| Minería: a nova colonización no Perú? |
| Avelino Zamora Lingán | |
| Venres, 08 de Setembro do 2006 | |
|
[Tirado de Argenpress. Traducido por altermundo.org] Cada vez máis na imaxinación popular existe unha forte tendencia a asociar o "Boom" mineiro co acontecido en tempos da conquista española, por mor dos enormes impactos negativos sobre o medio ambiente, os recursos naturais e no aspecto sociocultural, xerados en todo o territorio nacional e, particularmente, na rexión Caxamarca. Nas liñas seguintes sustentamos algunhas das razóns. Eduardo Galeano, autor do prestixioso libro As Venas Abertas de América Latina, describe a actitude dos conquistadores españois así: "Os españois impuxeron a relixión e cultura occidental, ou mellor dito a cultura europea, cometendo os máis brutais crimes. Por exemplo: no seu afán de converter ao cristianismo, agasallaban aos campesiños santos e imaxes de cristo e de virxes. Pero, os campesiños, por ter unha cultura agro-céntrica, soterraban os agasallos na terra, para que esta dera mellores froitos. Con todo, os conquistadores, incapaces de comprender a lóxica cultural andina, crían que os campesiños tiraban os santos e por iso, os condenaban a ser queimados vivos, acusados de cometer sacrilexio e herexía". Respecto de como os conquistadores saquearon o ouro, o mesmo Galeano sostén: "Como uns porcos famentos ansían o ouro americano e isto porque as súas actividades e actitudes cos indios por sometelos, para levar o ouro foi tan brutal e irracional que os historiadores oficiais, políticos, o clero e os grupos dominantes da América actual avergóñanse ao lembralo". Daquela, como agora, o ouro e a prata eran tan abundantes que Galeano di o seguinte: "Antes de que Francisco Pizarro degolara ao inca Atahualpa, arrincoulle un rescate en andas de ouro e prata, que pesaban máis de vinte mil marcos de prata fina, un millón e trescentos vinte mil escudos de ouro finísimo. Logo lanzouse sobre Cusco. Os seus soldados crían que estaban entrando á cidade dos césares romanos. Tan deslumbrante era o imperio incaico, pero non demoraron en saír do estupor e puxéronse a saquear o templo do sol: forcexando, loitando entre eles (coma bandidos de filmes do vello Oeste), cada quen procurando levarse do tesouro a parte do león, os soldados con armadura de malla pisoteaban xoias e imaxes, batían nos utensilios de ouro ou lles daban martillazos para reducilo a un formato doado de manexar e transportar… Arroxaban ao fundidor para converter ao metal en barras, todo o tesouro do templo: as placas que cubriran os muros, as asombrosas árbores forradas de ouro, paxaros e outros obxectos de xardín". Hogano, logo de 450 anos, de novo estanse reeditando accións bastante semellantes ás da conquista española, porque se está a trastocar sistematicamente, con certas variantes modernas, non só as fontes de vida da poboación, especialmente dos campesiños, como o desposúo das súas terras, a destrución e contaminación das súas fontes de auga, a contaminación do ambiente e violando os máis elementais dereitos, como os de vivir en paz e ter un ambiente saudábel, entre outros, senón que se está a vulnerar a cultura andina e a identidade, é dicir, a esencia mesma do poboador peruano. Xa que logo, quen non recoñeza que isto é así e que a dinámica social conflitiva que se está vivindo nestes últimos tempos ten como eixe principal a actividade mineira, é porque quere, como se di normalmente "tapar o sol cun dedo", vendar os ollos cos dólares ou simplemente porque asumen o rol de "felipiños". Á mantenta, quen foron os "felipiños"? Foron os aliados dos conquistadores e cumpriron a función de tradutores e colaboracionistas, poñéndose en contra dos seus compatriotas e da súa propia etnia. Dise que sen estes personaxes, os invasores españois se cadra non someterían tan doadamente ao pobo inca. Actualmente, as compañías mineiras non desposuirían coercitivamente das súas terras, nin depredarían indiscriminadamente os recursos naturais, nin contaminarían e esnaquizarían os colchóns acuíferos, tampouco destruirían os cerros, se é que non houbese persoas que asumen, a cambio duns cantos soles ou dólares, o rol de "felipiños" modernos. Sen dúbida algunha, para a percepción popular esta función cúmprena moi ben os gobernantes de quenda, autoridades nacionais e locais, e certos poboadores que saen en marchas de protesta a favor dos "novos conquistadores" modernos, tal e como se observou os días do recente conflito entre comuneiros de Combaio e Mineira Yanacocha. Do mesmo xeito, este proceso de "nova conquista ou colonización", con disfraces cor ouro, non sería posíbel se non existiran os instrumentos xurídicos e tributarios que o amparan. Como se sabe tales instrumentos están ben establecidos na constitución de 1993, na lei de minería, nos contratos de estabilidade tributaria, etc. cos que se lles outorga legalidade ao saqueo, pero non legitimidade nin moito menos licenza social. Vexamos como están establecidos os contratos mineros: A Constitución neoliberal de Fujimori, permite ás empresas estranxeiras o seguinte: repatriar o total do seu capital e utilidades, é dicir, sacar o seu capital ao país de orixe sen ningunha restrición; os inversionistas estranxeiros gozan de tratamento especial, contemplada no texto simple da lei xeral de minería; o acceso ás concesións mineras é rápido, o título da concesión minera é irrevocábel e perpetuo, as concesións están libres de impostos, a lexislación recoñece todo tipo de asociación e non existe ningunha limitación á comercialización de produtos mineiros. Adicionalmente, as transnacionais e o Estado peruano poden entrar en contratos que teñen forza de lei (Llaw contracts), para así garantirlles seguridade e garantía. Outras prebendas legais outorgadas ás transnacionais son: réxime de estabilidade tributaria, é dicir, non se lles pode crear ningún imposto fóra do que xa se acordou ao momento da firma do contrato; estabilidade no réxime de tipo de cambio, o que les permitíu utilizar a taxa máis favorábel; libre movemento de remesas de capital, utilidades, dividendos, non é obriga das transnacionais mineiras realizar depósitos no noso país; o dereito a non discriminación en relación co trato do capital nacional, é dicir, calquera vantaxe que houbera para o produto nacional, aplícase tamén ao capital estranxeiro. Un feito, necesario de resaltar é que existe unha lei de terras, a N° 26505, que no seu artigo 7 sinala que calquera empresa mineira que desexe operar nalgunha área, primeiro ten que solicitar permiso ao propietario ou en todo caso entrar en negociación con el, para recoñecer o xustiprezo ou prezo xusto da súa terra; pero as transnacionais tratan de "corrixir" devandito artigo, impoñendo criterios que indiquen a non obriga de entrar en tal negociación nin menos pedir permiso aos propietarios das terras afectadas pola minería. O que piden é que se lles deixe intervir sen ningún permiso nin negociación. Como se pode ver: o marco legal tributario e xurídico, é máis que beneficioso para as transnacionais mineiras, e non hai dúbida que devandito marco legal e contratos para o resto de transnacionais como telefónica, Luz do Sur, Edelnor, gas de camisea, aerolíneas, portos, aeroportos, etc., etc., sexan tan igual ou máis de entreguistas, como no caso da minería. Estou certo que nin os propios estranxeiros poderán entender o excesivo espírito entreguista dos gobernantes peruanos. Porque tanta benevolencia coas transnacionais, sacrificando soberanía, dignidade, equidade, etc.? A condición de país subdesenvolvido amerita accións entreguistas como estas? Porque non se lle trata igual aos poucos empresarios nacionais? E sobre todo aos micro, pequenos e medianos empresarios, que son os que dan traballo ao 80 % da poboación? Tanta benevolencia cos estranxeiros orixinou que no noso país proliferen inversionistas de diversas nacionalidades. Posto, que se di que "o capital non ten fronteiras", pero tampouco ten conciencia; por iso, é que moitos inversionistas chegan coa idea de só amorear e amorear capital e explotar aos peruanos, baseados no criterio do "cholo barato" que non é quen de esixir ningún beneficio social, estabilidade laboral nin moito menos respecto aos seus recursos naturais. É tal a indulxencia que para moitos inversionistas estranxeiros é moito máis barato vir poñer unha empresa no noso país que poñelo no seu, ou explotar os nosos recursos antes que explotar os deles. É tal la indulxencia que por exemplo: segundo o mapa de denuncios mineiros, a área a cubrirse con devanditos denuncios estimouse en 44.5 millóns de hectáreas, con aproximadamente unhas 30,000 concesións, abranguendo a 22 rexións do noso país. Un indicador importante é que só a Newmont, Mining Corporation (Yanacocha), considerada unha das máis grandes transnacionais mineiras en América Latina e no Perú, en asociación coa mineira Buenaventura e a IFC do Banco Mundial, ten previsto operar nunha área de 900,000 hectáreas, a nivel nacional, concretamente en Piura, Huancavelica, Aiacucho, Ancash e Caxamarca. Nesta última estímase que ten proxectado operar en máis de 180,000 hectáreas. Actualmente dise que está operando en 30,000 hás. E doutra banda, os chilenos, quen xa inundaron o noso país de investimentos, a través de cadeas de supermercados, agora co famoso ACE que é igual ao TLC, van vir a mercar as nosas terras, para sementar froitas, espárragos, etc, non para os peruanos senón para exportar a outras nacións. Ogallá que tales compras de terras non sexan en realidade despoxos, é dicir, obrigados, tal como se estila no caso das transnacionais mineiras. E o desenvolvemento? Respecto diso, os indicadores son reveladores: o 25 % da poboación en extrema pobreza, 18 % de analfabetismo, hospitais e farmacias carentes de medicamentos, altas taxas de mortalidade infantil, 57 anos de esperanza de vida ao nacer, destrución e contaminación de fontes acuíferas: lagoas, ríos, crebadas, canles, altas taxas de migración campo-cidade, abandono da agricultura e a ganadería, corrupción xeralizada en todos os eidos sociais, perda de valores: solidariedade, honestidade, honradez, moral, etc. E, cando o pobo fai sentir a súa protesta por esta problematica o máis doado, para os "felipiños" modernos, é optar pola represión: bala, pau ou bomba lacrimóxena e acusacións e persecucións a líderes, dirixentes, estudantes, cregos e xornalistas honestos e políticos de esquerda. Por todo isto, penso que é lexítimo soster que os peruanos estamos inmersos nunha nova colonización. Só que esta vez é máis moderna, máis sofisticada e non só é por españois senón por un sen número de nacionalidades. Se isto é así, a alternativa do futuro probabelmente sexa abogar por unha nova independencia que devolva os recursos naturais: a terra, a auga, os minerais, aos seus lexítimos donos que somos os peruanos; pero, o máis importante que nos devolva a soberanía e dignidade. E entón entonaremos con orgullo: "somos libres, sexámolo por sempre".• *Avelino Zamora Lingán é sociólogo. |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Libros