| Rebelión indíxena en Perú |
| Igadi | ||||||||||
| Luns, 29 de Xuño do 2009 | ||||||||||
A dura represión do goberno de Alán García contra a negativa indíxena a ceder as súas terras ás transnacionais do cru, deriva nun terríbel masacre.
| ||||||||||
|
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
Unha vaga de protestas, cortes de estradas, ríos e mobilizacións contra instalacións petroleiras apostadas nas rexións amazónicas peruanas de Bagua e Utcubabma, que comezaron o pasado 9 de abril, deron paso a comezos de xuño a violentos enfrontamentos entre as comunidades indíxenas e as forzas policiais, con saldo parcial de 34 mortos, decenas de feridos e centos de detidos. Detrás do conflito político están as demandas das comunidades indíxenas, organizadas en torno á Asociación Interétnica de Desenvolvemento da Selva Peruana (Aidesep), para derrogar, entre outros, o decreto 1.090, ou Lei forestal e de fauna silvestre. O decreto, popularmente coñecido como a "lei da selva", foi promovido no marco do Tratado de Libre Comercio entre Perú e EEUU, e permite a explotación de recursos petroleiros e gasíferos nesta rexión amazónica a favor de multinacionais estranxeiras (Perenco, Repsol, Petrobras, etc.), afectando os dereitos ancestrais e o modo de vida das comunidades indíxenas alí presentes. O Igadi (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) dános as claves do conflito.
A clave do conflito, o decreto 1.090 promovido polo Tratado de Libre Comercio (TLC) entre Perú e EUA, que permite a explotación de hidrocarburos nesta rexión amazónica a favor de multinacionais estranxeiras, tivo que ser suspendido de xeito indefinido polo Congreso peruano o 10 de xuño, mais a Aidesep rexeitou a medida, esixindo a súa completa derrogación.
A violencia e a represión gobernamental deron paso a que o líder da Aidesep, Alberto Pizango, tivera que asilarse na embaixada de Nicaragua en Lima, debido a que as autoridades peruanas búscano por presuntos delictos de sedición e rebelión. Mentres, a Aidesep e a Fronte Unitaria Nacional pola Vida e a Soberanía Peruana (FUNVSP), integrada por organismos de esquerda, convocaron para o 11 de xuño unha mobilización nacional, cunha folga indefinida nas zonas amazónicas.
Traspasando as fronteiras do país, a rebelión indíxena peruana axiña tivo repercusións na veciña Colombia, cuxas organizacións aborixes comezaron a mobilizarse en solidariedade cos seus homólogos peruanos. Pola súa banda, o presidente peruano Alan García acusou a "competidores internacionais" de estar detrás da violenta rebelión, en clara referencia a Venezuela e Bolivia, cos que Lima posúe tensas relacións. García tamén acusou o líder do Partido Nacionalista Peruano (PNP), o ex militar golpista Ollanta Humala, de propiciar a violencia.
A crise política acaecida en Perú por mor do conflito amosa dous escenarios clave: o incremento das demandas das comunidades indíxenas, politicamente esquecidas no país; e o contexto electoral presidencial de cara aos comicios de 2011.
Indíxenas contra Alan García e as multinacionais
O maior desafío que enfronta hogano o Goberno de Alan García en Perú está concentrado na rebelión das organizacións indíxenas, principalmente lideradas pola Aidesep, contra o antedito decreto a favor da explotación, por parte das multinacionais estranxeiras, dos recursos forestais, enerxéticos e hidráulicos das rexións amazónicas peruanas.
O decreto 1.090 establece as pautas para o control dos recursos forestais. As organizacións indixenistas consideran que legaliza a venda ao sector privado de 45 millóns de hectáreas de superficies boscosas, pertencentes ao Estado peruano, e que son explotadas a través dun réxime de concesións. Aducen que conservan dereitos constitucionais establecidos a partir de 1970 (durante o goberno militar de carácter progresista de Juan Velasco Alvarado), auspiciados posteriormente por convencións da ONU, para protexer as comunidades indíxenas amazónicas.
Pola súa banda, o Goberno defende o decreto perante a necesidade de atraer investimentos estranxeiros para seguir mantendo un crecemento económico considerable (9,8% no 2008) dentro dun contexto de crise económica global. Así mesmo, o Goberno de García considera que un total de 12 millóns de hectáreas serán destinadas ás etnias amazónicas e outros 15 millóns de hectáreas conformaranse en reservas ecolóxicas.
Igualmente, as organizacións indixenistas consideran que este decreto supón un aval do goberno peruano para conceder permisos de extracción de minerais, petróleo, gas natural e recursos hidráulicos a multinacionais como a hispano-arxentina Repsol YPF, a franco-británica Peranco e a brasileira Petrobras, sen contar coa aprobación das comunidades indíxenas locais.
Coa rebelión no seu apoxeo, o presidente da Aidesep, Alberto Pizango, pediulle ao ministro de Interior, Yehude Simon, a conformación dunha Mesa de Diálogo, integrada polos Apus (líderes indíxenas) e membros do goberno, para comprometerse a revisar o decreto e a lei. Nun contexto caracterizado polo cruzamento de acusacións entre o goberno e os líderes indixenistas sobre o transcurso desta Mesa de Diálogo, producíronse o pasado 2 de xuño fortes enfrontamentos nas rexións amazónicas de Iquitos, La Convención e Yurimaguas, San Martín e Loreto (extremo norte e nordeste do país). Dous días despois, o pasado 4 de xuño, celebrouse un pleno do Congreso para debater a derrogación do Decreto Lexislativo 1.090.
Pero a crise xa estaba incrementando a intensidade e a violencia. Diversos indíxenas bloquearon ríos de grande importancia como o Napo, afluente do Amazonas, destinado ao transporte de maquinaria e mercadorías, ao tempo que ocuparon camiños, pistas de aterraxe e estacións de oleodutos no norte e centro do país, estratéxicos porque bombean a subministración do Amazonas ás áreas costeiras no océano Pacífico.
Pizango condicionou o cesamento da violencia nas rexións amazónicas á eliminación da polémica norma, debate finalmente postergado no Congreso o 10 de xuño. A votación parlamentaria considerou postergar por 90 días a súa discusión, sendo aprobada a medida con 57 votos a favor, 47 en contra e unha abstención. O gobernamental Partido Aprista Peruano (PAP) contou co apoio parlamentario de partidos da dereita conservadora como a Unidade Nacional (UN), a Alianza polo Futuro (AF, partido do ex presidente Alberto Fujimori) e a independente Alianza Nacional (AN). O Partido Nacionalista Peruano (PNP) e outros partidos centristas e de esquerda minoritarios votaron en contra, realizando protestas no Congreso pola derrogatoria deste decreto.
Pola súa banda, a Oficina do Representante Comercial de EUA (USTR, siglas en inglés) de Lima, expresou a súa "preocupación" pola suspensión indefinida do decreto, malia que amosou a súa "comprensión" pola iniciativa de negociación formulada polo goberno para discutir esta lei coas comunidades nativas.
Crise política e eleccións
O pasado 6 de xuño, Pizango chamou a unha folga xeral na localidade de Puno, durante a celebración do IV Cumio Continental dos Pobos Indíxenas do Abya Yala (nome nativo de América). O cumio adoptou a resolución de promover para o 7 de xullo un gran levantamento nacional en contra deste decreto que favorece as multinacionais.
Esta situación supuxo un aliciente para as autoridades policiais e militares, decididas a contraatacar con toques de queda nesas rexións amazónicas, especialmente nas provincias de Bagua e Utcubamba, onde se orixinou a rebelión en abril pasado. Ademais, xeráronse situacións de desabastecemento e cortes de subministración eléctrica, que incrementaron as dificultades para a poboación civil e o nivel de descontento.
Os recentes enfrontamentos xeraron 34 mortos, ducias de feridos e detidos, tras dous meses de violencia entre máis de 600 efectivos policiais e militares contra máis de 5.000 indixenistas. As autoridades acusaron a Pizango dos delitos de sedición e rebelión, con posibilidade de condena a unha pena de 35 anos de cárcere. Pizango pediu asilo político na embaixada nicaraguana de Lima o pasado 9 de xuño, finalmente concedido.
Con Pizango asilado na embaixada nicaraguana, o líder indíxena Shapion Noningo asumiu o liderado como voceiro da Aidesep, ao tempo que outros organismos rebeldes, como a Confederación de Comunidades Afectadas pola Minería (Conacami) anunciaron a conformación, para finais de ano, dun Proxecto Político "Perú Plurinacional", nado do cumio indixenista. Esta plataforma non descarta a posible participación de Pizango nos comicios presidenciais de 2011. Dende o Goberno acusan as asociacións indixenistas e o líder do Partido Nacionalista Peruano (PNP), Ollanta Humala, de propiciar a violencia como medida de presión política, con claros fins preelectorais.
No entanto, a discusión no Congreso tamén xerou inesperadas reaccións antigobernamentais, probablemente persuadidas polo nivel de violencia en curso. Diversos grupos parlamentarios consideraron como "anticonstitucionais" o decreto e a lei forestal, debido a que favorecían a "privatización" e "estranxeirización" das terras amazónicas.
Así mesmo, comezan a manifestarse fisuras dentro do goberno peruano en relación co apoio dos polémicos decreto e lei. A ministra da Muller, Carmen Vildoso, anunciou a súa "renuncia irrevogable" ao gabinete, polo seu desacordo no manexo gobernamental do conflito.
A Defensoría do Pobo presentou un recurso de "inconstitucionalidade" contra estas normas, argumentando que afectan os dereitos de identidade cultural, propiedade da terra e consulta coas comunidades nativas.
Este clima de matices pre-electorais suporá un duro atranco para o presidente García, quen non pode presentarse á reelección no 2011, e determinará a case total concentración da atención política en Perú. As enquisas favorecen a Keiko Fujimori, filla do recentemente procesado ex presidente peruano, co posible ascenso de Humala, probablemente co apoio das comunidades indixenistas e os sectores nacionalistas e de esquerda.
Paralelamente, a rebelión estoupa na faciana do presidente García nun intre no que o seu goberno ordenou a intervención estatal da canle Panamericana TV, por presuntas irregularidades que, segundo diversas fontes informativas, agochan unha intención de intervención gobernamental na canle.
Con esta crise política, a peor desde que chegara ao poder en 2006, o presidente vese nunha complexa situación que ben pode conducir a diversos escenarios: a destitución de varios dos seus ministros; a apertura de canles de negociación cos movementos indixenistas, especialmente agora que o Congreso suspendeu indefinidamente o decreto 1.090; ou seguir mantendo unha posición intransixente.
O contexto xeopolítico andino
A crise tivo inmediatas repercusións na rexión andina. O presidente García acusou indirectamente o boliviano Evo Morales e o venezolano Hugo Chávez de "insuflar" e apoiar a rebelión interna, considerando que detrás dos disturbios estaban "as potencias estranxeiras que compiten pola explotación do petróleo, o gas e os minerais" amazónicos. O ministro Simón falou da "conspiración exterior contra a democracia e a estabilidade dos peruanos".
Este escenario incrementou o nivel de confrontación verbal, con claras connotacións xeopolíticas, entre Perú, aliado de Wáshington, con Bolivia e Venezuela, membros da Alternativa Bolivariana das Américas (ALBA) e abertos detractores do goberno de García. A ministra de Xustiza boliviana, Celima Torrico, acusou a García de ser o responsable do enfrontamento entre policías e indíxenas peruanos.
O goberno venezolano, acusado polo seu similar peruano de alentar a candidatura de Humala, enviou unha nota de "preocupación" pola situación interna, tentando propiciar unha linguaxe diplomática que revertera a tensión existente con Lima. Non obstante, a ministra venezolana de Asuntos Indíxenas, Nicia Maldonado, acusou a García de practicar o "xenocidio" contra os indíxenas peruanos.
Resulta importante considerar como a defensa lexislativa dos dereitos ambientais e das comunidades indíxenas, contemplados na actual Constitución ecuatoriana, puideron servir como marco de referencia política por parte dos indíxenas peruanos e da Aidesep, para defender o mesmo en Perú. A referencia ecuatoriana está igualmente contida na batalla legal gañada polo goberno de Rafael Correa contra a multinacional estadounidense Texaco, á hora de explotar recursos enerxéticos na rexión amazónica ecuatoriana.
A rebelión indíxena peruana comeza tamén a manifestar serias repercusións exteriores para o goberno de García. A Organización Indíxena de Colombia (OIC), a Confederación Sindical Única de Traballadores Campesiños de Bolivia (CSUTCB) e a Confederación Kichwa do Ecuador (Ecuarunari) anunciaron mobilizacións para rexeitar "o asasinato dos nosos irmáns amazónicos do Perú", acusando o goberno peruano do "masacre e violación flagrante á vida dos pobos indíxenas".
No entanto, contrasta o silencio do Goberno ecuatoriano, menos patente co do seu homólogo brasileiro Lula da Silva, país fronteirizo na rexión amazónica con Perú e con intereses de explotación a través da empresa petroleira Petrobras, así como do colombiano Álvaro Uribe, aliado do goberno peruano na loita antidrogas e no TLC.
Con este panorama, e a pesar das alianzas existentes, o Goberno peruano arríscase a confrontarse con acusacións de violacións dos dereitos humanos dende o exterior, tendo en conta a represión policial contra os indíxenas. A ONG "Amazon Watch", comprometida cos dereitos dos pobos indíxenas amazónicos, denunciou que a Policía peruana estaba facendo "desaparecer cadáveres" dos nativos, co fin de minimizar as vítimas mortais, así como a existencia dunha fosa común, cuns 15 cadáveres, produto dos enfrontamentos de principios de mes.
+ INFO: www.aidesep.org.pe | www3.minkandina.org | peru.indymedia.org | www.survival.es
- Outros artigos deste autor ou desta autora:
- Brasil: a difícil sucesión de Lula
- Bolivia: camiño da secesión?
Ver todos os artigos deste autor ou desta autora
| < Ant. | Seg. > |
|---|

































A soberanía alimentar establece para a agricultura a prioridade de producir para alimentar á poboación, en lugar de producir para o comercio internacional. A UE, que se converteu no maior importador e á vez o principal exportador de produtos alimentares, debe xa que logo revisar a fundo as súas prioridades.