Reporteiros Galegos Socidarios
Artigos de Xosé Manuel Beiras
Nanda Couñago: “Galiza posúe medios dabondo para ter outro modelo de desenvolvemento”
Altermundo   
Luns, 29 de Xuño do 2009

 Manoel Santos-. De entre o microcosmos das ONG galegas amarante sobresae pola súa capacidade de análise crítica, fondamente antisistémica, da conxuntura nacional e internacional, que serve de vector primario para o seu xeito de ver a cooperación: activismo a mancheas.

Como a moitas persoas que comparten a súa vida activista ao redor de Amarante, a Nanda é doado vela a pé de rúa, entre reivindicacións labregas, informando sobre consumo responsábel, denunciando as grandes institucións internacionais ou compartillando en numerosas redes e espazos antihexemónicos, como o Foro Social Galego. Pon acotío en práctica ese "pensa globalmente, actúa localmente" que nacera coas primeiras mobilizacións antiglobalización. Ao cabo, fai política pura, esoutra política que agroma dende os moitos movementos sociais que teiman en mudar o mundo.

Amarante defínese como unha ONG crítica. Iso quere dicir que hai moitas ONG, nomeadamente as de desenvolvemento, que non se cuestionan as causas das inxustizas e desigualdades que elas mesmas combaten?

A cuestión é se queren cambiar, transformar esa realidade, porque para iso cómpre posicionarse e denunciar esas causas que provocan esas inxustizas e desigualdades. A desgraza é que as ONGD xa son un caixón onde entra de todo e non se sabe moi ben cara a onde quere ir, que só buscan perpetuarse no tempo ou que… Cómpre xa rachar con certos esquemas de buenismo, que non levan a ningures, salvo a seguir mantendo a dependencia poscolonialista dos ricos sobre os países empobrecidos. Por iso, polo seu corporativismo, entre outras cousas, démonos de baixa da Coordinadora Galega de ONGDs.

Pasarán douscentos anos e seguiremos poñendo parches e apósitos, pero non conseguiremos nada se non hai outras estratexias que poidan incidir e atacar o poder económico e político que perpetúan este sistema de desigualdade e inxustiza.

Un exemplo: unha ONGD constrúe 2.000 escolas en Gana porque a educación é desenvolvemento. Pero quen o tería que facer é o goberno. Mais non o fai porque o Fondo Monetario Internacional lle impuxo un Programa de Axustamento Estrutural para que pagase os intereses da débeda externa. Para iso obrigouna a recortar en programas sociais e a aumentar os ingresos a través do monocultivo intensivo de cacao para exportalo ós países do Norte. Estes, asemade, fixan os prezos do cacao que mercan para logo transformalo en chocolates de todo tipo que só se consomen no Norte. Por mor do monocultivo a grande escala, tódalas familias que tiñan horta con produción diversificada para sustentar aos seus desaparecen e agrávese a situación no país. Non é un sistema perverso? O goberno segue sen ter cartos para cumprir coa súa obriga de darlle educación ao seu pobo. A ONGD pide máis cartos para facer máis escolas, os gobernos e os sistemas financeiros seguen sangrando a economía do país e o fai máis dependente, namentres o chocolate lles sae de balde.

Que vantaxes –ou desvantaxes– supón colaborar cunha ONG pequena e exclusivamente galega? E que opinión tes ti das grandes organizacións, tipo Oxfam? Hai moito asistencialismo?

As vantaxes pódense resumir en que é cercana, participativa e de construción permanente dende a túa realidade, que é a galega.

Desvantaxe? A de ter moitas ideas e ganas de facer moitas cousas pero que requiren dun proceso e dun tempo, porque non somos tantos como nos gustaría. Exclusivamente galega porque entendemos que é aquí onde hai que construír unha sociedade solidaria e crítica e, dende a nosa realidade, traballar con outros pobos para acadar esoutro mundo posíbel. Acabouse a polaridade Norte-Sur, os problemas son globais. Temos que facer nosa a frase "pensa globalmente, actúa localmente".

En canto ás grandes organizacións, non as vou meter todas no mesmo saco. Descoñezo exactamente o traballo de Oxfam. Pero isto é como o planeta, non podemos crecer ilimitadamente. Porque cando o fas estaste hipotecando no camiño. Pode ser importante ser "grande" porque podes ter incidencia política e capacidade de presión, pero esta tamén se pode construír doutro xeito. A través de redes internacionais e alianzas que busquen estratexias comúns e onde teñan cabida moitas perspectivas e sensibilidades se queremos unha transformación social. Se ao final a presión ou a denuncia se fai só cunha perspectiva, só cunha visión e do Norte, só dunha organización aínda que sexa federada, pois só teremos a visión e o posicionamento desa organización.

Falades tamén de Ecodesenvolvemento. Podes explicalo? Como entende Amarante a Cooperación e en que proxectos estades centrados?

Agora mesmo estamos nun proceso de revisión da organización, analizando cara a onde quere ir Amarante e como o quere facer. Un dos puntos de debate é este. Xa dende os inicios nunca quixo ser unha organización de cooperación e dedicarse á formulación de proxectos e xa. Entendemos a cooperación como un traballo integral a longo prazo, con organizacións do Sur que teñan a mesma visión ca nós, de transformación social e de incidencia política. Un traballo no que puidésemos contribuír o empoderamento dos pobos para decidir de forma autónoma o seu desenvolmento sempre acorde cuns principios básicos, un deles o ambiente. Facémolo a través de financiamento de proxectos vencellados á nosa temática: consumo responsábel, sistemas produtivos, fortalecemento organizativo; e a través do traballo en rede e apoio a campañas. Así, por exemplo, traballamos co Movimento dos Sem Terra dende hai 8 anos. Emprendemos dende a procura de fondos para proxectos de formación até de denuncia e recolleita de sinaturas en Galiza de apoio á reforma agraria no país, ou de solidariedade cos asasinatos do Carajas.

Amarante non só fai cooperación. Tamén toma partido, integrándose en moitas redes de movementos sociais. A clave está aí? En facer cooperación no Sur e activismo no Norte?

Ben, creo que a clave está en facer activismo a secas.

Sabemos que a sensibilización é importante e que facedes, coma outros movementos sociais, moitos esforzos na procura de transformación social e política. Falades dunha transformación contraria ao capitalismo?

Pois si. Creo que xa está moito máis que evidenciado que o capitalismo non foi quen de reducir as desigualdades e a pobreza no mundo, simplemente asentou e afianzou os que eran moi ricos a ser moi ricos e os pobres a seguilo sendo. O único que serviu a maiores foi para ir abrindo este modelo de clases noutros países.

No entanto, parece ben difícil transformar as nosas sociedades, e máis se non se accede ás instancias políticas. Non deberían os movementos sociais buscar unha opción política?

Temos debatido moito sobre este tema. Eu, e xa falo a título individual, non creo nos atallos e creo firmemente na independencia dos movementos sociais. Pero temos experiencias positivas de apoios concretos dos movementos a un partido en Ecuador, Bolivia, Venezuela, Brasil con resultados, digamos, diferentes nun país ou outro, pero que están revolucionando América Latina. En canto se os propios movementos tivesen o seu propio partido, penso que aínda falta un longo proceso se quixéramos de verdade ser unha alternativa real. Pero entón como manter esa esencia do movemento social?

Que cres ti que cómpre reforzar nos movementos sociais galegos para sumar máis efectivos e conseguir cambios concretos?

Uf! Esta se que é a pregunta do millón. Eu, que estiven moito tempo fóra de Galiza e case son unha recén chegada e fun coñecendo as organizacións sen ningún tipo de condicionamento, vexo que primeiro imos ter que facer moito exercicio: de confianza e xenerosidade, coñecernos mellor e deixar os "corros de patio", de reflexión interna e de madureza política. E, sobre todo, deixar o embigo tranquilo e levantar a cabeza cara ao horizonte sen medo, e pensar no ben común, máis que no de cada organización, e sobre todo non esperar nada a cambio.

Unha vez dito isto, temos que reforzar a nosa formación e a visión estratéxica. A min gústame moito a pedagoxía que teñen no MST, antes de facer calquera cousa fan o que lle chaman análise da conxuntura nacional e internacional. Unha, primeiro ten que estar situado no mundo para logo saber como actuar. Logo valorar o que nos une e respectar as diferenzas; sentarse a establecer estratexias comúns, cada unha achegando do seu, é unha suma de todos e todas.

Nós miramos ao noso redor e dixemos: con que organizacións nos sentimos afíns e podemos construír algo xuntos? E alí que nos fomos achegando até ter unha alianza con Verdegaia, un traballo co Sindicato Labrego, con cooperativas de consumo, etc.

Haberá distintos ritmos, organizacións máis maduras que xa o teñan claro, outras que igual precisan outros procesos, pero entón unhas terán que facer ese labor de tirar do carro e conseguir ilusionar o resto das organizacións, e ir no suma e sigue. Non vexo outra solución: construír facendo.

Nós témolo claro, o futuro e a transformación está nos movementos sociais, nas redes e nas alianzas. E dedicamos tempo e esforzos nesa liña cando apostamos polo Foro Social Galego, pola Ra! (Rede Anticapitalista), pola ISAP (Iniciativa pola Soberanía Alimentar dos Pobos)…

E como imaxinas, ou desexarías, que fose unha suposta sociedade poscapitalista?

Cada sociedade terá que atopar o seu modelo e ir construíndo. Non hai receitas máxicas. Pero si hai unhas bases que poden ser comúns: só con que o compromiso desta sociedade se asentase no ben colectivo e non do capital, e pór ferramentas para elo a través do traballo cooperativo, xa sería un paso. Que desaparecera o patriarcado sería outro. Penso que Galiza é un país con medios suficientes para ser e ter outro modelo de desenvolvemento humano, e acorde co seu ecosistema. Temos riqueza económica, cultural, ecolóxica, que si se empezaran a xestionar dende os principios da racionalidade, da diversidade, do reparto e do beneficio común e a calidade de vida das persoas… Necesitaría moito máis espazo só para contestar esta pregunta.

Falando xa de proxectos concretos vosos. Un dos máis antigos e ‘Xanela Aberta ao Sur’, onde facedes contactar a activistas de aquí coas realidades de movementos do Sur, como os Sem Terra. Cal é o obxectivo destas visitas e cales os resultados?

Polo de pronto o das visitas é a segunda parte dun programa de formación que busca a reflexión e ver a cooperación dende outro punto de vista, en liña co xa dito anteriormente, onde desterrar visións asistencialistas, onde son as organizacións do Norte as que teñen que ir alí a resolverlles os problemas. E para iso hai a opción de convivir e participar dunha organización do Sur. Van a aprehender e aprender, dende a perspectiva do Sur, como se ven as desigualdades e a pobreza e como o que precisan de nós son outras cousas. Os resultados son difíciles de cuantificar, pero moitas das persoas que viaxan logo quedan como activistas da organización, ou activistas a secas dentro de máis colectivos, e iso é algo bo.

E no referente ao comercio xusto e o consumo responsábel, que centra moito do voso traballo, en que punto cres que estamos na Galiza? O consumo, como dicía Galeano, consómenos?

Tardamos en chegar pero agora que chegamos metemos a cabeza até o fondo. Somos unha sociedade de consumo con todas as da lei. Hai esperanzas? Eu coido que si. Aínda vivimos esa dualidade de ser netos e netas da cultura da horta e do aforro, pero como contrapartida temos o de querer ter todo o que non tiveron nas nosas familias.

Que a pesar de todo hai unha sociedade que se sensibiliza co tema? Sen dúbida. Que temos que ir construíndo máis alternativas e chegar a máis xente? Ese é o reto. Que en Galicia, ademais das tendas de comercio xusto, se estean espallando as cooperativas de consumo con produtos ecolóxicos de proximidade e de comercio xusto é un bo síntoma. Cando nos xuntamos o día do Comercio Xusto, o Sindicato Labrego Galego, Verdegaia, outras cooperativas de consumo e Amarante na rúa, para explicarlles que hai detrás dos produtos que se mercan nas grandes superficies, canto se lles paga aos produtores do Norte e do Sur e demandabamos un mercado transparente, a xente escoitábanos e apoiábanos. É outro indicador positivo.

Que loitamos coa tele, a publicidade, as políticas municipais, autonómicas, estatais…? É a outra cara da moeda.

Que é a campaña Roupa Limpa? Vai orientada á defensa dos traballadores e traballadoras de aquí, ou do Sur?

Pois é unha Plataforma Internacional que aglutina 250 organizacións no mundo, onde hai ONG, sindicatos, consumidores/as, centros de investigación de dereitos humanos… Nós somos os seus representantes en Galiza. E aquí non se fan diferenzas Norte-Sur. Procúrase a mellora das condicións de traballo e o empoderamento das persoas do sector do téxtil a nivel global, especialmente as mulleres, e na produción. Polo que máis se nos coñece é polas nosas investigacións en fábricas que producen para grandes marcas internacionais, onde pomos en evidencia non só a explotación laboral e o incumprimento dos dereitos humanos e laborais por parte desas marcas, senón pola hipocrisía da deslocalización e a competitividade e as consecuencias que teñen para todas esas persoas.

Aquí, por exemplo, polo que máis se nos coñece é polo noso labor de denuncia nas Xuntas de Accionistas de Adolfo Domínguez e Inditex.

Esas empresas galegas, como Inditex ou Adolfo Domínguez, confeccionan pezas limpas?

Para nós que sexan limpas significa que as persoas reciban un salario digno, que se lles respecte o horario laboral, que non fagan horas extras a esgalla e sen cobralas axeitadamente, que teñan contrato con seguridade social, que teñan liberdade sindical, que non sufran acoso. Até agora ningunha demostrou que cumprira nin a meirande parte do que cito, xa non digo todo. Polo tanto, non, a súa roupa non é limpa.

A campaña consegue algún tipo de trocos nas súas políticas de responsabilidade corporativa? E de ser así como, porque a xente segue a mercar masivamente nos seus establecementos.

Conséguense cousas moi concretas. Por exemplo, nas accións urxentes que temos. Cando nos chegan denuncias dunha fábrica na que despediron traballadoras por intentar crear un sindicato, ou de acoso e intimidación, ou cando morreron 64 persoas nunha fábrica en Bangladesh. Facemos presión directa ás marcas e conseguimos na gran maioría dos casos que asuman a súa responsabilidade e solucionen a situación.

Pero hai que ter moi claro que todo isto da responsabilidade social, os códigos de conduta, son medidas voluntarias. Non son obrigatorias por lei. Namentres non existan leis que condenen o dumping social, a explotación laboral e non se castiguen as empresas e os países que violan os convenios da OIT, pouco imos poder facer, salvo a presión que exercen os consumidores sobre as marcas ao decidir non mercar a súa roupa por estar enlixada.

Non pode ser que se un país non cumpre coas políticas comerciais marcadas na OMC o poidan sancionar ou incluso intervir militarmente e se explotan a nenos e nenas ou a milleiros de persoas, non pase nada.

No eido dos poderes financeiros, liderades tamén a campaña Finanzas Éticas, que denuncia o impacto dos investimentos do BBVA e o Santander. Por que estes dous? Se cadra centramos demasiado a loita social nos gobernos e pouco no nome das empresas, nos seus directivos, etc.

Escolléronse estas dúas empresas por ser as máis grandes e as que tiñan segundo eles un traballo limpo, respectuoso co medio e unha inmaculada política de RSC.

É necesario o traballo de loita e denuncia cara aos gobernos e as empresas porque van da man. O tramado político e financeiro cada vez é mais estreito. Coa actual crise puidémolo comprobar.


PERFIL

Licenciada en Ciencias da Información na Universidade Complutense de Madrid en 1998, Nanda Couñago é tamén Máster en Axuda Internacional Humanitaria (NOHA) polo Instituto de Dereito Humanos Pedro Arrupe, da Universidade de Deusto. Estivo entre as creadoras dun dos primeiros programas de radio dedicados á solidariedade e colaborou en varias plataformas e ONG tanto de forma voluntaria como remunerada. Na actualidade é a directora da ONG galega Amarante, e entre outras cuestións leva a representación da Campaña ‘Roupa Limpa’ en Galiza, sendo a interlocutora cos Departamentos de Responsabilidade Social Corporativa de Inditex e Adolfo Domínguez.

AMARANTE

Amarante é unha organización galega de solidariedade para o ecodesenvolvemento, que traballa pola superación do capitalismo global cara á xustiza social e que aposta por poñer un freo aos abusos do poder político (gobernamental) e as desigualdades xeradas desde o poder económico (mercantil). Deste xeito confía en recuperar o papel autónomo dos movementos sociais na transformación política e a participación da sociedade civil nos asuntos públicos. Sitúa na cooperación e o desenvolvemento elementos de crítica que pulen pola modificación non capitalista das estruturas do sistema no Sur e no Norte. Oito palabras definen a súa filosofía: Transformadora, Galega, Ecoloxista, Cidadá, Altermundista, Intercultural e Feminista.

+INFO: www.amaranteong.org | www.comercioxusto.com

 


Altermundo
Sobre o autor ou autora:
Artigo inserido ou creado por Altermundo.org
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >
Galicia Hoxe
ibase