Reporteiros Galegos Socidarios
Golpe en Honduras
Europa sen esquerda, pero non de dereitas
Manoel Santos   
Luns, 29 de Xuño do 2009

 Manoel Santos-. O profesor Vicenç Navarro, catedrático de Ciencias Políticas na Pompeu Fabra de Barcelona, ten o convencemento de que Europa, entendida esta como os cidadáns e cidadás da UE, é maioritariamente afín aos pensamentos de esquerdas.
Vaia, que non concorda coa morea de análises que falan dunha "Europa á dereita" logo de ver como os partidos conservadores, liberais e da ultradereita, arrasaban nas eleccións ao hemiciclo de Estrasburgo. "Non é Europa, senón o Parlamento Europeo o que se está movendo á dereita. En realidade, a maioría da poboación europea estase movendo á esquerda?", escribe o profesor (www.vnavarro.org). O caso é que non vota a ninguén.

A súa afirmación vén corroborada polas últimas enquisas de valores da poboación de países membros da UE, que entre outras cousas din o seguinte: o 72% cren que as desigualdades sociais son demasiado altas no seu país; o 64% que as maiores rendas non están contribuíndo ao erario público na medida que deberían facelo; o 68% que os estados deben tomar medidas redistributivas para corrixir as desigualdades sociais; e o 76% que os estados deben expandir os dereitos laborais e sociais.

Nin que dicir ten que eses convencementos son, xa non só socialdemócratas, senón marcadamente socialistas. Vaia, que se ben a Unión Europea vai cara á dereita, a poboación que a ampara, que é maioritariamente de clase traballadora, e non de clase media nin alta, vai cara á esquerda.

Velaí unha das razóns do afastamento entre o poder e a cidadanía e, xa que logo, da histórica abstención deste xuño nos comicios da superpotencia económica, que non social.

A outra razón estriba en que, e niso concordo novamente co profesor Navarro, a socialdemocracia abandonou hai tempo os seus grandes principios fundacionais, polo que ningunha corrente política con posibilidades cuantitativas de gobernar na UE responde xa ás necesidades dos pobos.

Os anteditos principios falaban da universalización dos dereitos sociais e laborais (estado do benestar), da distribución da riqueza (fiscalidade progresiva), do control estatal, etc. De feito, e nisto a Terceira Vía británica fixo estragos, a socialdemocracia asumiu o ideario liberal e foi dinamitando dereitos adquiridos en loitas seculares polas clases traballadoras fomentando, entre outras barbaridades, agresivas desregulacións dos mercados laborais, favorecendo as grandes corporacións e en moitos casos liderando privatizacións masivas de todo o público. O profesor Navarro chámalle a esta mudanza socioliberalismo.

Estando de acordo no básico co profesor, o que cabe aquí preguntarse é se abondaría que os socioliberais mudaran de novo en socialdemócratas para satisfacer as demandas desa poboación que maioritariamente non vota. É máis, nun sistema neoliberal -ou capitalista- como o europeo, é posíbel a convivencia pacífica entre os poderes económico-políticos e os dereitos da cidadanía? Non será que os socialdemócratas acabaron sendo socioliberais, mesmo ultraliberais, por causa da pura inercia do sistema?


Manoel Santos
Sobre o autor ou autora:

Biólogo. Director e fundador de Altermundo.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >
Galicia Hoxe
Ciberirmandade da Fala