En Galicia temos opinión do mundo
Suplemento Altermundo, de Galicia hoxe
Ricos patróns contra obreiros de baixo custo
Manoel Santos   
Luns, 29 de Xuño do 2009

 Manoel Santos-. Mentres a clase empresarial, a patronal, nos pide axudas sen paranza, para os traballadores e as traballadoras ‘Nunca é o momento'.

O meu bo amigo David Rodríguez, o lúcido funambulista coxo, dicíao ben nun recente artigo: "Existen balas máis mortíferas –máis violentas– que os parafusos e as bólas de goma: os discursos". (1)

Falaba, claro está, do patético, quizais noxento, tratamento (des)informativo que os medios de comunicación que nos incomunican, como diría Galeano, están a dar sobre a dura folga pontevedresa do metal, na que poida que se estea a xogar o futuro da loita obreira neste país. Si, aínda hai clase obreira. Non o sabiades? Velaí o porqué da teimosía dunha patronal que pretende cargar en lombos obreiros os efectos dunha crise que non foi creada por eles.

En conivencia cunha manchea de medios de comunicación, que se encargan de adoutrinar a boa parte da cidadanía para arrequecer ese engano tan presente na cidade obreira de "non é o momento de pedir subas salariais"; e en irmandade cos políticos caladiños, que só din algo cando un parafuso desvía a súa traxectoria pero que, ao cabo, son quen dirixen a arrepiante represión contra os traballadores, os empresarios do sector emprenderon unha lixosa campaña de desprestixio das mobilizacións e reivindicacións dos obreiros do sector do metal, lanzando proclamas alarmistas xa ben coñecidas por todos. Que se marchamos a Portugal, que se perdemos 200 millóns de euros en dez días, que se onte deixamos de vender corenta coches por mor dos piquetes nos concesionarios… Os traballadores do metal deixaron estes días atrás unha carta na miña caixa de correo. Ben, non só na miña. Perante o desprezo por parte dos medios de comunicación, que non comunican os seus pensares e os seus anhelos, concordaron en buscar outros xeitos de achegarse aos vigueses e viguesas. Pretendían, e de seguro que o conseguiron con moita xente, que a cidadanía entenda que eles non son os agresores, senón os agredidos.

En toda a provincia de Pontevedra son uns vinte e tres mil. Son torneiros, fontaneiros, fresadores, caldeireiros, electricistas, que arrastran un dos meirandes índices de accidentes laborais e na maioría dos casos cobran mil ou mil douscentos euros por mes, mais só despois de eslombarse facendo incontábeis horas extras. Será que as maquilas de Occidente estarán na Zona Franca de Vigo? O que piden é xusto. O seu "desproporcionado" reclamo é o de cobrar 0,50 euros máis por hora traballada, mentres que os patróns xa lles subiron máis de 3 euros pola mesma hora aos seus clientes. "Falan de crise e aproveitan para despedir de maneira barata, mentres reciben millóns de axuda pública, dos cartos que nós pagamos como impostos", informan acaidamente os traballadores.

Évos así, mentres os empresarios nos piden axudas sen paranza a todos e todas nós, que somos quen financiamos o Estado, emprenden ERE, deslocalizacións, despedimentos, fomentan a eventualidade salvaxe e as campañas difamatorias para botarlle a culpa á clase obreira. Porén, para esta "non é o momento". Nunca o é. Anos e anos de bonanza económica e non aforraron un peso nin consolidaron as súas empresas, mais todos viven en fastosas residencias, teñen fachendosos iates e manexan vehículos de custos indecentes. Renunciou algún destes patróns ao seu nivel de vida por mor da crise?

Segundo os heroes do metal, cos 200 millóns de euros que os empresarios disque perderon nos dez primeiros días de folga, pagarían até quince anos do incremento salarial que reclaman. Pero claro, non se trata só dun aumento, senón dunha guerra de sometemento.

Remato novamente co funambulista coxo: "As palabras-parafuso dos obreiros e as palabras-estadullazo da policía son duras e incómodas, pero xuntas conforman un discurso en bruto que posúe a estraña virtude da claridade (…); en oposición, as palabras-tinta, as palabras-onda hertziana e as palabras-electrón dos mass media, limpas e elegantes, agachan, baixo o prestixioso –por imposible– manto de neutralidade a máis vergoñenta toma de partido".


(1) Conflito laboral e violencia discursiva (www.altermundo.org/content/view/2381/1/)


Manoel Santos
Sobre o autor ou autora:

Biólogo. Director e fundador de Altermundo.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >
PuntoGal
Ciberirmandade da Fala