And the winner is: Pescanova
Gustavo Duch Guillot   
Martes, 23 de Xuño do 2009

Gustavo Duch-. Moitos son os premios que se outorgan hoxe en día, pero, que eu coñeza, non existe ningún especializado en laurear ás empresas e corporacións que mellor saben sacar rendemento aos principios neoliberais que rexen no mundo…

Desde estas liñas quixere propor aos directores de The Economist ou The Financial Times o recoñecemento á traxectoria empresarial da firma española Pescanova. Moitos son os premios que se outorgan hoxe en día, pero, que eu coñeza, non existe ningún especializado en laurear ás empresas e corporacións que mellor saben sacar rendemento aos principios neoliberais que rexen no mundo, a saber: maximizar por riba de todo os beneficios, competir sen límites nin protección, universalización do intercambio comercial e liquidación das culturas autóctonas. Pescanova, con todas as dificultades que supón abrirse camiño desde unha economía fóra do G8, é dicir, fóra da liga dos galácticos, empregou as mellores tácticas para merecerse o premio en cuestión e porse á altura de cracks como Nestlé, Monsanto ou Exxon, nun sector tan pouco punteiro como é a pesca. Dobre mérito.

Destaca a súa capacidade para obter acceso a axudas públicas que financian –en ocasións preto do 100 por cento– os seus investimentos en Chile, Portugal ou Namibia, esgrimindo argumentos de favorecer o desenvolvemento das zonas onde implanta novas piscifactorías ou explota novos caladoiros. Con estas axudas, ademais de reducir custos propios, fáiselle doado deslocalizar moitas das súas plantas a países onde as condicións laborais e ambientais son moi fráxiles, asegurando así cumprir co precepto número un: maximizar os seus beneficios.

En setembro de 2006 Pescanova absorbeu ao grupo francés Seabel SAS, propietario da firma Krustanord, líder no mercado galo de lagostinos. Neste último ano Pescanova comprou unha das empresas de maior produción de lagostinos de cultivo en Mozambique, e en xuño fixo o mesmo coa máis importante empresa estadounidense deste crustáceo, pasando a ser a propietaria das súas plantas en países como o de vostedes, señores lectores, México, e tamén en Guatemala, Honduras e Nicaragua, entre outros. En breve todo este esforzo de Pescanova alcanzará o seu obxectivo ou precepto número dous: competir sen límites. Pescanova será sen dúbida o rei do lagostino nun exquisito exercicio de concentración empresarial.

O terceiro fito a recoñecer é a súa enorme facilidade para xerar intercambios comerciais con brillantes beneficios económicos para os seus accionistas. Só falando de pescadas, e que ninguén se ofenda, Pescanova, mediante unha empresa mixta que ten capital local, captura case todas as pescadas que se pescan en Namibia, e sen descoidarse ningunha, todas viaxan cara a Europa e Estados Unidos. Sen abordar os efectos ecolóxicos e sociais que o libre mercado provoca, e que os canons neoliberais prohiben contabilizar, esta trasfega de pescadas é un dos responsábeis da crise dos pescadores da especie en Galiza, España, precisamente onde se atopa a sede central de Pescanova, que os está obrigando a desprenderse do produto que pescan este verán. As pescadas atlánticas (as propias de Galiza) pican, pero os prezos caeron en picado.

Historias similares acontecen no sur de Chile, onde Pescanova pode facer gala de transformar a paisaxe e a cultura desas rexións. A pesca artesanal de pescadas e a recollida de moluscos ten que deixar paso á impoñente presenza da industria do salmón de cultivo para a exportación. É dicir, construíronse entre os fiordos balsas-gaiola para a cría e engorda de salmón, poténciase a presenza da pesca de arrastre en alta mar para subtraer o maior número posible de peixes tipo anchoas e sardiñas, que procesados en industrias fariñeiras dispersas pola costa alimentarán aos salmóns, para finalmente ser procesados en frías fábricas por mulleres en precarias condicións laborais.

Un premio destas características debería ser entregado por Johnny Depp, interpretando ao lendario Jack Sparrow de Piratas do Caribe. Eu sería o primeiro en felicitar a Pescanova, e proporía outros candidatos para futuros galardóns. Todos eles, os novos amos do mundo, que usurparon a soberanía dos pobos para decidir as súas fontes de alimentación, agredindo sen piedade aos bens naturais e comúns. Á abordaxe.


Gustavo Duch Guillot
Sobre o autor ou autora:
Coordinador da revista ‘Soberanía Alimentaria, Biodiversidad y Culturas’. Autor de ‘Lo que hay que tragar’.
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >