| VI. París, Rue D"Alembert |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Domingo, 21 de Xuño do 2009 | |
|
Quero dicir, non só a traxectoria da miña viaxe, cousa natural, senon tamén o resto: as vivencias, o estado anímico, o itinerario mental -e o proceso colectivo no que ía reinserirme á volta. Iste en particular. Todo ao revés, todo cara atrás, como un filme xa visto que se proxectase a contrafío, coma o son dunha música enlatada nun disco cando pulsas o retroceso en percura dunha pasaxe xa escoitada sen anulares o volume no interin. Ou sexa, desconcertante e, de sutaque, indescifrábel. Retornar ao pasado como se o tempo fose reversíbel, que anímicamente o é, mentras o tempo físico vivido prosegue impávido o seu curso inexorábel enxendrando aconteceres que interfiren e colisionan cos que estás a vivenciar. "Estou a facer o camiño inverso de Adrián Solovio" -pensei, non sei por que. Locía o sol desta vez sobre os campos da Île de France que, xa perto de Roissy, cando o avión reducía a altitude, semellaban un enorme cobertor de retrincos irregulares tracexados a cordel, en córes puras planas moi intensas, verde escuro e amarelo de cadmio alternantes, salferidos de matos boscosos eiquí e acolá. Nestas, voándomos xa baixiño e moi a modo, ou tal me pareceu, atravesamos Paris sobre o eixo do Sena no tramo central. Deume o corazón un chouto e botouse a reloucar. Coido que nunca antes o sobrevoara dese xeito. Podía identificar edificios e ruas como se estivese a ollar un plano monumental da cidade. Mesmo dei localizado, na "rive gauche", o cruzamento de Saint Germain con Raspail e a rue du Bac, de onde parte a brevísima rue D"Alembert cara o Sena, a poucos pasos do Quai Voltaire. Antollóuseme, cando menos, que o localizara, tan familiar me resulta ese recanto estremeiro do "quartier latin", tantas e tantas veces levo tripado o seu chan enlousado con "pavés" cando inda non o soterrara o asfalto. Rue D"Alembert, casa da Tachia Quintana. Premeume no peito a nostalxia, unha nostalxia imensa, con toda a saudade dun dos meus paraísos perdidos para sempre. Casa da Tachia e Rossof, o noso fogar en Paris, noso de Aurichu e máis eu, primeiro na avenida do Observatoire, nos anos felices e libérrimos do meu re-nacemento á vida, máis logo en D"Alembert, desque alí se mudaran. D"Alembert, a epopeia da Enciclopedia con Diderot, a famosa "Conversa" antre os dous, o discurso precursor e premonitorio no que Diderot se adianta en case un século ao evolucionismo, o texto a piques de ser destruido que só vería a luz decenios despois da sua morte, a fascinante conversa que eu relera non sei que dia do pasado inverno, ler, esquecer, reler, relembrar, volver esquecer, como me pasa sempre ou case sempre, maldito andacio meu da desmemoria, e din que a teño boa, a memoria, xa quixera eu, só pra algunhas cousas, só nalgúns casos, só fragmentaria, anacos soltos, coma dun xerro esnaquizado, como fotogramas dun filme derramado, como aquela frase do D"Alembert nesa conversa, qume ven ás mentes mentras cismo en todo iso no avión que sobrevoa baixiño e moi a modo Paris, cando Diderot lle propón saltar miles de anos adiante no tempo pra imaxinar o que acontece no planeta ao extinguirse o sol, e vai D"Alembert e di aquilo de que o tempo non conta prá natureza, só o movemento, e isto xa non estou certo de que o dixese il ou que sexa unha engádega miña tirada de calquer outra fonte, porque peculiar miña non é, seguro. O tempo, diabólica invención humán. O tempo que agora está a decorrer á inversa no meu maxín mentras o reloxo segue avante e o avión se aproxima a Roissy, aeroporto CDG, Charles De Gaulle pra máis señas. Esa noite terei que durmir nun hotel próximo ao aeroporto, pra coller logo na mañán cedo o vóo de volta a Galiza. A angueira que alí me espera dáme repeluxe, presa como son de maus agoiros, presentimentos pesimistas que, infelizmente, han resultar fundados. Así que, á vista inesperada de Paris dende o ár, prendido no encantamento das lembranzas e vivencias felices que me suscita, asáltame o degaro do retorno atrás no tempo, e o desexo incoercíbel de tornar as augas do río que me leva na inútel peripecia actual da miña vida, rachar o plan de viaxe establecido, irme á casa da Tachia, avisar a Aurichu para que se veña onda min , e ficarmos en Paris o tempo que queiramos. Qué marabilla!. Aquela morada sorridente coma os donos, empoleirada nun sexto andar, os teitos, chemineas e bufardas de Paris dexergados a traveso das fiestras, como un lenzo da "belle époque", cadros e libros por todas partes, o harmonioso desorde entrañábel que tanto estimo dos espazos e os obxetos posuídos pra vivilos e non para exibilos, que deseñan as pegadas do acontecer cotián e acobillan o labirinto máis íntimo da existencia. Aquela casa de portas sempre abertas a unha difusa e polimorfa tribo de amigos e camaradas esparexidos polo mundo, nómadas ou sedentarios, transeuntes ou moradores da cidade, artistas, escritores, científicos, músicos, profesores, operarios, artesáns, fabricantes de soños, exiliados, loitadores en misións imposíbeis, inmigrados. Desfilan polo meu maxín as imaxes e os nomes dalgúns diles, o son das suas voces tamén. Bata Mijailovich, o grande pintor serbio, afincado en Paris dende anos atrás, e a Lubynka, a sua compañeira, delicadísima pintora ela tamén. Paco Ibáñez, toda unha xeira de cancións de combate antifascista, "A galopar, a galopar...", vasco coma Tachia. O portugués Luis Cilia, exiliado de moi noviño, musicador de poetas encarcerados en Peniche polo salazarismo, "Ha só mar no meu país...", e aquela terríbel cantiga contra a guerra de Angola, "Rola sanguenta unha bola...", e máis aquela outra que cantabamos todos transpóndomoslla ao franquismo, "É sempre a mesma melodía..." O galego Ramón Chao, que eu coñecera hai meio século -qué horror!- como pianista estudante de virtuosismo con Magda Tagliaferro, antes de se convirtir no grande xornalista e o novelista que inda é, e Felisa, a sua muller, vasca tamén, filla de exiliados cando a guerra, científica excelente, e o seu fillo Manu, que coñeceramos inda un cativo daquela. Krasno, o escultor uruguaio, prematuramente desaparecido. Gamarra, uruguaio tamén, fantástico pintor hiperrealista que botaba meses en cada lenzo que pintaba, e que máis logo descubrin ser amigo de Galeano e ilustrador das capas dalgúns seus libros, arañeira das relacións inesperadas coas que vas topando no labirinto da existencia. E Gabriel, claro, o "Gabo", García Márquez, Tachia e máis il coñecéranse e amáranse cando, recén inmigrada ela en Paris, compartía nunha bufarda unha "chambre de bonne" con Violeta Parra, e o Gabo era aínda un descoñecido xornalista que sobrevivía na precariedade escribindo relatos que inda ninguén lle publicaba. Anos despois, Tachia coñecera e casara con Charles Rossof, ruso-francés nado en Marseille, poisque o seu pai, amigo de Lenin, fuxira da Rusia zarista após a fracasada revolución do 1905, aquela á que Shostakovich consagrou unha das suas máis impresionantes sinfonías, especialmente o tempo lento que describe cando os campesinos se congregan na grande praza perante o Pazo de Inverno de Leningrado, inda daquela San Petersburgo, como agora outra vez, reviravoltas cara atrás na historia, para pedírenlle pan ao "padrecito zar", e o zar dálles chumbo de ametralladora da sua garda imperial, e logo o pai de Rossof voltara a Rusia cando da revolución bolchevique, e volvérase expatriar despois da morte de Lenin. E Rossof fixérase comunista dende a adolescencia, e estudara enxeñeiría no canto de filosofía porque comprían científicos e técnicos capaces de transformaren materialmente o mundo para acadar o benestar de toda a humanidade, tal pensaba aquela mocedade revolucionaria do período de entre-guerras, e fora amigo dos dirixentes do partido comunista alemán, antes da deriva estalinista, e andivera a traballar por todo o mundo facendo estudos de tectónica pra prospeccións petrolíferas, e seguira a ser comunista toda a vida, mesmo despois de darse de baixa do PC francés, e unha sua irmá estivera na Resistencia, e sobrevivira ao campo de concentración de Mathausen, era ise, non si, e fora recibida como tantas e tantos outros supervivintes á barbarie, trala derrota nazi, no famoso hotel Lutêce, o mesmo que durante a ocupación fora cuartel xeral da Gestapo, fixérano así a mantenta os artífices da Liberación como simbólico desagravio á vítimas francesas do nazismo. Pásanme velozmente pola cabeza tantas lembranzas de conversas, de "entretiens" en D"Alembert, que non con D"Alembert neste caso, mais si con seres humáns extraordinarios e amig@s entrañábeis, algúns xa desaparecidos, que nen sequer me decato de que o avión aterrou xa en Roissy, CDC. Cando entro na terminal, sigo aínda envolto na néboa da miña ensoñación. Mais non collo o autobús pra Paris en procura de abeiro na casa da Tachia en D"Alembert. Obedientemente, disciplinadamente, cumplo o plan previsto, voume ao hotel previsto, durmo o tempo previsto, madrugo á hora prevista, collo o previsto vóo de regreso a Vigo na terminal G do aeroporto, a mesma á que chegara á ida, aquela co grande rótulo no que se lé "Régionales", con destino de retorno a esta rexión europea da Unión Francesa, digo, a esta rexión francesa da Unión Europea que, para Air France, e non só pra ela, é o país iñorado, o povo esmagado e a nación negada que algúns aínda chamamos Galiza -o "Meu país" de Casado Nieto e Miro Casabella, o que "é verde e neboento e saudoso e antergo....", mais inda non é de seu. FORO SOCIAL MUNDIAL: CONSELLO INTERNACIONAL EN RABAT (todos os artigos da serie) | |
Ver todos os artigos deste autor ou desta autora |
|
| Seg. > |
|---|


