| Que foi do sistema agrario e o mundo labrego? |
| Xosé Manuel Beiras | |
| Luns, 29 de Xuño do 2009 | |
|
[Galicia Hoxe] Vai para dous anos e meio que publiquei o artigo que reedito hoxe. Dende aquela, a situación dos labregos superviventes ao proceso de auténtico exterminio que levan decenios a padecer, nomeadamente as explotacións gandeiras produtoras de leite, non fixo máis que empeorar, até unha situación de tal gravidade que as pon en trance de extinción. Hai vinte e cinco anos, ou sexa, nada menos que un cuarto de século, cando o Estado español decidiu integrarse na daquela Comunidade Económica Europea (CEE), despois Unión Europea (UE), os nacionalistas denunciamos rotundamente as pésimas condicións que aquel acordo de integración establecía para o futuro do mundo labrego galego, cando Galiza era a primeira potencia da península en gandería de vacún produtora de leite: o acordo ía esganar a expansión do sector lácteo galego no mercado interno español, daquela en expansión, e abrirlle as portas aos excedentes lácteos europeos. Berrabamos daquela: "Mercado Común Europeo, ruína do pobo galego". Chamóusenos "catastrofistas" por anunciarmos unha catástrofe se os poderes políticos non defendían os intereses dos cidadáns galegos labregos. A catástrofe está a consumarse, por culpa duns poderes polìticos vendidos aos intereses dos grandes poderes europeos no canto de defenderen aos seus cidadáns. Por iso volvo publicalo, como berro de denuncia, por dignidade e solidariedade, inda que o poder teña ouvidos e corazón de pau e non faga caso. A historia é vella: tampouco llo fixeran a Gallástegui hai xa tres cuartos de século. Un poder así só merece a revolta dos cidadáns. O aguniante contrapunto diacrónico, ese rondó macabro dos problemas recorrentemente non resoltos no transcurso histórico da humanidade, muda cada pouco de escenario e aduvío, fai mutis nun e reaparece noutro con roupaxes diferentes, que non alteran, só disfrazan, os mesmos problemas, diríase que sempiternos. * * * * * 1933. Leo a Gallástegui en entrevistas feitas por Xoan Carballeira e publicadas en El Pueblo Gallego. Pouco despois, Xoán Carballeira sería alcalde nacionalista en Bueu, orgaizaría aló unha heroica e efémera resistencia republicana á sublevación fascista do trinta e seis, sería paseado en Pontevedra aos poucos meses, na primavera do trinta e sete. El Pueblo Gallego, o histórico xornal de Portela Valladares, tribuna aberta á palabra dos inteleituais e cadros políticos nacionalistas do entón, frecuentado polos deseños de Castelao da serie Cousas da vida -aínda lembro eu, xa adolescente, ter escoitado a mulleres do Berbés diciren "sonche cousas da vida por Castelao" ese vivacísimo xornal, digo, sería incautado logo polos fascistas, integrado na Prensa del Movimiento ao servizo da antítese da información, e finalmente desaparecería na transición postfranquista: disolta a cadea de xornais do movimiento inmobilista, e vendidas no seu caso as suas cabeceiras -vendidas, non devoltas á propiedade orixinaria que sufrira o espolio- ninguén se interesou en resucitar o xornalismo progresista tinxido de populismo que praticara o Pueblo Gallego até a chegada de Atila a Galiza. * * * * * Mais volvo a Gallástegui. Don Cruz -sempre ouvín referirse a el deste xeito, se cadra polo insólito dese nome nun varón, se cadra porque o escoitaba sempre en boca de achegados seus. Como meus pais. Mantense a sua imaxe moi viva na miña memoria infantil, tamén a da súa muller. Facían unha parella contrastante, home acougado el, cun lene sorriso na faciana donda, elegante e atildado sempre, co seu pulcro chapeu e a súa paxariña no colo; muller extrovertida ela, divertida e falangueira, marcada coxeira no andar, rostro enfeitado de xeito inusual daquela. Topabámonos con frecuencia camiño de ida ou de volta da rúa do Vilar á Porta da Pena, da nosa casa á da avoa Carme. Don Cruz seica adoitaba residir na Misión Biolóxica, que dirixía dende a súa instalación no Pazo de Salcedo, aforas de Pontevedra. Mais tiña piso en Compostela, na rúa da Troia, e alí parábase meu pai a parolar con el. Andando os anos, xa eu rapaz medrado e logo adolescente, subía ás veces ao seu piso, a perguntarlle polos seus amigos da xeración Nós e do Partido Galeguista, incitado por relatos do meu pai nos que adoito aparecía don Cruz -e maais tamén don Juan Rof Codina, o sabio veterinario, lenda inda viva nas terras luguesas, pai de Rof Carballo, o médico ensaísta autor de "Mito e realidade da terra nai". Despois xa con máis frecuencia, cando estudante universitario, a medida que ía topando e encarándome cos enigmas do atraso agrario nun país tan vizoso e ricaz coma o meu. A don Cruz débolle, xa dende aquela, as primeiras explicacións diáfanas e lúcidas, reveladoras das claves, ao cabo tan sinxelas, daqueles enigmas. El espertou a miña curiosidade polo modelo danés de cooperativismo agrario, no que máis tarde habería esculcar eu durante a miña primeira estadía en París, logo de descubrir a Bibliothèque Sainte-Geneviève, unha biblioteca danesa especializada, auténtico tesouro agochado perto da Sorbona, tal coma unha mámoa non espoliada na que eu demoraría días enteiros a explorala e furgar nos seus insólitos libros. * * * * * Mais dixéravos ao comezo que lía a Gallástegui, 1933, que estaba a lelo en entrevistas feitas por Xoan Carballeira -e logo perdín o fío, encerellado no sarillo de lembranzas que seguramente nada vos importan, digo eu. Quero dicir: se eu fose vós, dificilmente me interesarían; é natural: vós non estades no meu ronsel vivencial da historia dos problemas recorrentemente non resoltos, nin dos homes que tiñan as claves pra resolvelos mais non os deixaron facelo, ou mellor dito, que tiñan as claves para as xentes resolvérenos mais non llelo permitiron os poderes que teimudamente andan a atrancar a historia a cada paso. Arestora mesmo. Gallástegui, que polo entón asesora a Bóveda e Castelao, ten unha concepción integral do sistema agrario, precursora ou até premonitoria da que decenios máis tarde, cos enfoques estruturais da economía, vai desembocar no deseño e conceptualización do denominado "complexo agrario" que eu manexaría no ISEA parisiense nos anos sesenta. Defende a estrutura polivalente das explotacións labregas, con diversificación interna, integración vertical agrícola-gandeira, e máis o rol do monte, tanto complementario coma forestal de seu. Só que a racionaliza, privilexia determinados cultivos claves para a articulación interna e susceptíbeis de altos rendementos -como o millo híbrido e os forraxes leguminosas- e fai pivotar o conxunto sobre a produción gandeira como centro de gravidade e eixe do desenvolvemento do sistema. Sobre esa matriz, proxecta o deseño dun moderno e diverso complexo agroindustrial. Resulta abraiante lélo arestora na literalidade das suas proprias palabras de entón -e agora son respostas a Carballeira para El Sol: "Apuntamos -di- como posíbeis magníficas industrias a láctea, curtidos, matadoiros, tecidos, conservas de froitas e legumes; a imprescindíbel repoboación forestal dará orixe a vernices derivados das resinas, papel, seda artificial, etc.". E engade: "Porque campo e industria poden -e deben- constituír un réxime de cooperativismo tan trabado que aos nosos herdeiros tanto lles supoña ir ao campo coma á fábrica". Mais é consciente de que, para iso todo, cómpre mudar o marco institucional, cunha lexislación agraria peculiar, e non importada por mimetismo, senón xenuína. Dío resoltamente ilusionado: "Temos que facer eiquí unha cousa orixinal. Dende logo compre estruturar doutro xeito o actual rexime da terra. E se toda Galiza se pon en pé, coido eu, teño unha grande fé, que daquela podemos facer deste país algo magníficamente exemplar". ¿Galiza como ensoñación? ¿Só ensoñación? Non tal: Galiza, nefeito, púxose daquela en pé. A Galiza labrega, que non había nin dez anos que comezara a redimirse dos foros cos cartos dos seus míseros petos e os aforros dos emigrados, púxose en pé, disposta a alancar adiante na súa propria historia. En pé -como bradaran Cabanillas e Basilio- a Galiza labrega apostou por autogobernarse e votou frontepopularmente en maioría -si, mesmo ela, a malchamada "profunda", a alcuñada de submisa para sempre. Púxose en pé. Só que Atila debruzouna outravolta, afundiulle a cabeza na lama ensanguentada das congostras por outro medio século máis. Disque en nome da "revolución pendiente" en España. * * * * * Pero, agora que acordo e me decato, estamos no dous mil sete. E pregunto, como no drama ben coñecido: "¿Hai alguén aí?". ¿Alguén que se lembre? ¿Alguén que o saiba? ¿Hai alguén que me conteste? No adro dese deserto verde e pardo, agardo, á espreita, por unha voz que me responda. Silencio. Só me chega de volta, co eco, a voz de don Cruz. Semella vir de aí perto, de dentro de min. Tampouco a il ninguén lle respostara. | |
Ver todos os artigos deste autor ou desta autora |
|
| < Ant. | Seg. > |
|---|
























Un factor que non debe subestimarse, é a resistencia popular á globalización. As batallas de Seattle, Xénova... foron encrucilladas claves da loita mundial de toda unha década que fixo retroceder ao neoliberalismo.
Gustavo Duch-. O Goberno de Mozambique cambalea segundo os ditames do Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional, e nestes momentos de crise alimentaria, segundo eles, requírese da implantación da Revolución Verde en África.