo camiño.

Un exemplo, o lote petroleiro 76, dun millón e medio de hectáreas, suporá a construción de 18 liñas sísmicas, 166 heliportos, 166 campamentos e 1944 zonas de descarga na Amazonía.

A declaración final do recente Cume Continental de Pobos e Nacionalidades Indíxenas solidarizábase coas loitas antiimperialistas e polos dereitos colectivos de varios pobos do mundo, entre eles o vasco. Hoxe, xornada nacional de loita en Perú, como vasco, orgulloso de pertencer a un dos primeiros pobos de Europa, como internacionalista e solidario con todos os pobos oprimidos do mundo, hoxe só podo sentirme amazónico, hoxe son cidadán de Bagua, hoxe chámome Alberto Pizango.

Porque a vida non se vende, a vida deféndese.


Katu Arkonada traballa como consultor para asuntos indíxenas e é colaborador de CAOI (Coordinadora Andina de Organizacións Indíxenas)

Katu Arkonada
Sobre o autor ou autora:

Katu Arkonada traballa como investigador e analista para o centro de estudos boliviano CEADESC (Centro de Estudos Aplicados aos Dereitos Económicos, Sociais e Culturais)


 
< Ant.   Seg. >
Galicia Hoxe
ibase