V. Un té marroquino
Xosé Manuel Beiras   
Luns, 15 de Xuño do 2009

X. M. Beiras-. Era o meu derradeiro día de estancia en Rabat. O cuarto dende a miña chegada. O terceiro en xornadas de traballo do Consello, que inda continuarían no día seguinte, sábado, para concluíren no serán.

Algúns dos meus colegas ficarían até o domingo, ou mesmo até o luns. Eu nin tan sequera podería completar esa terceira xornada, poisque a mediados dela, como xa dixen, partía o meu voo de regreso, vía París. Farían así tres días completos, no intre de eu partir , o intre no que rompería o encantamento no que o meu espírito, parecíame a min, vivenciara esa xeira, tan breve en duración polos reloxos, pero tan longa e distante en anos luz do meu vivir na miña terra, e das angueiras que interrompira só tres días antes e que me compría reanudar á volta. Lembreime sen querer, mentras cismaba nisto ao espertar aquela mañá, do conto xaponés do mariñeiro e a serea que me viñera ás mentes ao despedirme en Roissy, á vinda, dos dous galegos que ían traballar ao Mar do Norte. E se aquilo fose unha premonición? Se fose pasarme a min como ao mariñeiro xaponés da fábula ao meu retorno a Galiza?

Na mañá cedo decidín achegarme até o Yasmine en Temara, inda que nada máis fose para ver como se formulaba o informe da comisión de estratexia no plenario do Consello -e cómo pintaba a abordaxe do debate. Trocar impresións con Massiah e máis facerlle algunhas encomendas ao Quim Arrufat, compañeiro na Conseu, poisque el non estaba encadrado nesa comisión pero, en troques, ía participar nos plenarios do Consello até o remate das xornadas. Estaba co Oier e con María Pía, a chilena, simpática e lista coma un allo, incansábel activista e viaxeira de aquí pra acolá como presidenta da AMARC, a Asociación mundial de radios comunitarias, unha rede de comunicación alternativa en continua expansión. A véspera xantaramos xuntos, co Miguel tamén, o chileno da ALOP, e falaramos do Chile de Allende, claro, e do golpe e o masacre, do proceso todo que eles non viviran, porque son moito máis novos ca min, xa non digo Quim e Oier, moito máis novos aínda, e emergullara a relembranza de exiliados que eu acollera daquela en Compostela, ao abeiro da Faculdade de Económicas, do "Tata", Augusto Moreno, agrónomo extraordinario, optimista inquebrantábel, con quen máis logo volvera relacionarme en Montpellier, e anos máis tarde atopariámonos por azar en Porto Alegre, nun dos FSM, e de Raul Iturra, o xenial antropólogo, que pasara un ano a vivir e traballar en Vilatuxe, terras do Deza, cando Mario Orxales estaba no IRYDA, e logo en Cambridge, e finalmente puxera en marcha o departamento de antropoloxía social na universidade de Lisboa, e de Pancho Vío, ubicado na universidade de Sussex, e algúns máis... O drama da diáspora do exilio chileno despois da traxedia do setenta e tres, o único once de setembro que aínda me escoce e me esgaza por dentro na memoria. Maria Pía e Miguel sabían de algúns deles, duns que retornaran a Chile e uns que non; eu perdera xa o contacto con todos nestes últimos anos -desleixo imperdoábel, abofé. Quim e Oier escoitabanme como supoño que escoitaba eu cando novo aos vellos republicanos que relataban episodios anteriores á miña existencia. Inda que Oier tiña vivencias propias de represión sen acudir a relatos do pasado. Pasara un ano na cadea, en espera de xuízo, acusado de colaboración co "terrorismo". Sen fundamento ningún, como acabara por demostrarse, e saíra absolto: mais o ano de cárcere ninguén llo devolvera, nin o indemnizara por telo padecido. Fillo de obreiro transportista, era, de moi noviño, moi bo bailarín en danza tradicional euskaldún, e mesmo gañaba dese xeito a vida e pagábase os estudos. Se cadra por iso o meteran no trullo, vai ti saber, e sei moi ben o que me digo con este sarcasmo. Mais non tiña trauma ningún, asumírao como un accidente, algo frecuente no seu país e que lle caera en sorte a el nesa ocasión. Agora andaba a elaborar a súa tese con Paco Letamendía: falamos un bo anaco deste meu vello amigo, el non sabía que o eramos. Por mor dese seu actual labor de investigación, deille noticia do libro de Lacasta Zabalza, que el non coñecía, e do que Laiovento editara unha versión algo reducida preparada polo proprio autor, A España uniforme, libro crucial moi pouco difundido, no que Lacasta procedía a unha lúcida descodificación semiótica do "pensamento correcto" español postfranquista, revelaba a presenza nil dos vellos atavismos ideolóxicos chovinistas e amostraba as analoxías e ligazóns do discurso político españolizante dos González e demais compañeiros mártires co Ortega proto-fascista e até con certos ideoloxemas de Primo de Rivera -do José Antonio, claro, non do pai. Comenteille a relevancia que tiña, ao meu ver, esa análise pra entendermos cabalmente o proceso ideolóxico subxacente que conducira ao estourido de ouleos da caverna reaccionaria celtíbera actual: eses ideoloxemas estaban tamén no discurso da progresía pesoísta alternante no poder.

Feitas as miñas encomendas no Yasmine, retornei a Rabat. Dispuña dun par de horas antes de partir para o aeroporto, e pedinlle a Nuredin que me levase e fixese de cicerone na Medina, non quería marcharme sen ter posto os pés nela, sequer fose unha breve paseata. Aparcou o auto ao pé do alto valo que cai a chope sobre o paseo á beira do río nese treito do recinto. No cimo, a maioría das casas da Medina empoleiradas nesa estrema tiñan balcóns prominentes pechados da abaixo arriba con celosías de madeira. "Son todas casas de xudeus. O bairro xudeu élle de aí pra dentro nesta parte" -esplicoume o Nuredin mentras gaveabamos por unha rua moi encosta para adentrarnos na Medina. "Os xudeus e nós convivimos sempre sen problema ningún, inda que eles non se mesturaban connosco, xa entende, adoitaban casar entre si. Nós tamén, é certo. Mais, pas de problème, jamais. Agora só se fala de conflitos, é cousa da política, e parece que andásemos sempre a rifar antre uns e outros, iles e nós. Mais, olle, durante séculos e séculos convivimos sen problemas, aquí en Marrocos e en todos os demais países árabes. Os nosos problemas foron sempre cos de fóra, os de onda vostede, xa me entende, os europeus, que tampouco os cristiáns afincados onda nós. Agora fican poucos, xudeus, quero dicir. En todo este tempo, dende hai décadas, moitos fóronse pra Israel. É frecuente que veñan, de visita, mesmo fillos dos que se foran e que inda naceron aquí. E procuran a casa onde naceron, ou onde viviran os pais. Coido que teñen nostalxia, no fondo, ou tal parece. Porque tampouco é vivir, tal como está a cousa, aló, n"est-ce pas?...".

Xa na Medina, adentrámonos no "souk", ou zoco. Unha das rúas levaba ese nome, nun rótulo á entrada."Souk siñifica zapato" -díxome, ou tal lle entendín, se cadra comprendín mal. Zoco, en galego, tamén -pensei pra min. Mais non tentei disipar o posíbel malentendido. Toda a miña atención estaba prendida en observar as tendas, os obradoiros artesáns, entrarmos niles, velos traballaren o coiro, as peles, os metais. Ofrecían venderme cousas, mais sen insistencia, non eran agobiantes, se cadra pola compaña do Nuredin. Só merquei unhas babuchas de pel, onde el me indicou cando llo propuxen, tamén unha chilaba e un pequeno brazal para Aurichu, en prata con fermosísimos debuxos esmaltados en cores moi puras: ourivesaría artesá bérber. Pesáronmo pra determinar o prezo, chamoume a atención, son inexperto en mercados populares árabes ou bérberers. Botei uns paliques cuns e outros, Nuredin por medio tamén. As calellas estaban cubertas por riba dun lado a outro con toldos ou con canizos que filtraban a luz e amparaban do sol e a calor, de xeito que se estaba moi a gosto nelas. Mais o tempo comezaba a escasear e eu quería tomar un bo té marroquino, como despedida. "Vouno levar a un sitio no porto, na outra beira do río, da banda de Salé. Logo de alí ao aeroporto son cousa de dez minutos, pouco máis".

Pasamos a ponte sobre o Buregreg. Case a carón, en paralelo, as obras dunha ponte nova en construción. Xa da outra banda, as instalacións do porto extendíanse ao pé do promontorio, menos enfesto que o da beira esquerda, a de Rabat, no que se asentan os bairros de Salé -ou Shlá, como xa dixen- máis arrimados ao esteiro do río e ao mar aberto. Chegados ao café, por chamalo así, Nuredin ficou moi abraiado de que o instase a sentar cabo de min, nunha mesa dende a que dexergabamos toda a foz do Buregreg, co outeiro da Cashbah de Rabat perfilado na estrema esquerda cara o suloeste, afuciñando no mar coma un xigantesco arroás en trance de mergullar no ouceano. Fixo il a encomenda do té e, desque o camareiro trouxo o servizo, encarregouse el tamén dos preparativos previos a servilo e, a que estivo no seu punto, vertelo nas cunquiñas. Estaba delicioso, co toque de sabor das herbas que a min antollábaseme coma o da nosa néveda, máis ben cá menta, avivecendo cun ponto de frescor o máis acre e amarguexo do chá. E botámonos a falar del e de min, asegún nos cruzabamos preguntas e respostas recíprocas encol da nosas vidas, traballos, arelas e aficións, tal que dous amigos de vello que se reencontran despois de anos de ausencia. Faloume por vez primeira da sua muller, il tiña cincoenta e dous anos e levaban vintesete de casados, nunca endexamáis rifaran. Contoume dun seu avó que vivira cento e moitos anos, e que pasados os cen saíranlle dentes de novo. Non llo dixen, mais pareceume inverosímil. Pero, xa de volta na Galiza, habíame tirar da miña incredulidade un odontólogo amigo de meu a quen llo consultei.

Era un grande conversador, o Nuredin, e moi habelencioso para inquirir de esguello e sen caer na impertinencia, ao xeito de calquera paisano veciño meu de Aguiar ou Brans de Arriba, coma o Roxelio ou os finados Daniel e Apolinar, os "Enxos", meus vellos contertulios de longas parrafadas ao pé da porta so a uveira, que por moita confianza que xa tiveramos mantiñan sempre a cortesía peisana do respecto á intimidade de cadaquén. Admirouno moito que eu fose profesor de universidade -"E eu a falar con vostede así", marmurou inxenuamente nun intre, e fíxome rir. Terciouse contarlle algo dos foros sociais, por mor do que eu viaxara alí, e escoitaba con moita atención, resultáballe obviamente algo tan descoñecido e insólito coma música celestial. Víanse, no peirao, uns mastros coa bandeira marroquina, que é vermella coma o pementón, e vou eu e, sen pensalo, espétolle: "Sabes que, onda nós, o vermello é a cor da revolución?". Sorriu e dixo: "Aquí é a nosa bandeira nacional". "Tamén o era na URSS", pensei, en silencio. "Comprirá partirmos, ou?", dixen. Fixemos o camiño moi calados, até chegarmos ao aeroporto. Deille a miña tarxeta da Fundación: "Podes chamarme ou mandarme un correo cando gostes", e pregunteille cánto lle debía. Rañouse a cachola, custáballe dicirme unha contía, xa non era un simples cliente do seu taxi, víase ben. Boteille unha man: "Hoxe prestácheme moitos servizos, a máis do taxi, e fixéchesme moi boa compañía, coma un camarada". Cando viu os cartos que lle eu daba, acendéronselle os ollos de contento, sorriu e deume a man: "Hoxe xa non traballo máis. Voume pra casa onda miña muller". Era evidente que estabamos na periferia do sistema: traballar para vivir, non vivir pra traballar. Aceneille co meu brazo, e o meu puño, dende a entrada da terminal de viaxeiros do aeroporto de Salé. Seguramente máis nunca o volvería ver. Coma o mariñeiro do conto xaponés.

FORO SOCIAL MUNDIAL: CONSELLO INTERNACIONAL EN RABAT (todos os artigos da serie)


Xosé Manuel Beiras
Sobre o autor ou autora:

Político galego, economista e presidente da Fundación Galiza Sempre.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >