| O escepticismo do milenio |
| Manoel Santos | |
| Sábado, 22 de Xaneiro do 2005 | |
|
Estamos xa máis que afeitos a presenciar o impactante despregamento mediático que se orixina cada vez que no mundo se celebra unha megareunión desas do tipo Cumio do Milenio, Cumio Mundial da Sida, ou da Alimentación, ou da Biodiversidade… Dende logo, estes acontecementos son unha mina para os medios de comunicación, que certamente son quen de chamar a nosa atención con datos abraiantes: “1.200 millóns de persoas viven con menos dun dólar ao día”, “114 millóns de nenos non van á escola”, “cada ano morren 11 millóns de nenos menores de cinco anos”, “unha de cada cinco persoas carece de acceso á auga potábel”… Máis atención pouco ten que ver con acción. En vista de que a ONU leva máis de dúas décadas “autodenunciando” a agoniante situación do mundo –especialmente do sur– sen aparente resultado positivo, sería de supoñer que os cumios eses valerían máis ca nada para iso, para lembrarnos mediaticamente que no noso planeta reina a inxustiza. Pois non. Cada día estou máis certo de que serven para reafirmarnos na sorte que temos e manternos sentadiños e en silencio, aceptando a morte das ideoloxías que forxaron a cara boa da humanidade a cambio dunha vida tranquila aquí, no norte. Vamos, que seriamos coma un gran rabaño de ledas ovellas pacendo en verdes campos, e cando nace unha negra, o bo do pastor –que non é unha persoa, senón un ente financeiro supremo, intanxíbel e incomprensíbel– a enviaría ao sur da leira, onde nós xa comemos e pisamos e non queda nin unha mala herba que levar á boca. O caso é que o rabaño de ovellas negras é demasiado grande para que poida subsistir nunha leira tan explotada e esmagada, de xeito que a mortalidade está disparada, e os cheiros orixinados ao apodreceren amolan a algunhas ovelliñas brancas do norte, cada vez a máis, que se volven revoltosas. É por iso que o pegureiro, seguramente asesorado por algún sindicato gandeiro de siglas OMC ou FMI, ás veces decide reestruturar o seu plan de explotación. En setembro de 2000, na sede de Nacións Unidas, celebrouse o Cumio do Milenio, no que o pegureiro maior presentou o seu novo plan de explotación. Os 189 xefes de estado, ou de manda, asinaron a Declaración do Milenio, unha decidida aposta para mellorar as condicións de vida do rabaño ou, xa sen metáforas, do planeta. Xurdiron así os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio –ODM–, oito grandes compromisos da comunidade mundial para loitar contra a pobreza, o analfabetismo, a fame, a falta de educación, a desigualdade de xéneros, a mortalidade infantil e materna, as pandemias e a degradación do medio ambiente. Os ODM eran a 15 anos vista –2015– e establecían por exemplo o compromiso de reducir á metade a porcentaxe de persoas que padecen fame, reducir dúas terzas partes a taxa de mortalidade dos nenos menores de 5 anos ou diminuír á metade a porcentaxe de persoas sen acceso á auga potábel. Ata aí todo ben. Loábel iniciativa. Hai un seguimento continuo para evaluar a posta en práctica dos ODM e a ONU proporciónanos todo tipo de informes, gráficos, guías para aplicar os ODM, cifras, etc. Vamos, que parecía que ía en serio. Mais esta mesma semana Kofi Annan –que nin de coña é o pegureiro maior, senón unha ovella avantaxada– presentaba o informe “Invertir en desenvolvemento” que, para sermos claros, é o plan práctico para conquerir os ODM. Resumindo, que un tal Jeffrey Sachs estivo tres anos parindo o Proxecto do Milenio e cinco anos despois do gran cumio a ONU xa sabe como facer para acadalos. O caso é que poucos cremos que na década que queda se acaden os ODM, ou sexa, que para 2015 uns 1.000 millóns de persoas vivan mellor. De feito o propio Annan laiouse diso que deciamos ao principio, de que había atención e non acción, pois se precisan 195.000 millóns de dólares máis ao ano, que por certo son só a quinta parte do orzamento militar anual mundial. Sachs foi máis aló. Afirmou que somos a primeira xeración da historia que pode acabar coa fame no mundo. ¿Como? Pois aplicando o famoso 0,7% do PIB aos países en desenvolvemento para 2015. Vamos, o que sabemos dende 1970, cando o mundo se comprometeu a elo, ou dende o Consenso de Monterrey de 2002, cando o mundo se requetereafirmou no mesmo. Mais o certo é que hogano só cinco países acadaron ese obxectivo –Dinamarca, Luxemburgo, Noruega, Holanda e Suecia– e só seis, entre eles a España de ZP, teñen un calendario preciso para chegar a el. Estados Unidos achega o 0,15%, Xapón o 0,2% e Alemaña o 0,28%, o que non sei se me dá pena ou noxo. De aí o meu escepticismo.• | |
Ver todos os artigos deste autor ou desta autora |
|
| < Ant. | Seg. > |
|---|

